Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

22.4.16

A forza que vén de lonxe - XII: media ducia de golpe

Estou algo preocupado.


Carmen Mejía
1-
Hai unha semana sóubose que a Fundación Pedrón de Ouro decidiu concederlle o Pedrón de Honra 2016 a Carmen Mejía, unha filóloga que ama e difunde a nosa cultura nas aulas da Complutense e en calquera outro lugar do mundo no que se atope. De feito, nestes momentos é tamén a presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
Carmen Mejía. Galega? Non; manchega. 

2- 
Cartel de "A dozen galician women"
Hoxe mesmo preséntase en Cork, que queda aí arriba,  A dozen Galician women, unha antoloxía de poetas galegas coordinada pola tamén poeta Elvira Ribeiro. Así, na verde Eirín saberán algo máis da "brigada poética feminina" que puxo patas arriba a poesía galega das últimas décadas.

3-
En Michigam inaugúrase o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos. Disque o interese pola nosa cultura nos EEUU está medrando de xeito sorprendente nos últimos anos.

4- 
En Bos Aires inaugúrase a Cátedra Galicia-América apadriñada por Manuel Rivas, que non é mal padriño para botar a andar. Temos así un novo centro de estudos galegos na capital aerxentina, que se une ós dous que xa hai.

5-
"Cantos de poeta", de Gelria
O día 24 preséntase en Barcelona o libro-DVD Cantos e poeta, un proxecto do que xa falei noutra ocasión. Músicos do país (Mario Cortizo e Federico Mosquera) acompañados pola fermosa voz da polifacética Elena Tarrats, unha barcelonesa que ten máis currículo ca anos. Un orgullo que preste a súa voz á nosa lingua e, ademais, que o faga con tanta soltura máis alá da interpretación dos versos.

6-
Portada do informe
A Academia da Lingua Frisoa (Fryske Akademy), onde ten a súa sé o programa Merkator Education, publica un amplo informe sobre a situación do galego no sistema educativo. Magnífico traballo do incansable Quique Costas e compañía. Medio mundo saberá así como alguén estragou nos últimos anos un camiño que viña de lonxe e as consecuencias do seu capricho, perpetrado por unha mísera presada de votos.

Estou preocupado. Media ducia de boas novas no prazo dunha semana, de forza que vén de lonxe para dicirnos que temos algo que interesa e moito. A este paso non vai haber recanto no mundo onde non haxa un grupo de persoas interesada no noso, non vai haber Universidade no mundo onde non haxa un equipo de investigación dándolle voltas á nosa lingua e á nosa literatura. Xa me empeza a poñer nervioso tanto interese pola cultura galega no estranxeiro, porque o que lles soe gustar ós estudosos é diseccionar cadáveres, desentrañar os segredos dos fósiles... A ver se imos estar nese estado, sen decatármonos.

15.4.16

conTextos: O Xardín de Ribadeo e "As pozas demoradas", de Xavier Rodríguez Baixeras

Alicia, Estela e Alberto, de 2º de ESO, alumnado receptivo e entusiasta, dos que fan que a docencia mereza a pena.
Propúxenlles unha idea e puxéronse diante da cámara, vencendo a timidez, para contarlle ó mundo o contexto no que xurdiu un texto, un anaquiño de historia local e de literatura: