Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.12.18

Espellos nos que mirarse.

Imaxe de Sabela collida de "RTVE a la carta"
Non son seguidor de OT, pero nos últimos tempos estiven atento a evolución de Sabela na edición  2018, que acaba de rematar. A galega nada en Ourol, criada nas Pontes e querida no País enteiro escolleu temas en galego para varias das súas actuacións. Demostrou, con naturalidade, o amor ás súas raíces, o orgullo pola súa lingua, e chegou á final co cariño de moita xente.

Eu estou convencido de que non son moitos os túzaros contrarios á diversidade cultural e lingüística e habían ser menos aínda se se fixese algo de pedagoxía aproveitando os medios cos que contamos, porque hai moito descoñecemento e iso alenta os prexuízos. Ocórrenseme, polo de pronto, dúas medidas ben simples:

1- Que os libros de texto de todo o Estado recollan con naturalidade a diversidade toda que existe e resiste, de xeito que calquera adolescente ó rematar a ensinanza obrigatoria sexa capaz de situar correctamente nun mapa os diversos idiomas de España, igual que é capaz de situar os ríos, os montes, as comunidades e as provincias neses mapas mudos que se reeditan por centos curso tras curso.

2- Que en TVE, onde parece que a música volve ter cabida -beizóns a Maika Makovsky- e nas emisoras públicas de radio aparezan con frecuencia intérpretes en todos os idiomas do Estado, de xeito que o sucedido este ano en OT sexa norma e non excepción.

Mentres, non perdemos a esperanza de que Sabela sexa un espello no que se mire a rapazada galega que seguiu a súa andaina no programa. Pero se alguén ve aí a súa imaxe desmellorada ten tamén espellos mediáticos distintos nos que mirarse, como aquela mozoula viguesa que participou hai anos en Gran Hermano e manifestou que lle deu “un bajón” cando descubriu que un mozo que lle gustaba falaba galego.

Escoller entre excelencia e mediocridade tamén é un dereito.

4.12.18

3.3

Vén o 6 de decembro. 40 anos da aprobación da Constitución que moitos defenden  sen tela lido nunca. 

Para que se coñeza un pouco máis, a miña rapazada de 2º de ESO A colaborou na elaboración deste pequeno vídeo.

7.11.18

Malas linguas



Non hai linguas malas pero si malas linguas e incluso linguas viperinas que pretenden destruír a diversidade e manter vellos privilexios.

Que estratexias convén seguir para sobrevivir nesta situación, nun tempo no que hai quen pon en cuestión dereitos que xa ninguén cuestionaba? Son útiles os marcos dos que fala Lakoff? Convén revisar a linguaxe e o discurso? Cómpre recalcar a lexitimidade das políticas lingüísticas? Que foi do argumentario que usaba hai anos o negacionismo? Como engadir aliados agora alleos ó compromiso lingüístico? Como sería a paisaxe lingüística se conseguísemos que o galego fose lingua por defecto?

Sobre estas e outras cuestións reflexionamos o 23 de outubro, na primeira das xornadas "Malas linguas", promovidas pola Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán.

Unha honra abrir a rolda de intevencións e compartir xornada con María Vázquez, Rosa Berrio, Jasone Mendizábal, Nel Vidal, Tina Formoso, Marcos Maceira e Diego Barros (desde a distancia).




Con María Vázquez, Jasone Mendizábal, Rosa Berrio e Goretti Sanmartín





30.10.18

A forza que vén de lonxe XV: Fran Beltrán, Julie Folwis, Sara Plaza.


Fran Beltrán chegou no verán desde Seseña a Vigo para facerse amo do mediocampo de Balaídos cunha destreza inusual nun rapaz da súa idade. Pouco máis de tres meses despois xa usa o galego nas redes sociais e incluso o utilizou oralmente na recollida dun premio ben merecido.

Julie Fowlis é unha escocesa con voz de anxo que lle puxo carne de pita a todos os que a escoitaron cantando Camariñas en galego e gaélico no Royal Albert Hall de Londres.


Sara Plaza é unha madrileña asentada na beira dun monte do norte, que escribe cousas tan bonitas coma esta. Hai tanta fermosura en cada palabra que prefiro non reseñar. Mellor ler todo. 

Foron moitos os comentarios de agradecemento agarimoso que se puideron ler nas redes e nas noticias que recolleron estes feitos en medios de comunicación galegos, que non se caracterizan precisamente polo uso do galego.

Eu estou convencido de que son poucos os galegos e as galegas túzaros, que renegan do idioma do País. Pola contra, somos multitude os que acollemos con simpatía calquera pequeno síntoma que axude no proceso de igualación da lingua galega, eternamente marxinada. Somos moitos os que agradecemos xestos coma os de Fran, Julie e Sara.

Eles son forza que vén de lonxe.

2.10.18

Dende Ribadeo a Tui (con Lago González ausente).

Dende Ribadeo a Tui era o título dun programa que Radio Pirenaica emitía en galego desde o outro lado do valado -seica desde Bucarest- en tempos nos que aquí caían estacazos por abrir a boca sobre certas cousas, non coma agora, que un pode dicir e rapear o que queira sen que lle pase nada...

Despois duns meses de descanso para a toupeira, fago memoria rápida e decátome de que ese programa recolle o comezo e o remate da xeografía dos meus últimos meses. O mapa que houbo entre punta e cabo ímolo deixar.

En Ribadeo comecei o verán acompañando unha vez máis a Quique Roxíos na presentación do seu libro Personaxe desconocido, desta vez na Feira do libro de Ribadeo. Moito me agrada a boa acollida que o poemario do amigo Quique leva tido desde que saíu, a comezos de ano.
Presentación de "Personaxe desconocido" na Feira do libro de Ribadeo

No Ribadeo indiano foi un pracer presentar e acompañar a Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo, na súa disertación sobre "Nacionalistas ribadenses na Arxentina: Lino Pérez e Clemente López Pasarón".
Con Eduardo Gutiérrez, nun acto do RIbadeo indiano

Despois de andanzas pola Europa de bastante alá, acabei agosto en Tui, onde visitei a catedral como nunca fixera, con audioguía e todo. Na entrada, un traballador moi amable preguntoume polo concello de procedencia e ó ver que eu non era xaponés deume a audioguía en castelán. Foi entón cando vimos un letreiro onde se informaba de todos os idiomas nos que dispoñían deste servizo, entre eles o galego. Volvemos atrás e pedímoslle o trebello en galego, para que nos contase a nosa historia alguén que falase coma nós.

- Como casi nadie la pide en gallego... -comentou o raparigo.

E pedina acaso en castelán? -pensei eu-. Por que hai que dar por suposto que o castelán é o idioma preferido polos galegos? Seguramente se a repartise para os nosos en galego por defecto, ían ser moi poucos os que solicitasen o cambio para o castelán.

Nin a existencia do bispo Lago González, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas no 74, vale para que na catedral de Tui haxa unha mínima sensibilidade coa lingua galega

Así andamos.

13.6.18

A forza que vén de lonxe XIV: "Dende Ribadeo a Varsovia. Unidos pola lingua."

Hai uns anos Borxa Logares era alumno do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Aquel rapaz medrou e hoxe é Lector de Galego no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia.

Aproveitando esa circunstancia, acordamos realizar un traballo audiovisual relacionando o noso alumnado actual co que estuda galego en Polonia. 

Se cadra mesturamos en exceso a perfección técnica coa despreocupación polo asunto, a formalidade coa espontaneidade, pero cremos que o resultado final é interesante e convida á reflexión sobre a importancia do noso idioma.

Agradezo a colaboración do alumnado de Varsovia e tamén a implicación das miñas alumnas Linda Aristizábal, Sara Logares, Julia García, Irene Logares, Marina Ramos e Aicha Rajouani

Velaquí o resultado:
CONTINÚA AQUÍ

21.5.18

A Veiga literaria e outros Ventos poéticos

O mes de maio estivo, unha vez máis, marcado pola literatura en todo o País, que non toda a poesía vai estar concentrada nas etiquetas do viño tinto,  e a beiramar do norte non foi unha excepción. Eu tiven a sorte de poder estar en dous actos que ben agradezo, un a cada lado da ría sobre a que un día riscaron unha raia:

O día 18 convidáronme a participar no evento A Veiga literaria, un encontro promovido por un grupo de amigos da Veiga, capitaneado por Abel Méndez

Con Natalia Riego, Belén Rico, Andrea Gonzélez, Arantxa Gonzáles e Lucía Iglesias
Na fermosa Casa da Cultura falei dunha ducia de autores e autoras relacionados, en maior ou menor medida, coa literatura e coa Veiga: Eustaquio Lago Galán, Álvaro Fernández Suárez, Antolín Santos Mediante, Federico Magadán, Herminio García Allande, César Montaña Álvarez de Ron, Armando Cotarelo Valledor, Cándido Sanjurjo, Crisanto Veiguela, Belén Rico Prieto, Viqui Veiguela e Eva Moreda.

Son doce nomes que se vinculan á súa lingua de maneira moi distinta pero todos teñen ou tiveron en común a intención de darlle algo de vida ó galego, sexa cal sexa a opción escollida para grafalo. 

Despois da miña intervención recitaron textos Natalia Riego, que tamén exerceu de presentadora, Andrea González, Arantxa González, Camilo Cotarelo e Belén Rico.


Agradezo o convite e desculpo o exceso da cartelería, que me anunciaba nos valados como "escritor". Seguramente alguén lle dixo a Abel Méndez que na casa teño un bolígrafo e algúns folios, pero ser "escritor" é outra cousa.

Cartel anuncando o evento
Dúas semanas antes, o 4 de maio, chegaran a Ribadeo Ventos poéticos de aquí e de acolá organizados polo Concello de Ribadeo. Elisabete Marques, de Lisboa, Quique Roxíos de Bual, Xuan Bello de Paniceiros- Tineo e Olga Novo da Pobra de Brollón recitaron textos seus que lle puxeron carne de pita a quen tivo a sorte de escoitalos. Houbo así acentos distintos, perfectamente coordinados pola tamén poeta Yolanda Castaño, que exerceu de mantedora do acto.

Previamente, pola mañá, Elisabete Marques e Olga Novo participaran no instituto nun encontro co alumnado de 1º de bacharelato.


Olga Novo, Elisabete Marques e Yolanda Castaño con Farruco Graña, Concelleiro de Cultura, e con persoal do instituto.
Foron dous eventos que demostran que, cando hai boa vontade, supéranse sen problema as diferenzas que alguén foi gravando na pel de cada un.

2.4.18

"Personaxe desconocido", de Quique Roxíos

Portada do libro
Hai uns meses Quique Roxíos cometeu a insensatez de pedirme que escribise o prólogo do seu último libro e eu cometín a insensatez de aceptar.
Cos textos de Quique, cos debuxos de Miguel Ángel de Blas que reproducen as imaxes rupestres da cova del Demo (Bual)  e coa miña introdución, a maquetadora Inés de la Peña deseñou para a editorial Canela un fermoso libro. Si, porque por moito que se diga que todos os libros son interesantes, o certo é que hai volumes bonitos e feos, e este é un libro ben guapo, como se diría por aquí. Cómpre felicitar a Pablo Quintana, que é o editor, polo seu labor.
Cartel da presentación en Bual
Nacido o neno, o Personaxe desconocido, estes días estivemos de minixira-presentación. Aínda que prefiro estar entre o público ca no altar, para min foi un pracer acompañar o autor e o editor nos dous actos que tiveron lugar para divulgar o poemario.
Presentación en Bual
O día 31 estivemos en Bual. A presentación foi un exitazo. O local quedou pequeno para o público e houbo xente que tivo que estar de pé.
Foi un acto entrañable. Iniciouse coa ambientación musical dos Toyemerendas. As intervencións comezounas o Alcalde, José Antonio Barrientos, moi agarimoso en todo momento. A continuación falei eu, despois o editor e rematou o autor, que tamén leu algúns dos poemas e asinou moitos exemplares.
Quique Roxíos recitando
Quique Roxíos asinando exemplares
Bernardo Penabade, que estaba entre o público e pensa en todo, emocionounos ó poñer ó teléfono a Hilda Farfante para que escoitase directamente de boca do autor o recitado do poema “Ancha ausencia”, dedicado a ela. Non me vou desviar agora do fío afondando na personalidade de Hilda Farfante, pero para saber o esencial abonda con reproducir dúas breves citas súas: “No dejéis a vuestros abuelos en las cunetas”, “Mientras tenga voz, hablaré de mis muertos”.
Bernardo Penabade contactando con Hilda Farfante. Quique Roxíos, agardando para recitarlle o poema.
O acto rematou con novas intervencións musicais de Toyemerendas, o grupo de “música popular circulante” liderado por Abel Méndez, con voz de Ruth Martín e acompañamento ó violín de Iose Valencia.
Toyemerendas
O día 1 a presentación tivo lugar na Caridá (El Franco). Nun local do “Complejo Cultural As Quintas”, que tamén ten “Sala de Exposiciones” e outras dependencias, foi a Alcaldesa Cecilia Pérez quen oficiou de anfitrioa. Despois de aludir brevemente ó labor que Quique leva feito en defensa do galego de Asturias, referiuse tamén ó seu propio compromiso en defensa da “fala” e indicou que no seu caso se centrara sobre todo en loitar contra as invasións dos galegos. A continuación falei eu, que comecei confesándome galego, pero prometinlle que non ía marchar de alí coa escritura de propiedade de ningunha das parroquias que ela goberna, así que ó final levámonos ben e compartimos cordialmente un café. O acto completouse coas intervencións do editor e do autor, igual que sucedera na xornada anterior.
Presentación na Caridá
Non houbo tampouco queixa da asistencia na Caridá, aínda que aquí sobraron algunhas cadeiras. É lóxico, tendo en conta que Quique non estaba no seu Concello e tamén que a presentación cadraba coa hora da misa.
En resumo, foron dúas xornadas ben agradables en boa compaña. Agora só queda que o público goce coa lectura do libro, que se pode adquirir na tenda virtual da editorial, e que sexa aire fresco para o galego de Asturias.

10.3.18

A forza que vén de lonxe - XIII: "As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas".

A SERIE EMPEZA AQUÍ
Portada de "As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas"

Un paxariño deses que anuncian primaveras tróuxome hai uns días As cantigas de Martín Codax en 55 idiomas, un traballo promovido e coordinado por Xosé Henrique Costas, que tantas boas iniciativas leva posto a andar a prol do noso idioma.

O título recórdame outra das súas ideas: 55 mentiras sobre a lingua galega, unha publicación imprescindible aínda agora para desmontar a enxurrada de ventos avesíos que nunca remata. Se este país fose normal, a súa multipresentación simultánea en cinco ou seis ducias de lugares distintos abriría os telexornais e enchería páxinas da prensa escrita. Como somos o que somos, tivo que conformarse con menos atención mediática cá que recibe un cogomelo de quilo e medio ó comezo de cada outono.

Este novo proxecto do amigo Quique foi posible grazas á implicación de moita xente. Como non quero omitir os seus nomes nin reescribilos todos, vai esta imaxe co limiar do coordinador, onde dá conta de todas estas persoas galegoamantes, como el as denomina acertadamente:
Limiar do libro, da autoría de X. H. Costas
Houbo un tempo no que eu quixen tamén agradecer publicamente o labor de persoas que desde todo o mundo botaban unha man na recuperación da dignidade para o galego e fun dando conta dalgunhas nunha serie de posts que bauticei como “A forza que vén de lonxe”. Despois, inxustamente, fun deixando a cousa, que non sempre un ten tempo, forza e autodisciplina para darlle continuidade a algúns camiños que abre.
Quero agora engadir este capítulo como homenaxe colectiva a todos os que axudaron a darlle internacionalidade ás cantigas de Martín Codax, case cadrando coa data na que o Pergamiño Vindel fai de novo a travesía cara á outra beira do Atlántico, igual ca fixeron miles de galegos ó longo de toda a historia.
A ver se estes meses de estancia coa fermosa silueta das Cíes ó fondo fai que un día fuxa da Biblioteca Morgan para regresar definitivamente  á beira das ondas do mar de Vigo, que é onde debe estar ese tesouro da nosa cultura.
[CONTINÚA AQUÍ]

27.2.18

"Un lugar tranquilo", de Benito Leiro: "fariña" legal

Portada de "Un lugar tranquilo"

A prensa internacional refírese con asombro ó secuestro do libro Fariña, de Nacho Carretero e ós recortes de liberdade en xeral na España amordazada. A orde de incautar o libro deuna unha xuíza que seica quere poñer así a salvo a honra dun vello político ó que relacionan con actividades ilegais.
Como era de esperar, a decisión provocou o efecto contrario e o libro, que xa levaba máis de dous anos no mercado, estase lendo e vendendo agora máis ca nunca, e iso que xa fora un éxito desde a súa saída.
O contido xeral non é moi distinto ó de Un lugar tranquilo. Contrabando, droga e corrupción nas Rías Baixas, publicado polo xornalista Benito Leiro xa en 1993. En internet pódese atopar o índice completo e ata se poden ler algúns capítulos enteiros.
O personaxe supostamente damnificado aparece no libro de Nacho Carretero nun único parágrafo e nunha nota a pé de páxina. O seu protagonismo non chega a dez liñas. Pola contra, no libro de Benito Leiro dedícaselle un capítulo de cinco páxinas (185 a 189) no que sae a mesma información  ca en Fariña e bastante máis aínda. A maiores, cítase en varias ocasións máis ó longo do libro e tamén aparece en fotos, igual ca outros de máis sona.
Sendo así, a min paréceme unha falta de consideración por parte da xuíza que mande secuestrar o libro que di pouco e ignore o que di bastante máis.
Eu quero que os libros en galego reciban a mesma atención cós libros en castelán, aínda que só sexa para que teñan tamén publicidade de balde e poidan ser un éxito e venderse e reeditarse e converterse en serie televisiva e saír na foto con Guardiola.  
Aínda que só sexa por iso.

19.2.18

A "línea". O reloxo da infancia

Eu nacín nun lugar onde o Candán se debruza xa definitivamente para beber no río que rega e bautiza o val. Deza dunha beira; Trasdeza, da miña. 

Sendo eu neno, a xente alí vivía do que vivía a maioría da xente do rural naqueles tempos: algo de aquí, algo de alí... e íase tirando.

Por alí pasaba a línea. Na barriga daqueles autobuses, que cada día ían de Vigo a Lugo e viceversa, poñía “Empresa Gómez de Castro”, pero por moi grandes e artísticas que fosen as letras, a xente chamáballe sempre “a línea”.

A línea levoume moitas veces a Lalín, algunhas veces a Vigo para cobrar "a beca" da Barrie e a Pontevedra para calquera asunto e, de paso, para verlle o cu pelado á mona da alameda. Pero, sobre todo, a línea marcou o ritmo da miña vida e o da miña tribo durante varios anos.

Daquela a estrada (PO-534) era mala, pasaban poucos coches, os motores facían moito ruído e os tubos de escape facían pouco por silencialo. Deste xeito, a línea era un referente temporal claro e regular para a xente, tanto se estaba na casa coma nas leiras. 
- Érguete, que xa subeu a línea!
- Hai que botar as vacas, que xa pasou a línea.
- Voume, que xa baixou a línea e hai que ir poñendo o xantar ó lume.
- Xa vai aí a línea e eu aínda así.
- ...
Entre Lalín e Aciveiro cruzábase a que ía cara a Vigo –para nós, a que subía- coa que ía de Vigo a Lugo –a que baixaba-. Así que, cun intervalo de menos de media hora entre unha e a outra, había dúas alertas cadra catro horas: contra ás oito da mañá, sobre as doce, aí polas catro e sobre as oito da tarde. Así todos, todos os días do ano, a non ser que a neve pechase o Penadoiro e houbese que buscar ruta alternativa. Cando era así, ata había o perigo de pasar sen xantar ou de botar o día na cama, porque a línea non cumprira co seu cometido de marcar o tempo.

Despois, os tubos de escape convertéronse en silenciadores, os motores naceron xa máis calados e a línea deixou de ser alerta desde a montaña ó val, plaxiando a Cabanillas. Os autobuses ata cambiaron de nome e de color, pero eu gardei sempre na memoria aqueles tempos.

Titular de "Praza Pública", 16/02/18
Estes días leo na prensa que hai algo de barullo porque suprimen este servizo. Supoño que é unha decisión intelixente para que non poidan marchar os que aínda quedan alí, para fixar xente no rural a base de incomunicalos co exterior. Pero para min é un roubo, o roubo do reloxo da infancia.

Autobús da empresa Gómez de Castro

12.1.18

Cereixas ilegais


- “¡Hay que cumplir las leyes!” –repite de vez en cando un tipo con barbas que seica manda moito e que despois desexa o Bo Nadal desde “Sangenjo”, porque ou non son iguais todas as leis ou non somos iguais todas as persoas.

O certo é que eu collín medo e por iso deixei de comer iogures ilegais. A min, saber sábenme ben as cereixas; pero cando as meten nun iogur escríbenlles por fóra “Villagarcía de Arosa”, así con LL e sen U, e eu sei que iso é incumprir a Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, que dispón no seu artigo 10 que "Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega".

Fragmento da etiqueta dun iogur con cereixa

Non creo que o fagan con mala fe. Debe ser por algunha reacción química non explicada, porque non pasa, por exemplo, coas mandarinas, que se mesturan co iougur sen provocar esa estraña reacción e no bote mantense o “Vilagarcía de Arousa”, que a lei di que debe ser.

Fragmento da etiqueta dun iogur con mandarina

A min gústanme as cereixas. Sábenme mellor cás mandarinas, pero non quero infrinxir ningunha lei, que non están os tempos para lerias.

Se cadra é que esas cereixas ilegais son fondo de armario que van camiño de esgotarse e tampouco é cousa de tirar con elas. Non perdamos a esperanza de que axiña haxa tamén cereixas legais, que non quero botar a vida comendo só mandarinas.