Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

30.9.08

Fronteiras - IV

EMPEZA AQUÍ
Illas en terra firme
De calquera maneira, en todos estes casos, o problema radica en situar o marco aquí ou un pouco máis alá; hai continuidade, por así dicilo, xa sexa por terra firme ou mar por medio. Pero non sempre sucede; atopamos tamén casos de “illas”, de enclaves totalmente rodeados de terreo pertencente a unha administración distinta (autonómica, provincial, ...). Os dous exemplos máis coñecidos son o Condado de Treviño e Rincón de Ademuz.

O Condado de Treviño está dentro da provincia de Araba, pero pertence administrativamente a Burgos. Trátase de 50 localidades que se reparten por uns 320 km2, agrupadas en dous concellos: La Puebla de Arganzón e Condado de Treviño, que é o máis extenso e o que lle dá nome a todo o enclave.

Pertence a Castela desde o 1200, pero houbo numerosas peticións para incorporarse ó territorio de Araba, a última en 1980. En xaneiro dese ano o concello de Treviño aprobou unha moción na que se solicitaba a incorporación á Comunidade Autónoma Vasca. Catro meses despois a sala do contencioso administrativo da Audiencia Territorial de Burgos desestimou o recurso.

Aínda en xullo de 2001 un representante de Tierra Comunera-Partido Nacionalista Castellano (TC-PNC) levou unha proposta ó pleno da Deputación Provincial de Burgos na cal instaba a defender o carácter burgalés e castelán do Condado, rexeitando calquera intento de desvincular o territorio destes municipios da provincia de Burgos. Quizá conveña indicar que esas intencións secesionistas veñen, sobre todo, dos propios veciños do Condado, que se senten atraídos polo avanzado desenvolvemento socioeconómico de Euskadi.

Desde o punto de vista lingüístico, non hai que esquecer que as dúas comunidades teñen unha realidade distinta: en Euskadi son cooficiais o castelán e o euskera, e en Castela ―Condado de Treviño incluído― só é oficial o castelán.

A pesar disto, só con consultar a web do colexio público Condado de Treviño, intúese claramente que a situación real non cadra coa lei castelá. Alí podemos ler o seguinte:

“La lengua de aprendizaje de nuestros alumnos y alumnas será el castellano, introduciéndose desde Educación infantil como segunda lengua el inglés. Además, dada la situación geográfica del Condado de Treviño y la costumbre de la zona de seguir la formación académica de los chicos y chicas en Vitoria, se imparten de forma extraescolar y con carácter voluntario clases de euskera, cuya organización corre a cargo de la APA y el Ayuntamiento del Condado de Treviño”.

“De forma extraescolar y con carácter voluntario”: iso é o mesmo que a lexislación permitía para galego, catalán e euskera nos últimos anos do franquismo. Parece que aquí o estatismo do espazo se lle aplica tamén ó tempo.

Rincón de Ademuz é territorio valenciano, pero está entre Teruel e Cuenca. Ocupa uns 370 quilómetros cadrados e comprende sete municipios: Ademuz, Casas Altas, Casas Bajas, Castielfabib, Puebla de San Miguel, Torrebaja e Vallanca. Entre todos teñen uns 3.000 habitantes, dos cales máis de 1.000 residen en Ademuz.

Antes pertencía ó Reino de Aragón, pero no século XIII pasou ó de Valencia. Desde entón sempre foi valenciano, salvo dous curtos períodos a comezos do século XIX. A delimitación do terreo non estivo exenta de polémica, e aínda a mediados do XIX houbo serias trifulcas entre os habitantes de Casas Bajas e os seus veciños conquenses, que os acusaban do grave delicto de arrincar algunhas matas no seu territorio. Durante o conflicto chegouse a tomar gando como reféns, por pacer en pastos da súa propiedade.

Estes son, probablemente, os dous casos máis coñecidos, pero pola Península adiante podemos atopar bastantes máis exemplos, aínda que de menor extensión. Véndoos no mapa, parecen caprichos de topógrafo. Trátase de pequenos espazos de terreo ubicados totalmente nunha provincia distinta á que pertencen.

Á parte dos dous casos xa citados, Barcelona ten dous enclaves en Lleida, Cantabria ten unha zona en Biskaia, Burgos ten dous enclaves na Rioja e un en Palencia, Ciudad Real ten fragmentos entre Badajoz e Toledo, Córdoba en Sevilla, Girona en Barcelona, Guadalajara en Madrid, Lleida en Barcelona, Madrid entre Ávila e Segovia, Navarra dúas zonas en Zaragoza, Palencia dous enclaves en Cantabria e dous en Burgos, ademais Palencia posúe tamén anacos entre Burgos e Cantabria, Tarragona en Barcelona, Valladolid en León, e tamén entre León e Zamora, e Biskaia entre Araba e Burgos.

Nalgúns casos son terreos de cultivo, sen habitar, pero noutros hai núcleos de poboación.

25.9.08

Fronteiras - III

EMPEZA AQUÍ
Máis cerca: raias que se moven


Hoxe Leith pertence administrativamente a Edimburgo, como pertencen a Zamora os tres concellos montañosos das Portelas: Lubián, Porto e Hermisende. Pero non sempre foi así. Segundo conta Felipe Lubián, ata 1789 foron galegos, entre 1789 e 1822 pertenceron a Valladolid, desde 1822 a 1833 formaron parte da provincia de Ourense, e desde aquela son territorio zamorano. A pesar de tanto cambio, o galego segue vivo alí.

Poderiamos falar tamén do Couto Mixto, actualmente territorio ourensán, pero que estivo baixo dominio da casa de Bragança (portuguesa), e tamén foi territorio independente; tanto é así que os homes desas terras non cumprían o servizo militar en ningún dos dous países. Incluso houbo tempos nos que cada veciño escollía a administración á que quería someterse, e indicábao poñendo na soleira da súa casa un P de Portugal ou un G de Galicia.

Non hai tanto que a “intelixencia” americana poñía de actualidade o caso de Olivenza, concello estremeño de fala portuguesa, porque portugués foi no pasado. Aínda é hoxe o día que Portugal non renunciou oficialmente a este territorio, pero tampouco o reclama, e moito menos de xeito conflictivo, como seica indican os informes da CIA.

Tamén foi sonado o caso de Perexil, ata que un día “al alba, y con tiempo duro de Levante” as cabras marroquís volveron pacer en chan español, despois duns días de desconcerto. Daquela soubemos tamén da existencia das Chafarinas, de fermoso nome, e das puntas de Alhucemas e Vélez de la Gomera.

24.9.08

Fronteiras - II

EMPEZA AQUÍ
Entrando en materia: xogos, alcohol e partos prematuros

Hai algún tempo estiven en dúas reservas indias no estado de Conéctica, en EEUU. Eu quería ver cabanas cónicas, cabeleiras cortadas e cabezas de vaqueiros reducidas espetadas en estacas, pero atopeime con dous macrocasinos: Foxwods e Mohegan Sun Casino. En Conéctica e en varios estados veciños está prohibido o xogo, así que os indios mohicanos, facendo valer dereitos ancestrais que lles permiten decidir libremente sobre os seus territorios, puxeron en marcha estas iniciativas sen competencia en moitas millas á redonda. O negocio está asegurado, pero non deixa de ser curioso que en pequenas zonas dentro dun amplo territorio sexa legal o que no resto é delito.

A suite 212 do hotel Claridge de Londres é territorio iugoslavo desde o 17 de outubro de 1945. Nesa data e nese lugar estaba para nacer o herdeiro do trono de Iugoslavia, e tiña que facelo no seu país para non perder os dereitos sucesorios. Entón o goberno de Churchill realizou os trámites necesarios para que esa suite fose territorio iugoslavo, de xeito que o neno puidese herdar cando lle chegase o momento. A xenerosidade británica non lle valeu de moito, porque Iugoslavia non volveu ser unha monarquía, pero a fronteira segue aí.

En realidade, esta excentricidade tampouco é orixinal. Xa os romanos facían algo similar. Determinadas decisións tiñan que tomarse en territorio de Roma, e para evitar ter que desprazarse desde sitios distantes, acoutaron e declararon chan romano diversos lugares por todo o seu imperio.

Na Leith Wolk, unha rúa de Edimburgo, puiden ver o lugar onde estaba o Boundary Bar ― bar da fronteira―, sobre o que se conta unha simpática historia:

Leith, onde hoxe está o porto desta fermosa cidade escocesa, foi distrito separado ata 1920, ano no que quedou anexionado a Edimburgo. A liña divisoria pasaba xusto polo medio do Boundary Bar, en perpendicular á barra. O bar tiña dúas portas e cada unha daba a un concello distinto. Como as dúas vilas tiñan diferente horario de peche, a unha determinada hora o dono cerraba a porta afectada e obrigaba ós clientes a agruparse na outra punta da barra. O detalle pode resultar gracioso, pero se o analizamos friamente, é ridículo.

23.9.08

Fronteiras - I


Serie tamén publicada  en forma de artigo na revista Animal (nº 15).

INTRODUCIÓN
O galego-fetén, como diría Manolo Rivas, cando fala da fronteira, de calquera tipo de fronteira, soe referirse a ela como “a raia”, e cruzar a fronteira é “pasar a raia”. A todos nos teñen dito algunha vez que non nos pasemos da raia, e todos temos pensado algunha vez que o problema non é noso; o problema é da raia, que está onde non ten que estar.

Por culpa das raias ten corrido moito sangue, pero non quero afondar agora por este camiño. Non é a miña intención falar aquí dos que morreron por querer cruzar a raia que fendeu Berlín en dous durante anos, tampouco me vou acordar da raia que fan medrar agora os israelís para vergonza de todos, nin de tantas outras raias de sangue.

Voume referir a unha serie de situacións menos conflitivas nas cales a liña divisoria trazada para a administración do terreo non parece nin natural nin lóxica. A miña intención é relativizar o papel das fronteiras na sociedade actual e a súa utilización como corte brusco en espazos culturais comúns.

Sei que abordar este tema desde o país do minifundio pode parecer un pouco ousado. Non van tan lonxe os tempos nos que había fungueirazos porque unha vaca pacera medio metro máis alá da estrema do veciño, ou porque este cortara o carballo que medrara xusto no linde que separa dúas propiedades. O enfrontamento acababa moitas veces no xulgado. Rara era tamén a parroquia na que non había un veciño con sona de cambiar os marcos das súas leiras, de noite, para que estas medrasen un pouco á conta das do estremeiro. Tamén son frecuentes as liortas entre concellos para establecer con claridade os seus dominios. Claro que esta transcendencia dos lindes non é algo exclusivo de Galicia.

11.9.08

Club Financiero de Vigo: Política lingüística. Unha visión empresarial - e VI

(Sen moitos detalles, que o aburrimento vai a máis e, se o asunto me cansa a min, que fará nos lectores...)
18-
A título de exemplo, valla a observación do proceso experimentado por Irlanda que, sendo unha comunidade bilingüe, baseou o seu crecemento na súa clara e decidida opción polo inglés, sen por iso descoidar a recuperación e protección do gaélico.
O que eu dicía: o inglés. Pero os irlandeses teñen ben claro cal é o seu idioma e cal non.

19-
Todo iso tradúcese nunhas expectativas de mercado e interacción económica que teñen precisamente como nexo de unión a lingua común.
Si, ho, si! Non vexo eu que os empresarios corran precisamente a facer negocios en Venezuela, Cuba, Bolivia, Salvador, Ecuador, Colombia...

Cunha cegueira impropia de quen pertence ó mundo empresarial, os do CFV ignoran as portas que lles pode abrir o galego pola vía da lusofonía, sobre todo nun mercado emerxente coma o brasileiro. Sirva como exemplo a cámara de comercio de Tenerife, que bota man dunha galega de Ribadeo para actuar como intérprete nas súas reunións cos empresarios caboverdianos.

20-
A capacidade de comunicación medra na medida na que se recorra a unha lingua que é accesible a un número máis amplo de persoas.

E tamén medra a capacidade de comunicación se se saben máis linguas, digo eu... É que non me cabe na cabeciña a idea esa de que estudar galego implica non saber outras linguas. Tan pouca capacidade lles supoñen os do CFV ós nosos alumnos?

21-
Na actualidade, o español- tamén lingua propia de Galicia-
... pois non é iso o que di o Estatuto de Autonomía aprobado democraticamente. Tanta cita legal ó comezo do folleto para vir agora con isto!

22-
Sen embargo, da información da que dispoñemos dedúcese que é España o único país occidental no que, en amplas áreas do seu territorio, non é posible aprender a un rapaz na lingua oficial do conxunto do país.
Se cadra o problema está na delimitación da oficialidade das linguas do país. Tamén niso poderiamos mirar o que pasa noutros países. Xa falamos diso.

23-
Suxírese un modelo flexible baseado no principio do dereito á elección da lingua docente por parte de pais ou alumnos ...
Supoño que tanto poderían escoller uns coma outros, ¿non? Ou sexa dobre sistema escolar, como sucede no País Vasco, que seguro que é o modelo que os do CFV admiran.

E pensaron tamén os do CFV nos custes? Ou xa non importan os cartos? Sería rendible ese investimento?

E se os nenos galegofalantes van a convivir cos castelanfalantes na rúa, no cíber, na piscina, no campo de fútbol, na praia, na tenda das lambetadas, no autobús, no noitebús, no parque, no pub, na escola de música, nas clases de aerobic, nas de petanca, no campamento, nos cursos de verán en Irlanda, na discoteca, na biblioteca, na ludoteca, na ligoteca, ... ¿non será mellor que convivan tamén nas aulas? Non creo que ninguén vaia quedar parvo por oír un infinitivo conxugado (se o oe) no pupitre do lado.

24-
ademais, a flexibilidade fomentaría a vinda a Galicia de profesionais moi necesarios para o desenvolvemento económico e social.


Se hai algún profesional que non vén a Galicia pola situación real en materia lingüística, ben contentos poden estar os empresarios por librarse de xente tan limitada. Aínda habían de estar agradecidos os do CFV de que o galego os disuada.

Outra cousa é que non veñan pola situación de Galicia que se difunde fóra de aquí, allea á realidade, aproveitando accións coma a difusión do documento do CFV. Sempre hai medios que está á espera de que lles dean unha mínima oportunidade para describir unha situación que nada ten que ver coa realidade pero que deixa convencido a quen non ten outra fonte de información. Un exemplo xa o citei antes, pero se cadra cómpre recordalo.

A algúns o único que lles falta por dicir é que aquí cada mañá almorzamos un neno castelanfalante e que, en festas sinaladas coma o Día da Patria ou o das Letras Galegas, descuartizamos uns cantos para botalos en taquiños na queimada mentres berramos coma posesos o de mouchos, curuxas, sapos e bruxas.

Se os do CFV tivesen un mínimo de responsabilidade e interese polo país, pensarían nas consecuencias dos seus actos antes de botar a lingua a pacer.

25-
Dende 2005, e especialmente a partires da publicación do Decreto 124/2007, as posibilidades de escolarización en español para os nenos de Ensino Primario e de lingua materna castelá son prácticamente nulas. Algo semellante sucede- ainda que en menor medida- co ensino nos seus niveis secundario e de bachalerato, nos que na práctica totalidade das escolas- sexan públicos, concertados ou privados- o español desapareceu ou ocupa un lugar residual, pois a lingua vehicular é o galego; as materias troncais impártense nesa lingua, tendo o castelán tratamento de lingua estranxeira ou é utilizado nalgunhas materias menores, como Música, Relixión, Ximnasia ou Manualidades.


Non me fago responsable de como lle pode sentar ós da Conferencia Episcopal iso de chamarlle "materia menor" á Relixión. Volvo ó rego...

Todas as medidas de política lingüística que tomou o actual goberno están recollidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade nos últimos tempos do goberno anterior e que leva a sinatura de Manuel Fraga como responsable último.

Sempre me preguntei porque, igual que sucedeu coa cidade da cultura, ninguén se opuxo publicamente daquela. Se o motivo era o medo ou a ausencia de liberdade para opinar, o cambio de goberno ben mereceu a pena. Se o cambio de actitude é outro, especialmente nos representantes políticos que daquela apoiaron o PXNL e agora cuestionan as medidas da Xunta, haberá que preguntarlles pola súa coherencia.

9.9.08

Club Financiero de Vigo: Política lingüística. Unha visión empresarial - V

(Como o asunto xa me aburre, voulle dar algo de color)
16-
...a ninguén se lle escapa que, nun mundo globalizado e dirixido cada vez con maior intensidade á ruptura de fronteiras, erixir novos muros é unha estratexia que, tarde ou cedo, acabará volvéndose contra quen a promove.

Fai falta ter ben poucas luces e ben pouco mundo para identificar o estudo dun idioma co descoñecemento doutros e coa construción de “muros”.

Aitor e Ángela estiveron París. Carmen estivo nun sitio de Alemaña que non recordo. Cristian vai para Viena. Eva está en Londres; antes estivo en Torino, Erfurt e noutro sitio de Alemaña que tampouco lembro, e asistiu a cursos en varios países máis. Iván está en Munich; antes estivo en Viena, Oslo e Ljubljana. Javier está en Colorado; antes estivo en Manchester, en Carolina do Norte e noutro sitio de EEUU que tampouco recordo. Lidia está en Manchester. Lucía estivo en Londres. Fiamma está no sur de Suecia. Marlene está en Tenerife; antes estivo en Edimburgo e Dublín. Tamariña estivo en Miami. Santi estivo en Berlín... Podería seguir. Todos son reais. Todos teñen nomes e apelidos. Todos foron alumnos meus e estudaron galego cando xa se oían os mesmos ridículos argumentos que se oen agora sobre barreiras que separan. Todos saben moito máis de globalización cós garrulos que perpetraron o panfleto do CFV. Algúns deles tamén saben de condicións laborais precarias na nosa Terra.

17-
Lingua e economía
A lingua constitúe un dos principais alicerces da economía. O imparable crecemento da globalización, dos fluxos comerciais e dos procesos produtivos, a crecente internacionalización dos mercados de bens e servizos, a mundialización das actividades económicas e o amplo despregamento intercultural ou da sociedade do coñecemento, fan que as linguas teñan cada vez unha maior relación coa economía, especialmente as linguas ponte ou internacionais.
(...)

Digámolo sen voltas, que xa imos cansos desta leria: a todos nos gusta moito falar da cantidade de persoas que estudan castelán no mundo, como nos gusta exhibir o número de estudantes estranxeiros que aprenden galego nos cursos de verán da USC ou nos corenta lectorados de galego que hai en universidades de fóra, pero sabemos que, na práctica, sacado Portugal, en Europa o castelán ten a mesma utilidade có galego: NINGUNHA. E fóra de Europa os mercados emerxentes, onde a maioría dos empresarios queren colocar os seus produtos, son a India, China e Brasil, onde o castelán é igual de inútil.

Cómpre que saibamos castelán porque sería de parvos ignoralo, pero non busquemos escusas de internacionalidade que hoxe non se sosteñen.

Dentro das institucións europeas vense dando unha aposta máis ou menos decidida pola diversidade desde o Covenant on Civil or Political Rights de 1966 e, especialmente desde a Declaración de Galway –outra vez a Irlanda que tanto fascina ós redactores do panfleto- de 1975.
Pouco a pouco, os estados foron cedendo poder en dirección descendente, cara ás partes que os integran, chámense rexións, cantóns, comunidades autónomas ou como sexa, e en dirección ascendente, cara á UE. No plano lingüístico deuse unha evolución paralela: a diversidade foise facendo cada vez máis visible, evidenciándose idiomas que antes estaban absolutamente silenciados e, simultaneamente, reforzouse cada día máis o papel do inglés como lingua franca, quedando os outros idiomas estatais, entre eles o castelán, relegados a un papel cada vez máis próximo ó de linguas tradicionalmente minorizadas como é o caso do galego. Canta máis dispersión, máis concentración.

Pero a ameaza para o castelán, se é que a hai, non vén por abaixo senón por arriba. Non entendo como os que tanto se laian do perigo que seica corre o castelán nalgúns lugares de España perden munición disparando contra idiomas coma o catalán, o galego ou o éuscaro, que nada lle poden facer, e non se inmutan ante o inglés, que está entrando a saco e de frac pola porta principal. En calquera franxa de 300 Km. da área mediterránea hai moitas máis emisoras de radio e publicacións escritas en inglés cás que podemos atopar en galego, catalán e éuscaro en todo o estado. Supoñen unha ameaza para o castelán?

A min non me preocupa, que como de todo sen problema, pero os que tanto se alarman coas arganas dos xureliños deberían ter máis coidado coas do congro, que as ten aínda que se lle poidan agachar. –E aínda habedes dicir que os do interior non sabemos de peixes-.

5.9.08

Club Financiero de Vigo: Política lingüística. Unha visión empresarial - IV

VÉN DE AQUÍ
8-
...convén lembrar que a Constitución Española recolle no seu artigo 3 que o castelán é a lingua española oficial do Estado e que tódolos españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala.

"Todos os españois teñen o deber de coñecela..."

DEBER: (infinit. del verbo deber.) m. Aquello a que está obligado el hombre ... (Diccionario de la Lengua española. Real Academia Española)

Que diciamos máis arriba das imposicións...?

9-
... tódolos españois teñen os mesmos dereitos e obrigas en calquera parte do territorio do Estado.

Interesante, interesante, ... Supoño que iso tamén valerá para os dereitos lingüísticos dos galegos fóra de Galicia, ¿non?

Poden os fillos dun un castelanfalante recibir o ensino en castelán en Madrid, Villanueva de la Serena ou Espinosa de los Monteros?
Poden os fillos dun galegofalante recibir o ensino en galego en Madrid, Villanueva de la Serena ou Espinosa de los Monteros?

Eh! Eh! Non me veñades coa letanía de que iso non é Galicia; antes quedaramos en que os dereitos lingüísticos os teñen as persoas, non os territorios.

10-
Ademais, o mesmo artigo sinala que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento, así como que ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua.

E por que non lle damos a volta ás negriñas, a ver que pasa:

os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento, así como que ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua.

Vaia. Xa ten outra pinta.

11-
A pregunta que procede facer é si, efectivamente, tódolos cidadáns de Galicia teñen eses dereitos ...

E por que nos temos que quedar en Galicia? Non estamos sempre dicindo que non hai que poñer un telón de grelos no Cebreiro? Cando teñamos o AVE no 2012 imos chegar a toda mecha a Valladolid. Imos conservar os nosos dereitos ou vannos quedar tomando un viño na Gudiña?

12-
É sinxelo de constatar que no seu desenvolvemento histórico, as linguas, como ferramentas que son, ‘se teñen soas’

Pois logo a que vén tanta preocupación? Xa non fai falta o Manifesto contra a angustia das clases humildes galegas. Os seus fillos van seguir podendo traballar na hostelería na capital. Dediquemos os nosos esforzos a ascender o Celtiña, que as linguas –supoño que tamén o castelán- mantéñense sóas.

13-
A lingua é algo tan persoal, tan definitorio e tan fondo como os nosos sentimentos.

Desta si que vou acabar chorando. A min tanto sentimento amoléceme a alma.

14-
Na nosa opinión, non existe unha materia na que o exercicio da liberdade sexa por definición máis intocable que o da lingua que falamos. Isto non quere dicir que, nunha situación de bilingüismo desigual, non se poda dende os poderes públicos estimular, incentivar ou promover o libre uso dunha determinada opción.

E como podemos “libreusar” algo sen coñecelo? Aí está a clave do Decreto 124/2007, e está ben claro nos obxectivos da LNL: acadar competencia similar nas dúas linguas oficiais para despois poder “libreescollelas”.

15-
Non son os pobos os que teñen lingua, senón as persoas.

E dálle!

CONTINÚA AQUÍ

4.9.08

Club Financiero de Vigo: Política lingüística. Unha visión empresarial - III

7-
Non está no noso ánimo entrar no debate sobre cal é a lingua dun territorio: en primeiro lugar, porque partimos da idea de que non son os territorios os que posúen linguas, senón as persoas.

Ultimamente leo con tanta frecuencia iso de que “non son os territorios os que posúen linguas, senón as persoas”, que vai camiño de converterse nun novo tópico.

Pois é máis que discutible, e cada Estado interpreta a situación segundo lle cadra. Vexamos:

Criterio de personalidade

Irlanda –país que máis adiante se cita como modelo a seguir-, Luxemburgo e Finlandia –ó que tanto se ulude ultimamente debido ós seus bos resultados no informe PISA- entenden, coma o CFV, que son as persoas e non os territorios os que teñen dereitos lingüísticos e, en consecuencia, basean o seu modelo de política lingüística no criterio de personalidade.

En Irlanda, por exemplo, a pesar de que saben que a inmensa maioría da poboación que fala irlandés se concentra en tres zonas (Donegal, Connemara e Kerry), declararon o irlandés oficial en todo o Estado porque en todo o territorio hai algunhas persoas que o falan.

E en España? Cómpre recordar aquí cantos miles de galegos residen noutras comunidades? Acaso non temos o país cheo de Casas de Galicia, Centros Galegos, Lares galegos? Serán os lugareños os que os crean por exotismo ou admiración ó noso ou será que os galegos andamos espallados por todo o territorio? Abonda con pisar calquera deses centos galegos un sábado pola noite para decatarse de que, non todos, pero a inmensa maioría desa xente fala galego. Ese é o idioma que usan entre tallada e tallada de polbo, entre tute e tute, entre cunca e cunca de viño.

E por que non defendemos o dereito deses galegos a poder usaren o seu idioma de xeito oficial alí onde estean? E por que non reclamamos para eles o dereito fundamental a educaren os seus fillos na súa lingua? A resposta é sempre a mesma: porque iso non é Galicia. Pero non diciamos que as linguas eran das persoas, non dos territorios...!

Criterio de territorialidade

Hai quen pensa que non son as persoas, senón os territorios os que teñen lingua propia. Así sucede en Suíza e Bélxica, que basean a súa política lingüística no criterio de territorialidade. Dividen o estado en zonas e dentro de cada zona só é oficial o idioma propio, coa excepción da área de Bruxelas no caso belga. A xente non importa. Se un habitante dunha zona se traslada a outra, sabe que o idioma oficial vai ser distinto e amóldase. Cómpre dicir que, en contra do que se poida pensar, a consecuencia deste modelo é que os habitantes de todo o Estado soen acabar tendo un dominio suficiente de todas as linguas do seu país e a mobilidade non é ningún inconveniente. As tensións, que se dan principalmente en Bélxica, teñen moitas máis motivacións económicas ca lingüísticas.

Criterio "á carta": personalidade ou territorialidade segundo conveña
E que sucede en España? Que criterio usamos? Pois unhas veces o de territorialidade e outras o de personalidade, segundo o castelán saia máis beneficiado.

Para Galicia e para as outras comunidades con lingua propia escolleuse o criterio de personalidade, porque así ten entrada oficial o castelán: en Galicia son oficiais o galego e o castelán porque hai falantes dun e outro idioma.

Para o resto do territorio escolleuse o criterio de territorialidade porque así non teñen cabida oficial os idiomas que alleos a ese lugar. Por exemplo, a pesar de que en Madrid residen moitos galegos (moitos deles galegofalantes) non é cooficial o galego porque iso é Castela, non Galicia.

Modelos semellantes son os que se adoptan en Portugal co miradés ou en Italia con idiomas do norte. Son territorios polos que antes pasaron seres chamados Franco, Salazar, Musolini, ... Casualidade?

Seguramente cando se aprobou a Constitución e o Estatuto de Autonomía non se puido facer outra cousa, pero tamén é certo que noutros países aplícanse modelos de política lingüística diferentes ó noso, con resultados bastante mellores tanto para a convivencia coma para o dominio de idiomas.

3.9.08

Club Financiero de Vigo: Política lingüística. Unha visión empresarial - II

EMPEZA AQUÍ

Vexamos algúns fragmentos do documento:

1-
... procuramos estar presentes, de maneira responsable e co rigor necesario, no debate de todos aqueles temas que, como empresarios e cidadáns, poden afectarnos.

Paréceme ben a idea. Só lle falta levala a cabo. O rigor no documento, como veremos, escasea máis cá castidade nun burdel. E é de supoñer que un informe así, tan serio, foi elaborado coa colaboración de expertos que facilitaron datos obxectivos e asesoraron como se debe. Imaxino que, nos últimos seis meses, non fixeron outra cousa a metade dos sociolingüistas galegos. Como non haxa máis rigor en asuntos económicos do Club, aviados imos...

2-
Que Galicia sexa unha comunidade bilingüe debería ser unha vantaxe, e difícilmente pódese xustificar que a preservación dunha lingua poda converterse nunha cortapisa para a aprendizaxe e a 'competencia' noutras.

Deixando a un lado o pronomicidio e se cadra aínda o concepto de “comunidade bilingüe” / “comunidade diglósica”, non hai nada que obxectar a este fragmento. O malo é que, dito isto, nada hai no resto do documento que favoreza o bilingüismo e a situación preséntase sempre como se aprendizaxe do galego implicase o descoñecemento do castelán.

3-
Como responsables da educación das futuras xeracións, pais, administracións e educadores deben esixir e fomentar un ensino que garanta competencia suficiente aos nosos fillos para enfrontarse aos retos do presente e do porvir.

Pois diso se trata, de garantir competencias, pero ningún neno as vai adquirir por arte de maxia. As competencias non se adquiren unicamente desde as clases de lingua nin tan sequera só desde a escola. Cómpre habilitar espazos de uso escolares e extraescolares para as linguas nas que se pretende ter competencia. O castelán debe estar presente no ensino, pero a súa situación social permite que o seu uso e a súa competencia estean garantidos polo contexto extraescolar. Dito sen voltas: tendo en conta o que escoitan falar moitos nenos no seu contorno, a música que escoitan, a TV que ven, os cómics e as revistas que len, as webs que visitan, etc., etc., é absolutamente imposible que non teñan competencia activa e pasiva en castelán. Non sucede o mesmo co galego, sobre todo nos espazos urbanos.

Xa que falan de retos actuais, de globalización e de conceptos similares, non lles viría mal ós autores do documento tratar de averiguar algo sobre as estratexias europeas cara ó multilingüismo, sobre siglas coma CLIL ou EICLE (Enfoque Integrado de Contidos e Linguas), sobre o informe ELAN do 2007 ou sobre os da Comisión Europea do 2003 e 2008. Aforrarían moitas das parvadas que din.

4-
A experiencia doutros países, que, sen renunciar á defensa das súas linguas vernáculas minoritarias...

O adxectivo “vernácula”, aínda que está amparado polo dicionario, ten un sabor algo reseso para referirse a linguas. A nosa lexislación, que en posteriores apartados do documento se esgrime, usa o termo de lingua “propia”. Noutros países menos escrupulosos, que tamén se citan máis adiante como modelo, como é o caso de Irlanda, usan o concepto de lingua “nacional” para referirse ó gaélico ou irlandés.

5-
... optaron pola súa difusión sen imposicións, debería servirnos como referente.

Xa me tardaba en aparecer a historia das imposicións. Desta vez teño o traballo feito.

6-
A nosa postura, xa que logo, non está sostida en criterios de carácter ideolóxico ou político.
Xa, xa, ...

Club Financiero de Vigo: Política lingüística. Unha visión empresarial - I


Procurei sempre non malgastar o meu tempo atendendo canto comentario de taberna relacionado coa lingua pasa por diante da porta, pero ultimamente son tantos os estímulos que non hai corpo que ature.

A última chega desde o sur, de mans do Club Financiero de Vigo (CFV) que acaba de facer público o documento “Política lingüística. Unha visión empresarial”. Trátase dun libelo que fai que hoxe esperte do letargo estival no que andaba eu sumido.

Vaise sabendo agora que tal arroutada se elaborou e se deu a luz de costas ós socios, que non coñecían a existencia do documento, e que moitos deles non comparten o seu contido. Pero aínda que algúns queiran agora amañar o asunto, o mal xa está feito: o impresentable contido xa tivo eco na prensa e, en canto lle toque a vez, sei eu dalgún columnista manipulador de por aquí e dalgún comentarista radiofónico de por alá que rematarán a faena terxiversando máis aínda a realidade. Baste como exemplo este fragmento publicado no xornal de Pedro J. nada máis coñecerse o folleto do CFV:

"Los colegios públicos de la comunidad autónoma imparten la totalidad de la enseñanza en gallego, exceptuando en algún caso asignaturas menores como Educación Física o Religión. Los centros privados utilizan el gallego en todas las materias troncales, incluidas las matemáticas. Los padres no disponen de ninguna opción para educar a sus hijos en castellano, ya que ningún centro está autorizado a ello. Amplios sectores de la sociedad de esta comunidad autónoma han mostrando su preocupación por la imposición del gallego y la eliminación del idioma común. Especial angustia causa en las clases humildes de una región en la que conocer el español ha permitido acceder a puestos laborales en toda la geografía nacional, especialmente en el sector turístico".


Propoño a elaboración inmediata dun Manifesto contra a angustia das clases humildes. É así como se vai atizando o lume, é así como se crea fóra de Galicia unha imaxe da nosa situación lingüística que nada ten que ver coa realidade, é así como se desfai nun momento un camiño que tanto traballo leva construír.

Lerémolo con calma nas nosas próximas entregas, e comprobaremos como:

- A pesar dos principios establecidos no preámbulo, vese que está redactado só para defender o castelán, que seica periga moito nestas terras…

- Carece de rigor terminolóxico e argumentativo, caendo por veces en contradicións, amparándose na lexislación do xeito máis ríxido ou en apreciacións persoais contarias á mesma, segundo conveña ás súas teses.

- Cadra sospeitosamente coas teses defendidas por un colectivo que me nego a tomar en serio e a publicitar, calcando en ocasións fragmentos dos seus documentos.

- Demostra o escaso compromiso do sector económico coa nosa cultura, o cal evidencia un proceso de normalización inconcluso no que quedan por percorrer fases fundamentais.

- Para rematar, a versión galega do documento está chea de erros lingüísticos, o cal non di moito a favor de quen o redactou nin do colectivo que o avala.