Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Contracolumna. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contracolumna. Amosar todas as publicacións

21.4.12

En defensa do fútbol


Aínda que neste blog teñen habitual presenza os libros e as letras, xa teño manifestado noutras ocasións que a min do que me gusta falar é de temas serios e verdadeiramente intelectuais, por exemplo… de fútbol. E iso farei hoxe.
Tiven hai pouco a honra de presentar a Carlos Lomas no transcurso das xornadas Abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local, centradas este ano no tema Violencias simbólicas, violencias invisibles.
Foi un pracer descubrir o seu labor e resultoume enriquecedora a súa intervención, tanto polo contido como por observar como coida con esmero todos os detalles: a linguaxe, os recursos audiovisuais que utiliza, os aspectos técnicos, etc.
Con todo, hai un elemento da súa ponencia co que non concordo: as excesivas alusións ó mundo do fútbol como referente negativo para contrapoñelo ós valores desexables na sociedade.
É algo que sucede con frecuencia. Xa empezo a pensar que cos futbolistas pasa coma cos funcionarios, que apandamos con todas as culpas do universo coñecido e descoñecido. É evidente que o fútbol adoita vencellarse co mundo dos homes e ós seus comportamentos máis negativos, pero creo que pode ser interesante tratar de darlle a volta e convertelo nun instrumento para transmitir valores desexables, polo menos no eido educativo.
Tendo en conta a posición privilexiada que ocupa o fútbol nos intereses dos nosos adolescentes, non vai resultar doado que renuncien a iso nin vexo por que, a priori, teñen que facelo. O fútbol é deporte. Pois sendo esa a realidade, o mellor é tratar de facérmonos donos estratexicamente dese centro de interese e resaltar as súas potencialidades positivas, que as hai: os modais de Guardiola, o seu respecto cara ó rival, ó que sempre trata como adversario pero nunca como inimigo; os microrrelatos e outras iniciativas literarias de Juan Pablo Sorín; o labor humanitario dalgúns futbolistas de elite procedentes de países subdesenvolvidos que, con máis ou menos acerto, tratan de salvar da rúa a nenos compatriotas condenados ó analfabetismo e á miseria, …
Entre os futbolistas hai cabezas tralladas, coma en todos os colectivos, pero hai tantos e tantos xestos modélicos dentro dun campo de fútbol que non entendo porque sempre se teñen que resaltar comportamentos reprobables que, na maior parte dos casos, son sambenitos que se lle colgan ós futbolistas sen que propiamente lles correspondan.
O anuncio de Coca-Cola no que un neno aparece chutando cabezas de bonecas contra o radiador non é idea nin responsabilidade de ningún futbolista senón dun publicista. Os titulares bélico-deportivos que a diario aparecen na prensa deportiva non os redacta un futbolista senón un profesional da comunicación escrita. As expresións agresivas ou violentas relacionadas co fútbol saen máis veces da boca dos afeccionados que presencian o partido na grada ou no bar ca dos propios futbolistas. A perenne amnistía fiscal coa que se agasalla ós equipos de fútbol é decisión dos gobernantes, non dos futbolistas.
Aínda así, non se transmite unha idea negativa dos publicistas nin dos xornalistas nin de canto colectivo profesional senta diante da TV ou nas bancadas e desafoga alí os seus instintos máis salvaxes. Quen apanda coa mala imaxe pública son os futbolistas, converténdoos en referentes dun mundo insolidario, machista, violento e agresivo do que eles en realidade, moitas veces son máis vítimas ca culpables.
No proceso de formación polo cal se lle aprende a un neno a golpear o balón correctamente, a gañar a posición para disputar un balón de cabeza con vantaxe, a facer un desdobramento, unha cobertura, un desmarque de ruptura ou unha diagonal, tamén se lle pode aprender a ser solidario cos compañeiros, a ser puntual e disciplinado, a convivir con normas, a coidar os hábitos alimenticios e, o que é máis importante, a respectar o adversario, o público, o árbitro... Porque quen aprende a respectar como persoa a quen ten en fronte nun campo de fútbol, respectará tamén a persoa que teña ó lado na barra dun bar, na cola da panadería ou na area da praia, sexa home ou muller.
A imaxe visual do fútbol, cando se presente como referente negativo, se alguén teima en facelo, ten que deixar de ser un balón ou un futbolista dando un salto espectacular detrás dun coiro redondo. Debería ser, en todo caso, unha tasca atestada de fanáticos alborotados fronte a un televisor ou unha bancada de exaltados entre os cales hai taxistas, maquinistas, chapistas, dentistas, publicistas, docentes, discentes, carniceiras e carniceiros, panadeiras e panadeiros, enxeñeiras e enxeñeiros, catedráticas e catedráticos, curas e… curas, ... O que non abundan, seguramente, son futbolistas.
Seguir poñendo unha pelota diante dos ollos da xente cando o que queremos é que se visualicen comportamentos incivilizados de profesionais de variopinta orixe non é xusto. Que os futbolistas, coma os funcionarios, tamén teñen os seus corazonciños.

24.2.12

Seara

Leo desde lonxe unha entrevista con Pintor co gallo da presentación en Lalín de Seara. Leo desde lonxe e aplaudo calado desde o fondo da bancada. Leo, sorrío e lembro.

Sorrío coa primeira resposta, cando explica a orixe de Máis vidas: unha desculpa cos animais maltratados nos xogos da infancia -saltóns con pallas espetadas para convertelos en helicópteros, moscas sen alas para que non voasen,…-. Sorrío porque tamén eu deixei coxos os saltóns, eivadas as bolboretas, pillei rulas con ichós e seguei vidas de paxaros espreitando calado debaixo das cerdeiras: papo á vista, balinazo, poff,  plumiñas voando e caída en picado do merlo larpeiro. Tamén me valían os paporrubios inocentes. Que San Seprona me perdoe. Aínda hei ter que escribir un libro en desagravio.

Lembro. 1971. A miña galiñescola. Unha morea de libros encima da mesa do mestre da democracia –como dixo Manolo aquela noite entre os carballos-, que nos miraba desde a portada coas mans no peto, rodeado de ollos incomprensibles, tristeiros. Exemplares de Gándaras. Non sei cando o lin con xeito por primeira vez, que daquela se cadra non sabía abondo. O que sei é que houbo un día no que se me meteu na alma “Escribeu o fillo desde Dusseldorf / ...”. Interioriceino ó meu xeito, que tamén un apandou co seu Dusseldorf. A emigración. Pero eu non viña aquí a espirme ante vós...

Sigo lendo a entrevista e atopo o “tour” por Quián. O mesmo tour emotivo que un día Pintor me brindou nunha tarde de verán que acabou en diluvio e case despelote no cuberto, para enxoitármonos. Aínda rimos co naufraxio!

Seara. 330 páxinas de versos que exactamente agora, cando o reloxo marca as 20:32, Pintor sementará ós aires de Lalín para que o vento os leve desde Quián ata o Morrazo. Eu aplaudo calado desde o fondo da bancada beiranorte e fágolle a réplica cos dous primeiros poemas de Gándaras, que quedaron fóra da ceifa: Xa brilan, xa veñen alén dos fachos da noite, os anxos. (…) Toliño me din. Vai toliño! Voltan os cans a ladrar. Tamén eles merecen estar, que abriron o camiño.

5.2.12

O Irixo

EL IRIJO 19, CARBALLINO 32. Os meus ollos tropezaron durante anos a diario con esa mensaxe escrita nun sinal de estrada, cando ía no autobús para o colexio.

Toponimicidios á parte, a pesar dos poucos quilómetros que me separaban deses lugares, para min era un mundo absolutamente descoñecido, distante, case misterioso. Tardei ben anos en ir por primeira vez ó Irixo. Sabía que había que seguir máis alá de Lebozán, que chamabamos Lobozán ou Lobezán e eu imaxinaba sempre cheo de lobos, e pasar a Cruz da Grade, que me daba medo porque tiña oído contar ducias de veces historias de bandoleiros que saían alí ó paso da xente que ía ou volvía da feira de non sei onde. Durante anos, se eu tivese que indicar un lugar de visita desaconsellada diría sen dubidar A Cruz da Grade, e despois o Bronx. Supoño que unha idea parecida tería Cela ó escoller esas terras para ambientar por alí algo da súa Mazurca para dos muertos.  


ILUSTRACIÓN DE MAZURCA PARA DOS MUERTOS

Despois fun ó Irixo. Atravesei varias veces a Cruz da Grade e nunca me saíron bandoleiros. Perdinlle o medo a esa zona. Ademais, O Che deulle lirismo e ata me acabou parecendo terra agradable de ver e visitar. Terra calada, que garda as esencias sen facer barullo, que tamén esmorece sen facer barullo.

Agora hai ruído e un descobre que existe xente que quere manter o que ten, xente orgullosa do seu… tamén hai xente orgullosa do seu Alcalde porque non perdeu moito o tempo cos libros nin cos estudos.
Tamén hai profesores que loitan por educar nenos fillos de xente así, en todos os lados, e encima teñen oír o que teñen que oír.



17.12.11

A trapallada do Valedor

A TRAPALLADA DO VALEDOR E PROBAS DA MALA FE DO "SALVADOR"
I
Pedro Larrauri, coordinador de UPyD en Vigo, detecta que na px. 57 do libro de texto de Coñecemento do Medio da editorial Vícens Vives figura un cadro que reproduce uns fragmentos do Estatuto de Autonomía de Galicia, entre eles o punto 1 do artigo 5, que indica que “a lingua propia de Galicia é o galego”.
O Sr. Larrauri quéixase ante o Valedor do Pobo de que non se faga constar tamén que o castelán é idioma oficial en Galicia, e esquece dicirlle ó Valedor que esa información aparece xusto na páxina anterior do texto:
O Valedor do Pobo insta á Consellería de Educación a que actúe contra tamaña eiva e a Consellería actúa solicitándolle á editorial que envíe unha addenda a todos os centros nos que se use ese libro.

No blog do Sr Larrauri pódese ler polo miúdo a súa argumentación:

Vaia… se nos fixamos un pouco comprobaremos que é el quen suprime interesadamente fragmentos do art. 5 do Estatuto. Vexamos. Segundo el, do artigo 5 do Estatuto, no texto consta o punto 1:
1- A lingua propia de Galicia é o galego
 Pero faltan outros fragmentos:
“no se dice que el artículo 5º del Estatuto continúa diciendo que el castellano es también lengua oficial, que se debe garantizar el uso normal y oficial de los dos idiomas, y que nadie podrá será discriminado por causa de la lengua. No se dice nada de eso, ni se hace referencia en ningún otro sitio del libro al idioma castellano en su condición de lengua cooficial”
A última afirmación xa quedou demostrado que é mentira: iso aparece na páxina anterior do libro, que supoño eu que será  “otro sitio del libro”.

En canto ó resto, se lemos íntegro o art. 5 do Estatuto atopamos un “casual olvido” :
ARTIGO 5
  1. A lingua propia de Galicia é o galego.
  2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
  3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.
  4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Xa é casualidade que Larrauri -a estas alturas xa non me dá a gana de chamarlle Sr.- salte o fragmento do Estatuto que eu reproduzo en negriña e que figura xusto entre os dous fragmentos que el bota de menos.

Pero a pesar da terxiversación e da mala fe evidente deste túzaro, o Valedor do Pobo e a Consellería actuaron como actuaron.

II
Eu pregúntome:
  •  Os libros de texto son palabra sagrada por encima do profesor ou son unha ferramenta máis, pero non única nin definitiva?
  • Acaso se menospreza tanto a capacidade dos profesores para engadir, suprimir, matizar ou comentar o contido dos textos?
  • Van actuar o mesmo o Valedor e a Consellería se alguén lles notifica, por exemplo, que nun libro de texto falta EN  no listado das preposicións, o ARANÉS no apartado das LINGUAS DE ESPAÑA ou o título dunha obra no apartado relativo a un autor? Moito o dubido...

12.12.11

A lingua propia de Galicia é o galego


Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego. 

Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.

Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.

Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.

Artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia: A lingua propia de Galicia é o galego.

21.8.11

Tontonimia

A un tipo con poucas luces metéuselle na cabeza que quería ser vaqueiro. Como era parvo pero tiña medios, decidiu apuntarse nunha academia de vaqueiros, para adquirir as destrezas necesarias. Mentres lle anotaban os datos, o tipo preguntou:

- E por que os vaqueiros non poden disparar pola espalda?

O da academia parou de escribir, ergueu a vista, mirouno fixamente, empezou a romper en anacos a ficha e díxolle:

-Váiase para a súa casa. Se lle vou ter que explicar obviedades, está claro que este non é o seu sitio.

Se cadra iso era o que había que dicirlle a quen defende o uso "normal" dos topónimos estragados.

Que nalgún recanto do Ministerio de Cultura se ignoren os nomes oficiais do País é triste pero aínda pode aceptarse, que ninguén sabe todo e o herdo que arrastramos pesa coma unha lousa. Pero que se defenda a trapallada como algo "normal" é impresentable desde determinadas palestras, que un Ministerio non é unha tasca. Hai obviedades que non debería ser necesario explicarlle a quen teña responsabilidades en determinados lugares. E o peor é que hai quen quere darlle amparo legal a iso.

-Váise para a súa casa! (con absoluta "normalidade").

11.8.11

20.6.11

Ollando atrás










Parece que estamos condenados ó debate permanente e que non podemos dar un paso adiante sen ter primeiro que librar unha batalla ridícula contra supostos argumentos que o tempo se encarga de desenmascarar.
Deberiamos botar a vista ó camiño andado e analizar as consecuencias dos logros que se foron acadando nas últimas décadas, malia os atrancos. Sería doado comprobar como a pretendida hecatombe da que se falou en repetidas ocasións non foi tal. Nin os pequenos inconvenientes.

Cando se botou a andar a TVG había quen sostiña que debía incluír programación en castelán e seica houbo quen subiu polas paredes porque os responsables non o decidiron así. Hoxe vese con normalidade o seu monolingüísmo no medio de tanta oferta de canles exclusivamente en castelán, pero aínda así, parece que o último episodio do proceso de demolición no que estamos inmersos é abrirlle as portas de xeito renarte á entrada do castelán.
Ninguén colle cara a Andalucía equivocado, querendo vir a Galicia, polo feito de que na M-40 os indicadores poñan A Coruña e non La Coruña. A ninguén lle sobe a tensión nin pilla un trauma polo feito de que o mapa do tempo da TVE poña Ourense e non Orense. Ninguén se perde pola nosa terra polo feito de que boa parte dos topónimos –aínda non todos- fosen restituídos ás súas formas lexítimas. Ninguén anda ó pairo polas nosas vilas e cidades polo feito de que os rótulos poñan Rúa e non Calle,… que a xente non é parva. Pero aínda así hai quen teima en modificar a lei de normalización lingüística para legalizar os estragos, copiando o que se fai co urbanismo aberrante.
Ningunha empresa deixou de vender máis por etiquetar en galego os seus produtos, se decidiu facelo, ou por publicitalos no noso idioma. Todo o contrario: o galego é moitas veces valor engadido, indicio de calidade. Ata houbo quen chegou a etiquetar en galego patacas de Murcia para que non parecesen de fóra, que aínda hai patacas e patacas.
Cansámonos de oír que o idioma ía ser un atranco para que viñeran aquí talentos con cerebros redentores que nos salvasen da nosa suposta mediocridade. Actualmente podemos dicir nomes de moitas persoas de distintos lugares do mundo que falan o galego con soltura ou que non o falan, pero que o entenden perfectamente e con respecto e que viven entre nós sen que o idioma lles supoña ningún atranco.
Poderiamos citar moitos outros exemplos. Temos perspectiva suficiente para ver que a recuperación do galego non lle produce dano ningún á nosa Terra nin a ninguén, e dános dignidade. Deberían telo en conta os que aínda alporizan un día si e outro tamén, os que impulsaron un decreto para o ensino sen seren capaces aínda hoxe de dicir o nome dun colexio ou dun instituto onde antes só se puidese falar castelán no recreo, como se cansaron de repetir. Deberían telo en conta os que se opoñen ó uso do galego, catalán e vasco no Senado. Deberían telo en conta os que queren castelanizar a TVG e os que queren cometer toponimicidios. Deberían telo en conta os que se opoñen a que sigamos dando pasiños para recuperar o que perdemos, porque a historia falará deles, serenamente, e terán netos que lerán as actas do xuízo.

18.6.10

Demolición do galego, pasiño a pasiño.

O novo capítulo do proceso de demolición do galego que está levando a cabo o goberno da Xunta consiste en financiar os textos de Matemáticas e Tecnoloxía (na ESO) que ata agora estaban en galego e que o alumnado podía usar de balde durante dous cursos máis. Para iso non hai crise nin problemas de recursos.

E van financiar tamén os textos de materias que ata agora se impartían en castelán e que, se cadra, en moitos centros teñen que pasar a ser en galego para conseguir o equilibrio que se establece no decreto 79/2010?

Non, iso non o prevén. Os cambios do castelán para o galego que os paguen as familias, que así cóllenlle un pouco máis de tirria ó noso idioma.



-------------------
NOTA:
1- Parabéns a Eva Moreda polo premio Terra de Melide coa novela A Veiga era como un tempo distinto.

2- Acabo de saber da
morte de Saramago e o primeiro que se me vén á cabeza é unha viaxe en autoestop desde Lisboa a Mafra, levado polo Memorial do convento.

6.6.10

Acción-reacción

Os que me coñecedes persoalmente e/ou os que me seguides neste blog sabedes que teño dedicado tempo e esforzo a tratar de analizar, explicar, razoar ou retrucar distintos aspectos relacionados coa lingua galega e parte dese esforzo ata acabou collendo exitosa forma seria.


Non sei se é por aburrimento, cansazo, desmotivación, impotencia, por estar mediosumido nun tempo postintelectual ou simplemente porque na beiramar cantábrica non acaba de asentarse o sol, pero o certo é que ultimamente, cada vez que leo ou escoito algo dese estilo sobre o galego, a única reacción que se me vén á cabeza é unha ben famosa, recentemente galardoada, e paréceme a máis atinada de cantas teño usado.

25.5.10

Toponimia

Leo na prensa que os da comisión de toponimia andan á procura de 1.200.000 topónimos galegos. Non son poucos pero agora que Galicia é bilingüe por decreto a cousa é máis doada, porque imaxino que Sobrado dos Monxes / Desván de los Monjes contará por dous. E se valesen as denominacións das vías urbanas, tamén os de Tui botaban unha boa man co seu rueiro duplicado e ata triplicado.

Fai ben a Xunta en buscar os nosos topónimos. Os nomes son cousa importante: o festival de Cans non se podería celebrar en Cans se o sitios e chamase Perros ou Rabo de Gato, poñamos por caso. Ou xa sería outra cousa.

Os recortes orzamentarios levaron ó exército español a suprimir o servizo de pombas mensaxeiras, e a propósito da noticia entérome de que o último voo oficial dun deses bichiños, que se incorporaran a filas en 1879, tivo lugar no 2006 e foi desde as Chafarinas a Madrid. Non parece cousa grave que se perda este servizo, pero si sería grave que un día se perdese un topónimo tan bonito coma Chafarinas. Antes de dar ese sitio, eu daría Madrid, Tarragona ou Badajoz, e Perejil de regalo, por suposto.

Penso en todo isto e lembro uns cantos topónimos que me rodearon de pequeno e que ultimamente revivín con algo máis de proximidade: San Martiño, a congostra da Ermida, a fonte de Santa Lucía, os prados da Capelaíña, a fonte do Frade, ... Todos a menos de 300 metros da miña cama.

Nin trazas se ven hoxe de que alí houbese santos, nin frades, nin monxes, nin ermidas nin capelas nin nada sacro, pero os topónimos son sagrados, e marcan. Por iso me entrou a dúbida de non ter feito ben as cousas: con esas orixes, eu agora tiña que ser arcebispo ou Papa, polo menos.


Rótulos de rúas de Tui


18.4.10

Censura

X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X X

Leo na prensa unha reportaxe sobre a censura durante o franquismo, con chamativos comentarios sobre algún escritor de sona.

Teño diante de min un texto de Uxío Novoneira que alude ó mesmo tema, ó seu xeito. Trátase do “Requiem das tachaduras” e publicouse en Galicia, unha ollada no ano 72, un libro colectivo editado polos alumnos do instituto de Ribadeo en 1972 para recadar fondos para unha viaxe e de paso facer unha análise da Galicia do momento desde a perspectiva de varios galeguistas.
Parece que Novoneira celebraba ó seu xeito ó remate daqueles tempos de censura. Non sei, non sei...

7.2.10

55 mentiras sobre a lingua galega. Presentación de Lalín

A SERIE EMPEZA AQUÍ Alberto Granja, Marta Negro e Rafa Cuíña
Alberto Granja (KG) durante a súa intervención

Intervención de Marta Negro
Público Unha das figuras do museo Aller Ulloa escoita atentamente desde a esquina

Rafa Cuíña modera as intervencións do público

Como estaba previsto, o venres tivo lugar a multipresentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Puiden asistir á de Lalín. Presentou o acto Rafa Cuíña e, aínda que desta vez falou pouco, fíxoo ben clariño, como el sabe. A intervención de Marta Negro foi máis filolóxica, pero brillante. Alberto Granja (KG) falou de conspiracións e dos poderes humanos e (case)divinos ós que nos enfrontamos, os que sustentan as mentiras. Tamén houbo abundante participación do público.

Non contei asistentes, pero non houbo queixa se temos en conta que Rafa, KG e Marta competían con Chenoa, que actuaba na Gala do Cocido, a uns centos de metros, á mesma hora.

Independentemente do contido do libro, que valorarán os lectores, está claro que a multipresentación de 55 mentiras sobre a lingua galega en case setenta lugares distintos de todo o mundo foi un acto singular, unha iniciativa da cultura galega e feita en Galicia sen complexos e nada ensimismada. Aínda así a repercusión na prensa foi moi desigual. Que eu saiba, os da TVG andaban tan enredados con Chenoa que nin se decataron da que armabamos desde Ribadeo a Tui e desde Saraxevo a Nova Iork. Haberá que agardar a que naza unha ovella con cinco patas en Soutelo de Montes ou a que un paisano desquiciado lle chapode o pescozo a machadazos a media ducia de veciños para que a TVG lle preste atención a un acto singular, tamén feito en Galicia.
CONTINÚA

28.1.10

55 mentiras sobre a lingua galega

Imposición do galego, cambios na normativa cada pouco, centros de ensino onde o alumnado só pode falar castelán no recreo, MENTIRAS, o castelán nunca se impuxo, cada un pode elixir sempre a lingua que quere porque as dúas son oficiais, hai nenos e inmigrantes traumatizados pola imposición do galego, MENTIRAS, os pais teñen dereito a escolleren a lingua do ensino para os seus fillos, a maioría dos libros de texto están só en galego, o castelán desapareceu de moitas escolas e institutos, MENTIRAS, ata o 2005 houbo un equilibrio lingüístico que o bibpartito rompeu, o galego impide a chegada de bos profesionais de fóra, ... MENTIRAS, MENTIRAS, MENTIRAS.

MENTIRAS
nos mitins, nas tertulias, nas columnas dos xornais, MENTIRAS nas entrevistas, nos debates, MENTIRAS e MENTIRAS.

Se a un lle empuxan un pouco nun autobús ou na rúa, pode que ature e non diga nada aínda que non reciba desculpas. Se a un lle volven empuxar, poida que empece a perder a paciencia, pero igual cala. Se a un lle empuxan tres, catro, cinco, ...vinte veces, se lle pisan os pés, se lle dan golpes no fígado, na barriga, se o toman por parvo, ... iso non hai corpo que o aguante e entón o asoballado revólvese e pon as cousas no seu sitio. E iso é o que está pasando.

O venres, 5 de febreiro, ás oito e media da tarde, en máis de sesenta lugares de Galicia e do estranxeiro -nestes casos, con algunha variación horaria para que non cadre á hora do almorzo- preséntase o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, elaborado por xente de Prolingua e editado por Laiovento, porque xa nos pisaron moito, e dóennos os callos, e o fígado, e non imos permitir que nos boten as mans ó pescozo e apreten ata deixarnos sen alento. Iso non.

Dende Ribadeo a Tui -coma o programa da Pirenaica-, desde o Ortegal ó Miño -coma no poema de Cabanillas-, dende Bethelem ou Nablús en Palestina ata Nova Iork ou Wisconsin nos EEUU, de Lalín a Marín, de Baiona a Barcelona, de Guitiriz a Allariz, ... Copenhague, Cotobade, Bruxelas, Cacheiras, Londres, Moaña, París, Viana do Bolo, Ribadavia, Vigo, San Martiño de Trebello... imos chegar onde non foi capaz de chegar o Xabarín. O mundo enteiro vai saber das mentiras que aquí se dixeron. Porque todo cansa. A ver se podemos, por fin, falar de fútbol ou do tempo, que xa é hora.

14.12.09

Tradutores automáticos


O problema de traducir con maquinillos é que non pensan e son capaces de perpetrar calquera atentado contra a lingua. Se hai pouco tempo era nas probas dunha oposición onde aparecían preguntas disparatadas, onte tocoulle a El Progreso dar conta da toma de posesión de M. Rivas na Academia ocupando a vacante que deixou Camilo Gonsar, ou sexa, Camilo González-Suárez Llanos... ou Chairos.

Isó é o que pasa por termos unha lingua que, para moitos, é simple tradución doutra, como se fose inevitablemente subalterna, cursiva.

26.10.09

O tren e a literatura

Un recente artigo sobre a presenza dos trens na literatura universal fai que me decate do escaso protagonismo que o tren ten na literatura galega. Tampouco é de estrañar, tendo en conta a mala gana coa que entrou na nosa Terra o vello ferrocarril no seu momento e o AVE na actualidade.

Seguro que algo máis hai, pero agora mesmo só me lembro do famoso poema de Curros Na chegada a Ourense da primeira locomotora (Aires da miña terra), de O divino sainete, tamén de Curros, do relato O vello que quería ver o tren de Dieste (Dos arquivos do Trasno), de Bull & Mignonne de Gonzalo Navaza, no Ticino suízo, (Erros e Tánatos) e de Terminal de Xelís de Toro.

- "É como se tivese un tren minúsculo correndo no meu cerebro. Noto as súas rodas metálicas correndo polos sulcos".

A maiores, a colección de trens eléctricos que seica tiña Carlos Casares. Pero iso ten relación co literato, non coa literatura.

Se eu fose autor, creo que tería semente para escribir algo sobre o asunto, botando man duns cantos recordos:

I: Suicidio
Supoño que eu sabía anteriormente da existencia do tren, pero a primeira lembranza da que son consciente está relacionada co suicidio, cando un día apareceu a parroquia revolta porque un veciño vello se botara diante dunha máquina. Souben daquela que algunha xente adiantaba voluntariamente a data da súa morte, algo que ata ese momento nunca se me pasara pola cabeza.

II: Lecer
Co tren relaciónase a miña primeira excursión: Un día no que, sen que saiba por que, eramos moi poucos os nenos que estabamos na escola, o mestre meteunos a todos no seu coche e levounos ver un túnel. Cruzámolo andando ida e volta, e regresamos ben contentos para a escola. Se hoxe un docente fai iso, méteno preso por realizar unha actividade extraescolar non prevista na PXA sen pasar polo Consello Escolar nin contar coa autorización dos pais e da inspección. E por tolo, claro. E se cadra aquel mestre ata nos sacou fotos sen que nosos pais autorizasen o uso da imaxe.

III: Moedas
Os Agulló, compañeiros de colexio, vivían a carón da vía e de vez en cando traían a clase moedas retortas porque as puxeran nos raís para que as machacase o tren. Agora decátome do fermosa que era, como metáfora, aquela imaxe de Franco nas pesetas esmamallado polo tren.

IV: Soldados
Gardo na memoria unha viaxe a Lisboa, nun vello comboio ateigado de xente, e lembro especialmente a imaxe dos soldados barulleiros e borrachos deitados no estante das maletas, pegadiños ó teito. Nunca tal vira.

V: Cemiterio
Impresionoume unha vez a enorme cantidade de lápidas de xente de menos de 40 anos nun cemiterio dun lugariño de Dozón, todas da mesma época. A carón, bastantes de xente moi lonxeva. Daba a sensación de que alí todo o mundo morrera antes dos 40 ou despois dos 80 anos. Segundo me dixeron, a explicación estaba en que moitos mozos da parroquia traballaran na construción do túnel da Abeleda, próximo ó lugar,e despois caeran coma moscas, vítimas da silicose.

Se eu fose autor, daríalle un pouco de vida ó tren na nosa literatura, pero a min dáseme mellor facer tortilla de patacas.

ENGADIDO
(29/10/09):
Vaia! Parece que alguén máis andaba coa miña idea. Tres días despois de escribir este post, a miña amiga Lali mándame esta noticia.

28.9.09

Toponimia, aínda

A SERIE EMPEZA AQUÍ
A chegada do outono tróuxonos a boa nova da aparición de Galicia 21, unha revista dixital impulsada polo entusiasta Craig Patterson desde o seu fervedoiro de ideas da Cardiff University, en Gales, aí arriba.

O sumario inclúe, entre outros, un interesante artigo de Anxo Lorenzo, actual Secretario Xeral de Política Lingüística, que analiza a situación da lingua galega desde a sociolingüística e a política lingüística.

Ó falar do proceso revitalizador iniciado na transición, o autor cita un conxunto de consecuencias “que hoxe, na maior parte dos casos, están plenamente asumidos pola sociedade galega”, entre eles “que a única forma válida dos topónimos galegos é a súa forma en lingua galega”.

Xa, xa,... Non sería mala cousa que o Alcalde da Coruña, o valedor do desvalido de Millán Astray, o propio Presidente da Xunta e o seu opositor principal pertencesen a esa “maior parte da sociedade”, pero seica non. Son bichos raros que poñen de actualidade asuntos que se supoñían xa superados.

O asunto recórdame o que unha vez me dicía aquel vello amigo: “Eu son de Campobecerros, dispensando, pero á xente non lle gusta o nome e quérenlle poñer Villaflores”. Digo eu que tanto dereito terán uns coma os outros a decidir. Xa vexo os letreiros: A Coruña / La Coruña, Campobecerros / Villaflores.

Pero quedémonos co bo: nace Galicia 21, e o tempo ha poñer a cada un no seu sitio. Ou non, que o tempo tamén parece que anda a velas vir.
CONTINÚA

23.9.09

Alumnos inmigrantes e conselleiros andantes

Nunha recente entrevista, o Conselleiro de Educación manifestou que "se hai un alumno inmigrante que non domina o castelán hai que darlle unhas horas de reforzo".

E se o alumno non domina o galego tamén hai que darlle reforzo ou iso dá igual?

Sei dun concello onde hai hai uns anos organizaron un curso de castelán para integrar a un grupo de inmigrantes. Eses inmigrantes, que estudaban castelán polo día, pola noite traballaban pillando pitos nas granxas, rodeados de paisanos que o único que falaban era galego.
Non sería máis integrador darlles clase de galego? Ou acaso, como trataban con pitos e pitas, era un adianto para integralos nas galiñescolas?

Volvendo á entrevista do Conselleiro:
E se o que non domina o galego é un Conselleiro, ¿tamén hai que darlle reforzo ou que hai que facer?

30.7.09

Naipe de sangue



De pequeno traguei ducias de noveliñas de Marcial Lafuente Estefanía e penso que aprendín delas moitas cousas boas. Aprendín, por exemplo, que ás veces non é mala cousa darlle unhas pedradas, sen mancar moito, a quen as merece. Clint Eastwood faino de vez en cando e non lle vai tan mal.

Perdinlle a pista a estas novelas cando fun medrando e deixei de velas á venda, pero aínda non hai moitos anos que merquei de novo unha en Mérida, ó dar con ela nun kiosco.

Con ese espírito positivo e libre, lin con devezo hai anos Por unha presa de machacantes, de Isidro Novo, e lembro aquel momento xenial no que un personaxe lle di a outro algo así como "Ou me contas todo o que sabes ou che poño un disco enteiro de Ana Kiro". A ver quen se resiste.

Por iso me alegra moito que se empece a facer cine do oeste en Galicia. A este paso aínda imos acabar sendo un país normal.

Máis nada, que vou dar unha voltiña pola serra do Galiñeiro, a ver se queda un cabalo libre.

17.7.09

Produtos galegos de confianza

Como as cousas andan tortas, sobre todo para os produtores de leite, agora ninguén se corta á hora de reclamar que consumamos produtos nosos, sempre que se poida, e non importados. A idea vale ata para os Citroen, que se dan moi ben á beira do Lagares; non coma os Audi, que os hai que traer de fóra porque o clima de aquí non lles presta.

Suponse que así amañamos un pouco os petos da xente e, de paso, consumimos produtos de confianza. Hai quen argalla outras ideas co gallo de buscar a confianza do cliente: disque a nova moda entre os restaurantes galegos é ter unha hortiña detrás do negocio, onde poder cultivar os seus propios produtos, de xeito que lles poidan ofrecer ós clientes a comida que eles mesmos obteñen.

A min paréceme ben, pero tamén hai quen se pasa. Con isto da confianza no produto, hai restaurantes nos que che veñen amosar á mesa o rodaballo ou o lumbrigante que vas comer pouco despois. Que pretenden? Que botes unha parrafada co bicho, que te fagas amigo del e que despois lle metas o dente a traición?

Houbo un tempo no que a min se me pasaba pola cabeza montar na sala da casa un acuario para o marisco, coma os que hai nos restaurantes. Pero deixei a idea precisamente porque tiña medo de encariñarme cos centolos e despois non ser capaz de metelos ó pucheiro sen remorsos, nin sequera botándolles loureiro para anestesialos.

Para confianza no produto, e xa que a cousa vai de hortas, nada coma o que se contaba da muller de Belisario do Burgo, con moita sona pola richada que facía e tamén polo seu mal xenio.

Disque unha vez chegaron uns clientes para cear e un deles preguntoulle se lles facía unha ensalada.

- Fago, pero ti vas buscar a leituga á horta, que eu xa puxen as zapatillas e non penso mollar os pés no orballo pola vosa ensalada. E sacúdelle ben a terra e as lermes, non mas vaias traer para dentro.

El foi e ela fixo a ensalada. Cuestión de confianza.

Se cadra, etiquetar os produtos en galego tamén daba confianza, pero iso igual parece cousa de radicais.

NOTA
:
Lermes: lesmas, limachas. Os que somos de onde somos, ás veces falamos con rotacismo.