Das
lousas paso ás
lápidas, con observacións deslabazadas,
que para iso estamos no verán e anda o mundo patas arriba:
I
Seica hai quen di que un país se coñece polos seus
cemiterios. Pois como sexa certo, imos aviados. De todos é coñecido que se nos
dá moi ben ter cemiterios sen xente:
Fisterra,
Bonaval… Non importa, tal como
se van poñendo as cousas, non sobra termos uns camposantos baleiros por se,
chegado o momento, temos que usalos como
okupas.
Tamén tivemos o detalle de meter os nosos galegos máis sobranceiros
nun panteón especial para eles: o
Panteón dos Galegos Ilustres. E despois
dámoslle as chaves
á Igrexa, para que nolos deixen ver só se lles
peta, non vaia ser que a alguén lle entren ansias patrióticas despois de
visitalos.
En calquera recantiño aparecen detalles que poden dar que
pensar. Hai uns días, os sempre tristes asuntos fúnebres leváronme a
San Miguel
de Tabagón, un lugar do Baixo Miño, case onde o río baleira xa o seu desánimo
no Atlántico, canso de ver e regar tanta desfeita, cos habitantes de
Santa Trega sempe vixiantes.
Nas lápidas do vello cemiterio que rodea a Igrexa nótase a proximidade
de Portugal, xa que case todas teñen foto do defunto, algo pouco frecuente na
Galicia profunda pero habitual ó sur do Miño. Polo que respecta á letra, salvo
unha lápida en portugués, todo o que se le está escrito en castelán. Debe ser que o noso país non ten idioma ou que non vale para morrer. Ou será que non
se sabe que país é este.
Se cadra é por iso polo que non hai bandeira no enorme
mastro que teñen á entrada da Igrexa, que pouco ten que envexarlle ó que
colocou o
minisTrillo na madrileña
praza de Colón. Pode ser que despois de
mercar tantos metros de estaca, ós veciños de San Miguel de Tabagón non lle
quedasen cartos para o trapo, pero eu creo que máis ben é que non sabían cal
poñer.
II
Máis sobre lápidas, pero non fúnebres:
Nun periplo enoturístico que me ocupou recentemente tamén
vin placas rechamantes en Logroño: placas conmemorativas patrocinadas. A
cousa mola. Non me parece mal que a empresa privada se implique en perpetuar
feitos destacables e patrocine os rótulos que os conmemoran, pero non deberían suplantalos como fixeron os de Alcampo na placa que reproduzo aquí. Tanto aumentaron o tamaño da súa imaxe corporativa que apenas se ven as
datas que a preceden e que son o motivo da homenaxe que xustifica a placa, supoño, que a empresa privada non é tan egoísta como para querer quedar co que non lle corresponde...
III
Non todo vai ser malo: iniciei a
colleita do meu aerohorto.
Pequeno tamaño, pero sabor exquisito.