Estamos no tempo dos crouchos. A verdade é que eu sempre lles chamei noces, pero acórdome de terlles oído a meus tíos, da banda de alá do río, dicir que tiñan unha árbore mecha de crouchos, cando a colleita era abundante.
Non debe ser croucho unha palabra moi estendida con esta acepción. Nos dicionarios prenormativos (por chamarlles dalgún xeito) atopámola por primeira vez na terceira edición do Carré Alvarellos (1951). Nas dúas edicións anteriores aparece, coma noutros dicionarios, pero só cos significados de “Feo, rechoncho” e “Espiga de millo raquítica”.
Na terceira edición, Carré engádelle a estas acepcións a de “Zurrón
o corteza verde que encierra la nuez”. Non se refire, polo tanto, á noz en si,
senón á casca verde que a recobre e que me deixou as mans pintadas de
verdeamarelo indeleble durante días cando era pequeno. Parecían as miñas mans
as dun tipo de raza aceitunada, aquela estraña caste de persoas que citaba a
enciclopedia e que non sei onde demo se situaba. Debéronse extinguir todos os
aceitunados, que non volvín oír falar deles.
Volvo ós crouchos. O dicionario de Franco Grande (1972)
recolle tamén a palabra coa mesma definición de Carré. Polo que puiden ver, o primeiro que define croucho como
sinónimo de noz é Constantino González no seu Glosario de voces galegas de hoxe
(1985). O Dicionario da Real Academia Galega opta polo exhaustivo e
recolle as dúas acepcións:
1- Froito da croucheira.
2- Pel verde que recobre a noz nova.
Non sei se a palabra croucho seguirá viva nin teño información sobre
a súa distribución dialectal. Véuseme á cabeza porque lle cadrou, que en algo
ten que pensar un mentres come noces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario