I
Aínda que xa me fixara
antes no asunto, non me metera
a fondo no tema das
isolousas ata que tiven aquela conversa:
Todo empezou en Lougedo, un lugar que non existe e que está
en San Martín de Ozcos. É que hai sitios que non hai, pero están, como xa nos
contou Cunqueiro na súa Plática de mares Arábigos:
"Gutor, Babarón e Trapobana son tres illas que non hai, e
están entre Bengala e illa Java”.
Dicía o de Mondoñedo que Gutor se cadra non a hai, pero hai
o nome e o –R en que remata é rasgueado e os barcos poden esnafrarse contra el
e ir ó pairo. Con Lougedo pasa ó revés. O sitio haino; o que non hai é o
nome, e ese -G- fura os oídos de quen o oe pronunciar e as meniñas dos ollos de
quen o ve e le.
- "Lougedo, con G" –insistía o rapaz ó indicarme o seu domicilio.
- ...!
Non dixen nada, que hai leccións que non se poden dar en 30
segundos e para quedaren mal dadas é mellor non comezar, pero naquel preciso
momento planifiquei esta viaxe polos tellados e lousados de Galicia, para ver a
súa cor, para ver de que están cubertas as trabes que salvan da chuvia as
lareiras da nosa terra e manteñen secas as cacholas dos paisanos cando mexan
por nós.
II
Penso que non cómpre ser moi perspicaz para decatarse de que ese
Lougedo, ou Loujedo, do que me falaba aquel rapaz é en realidade unha deturpación de Louxedo ou Lousedo e que ese
topónimo refírese á louxa, ou lousa, propia de amplas zonas do noso territorio
e que pasou da terra ós teitos das casas, tamén nesas terras do occidente de Asturias.
Pero, ¿ata onde chega o material na terra, a lousa nos
tellados e o nome nos lugares? E cadrarán as liñas divisorias? Trataremos de ver por onde van as raias.
III
Como avioneta non temos e tampouco queremos esmamallarnos contra o chan probando a ser homepaxaro, a nosa viaxe será virtual, que para iso inventaron Google Earth.
TELLADOS e LOUSADOS
|
Betanzos e Vilalba, exemplos de tellados e lousados, respectivamente |
"Primeira cousa: a lousa, morte ao estranxeiro opresor”, escribiu Ferrín en Estirpe. Pois xa que citamos o autor de Arraianos, tiremos cara ó sur para iniciar a viaxe e veñamos cara ó norte, a ver onde nos leva o camiño.
Non tardamos en observar
negros os cumes da
Gudiña e
vermello nas casas dos
Riós. Tentamos afinar máis. Ó oeste da Gudiña hai
lousados negros no
Seixo, Barxa, Pentes, O Tameirón e
Erosa, e ó leste dos Riós
vemos tellados tirando a vermello en
Castrelo de Abaixo, Castrelo de Cima, A Trabe, O
Mourisco, A Veiga do Seixo. Parécenos que conviven uns con outros en
San Lourenzo
de Pentes e no
Navallo.
Intentamos ir cara ó norte, buscando a isolousa entre Laza e Campobecerros, entre Montederramo e Chandrexa,... e axiña asumimos
a derrota: é imposible tanta precisión porque o que ás veces parecen lousados poden
ser tellados de uralita de palleiras ou establos. Ademais, perdémonos no mapa con tanto lugarexo. Cómpre repensar a idea.
Nun andel descansa a xa vella
Gran Enciclopedia Galega. Que
arquivo fotoetnográfico da Galicia dos 70 e 80 teño na casa e eu sen decatarme ata estes días! Tamén inclúe ducias de retratos de lugares grandes e pequenos. Por aí tiramos,
aparcando a tecnoloxía, revisando as fotos tomo por tomo e riscando nun mapa de concellos
Tes vermellos ou e
Les
negros segundo vaiamos observando.
Agora si. Rematada esta fase, volvemos a Google Earth para
facer comprobacións e encher algunhas lagoas que nos quedan. Por economizar
traballo, só reflectimos no mapa os concellos que delimitan a fronteira das
tellas e as lousas, entendendo que todo o que queda á esquerda é de tella e á
dereita mantense a lousa.
E velaquí o mapa, no que marcamos con
círculos vermellos os
tellados e con
cadrados negros os lousados:
|
Mapa de elaboración propia: en vermello, os concellos con tellados; en negro, os de lousados. |
Os distintos tamaños dos círculos e dos cadros non indican nada; é que un non é precisamente o rei do Photoshop.
Toca agora delimitar a fronteira dos topónimos derivados de
lousa.
Introducindo no buscador do
Proxecto toponimia de Galicia o lexema
lous- atopamos 390 resultados, espallados por todo o territorio, aínda que con
maior concentración na metade norte, pero moitos deles inclúen o grupo
-lous-
sen ter relación ningunha con esta raíz. Cómpre concretar.
|
Topónimos que inclúen o grupo -lous-. |
Se pedimos que o topónimo comece por ese lexema, temos 45
resultados e observamos que hai máis concentración nunha diagonal que vai de
sueste cara ó norte, trazando unha liña que pode andar próxima á fronteira que
nós establecemos entre
tella e
lousa. Esta diagonal presenta unha derivación
cara á parte oriental da Mariña de Lugo.
|
Topónimos que comezan por Lous- |
Non hai moitas variacións no trazado que nos dá o buscador
se restrinximos a busca ás entidades humanas, deixando fóra accidentes
xeográficos terrestres e costeiros, augas, terras e vías. Neste caso, temos 31
resultados de entidades de poboación que comezan por
lous-.
|
Topónimos de entidades humanas que comezan por Lous- |
Situámolas nun mapa para contrastar co mapa dos tellados /
lousados, marcando desta vez con casiñas verdes os topónimos.
|
Mapa anterior, engadindo en verde os topónimos que comezan por Lous- |
Non hai moita diferenza, xa que a maioría dos núcleos de
poboación que teñen nome derivado de lousa están situados en zonas de tellados
negros. (Non colocamos no mapa os máis orientais por non esforzarnos máis do
debido e porque non nos aportan nada para a delimitación dos lindes).
Con todo, parece que a tella invadiu algo o territorio da
lousa, xa que nos quedan algúns topónimos en territorio “vermello”.
Temos topónimos aparentemente derivados de lousa en Lousame, As Neves, O
Irixo, Piñor e Carballedo, que son zonas claramente de tella. Valdoviño, Irixoa
e Sobrado son concellos nos que predomina a tella pero, polo menos nalgúns
núcleos de poboación tamén está presente a lousa, igual que na toponimia.
Velaquí os mapas desas zonas, algo máis de cerca:
|
Concellos de tellados vermellos, nos que hai algún topónimo que comeza por lous-, marcados en verde. |
|
Concellos de tellados vermellos, nos que hai algún topónimo que comeza por lous-, marcados en verde. |
Facemos
unhas buscas en internet e atopamos un par de mapas que delimitan o territorio
das pizarras (en cores violáceos no mapa) e outro que tamén fala de rochas e
debuxa unha diagonal azul que non debe andar moi lonxe da que nos trazamos ó
separar topónimos, tellados e lousados. Pero non seguimos por este camiño, que este é un mundo no que nos perdemos e apenas distinguimos uns pedroulos de granito dun anaco de pan reseso, así que
paramos aquí a viaxe. Que outro afine máis; nós non concretamos tanto como queriamos ó comezo, pero creo
que demostramos que algo ten que ver a lingua coa terra que a criou e que agora
a ve esmorecer.