Cando eu era pequeniño tíñalle medo ós comunistas, á Garda
Civil, ó Cuchufrito e ó can de Filomena.
O can de Filomena saíame ladrando ó carreiro da igrexa, que
pasaba a carón da súa eira, cada vez que eu ía por alí. Tardei en decatarme de
que os seus ladridos non eran unha ameaza senón unha prevención, xa que non se
me perdía nada naquela dirección.
O Cuchufrito torgueaba polos camiños mentres os medía de
lado a lado, con media botella de augardente no peto da chaqueta e outra media
no papo. Levaba un podo ó ombreiro por se aparecía unha toxeira que rozar a
cambio dunha cunca de caldo e dúas de Ribeiro. Pero nunca lle fixo mal a
ninguén.
Á Garda Civil tíñalle medo porque un veciño sempre me dicía
que me ían levar preso porque seica eu lle prendera lume ó río con fentos
verdes e mistos sen cabeza. Era mal home, que iso a un neno non se lle di, pero
deixei de terlle medo á parella cando me crucei unhas cantas veces con eles e
nin me miraron.
O peor era o medo ós comunistas. Eu non coñecía ningún, nin
sabía que pinta tiñan, pero morría co medo a que se me aparecese
un e me fixese calquera desas moitas cousas malas que eles disque facían.
Pasábame coma a Don Celidonio cos sindicalistas e como supoño que lles pasará a moitos nenos de agora se
lle prestan algo de atención ás declaracións de certos agoreiros, referíndose
ós novos camiños que parece coller a política do País. O único que lles falta por dicir é o
que Antolín Mediante puxo en boca dun personaxe nun dos seus
poemas, publicado en Ecos vegadenses na primeira quincena do 31 (nº 161): se
veñen os comunistas vas ter que compartir a muller con todos:
[...]
Fragmento dun poema sobre a situación política na época |
Ningún comentario:
Publicar un comentario