Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

25.7.26

Verbos útiles e inútiles (PLEA / PXNL)

No curso 25-26 encargueime da coordinación e redacción do PLEA (Plan de Lectura, Escritura e Acceso á información) no instituto en que traballo. Para ese labor contamos co asesoramento dun coordinador que nos deu, entre outras, instrucións para a redacción dos obxectivos.

Indicábasenos que debían ser breves, concisos, claros, medibles, realistas e que “deben deixar clara a acción a realizar e a finalidade”. Canto ó uso dos verbos indícase que se deben empregar verbos que “reflictan discriminación, acción medible ou cuantificable (podemos recoller exemplos da Taxonomía de Bloom)” e que cómpre evitar verbos que non permiten a medición. E menciónanse como exemplos de formas inadecuadas os verbos “promover”, “concienciar”, “animar” e “fomentar”.

Fragmento das instrucións para a redacción do PLEA

Déuseme por analizar ese aspecto na redacción da recentemente publicada Proposta de actualización do  Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e comprobei que estes catro verbos aparecen un total de 272 veces (promover, 159; concienciar, 14; animar, 3 e fomentar, 96) . No PXNLG de 2004 aparecían en 120 ocasións. Ou sexa, a súa presenza no novo Plan é máis do dobre, tendo os dous documentos unha extensión similar.

Se cadra non estaba mal que por aí arriba aplicasen o que se nos pide ós de por aquí abaixo, porque non me parece que se poida elaborar un documento útil con verbos inútiles.

31.5.26

"Eu voun navegar", de Farruco Graña

O 23 de maio, dentro das actividades de "Letras no Campo" de Ribadeo, participei na presentación de Eu voun navegar, o novo libro de Farruco Graña. Quero, antes de nada, agradecer que o amigo Farruco me convidase a participar no acto e tamén a cita á miña persoa no propio libro, innecesaria e, asemade, excesivamente xenerosa.


Eu voun navegar recolle relatos, a maioría inéditos, e colaboracións en prensa do autor. Como homenaxe a un amigo do Courel, o autor flexibiliza a norma no título ("voun"), seguindo a estela doutras obras que o fixeron recentemente: Avelaíñas eléctricas de Sica Romero, Vrao de Lois Alcaide, Ninguén queda de Brais Lamela etc.

Máis alá diso, na obra o autor dialoga, aínda que de forme ben distinta, con xente relevante da nosa cultura: Uxío Novoneyra, Manuel María, Sarmiento, Suso Peña... Cada unha desas persoas ten un peso específico notable en distintos relatos e de cada unha delas colle un aspecto relevante: o tratamento da toponimia de Novoneyra, a paisaxe de Manuel María etc. 

Máis alá da diversidade de historias que se contan, aínda que eu penso que non se lle pode colgar a etiqueta de “narrativa social”, no sentido de “denuncia de inxustizas” –ou se cadra si-, o certo é que abundan as pinceladas, ou estacazos máis que pinceladas, de denuncia e de compromiso, por outra parte acordes coa biografía do autor: As Encrobas, ALTRI, Xove nuclear, os últimos asasinatos do franquismo, Gaza... son algunhas das alusións que podemos atopar no libro.

Benvida sexa esta nova achega de Farruco Graña, que xa vai facendo méritos para ser considerado "o narrador de Bergantiños".