Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.5.14

Díaz Castro no arquivo de Dionisio Gamallo Fierros

Pasou o 17 de maio “y ya podemos guardar las letras gallegas hasta el año que viene”, como dicía o personaxe dunha viñeta de Xaquín Marín, mentres metía uns cantos xes dentro dun baúl.

Eu non sei se a data-festa serviu para que a xente saiba moito máis de Xosé María Díaz Castro ou se seguiremos repetindo “un paso adiante e outro atrás, Galiza” e para de contar. O que está claro é que, tal como viran os ventos, nada sobra.

A celebración a min serviume tamén para convencerme un pouco máis aínda de que resulta case imprescindible un paso ou repaso polo arquivo de Dionisio Gamallo Fierros para quen queira ter datos de primeira man sobre calquera autor galego que merodease polo Madrid de mediados do século pasado. Vou vendo, cada vez con máis datos, que todos acababan tendo relación epistolar e literaria, cando non de amizade, co polígrafo ribadense. Eu creo que, polo menos para os de Lugo, Dionisio era un referente.

Co gallo do ano de Novoneyra, xa souben da existencia nese arquivo de interesantísimo material, do que dei conta no artigo “Uxío Novoneyra no arquivo de Dionisio Gamallo Fierros”, publicado en A Trabe de Ouro, nº 88. Vin tamén algunhas cartas de Otero Pedrayo, cun curioso acróstico incluído, dirixido a Dionisio polo ourensán.

A historia repítese con Xosé María Díaz Castro, de quen hai no arquivo do ribadense un cartafol que contén oito cartas e varias ducias de poemas, ademais dun artigo de Dionisio sobre a obra de Díaz Castro.

O contido das cartas é diverso: nalgunhas, Díaz Castro felicita a Dionisio por premios que lle van outorgando, pero tamén hai interesantes alusións ó seu propio labor literario, ás súas lecturas preferidas, ás súas arelas como escritor e mesmo á súa situación persoal e profesional. Quizá a que máis datos nos achega, desde a perspectiva literaria, é unha do 2 de outubro de 1943 que inclúe, ademais de reflexións sobre os seus poemas, estas interesantes notas autobiográficas:
Fragmento dunha carta de Díaz Castro a Dionisio Gamallo
En xeral, teño a sensación de que a relación entre os dous foi evoluíndo. Nos anos 40, cando Díaz Castro exercía a docencia en Vilagarcía,  parece estreita e o de Guitiriz confiáballe a Gamallo os seus poemas para que os valorase, con alusións a unha posible publicación en libro; despois, nas últimas cartas, parece que hai algo de distancia e ata noto un certo ton de reproche por parte de Díaz Castro por non poderen reunirse e ter que dirixirse a Gamallo por carta, a pesar de vivir os dous tan cerca.

Canto ós poemas, abundan máis os redactados en castelán, pero tamén se conservan uns vinte en galego, moitos deles manuscritos. Aínda que non teño a certeza, creo que todos acabaron publicándose. Algúns aparecen no arquivo de Gamallo con título distinto ó que despois levarían ó editarse, como é o caso de “Herba pequerrechiña”, que acabou incluíndose en Nimbos como “Esmeralda”. 

Curiosamente, este poema, que foi dos máis citados nestas datas a carón de “Penélope”, non lle debía gustar moito ó seu autor, xa que aparece marcado en vermello, igual ca outros, e na carta que acompañou o envío, Díaz Castro dicíalle a Gamallo que non dese á imprenta os sinalados dese xeito “por ser personales o de valor nulo”.

Fragmento do poema "Herba pequerrechiña", conservado no arquivo.
A pesar de que lle envía este e outros textos, parece que Díaz Castro era bastante crítico co seu propio labor, pois nunha carta, tamén de 1943, dille a Gamallo:
Lo que le envío es producto de distintas épocas, como se puede ver en la evolución de mis versos. Hoy conservo la misma afición poética, pero he perdido el hábito y la habilidad. Comprendo que la mayor parte de mis trabajos no valen ni el trabajo de leerlos. Sólo le envío a título de curiosidad, por si le interesa estudiar el carácter de ellos. A mí no me gusta ninguno. Técnica torpe, arquitectura de principiante.
Entre os textos enviados está tamén un mecanoscrito de “Penélope”, que acabou sendo o poema insignia do autor, pero a min gústame máis este:

Poema mecanoscrito de Díaz Castro, conservado no arquivo de Dionisio Gamallo
Copias de todos estes fondos, tanto das cartas inéditas coma dos textos poéticos, estiveron expostas no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, entre o 9 de o 19 de maio, por xentileza da familia Gamallo, detalle que moito lle agradecemos.

Quen sabe cantos tesouros agardan aínda entre os milleiros de papeis do polígrafo ribadense!