Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Memoria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Memoria. Amosar todas as publicacións

19.2.18

A "línea". O reloxo da infancia

Eu nacín nun lugar onde o Candán se debruza xa definitivamente para beber no río que rega e bautiza o val. Deza dunha beira; Trasdeza, da miña. 

Sendo eu neno, a xente alí vivía do que vivía a maioría da xente do rural naqueles tempos: algo de aquí, algo de alí... e íase tirando.

Por alí pasaba a línea. Na barriga daqueles autobuses, que cada día ían de Vigo a Lugo e viceversa, poñía “Empresa Gómez de Castro”, pero por moi grandes e artísticas que fosen as letras, a xente chamáballe sempre “a línea”.

A línea levoume moitas veces a Lalín, algunhas veces a Vigo para cobrar "a beca" da Barrie e a Pontevedra para calquera asunto e, de paso, para verlle o cu pelado á mona da alameda. Pero, sobre todo, a línea marcou o ritmo da miña vida e o da miña tribo durante varios anos.

Daquela a estrada (PO-534) era mala, pasaban poucos coches, os motores facían moito ruído e os tubos de escape facían pouco por silencialo. Deste xeito, a línea era un referente temporal claro e regular para a xente, tanto se estaba na casa coma nas leiras. 
- Érguete, que xa subeu a línea!
- Hai que botar as vacas, que xa pasou a línea.
- Voume, que xa baixou a línea e hai que ir poñendo o xantar ó lume.
- Xa vai aí a línea e eu aínda así.
- ...
Entre Lalín e Aciveiro cruzábase a que ía cara a Vigo –para nós, a que subía- coa que ía de Vigo a Lugo –a que baixaba-. Así que, cun intervalo de menos de media hora entre unha e a outra, había dúas alertas cadra catro horas: contra ás oito da mañá, sobre as doce, aí polas catro e sobre as oito da tarde. Así todos, todos os días do ano, a non ser que a neve pechase o Penadoiro e houbese que buscar ruta alternativa. Cando era así, ata había o perigo de pasar sen xantar ou de botar o día na cama, porque a línea non cumprira co seu cometido de marcar o tempo.

Despois, os tubos de escape convertéronse en silenciadores, os motores naceron xa máis calados e a línea deixou de ser alerta desde a montaña ó val, plaxiando a Cabanillas. Os autobuses ata cambiaron de nome e de color, pero eu gardei sempre na memoria aqueles tempos.

Titular de "Praza Pública", 16/02/18
Estes días leo na prensa que hai algo de barullo porque suprimen este servizo. Supoño que é unha decisión intelixente para que non poidan marchar os que aínda quedan alí, para fixar xente no rural a base de incomunicalos co exterior. Pero para min é un roubo, o roubo do reloxo da infancia.

Autobús da empresa Gómez de Castro

25.6.17

Centenario da escola "Rosalía de Castro", de Laro

Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/,
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.
Xa me teño referido noutras ocasións á escola de Laro, onde me meteron por primeira vez un pizarrillo na man.

Téñenme contado que o meu primeiro día non foi precisamente o máis feliz da miña vida e tamén que, cando xa ía contento coma un paxariño en abril, mandáronme para a casa un ano máis. Debín ser o expulsado máis precoz da historia do ensino, pero debe constar que foi por motivos administrativos e non disciplinarios.

Durante moito tempo aquela escoliña humilde non foi para min máis ca iso, a primeira escola, pero co paso dos anos medrou a consciencia e acabei sabendo información que me emociona:

Segundo informan na web do Consello da Cultura Galega, de onde collo os datos e as imaxes que inclúo aquí, a escola promovérona os emigrantes de Silleda en Bos Aires e foi a primeira das que crearon no concello.
Captura de pantalla da web do CCG

Nese interesante sitio pódense ver tamén os planos, coa distribución que eu aínda acordo:
Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.

Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.

En 1928 puxéronlle de nome nada máis e nada menos ca Rosalía de Castro.
Captura de pantalla da web do CCG.

A escola fundouse o 15 de agosto de 1908, pero o edificio inaugurouse en 1917, segundo se pode comprobar aínda nunha placa da fachada. 
Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.

Cúmprense este ano, polo tanto, cen anos da inauguración do edificio. Xa que o centenario da fundación da escola pasou desapercibido, se cadra non sobraba agora algún tipo de conmemoración...
A escola na actualidade. Foto: http://mapas.consellodacultura.gal/escolas/
collida á súa vez do Fondo Gráfico do Arquivo da emigración Galega.
............................................
NOTA: Descúlpesenos a reprodución das imaxes sen permiso previo.

24.6.15

Medo

Cando eu era pequeniño tíñalle medo ós comunistas, á Garda Civil, ó Cuchufrito e ó can de Filomena.

O can de Filomena saíame ladrando ó carreiro da igrexa, que pasaba a carón da súa eira, cada vez que eu ía por alí. Tardei en decatarme de que os seus ladridos non eran unha ameaza senón unha prevención, xa que non se me perdía nada naquela dirección.

O Cuchufrito torgueaba polos camiños mentres os medía de lado a lado, con media botella de augardente no peto da chaqueta e outra media no papo. Levaba un podo ó ombreiro por se aparecía unha toxeira que rozar a cambio dunha cunca de caldo e dúas de Ribeiro. Pero nunca lle fixo mal a ninguén.

Á Garda Civil tíñalle medo porque un veciño sempre me dicía que me ían levar preso porque seica eu lle prendera lume ó río con fentos verdes e mistos sen cabeza. Era mal home, que iso a un neno non se lle di, pero deixei de terlle medo á parella cando me crucei unhas cantas veces con eles e nin me miraron.

O peor era o medo ós comunistas. Eu non coñecía ningún, nin sabía que pinta tiñan, pero morría co medo a que se me aparecese un e me fixese calquera desas moitas cousas malas que eles disque facían.

Pasábame coma a Don Celidonio cos sindicalistas e como supoño que lles pasará a moitos nenos de agora se lle prestan algo de atención ás declaracións de certos agoreiros, referíndose ós novos camiños que parece coller a política do País. O único que lles falta por dicir é o que Antolín Mediante puxo en boca dun personaxe nun dos seus poemas, publicado en Ecos vegadenses na primeira quincena do 31 (nº 161): se veñen os comunistas vas ter que compartir a muller con todos:
[...]

Fragmento dun poema sobre a situación política na época

28.4.15

Lingua e documentación

Cabeceira do blog.
Coñecín hai pouco o blog Historia de Deza, no que o autor vai engadindo regularmente interesante información sobre a zona.

Nunha das entradas, baixo o título Documentos de las tierras de Deza en el Archivo Histórico Nacional (5 de novembro de 2014), ofrécenos un listado de todos os documentos relacionados coa comarca conservados nese arquivo. De cada un deles indícase data, contido, idioma e, dos máis antigos, tamén tipo de letra.

A min interésame sobre todo o idioma, porque permite ver os cambios de lingua que se foron dando ó longo da historia. Non é que sexan sorprendentes, pero achegan datos e datas concretas ó que xa coñecemos globalmente.

Entre o 1082 e o 1274 hai dezasete  documentos, dos cales catorce están en escritos latín. En dous casos non hai indicación de idioma.
Primeiro documento escrito en latín que figura no arquivo

O primeiro documento redactado en galego é de 1284. Trátase dun documento de compravenda mediante o cal Juan Moogo lles vende a Pedro Gil e a seu tío seis leiras situadas en San Salvador de Pescoso.

Último documento redactado en latín e primeiro escrito en galego, segundo o listado do blog

O último documento en galego é de 1455. Entre este e o de 1284 quedan vinte e catro documentos en galego e cinco sen indicación de idioma.
Último documento escrito en galego e primeiro redactado en castelán

En 1559 temos o primeiro texto en castelán, que supoñemos fixo de aí para adiante, aínda que varios documentos aparecen sen indicación de idioma. Entre esta data e a do último texto en galego sitúase o momento no cal os escribáns galegos pasaron a ter que examinarse obrigatoriamente en Valladolid. Evidentemente, o cambio de idioma non é alleo e esta decisión e a outras iniciativas centralizadoras.

Tamén é interesante ver a denominación que se lle dá ó novo idioma. A primeira vez que aparece, en 1559, cítase como “castelán”.
"Castellano"
Despois pasa a indicarse como “lengua de Castilla”, que é xeito máis frecuente de chamarlle. Aparece así en 1559, 1632, 1713, 1745, 1752, 1768, 1772, 1782, 1787. 
"Lengua de Castilla"

A etiqueta “español” aparece unha vez en 1679 e outra en 1772. A partir desa data vólvese ó uso de “lengua de Castilla” ata 1804, cando reaparece “español”. Desde esta data para adiante xa non se indica o idioma, supoño que dando por sentado que é o castelán, ou sexa, “la lengua de Castilla”.
"Español"

Os nosos papeliños secuestrados en Madrid dan conta da andaina da nosa lingua. "Pobo que non coñece a súa historia é pobo condenado á irrevocable morte", seica dixo alguén.


12.2.15

Mapa da Terra Eo-Navia.

Mapa da Terra Eo-Navia

Se boto a vista atrás unhas cantas décadas, vexo aínda con claridade aquel indicador de estrada que se me cruzaba diante dos ollos cada día camiño do colexio: 
IRIJO, 19
CARBALLINO, 32
Hoxe sorpréndome de que non me mancase os ollos aquel dobre disparate, daquela, cando a ditadura esmorecía no almanaque, que na cabeciña da xente hai moito máis aguante.

Algúns anos despois o meu equipo xogaba contra o Jove-Lago. E tampouco me mancaba os oídos.

Aínda hoxe, moita xente defende La Coruña, así, co L máis caro do mundo, se botamos contas do que Sir Paco dilapidou dos cartos de todos na súa defensa.

Estragar os topónimos é moi doado e, polo que se ve, tamén resulta doado lograr que nos afagamos ó desastre, mesmo que haxa quen o defenda.

En Galicia, pouco a pouco, moi pouco a pouco, os nomes van volvendo ó seu, pero no territorio de fala galega alleo ás nosas fronteiras administrativas o proceso non resulta tan doado. O desamparo do idioma é total.

Por iso resulta moi valioso o traballo que Carlos Aenlle e Ramón Pais acaban de publicar, coa colaboración económica da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, se non erro nas responsabilidades.

Trátase dun mapa da Terra do Eo-Navia coa toponimia como seica debe ser, que se está distribuíndo xa en papel e que tamén se pode descargar en formato dixital desde o espazo da anl da Uvigo.

Só falta que se vaia asumindo, que a xente se mentalice de que nada se gaña danando os nomes de noso, matando a nosa identidade.

2.2.15

Memoria histórica

Logo do proxecto Nomes e Voces
I
Hai unha chousa á beira dun regueiro. Un apastadoiro con catro ou cinco castiñeiros, algúns fentos e pouco máis. É verán, contra a tardiña.
Hai un corpo de muller deitado, irrecoñecible. As cordas da gorxa están á vista. Á mesma altura vense os ósos dunha man, ensanguentados, que non puideron evitar a ferida.
Hai un rapaz –catorce anos, se cadra- que a ve desde o camiño. Inocente, pensa nun ataque de lobos, que é o que corresponde a historias de vellos que ten oído. Todo cambia cando ergue a vista, uns metros máis alá.
Hai un corpo de home deitado, irrecoñecible. Hai media cabeza rabenada. Unha escopeta tirada enriba do corpo caído de calquera maneira, con cordeis de alpaca de herba que van ata o gatillo desde non se sabe onde.
Hai un rapaz –catorce anos, se cadra- que comprende a escena ó momento e marcha en busca de alguén a quen contarlla. Non sabe aínda que aquela muller era unha veciña boa amiga súa, amiga da familia, desas que van axudar a botar as patacas, a segar a herba...; desas que van moitos, moitos días no verán só a botar un conto mentres non chega a fresca para poder traballar. Desas que, de vez en cando, fan un agasallo.
Despois contáronlle todo. O neno non sabía.
El, o da escopeta, non era nada coma ela. Non falaba. Insocial. Mal encarado. Pasaba poucas veces camiño da taberna, á noitiña, e nunca dicía nada. Salvo eses días, parecía invisible, coma se non existise na parroquia.
Eran matrimonio, separados -"apartados", dicíase daquela- desde moitos anos antes. A xente dicía que se seguían vendo ás agachadas. Naqueles días dixéronse moitas cousas máis. O neno era moi neno e non entendía nada.

II
Hai  un listado de vítimas da barbarie: Nomes e voces. Quen isto escribe busca, por curiosidade, as vítimas da súa parroquia. Só aparece unha: “Home. 28 anos. Canteiro. Xulgado en Pontevedra por adhesión á rebelión co resultado de sentenza a cadea perpetua”.
Nome coñecido. Á memoria vén axiña un home pobre, con sona de enrabechado pero paroleiro. Contaban que mordía as vacas nas orellas cando non lle andaban ó dereito.
- Era el, mamá?
- Non. Era o primo. Chamábanse igual e cadraban tamén os apelidos.
Non fixeron falta moitas señas máis para caer na conta. A resposta activa a memoria, as imaxes: Hai unha chousa á beira dun regueiro...
O home do listado das vítimas da barbarie é o home da chousa, o que segou a vida da súa muller ou exmuller ou o que fose, xusto antes de segar a súa.

III
Un  pensa agora que daquela non lle contaron todo, e pregúntase quen foi o responsable daquela vida que non era vida, daquel silencio e mal encaro, daquelas mortes e de que o rapaz,  tantos anos despois, leve aínda dúas estampas de sangue cravadas na retina. 

25.2.14

Chemi Lombardero e a emigración a América na Mariña

Portada do libro
Agora cabía ben eiquí a impresión que deixaron os emigrantes galegos que eu tratei. Conservo na miña man dereita o estruchamento de milleiros de mans galegas, endurecidas polo traballo e moitas amolecidas pola folganza miserable. Vin o trunfo e a derrota de moitos galegos, pero endexamais ollei a súa felicidade.      (Castelao: Sempre en Galiza)

A felicidade debe ser un dos poucos aspectos que non analiza Chemi Lombardero en La huella de la emigración a América en el Cantábrico occidental, un estudo que o autor presentou hai pouco na biblioteca de Ribadeo, apadriñado polo xornalista Martín Fernández Vizoso que, nas súas intervencións, demostrou levar unha computadora na cabeza con datos ben interesantes sobre o tema. 

Ó longo de anos, o autor bebeu de fontes orais que aínda viven e, sobre todo, queimou os ollos na interminable bibliografía que supoñen os xornais da zona e arquivos diversos, case sempre mal organizados, onde constan listados de emigrantes, alistamentos de quintas e outros datos que tivo que revisar e ir contrastando liña por liña. Paciencia de taxidermista.

FOTO: J.A, La Voz de Galicia
Como resultado, case 200 páxinas nas que Chemi vai debullando cada detalle da emigración transoceánica dos mariñaos orixinarios da franxa que vai desde o concello de Valdés, na parte asturiana, ata O Valadouro e Foz, na banda galega. Cronoloxicamente, aínda que hai alusións anteriores e posteriores, céntrase no período comprendido entre finais do XIX e o comezo da guerra civil.

As causas da emigración, a percepción social do fenómeno, as accións filantrópicas dos emigrantes, as pegadas no urbanismo da zona, a promoción social dos retornados, a súa participación en colectivos cidadáns e políticos e as iniciativas emprendedoras que promoveron son os principais aspectos que Chemi analiza con detalle e con rigor nun estudo onde teñen cabida tanto as valoracións globais como a  anécdota individual, achegando numerosos detalles e nomes.

Certo é que Chemi preséntanos só o lado amable da emigración. Para que a radiografía sexa completa, botamos de menos a memoria do fracaso, que tamén o houbo, só que non deixou rastro tan visible.

9.11.13

Crouchos

Estamos no tempo dos crouchos. A verdade é que eu sempre lles chamei noces, pero acórdome de terlles oído a meus tíos, da banda de alá do río, dicir que tiñan unha árbore mecha de crouchos, cando a colleita era abundante.

Non debe ser croucho unha palabra moi estendida con esta acepción. Nos dicionarios prenormativos (por chamarlles dalgún xeito) atopámola por primeira vez na terceira edición do Carré Alvarellos (1951). Nas dúas edicións anteriores aparece, coma noutros dicionarios, pero só cos significados de “Feo, rechoncho” e “Espiga de millo raquítica”.

Na terceira edición, Carré engádelle a estas acepcións a de “Zurrón o corteza verde que encierra la nuez”. Non se refire, polo tanto, á noz en si, senón á casca verde que a recobre e que me deixou as mans pintadas de verdeamarelo indeleble durante días cando era pequeno. Parecían as miñas mans as dun tipo de raza aceitunada, aquela estraña caste de persoas que citaba a enciclopedia e que non sei onde demo se situaba. Debéronse extinguir todos os aceitunados, que non volvín oír falar deles.

Volvo ós crouchos. O dicionario de Franco Grande (1972) recolle tamén a palabra coa mesma definición de Carré. Polo que puiden ver, o primeiro que define croucho como sinónimo de noz é Constantino González no seu Glosario de voces galegas de hoxe (1985). O Dicionario da Real Academia Galega opta polo exhaustivo e recolle as dúas acepcións:
1- Froito da croucheira.
2- Pel verde que recobre a noz nova.
Non sei se a palabra croucho seguirá viva nin teño información sobre a súa distribución dialectal. Véuseme á cabeza porque lle cadrou, que en algo ten que pensar un mentres come noces.

29.10.13

Otero Pedrayo, Ribadeo, 1958

Vimos estes días na prensa a Méndez Ferrín recollendo o Premio Otero Pedrayo, en recoñecemento á súa traxectoria como poeta, ensaísta e narrador.

Moito alegra que aínda queden premios que valoren o compromiso coa cultura galega e que, de paso, lembren figuras do pasado tamén merecentes de resistir na memoria colectiva. É o caso de Otero. Durante anos faleilles deste autor ós meus alumnos como un precursor visionario da construción de Europa, entre outros méritos:
Adrián, sentado na pequena fonda do porto diante dun vaso de viño espadeiro, imaxinaba o futuro mapa de Europa. As fronteiras non eran liñas de aduanas senón vitais zonas de transición entre as harmoniosas conciencias dos pobos. A voz das terras do Rhin non precisaba pasar por Prusia para oírse no mundo. O alpino lago de Como non se avencellaba co ardente calabrés baixo a mesma etiqueta do Estado. Mellor que Estado cada terra era un ceibe conxunto de municipios e ninguén dominaba a ninguén. (Otero Pedrayo: Arredor de si)

Xa non sei se me arrepinto. A Europa das nacións. Eu pensaba que esa idea que Otero soubo deseñar na preguerra era o que estaba na mente dos que iniciaron anos despois a (re)construción de Europa, pero vese que ou a cousa non era así xa de comezo ou que acabou torcendo por outro camiño.

Xa non sei se seguirei citando a Otero como un precursor da unión dos pobos de Europa, por encima das raias ridículas que algúns pintaron nos mapas para deseñar estados sen razón, pero seguirei falando de Otero. Seguirei dicíndolles ós meus alumnos que teñen que ler Arredor de si, aínda que se cadra convén que agarden algo, que medren e maduren antes con outras páxinas, para seren capaces de atoparse na viaxe que el lles propón.

Seguirei falando de Otero Pedrayo como lle cadre no momento ou como saiba, sabendo tamén que que van xa máis de 55 anos desde que alguén o citou no instituto de Ribadeo. Era marzo de 1958. Cando ninguén se refería a el nos centros de ensino medio, cando nin a súa figura nin a súa obra formaban parte do currículo meseteiro, cando os seus libros non estaban nos andeis das bibliotecas escolares, Dionisio Gamallo Fierros tratouno por extenso nunha conferencia maxistral pronunciada nun centro recén inaugurado, que el daquela dirixía. Pouco despois, durante os meses de marzo e abril, o texto da conferencia publicouse en catro entregas en La Comarca del Eo, co título de “El injubilable Otero Pedrayo”.
Comezo dunha das entregas de Gamallo Fierros sobre Otero Pedrayo (La Comarca del Eo, marzo de 1958)
 Así empezaba a primeira entrega:
La Administración pública ha decretado un imposible: que sea jubilado el injubilable orientador de generaciones gallegas en la Universidad compostelana, don Ramón Otero Pedrayo...
Seguirei falando de Otero Pedrayo e dos seus soños, aínda que só sexa por non darlle o gusto a quen soña con xubilar definitivamente todo o que supoña cultura de noso.

21.10.13

Cemiterios debaixo da auga


Non levo nada na miña memoria íntima que teña relación cos encoros. Non formaron parte da miña infancia. Non vin asolagar terras coñecidas nin fun consciente dos feitos de Castrelo de Miño, que eu era moi cativo. Tampouco levo gravadas na retina as patéticas imaxes de Franco inaugurando novas presas.

Non sei logo por que me impactou tanto este texto de Julio Llamazares, cando o lin por vez primeira:
Nadie que no haya visto por sí mismo el dantesco espectáculo de un pueblo emergiendo de las aguas al cabo de los años podrá saber jamás cuánta desolación y cuánta muerte albergan en su fondo los pantanos. Nadie que allí no tenga sus recuerdos, sus raíces y su casa será capaz de imaginar cuánto dolor quedó enterrado para siempre en esos cementerios que se pudren en silencio bajo el agua.  
Lembreime del hai unha semana, vendo estas imaxes na cola do encoro de Grandas de Salime:






27.5.13

Historia da música en Galicia

Le temps s'en va...! Le temps s’en va...!, dicía Lois Pereiro con voz esmorecente no xa mítico recital do pub Moka. Non lle faltaba razón. Viñéronme á cabeza esas palabras mentres asistía á presentación en Lalín de Historia da Música en Galicia, de Lorena López Cobas. 

Aínda me parece que foi onte cando meu pai lle amañou ó seu un ghalpón no que el empezou a destripar os motores da maquinaria da vecindade. Tamén da miña Derbi, que pasou de vez en cando polo seu quirófano. Moitas veces, de camiño da miña casa, paraba alí só por conversar un pouco e observar como trataba de buscar a melodía exacta de cada pistón. Dedicáballe a cada peza o tempo que fixese falta, probando unha e outra vez, con paciencia infinda. De tanto velo traballar, acabei sendo capaz de desmontar e volver montar o motor da miña moto sen que me sobrasen pezas. Era bo mestre.

Un día meteume na man unha Bultaco de 500 que estivera resucitando.
- Pesa máis ca min. Se me cae encima esmágame. Non son quen de erguela.
- Ti dálle.
E deille. Subindo cara a Pelures sentinme aquel día coma un neno ó mando dun airbus. Que ben soaba!

El era novo e estaba cheo de ilusión. Non lembro se Lorena era pequeniña ou se aínda non nacera, pero o tempo pasou e hai uns días foi ela quen nos puxo diante a súa Historia da Música en Galicia. Todos saben que eu son musicalmente analfabeto e que só se me esforzo moito son quen de distinguir un pandeiro dunha trompeta, pero gocei co evento. Creo que non tanto polo que estaba oíndo durante a presentación, que tamén, como polo que estaba observando: conmoveume ata a melancolía o contraste entre a imaxe seria do pai, emocionado pero se cadra tristeiro, e a  perenne expresión de alegría na cara de Lorena, que non perdeu o sorriso nin ó debullar brillantemente as liñas mestras da historia da nosa música nin ó falarnos da súa traxedia persoal máis íntima.

Ó remate, mentres ela lle asinaba exemplares a unha unha ringleira de xente, o pai agardaba só, no fondo da sala.
- Hoxe fante esperar, Eulogio.
- Non importa. Para a miña filla teño todo o tempo que faga falta.
Outra lección do mestre. 

3.4.13

Virxilio Viéitez, imaxes daquel tempo

FOTO: VIRXILIO VIÉITEZ
Fálame Tomás, emocionado, da exposición de fotos de Virxilio Viéitez en Madrid. Gustaríame poder dicir, tendo en conta as idades, “este retratoume de pequeniño”, pero o certo é que non son consciente de saber da súa existencia ata hai uns anos, cando tivo certa repercusión na prensa o éxito da súa presenza nunha boa galería de París. Non coñezo del máis ca uns cantos retratos que foron saíndo nos medios, pero celebro o recoñecemento que se lle está outorgando.

Se cadra tamén é porque vexo nalgunhas das súas instantáneas mundos que vivín de pequeno, miradas anónimas que me son amigas; pero creo que celebro o seu éxito e que lle poña a carne de pita ós que visitan o evento, principalmente, porque é da Terra de Montes e esperta en min emocións de tempos idos.

A Terra de Montes é para min infancia en Aciveiro cada 8 de setembro e adolescencia primeira en Soutelo e Forcarei, e en toda a contorna. Houbo un tempo no que tirabamos cara a alá. Subiamos as curvas do Penadoiro e axiña aparecía ante nós o mosteiro, que explorei por horas cando estaba feito un pardiñeiro. Corrín detrás do balón no prado do cura e no campo da recta do 70 -chamábaselle así polo punto quilométrico-. Tamén xoguei trofeos de verán no campo de  Forcarei, que xa era cousa seria porque era plano, ben rectangular, e tiña porterías regulamentarias. Corrín diante dun enxame de abellas en Vilapouca. Vin correr coellos e perdices diante do coche, de madrugada. Malbailei a Miguel Ríos e a tantos outros na Paraíso e na Montes, cun cubata na man, de tipo duro, e A saia da Carolina en verbenas da contorna. Xantei marisco a embute no París e churrascadas en Soutelo. E rin, rin moito. Axexei nas festas mozoulas do campamento da Freixa, se as deixaban ir, e as emigrantes que volvían no verán e no Nadal de Andorra e de Suíza. Notábanse ben as temporadas. ...Ai, os ollos! É que a Terra de Montes é tamén, e se cadra por encima de todo, paisaxe: petoulos grises de granito emerxendo por encima das toxeiras amarelas de chorima cando toca, antes foron os malvas das carpazas e das uces. Verde, sempre. Por veces negro dos incendios, que entran tamén polo nariz. Levo na alma o cheiro do chamusco, as imaxes dos serróns de lume arrasando nas ladeiras, as laparidas na noite, os guizos no medio da borralla, e o panasco que vai furando na candieira para que comece outra vez o ciclo da vida.

Aciveiro, Millerada, Dúas Igrexas, Vilapouca, Soutelo, O Cachafeiro, A Portela de Lamas, Folgoso, Sabucedo, Forcarei, ... espazos compartidos. Se cadra non foron moitas veces, pero decátome de que quedaron gravados a ferro na miña memoria dos sentidos e das emocións, que agora espertan desde lonxe os ollares de Virxilio, o retratista de Soutelo. 

24.2.12

Seara

Leo desde lonxe unha entrevista con Pintor co gallo da presentación en Lalín de Seara. Leo desde lonxe e aplaudo calado desde o fondo da bancada. Leo, sorrío e lembro.

Sorrío coa primeira resposta, cando explica a orixe de Máis vidas: unha desculpa cos animais maltratados nos xogos da infancia -saltóns con pallas espetadas para convertelos en helicópteros, moscas sen alas para que non voasen,…-. Sorrío porque tamén eu deixei coxos os saltóns, eivadas as bolboretas, pillei rulas con ichós e seguei vidas de paxaros espreitando calado debaixo das cerdeiras: papo á vista, balinazo, poff,  plumiñas voando e caída en picado do merlo larpeiro. Tamén me valían os paporrubios inocentes. Que San Seprona me perdoe. Aínda hei ter que escribir un libro en desagravio.

Lembro. 1971. A miña galiñescola. Unha morea de libros encima da mesa do mestre da democracia –como dixo Manolo aquela noite entre os carballos-, que nos miraba desde a portada coas mans no peto, rodeado de ollos incomprensibles, tristeiros. Exemplares de Gándaras. Non sei cando o lin con xeito por primeira vez, que daquela se cadra non sabía abondo. O que sei é que houbo un día no que se me meteu na alma “Escribeu o fillo desde Dusseldorf / ...”. Interioriceino ó meu xeito, que tamén un apandou co seu Dusseldorf. A emigración. Pero eu non viña aquí a espirme ante vós...

Sigo lendo a entrevista e atopo o “tour” por Quián. O mesmo tour emotivo que un día Pintor me brindou nunha tarde de verán que acabou en diluvio e case despelote no cuberto, para enxoitármonos. Aínda rimos co naufraxio!

Seara. 330 páxinas de versos que exactamente agora, cando o reloxo marca as 20:32, Pintor sementará ós aires de Lalín para que o vento os leve desde Quián ata o Morrazo. Eu aplaudo calado desde o fondo da bancada beiranorte e fágolle a réplica cos dous primeiros poemas de Gándaras, que quedaron fóra da ceifa: Xa brilan, xa veñen alén dos fachos da noite, os anxos. (…) Toliño me din. Vai toliño! Voltan os cans a ladrar. Tamén eles merecen estar, que abriron o camiño.

5.2.12

O Irixo

EL IRIJO 19, CARBALLINO 32. Os meus ollos tropezaron durante anos a diario con esa mensaxe escrita nun sinal de estrada, cando ía no autobús para o colexio.

Toponimicidios á parte, a pesar dos poucos quilómetros que me separaban deses lugares, para min era un mundo absolutamente descoñecido, distante, case misterioso. Tardei ben anos en ir por primeira vez ó Irixo. Sabía que había que seguir máis alá de Lebozán, que chamabamos Lobozán ou Lobezán e eu imaxinaba sempre cheo de lobos, e pasar a Cruz da Grade, que me daba medo porque tiña oído contar ducias de veces historias de bandoleiros que saían alí ó paso da xente que ía ou volvía da feira de non sei onde. Durante anos, se eu tivese que indicar un lugar de visita desaconsellada diría sen dubidar A Cruz da Grade, e despois o Bronx. Supoño que unha idea parecida tería Cela ó escoller esas terras para ambientar por alí algo da súa Mazurca para dos muertos.  


ILUSTRACIÓN DE MAZURCA PARA DOS MUERTOS

Despois fun ó Irixo. Atravesei varias veces a Cruz da Grade e nunca me saíron bandoleiros. Perdinlle o medo a esa zona. Ademais, O Che deulle lirismo e ata me acabou parecendo terra agradable de ver e visitar. Terra calada, que garda as esencias sen facer barullo, que tamén esmorece sen facer barullo.

Agora hai ruído e un descobre que existe xente que quere manter o que ten, xente orgullosa do seu… tamén hai xente orgullosa do seu Alcalde porque non perdeu moito o tempo cos libros nin cos estudos.
Tamén hai profesores que loitan por educar nenos fillos de xente así, en todos os lados, e encima teñen oír o que teñen que oír.



20.1.12

Memoria e verdade


I
Hai moito tempo, non sei onde, fóronseme os ollos a un poema de Ángel Miguel Queremel, un autor venezolano, e quedáronme gravados na memoria uns versos que me impresionaron:
Aún recuerdo el impacto de las balas
en el cuerpo caído del compañero muerto
(...)
Ó repetilos, con tanto fonema oclusivo, parecíame mesmo oír o ratatá das metralletas e o impacto dos proxectís nos corpos dos soldados tirados no chan.

Pasados uns anos, conseguín o libro e puiden reler o poema enteiro. Titúlase "Manifiesto del soldado que volvió de la guerra". Tamén puiden comprobar que a memoria me traizoara e que os versos que eu lembraba dicían, en realidade:

Yo sé a lo que suena
la bala que hiere el cuerpo del compañero ya muerto
(…)
O poema enteiro ségueme parecendo estremecedor, xa desde o comezo...
Sabedlo.
Las balas perdidas mueren en la boca de los muertos olvidados
... pero os outros versos en concreto gústanme máis na versión que a miña memoria recreara, erradamente.

II
No suplemento dun xornal galego lin hai uns cantos anos un poema que facía un chamamento á defensa do idioma a partir da planta camariña, unha especie de "ecolingüismo", supoño. Gustárame moito a cadencia, as evocacións,… Nin me acordo do nome do autor, que non era moi coñecido, nin da maior parte do poema. Tan só lembro o comezo e un verso de contra o final:

Eu plantei unha flor camariña
(…)
camariña das linguas, camariña…
(…)
 Teño medo de atopalo.

III
Ás veces, as ensoñacións superan a realidade.

10.1.12

Valados


A min gustábanme os valados que xa non hai, case. Fóronse esbarrigando e boto de menos a súa presenza camuflada na paisaxe, coma exércitos en ringleira.


Non reciben mimo os valados. Deberían ter, cando menos, a mesma consideración ca os hórreos, os cruceiros ou os petos de ánimas. Pero non; os valados son vítimas do esquezo e caen de seu ou a golpe de excavadora sen que ninguén mire para eles.   

Os valados da miña infancia eran anchos e exhibían fachendosos a arte dos arxinas. Eu camiñaba por eles xogando a ser funámbulo, con seguridade, case con tanta coma cando ía polos camiños que delimitaban. De vez en cando movíase unha pedra e había que recompoñer o equilibrio para non caer. Bo adestramento para a vida, que é así.

Os valados da miña infancia tiñan buratos para os lagartos e revestíanse cunha manta de musgo cando a sombra dos carballos era duradeira e había lentura nos cachotes.


Tamén tiñan rebos para arrebolarlles ás culebras e ós inimigos. 

Agora estamos indefensos.

16.11.11

Vou canso de todo, menos da música


Eu non sei nada de música, pero sei que gozaba véndoo dirixir. Resúltame difícil describir o que me transmitía en cada xesto. Paixón, sobre todo, paixón; supoño. Poderían quitarlle todo o son e aínda así seguirían emocionándome os seus concertos.

Eu non sei nada de música, pero sei que o meu fillo -daquela un neniño, alumno seu- botouse a chorar cando o informei do seu falecemento. Os nenos non choran polos mestres malos.

Eu non sei nada de música, pero envexo sanamente a súa capacidade para conseguir que siga vizosa a colleita da súa sementeira. Quen puidera.

Hernán.

8.10.11

Pontes íntimas

Volvín a Xuan Bello. Eu non sei que ten ese tinetense que fai que prenda nos seus textos como me sucede con poucos outros. Souben por un dos relatos do seu interese polas pontes antigas, as ponte íntimas: a  ponte de Bustavil, en Paniceiros, onde pillaba troitas á man como eu as teño pillado no regueiro que baixa de Refoxos, sempre co medo a que de debaixo da pedra saíse un sapo en vez dun peixe. A ponte sobre o Miño, dacabalo desa raia de mentira. A ponte de Brooklyn, feita en parte por galegos,  desde a que un día eu mirei no ceo de Manhatan o espazo baleiro ocupado pouco antes polas twin tours. A mesma ponte de Brooklyn que cantou Seoane:
Necesitábanse para traballar homes rexos
na  ponte de Brooklyn. Con unha soldada
de sete dólares por dúas horas de carrexos
de entullos. (…)
Volvín a Xuan Bello e coas súas pontes lémbrome das miñas pontes íntimas: a ponte da Veiga, que crucei a diario na miña infancia e que tan enorme me parecía; a ponte de Galán, onde un día nos caeu un cabalo ó río; a ponte dos Santos que vexo a cada momento desde a miña casa, e, por suposto, Pontevedra sempre na memoria. Alí cadrei con Rafa, compañeiro apátrida que nos falaba tamén da súa teima por visitar pontes, co seu acento salmantino: 
En Salamanca me dicen que tengo acento gallego y aquí me decís que tengo acento de Salamanca!
Con el véñenme á memoria outras xentes e feitos diluídos na lontananza: David, aquel lector de inglés algo bohemio que o primeiro día nos preguntou onde podía aprender a bailar flamenco, que o segundo día me obrigou a que lle falase sempre en galego e que despois desapareceu sen despedirse e acabou cantando rancheiras no Retiro. Rosa, que viña do Seixo e entraba correndo pola porta da aula dicindo “Cheghín tarde porque non mirín pasar o autobús”. Aimée, agora tamén pola beiramar do norte, que acababa de chegar de Francia e quixo aprender galego. Juan, o camareiro madrileño que dicía “El bacalado ya está preparao”. María, casada agora os venres co señor Palmírez, que me proporcionou unha copia do dicionario de Valladares.  Carlos, que era todo ilusión e ilusión e envexable ilusión. Luís Názara, o líder, que nos describía o paraíso que era a ría de Pontevedra na súa Estribela natal antes de que chantaran a celulosa. Catuxa, a lideresa, que sabía tanto coma min e disimulaba xenerosamente. Súa irmá, máis calada. E Amaya, que enchía de luz coa súa alegría unha aula que máis ben parecía un trasteiro.

Leo a Xuan Bello e lembro aquela noite enteira en Ponteareas con Tania ó cabaliño; aquela tarde en Soutomaior, cando estrebillamos na ponte levadiza e nos fomos do castelo trinta segundos antes de que nos botasen a pedradas...

Leo a Xuan Bello e un relato seu sobre as pontes que garda na memoria convértese en ponte que une máis de vinte anos da miña vida.

E aínda haberá quen diga que a literatura non serve para nada...

29.8.11

Carballos de lonxe

Ás veces un atópase (máis ou menos) nos libros que le:
"...Pero agora medra calmosa unha árbore. Pode que vaia indo para vello, pero confeso que ás veces apampo mirándoa e deixándome levar polas lembranzas.
Cando estea forte para prescindir de coidados, no exterior da miña casa de Malibú lucirá un auténtico carballo de Soutelo de Montes, espírito vivo dos meus devanceiros".
             (Miguel Anxo Fernández: Lume de cobiza)
Vai para vinte anos que eu plantei un pequeno carballo que trouxen do souto de San Martiño, en Laro, desde onde vin ducias de veces os serróns de lume arrasando a ladeira do Candán. Sobrevive eivadiño a uns 20 metros de alto, compartindo cama cun camelio da mesma orixe que o deixou atrás na carreira por ver o mar e a torre por riba do peitoril da terraza.

Tamén ás veces apampo mirándoo, deixándome levar polas lembranzas...
---------------------
NOTA: Que conste que os "motivos emotivos" son outros moi distintos.

13.6.11

Galeuzca en Ribadeo




Co gallo do asinamento do pacto Galeuzca, unha delegación de galegos, vascos e cataláns realizou en 1933 a denominada “viaxe triangular”, a xeito de confraternización das tres nacionalidades.

O asunto trátao polo miúdo Helena González nun artigo publicado no último número da revista Grial (nº 189). A autora traza con detalle a etapa galega, que tivo lugar a finais de xullo, e di que entre os membros da delegación catalá estaba Joaquim Renart, que deixou mostras daquela viaxe no seu Quadern de dibuix nº 49. Despois de entrar por Ourense e de visitar distintos lugares de Galicia, a expedición sae polo Cantábrico en dirección a Euskadi. O 28 de xullo pernoctan en Ribadeo no hotel Comercio e daquela permanencia o debuxante catalán conserva no seu caderno unha tarxeta (ilustración 28v) cunha curiosa anotación gastronómica: “Comeuse un caldo estupendo que picaba moito”. Ademais disto, o caderno, que pode consultarse integramente na web da Biblioteca de Catalunya, inclúe un debuxo de Porcillán (ilustración 29r) –unha das poucas imaxes paisaxísticas, xa que predominan os retratos- e unha estampa típica dunha muller mariñá (ilustración 28r).

Parece ser que na prensa da época quedan moitas crónicas daquela viaxe. Pola contra, tras rastrexar as publicacións locais, sorpréndenos non atopar ningunha referencia en ningún dos exemplares de Las Riberas del Eo daquelas semanas, a pesar de que lle dedicaron amplos espazos ó Estatuto e a outros asuntos relacionados coa política do momento. Tampouco hai referencias na sección “Viajeros”, onde se dá conta de canto transeúnte pasaba por Ribadeo, acompañado ou non “de su bella esposa”. Non sabemos se tampouco se reflectiu esa visita en La Comarca del Eo, publicación en principio máis próxima ideoloxicamente, porque non atopamos ningún dos exemplares comprendidos entre o 9 de xullo e o 27 de agosto.

En calquera caso, velaquí quedan as estampas de Joaquim Renart, o mesmo que noutro lugar escribiu:

Vers Santa Maria de Ortigueira tornàrem a trobar la mar i seguint el Llarg de la costa per la província de Lugo, Vivero i Ribadeo, que marca la ratlla divisòria i clou aquells paradisos naturalson l'home, podent viure a meravella, ha de fer-ho, a voltes, d'una manera mísera i anguniosa. 
(O resaltado é meu)
Vaia ho! E nós sen decatarnos das nosas condicións de vida posibles e das certas.