Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións

25.2.25

Polo futuro do galego

Hai dúas ou tres semanas contactaron conmigo desde o BNG para pedirme que colaborase na gravación dun vídeo opinando sobre algúns aspectos relacionados coa lingua galega. Non tiña nin teño eu nada claro que a miña opinión lle interese a ninguén, pero aceptei, como adoito facer en todo o que se me pide en defensa da nosa lingua e da nosa cultura en xeral, se me vexo capaz.

Daquela non sabía eu cantos nin quen eramos os seleccionados para a campaña, que acabou levando por título POLO FUTURO DO GALEGO. A miña sorpresa foi aínda maior cando souben que eramos só cinco persoas as escollidas e que as outras eran Carlos Callón, Valentina Formoso, Fernando Ramallo e Ana Iglesias. Quen coñeza un pouco a realidade galega saberá que se trata de xente relevante en todo o que ten que ver coa lingua, mentres que eu achego ben pouco a ese ámbito, pero o certo é que non é a primeira vez que teño a oportunidade de compartir equipo con compañeiros ben mellores ca min.

Ó longo da semana pasada fóronse facendo públicos os cinco vídeos e a min tocoume tirar o último penalti, xusto dous días antes da manifestación convocada por Queremos Galego para espertar as conciencias anestesiadas e dicir que seguimos vivos, esa manifestación que segundo algúns foi política, non coma outras, que eran alta cultura, disque.

E feito o estropicio, cómpre difundilo, así que velaquí deixo o vídeo, por se alguén non o viu ou non ten nada mellor que facer:


Como é normal, a gravación foi máis longa, pero despois editouse de xeito que non superase os tres minutos, como xa me indicaran. É por iso que agora, para completar este post, redactei o que, máis ou menos, recolle todo o que dixen ou non dixen porque cousas do directo pero que me gustaría dicir. Velaí vai:

1- Evolución.

O marco legal básico que se estableceu nos primeiros anos da democracia (Constitución, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística) foise desenvolvendo e o momento máis esperanzador foi a aprobación nos últimos tempos do goberno de Fraga do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Ese foi un momento esperanzador, pero en canto o bipartito comezou a aplicalo o PP, daquela na oposición, empezou a dinamitalo con mentiras coma a da imposición e en canto volveron ó goberno ralentizaron, paralizaron ou retrocederon, segundo os casos, o contido do PXNL.

2- O ensino.

O actual Decreto debería ser derrogado xa por dous motivos:

Primeiro porque é ineficaz para lograr o establecido na LNL que establece que a Xunta de Galicia ten que conseguir que o alumnado, ó remate de cada unha das etapas nas que o ensino é obrigatorio domine en pé de igualdade os dous idiomas oficiais da Comunidade. Iso non se consegue; cada vez hai máis rapazada incapaz de expresarse en galego aínda que o pretenda.

Segundo, polo que representa, porque simboliza un momento de mentiras e de xogo sucio que debería pasar á historia e non repetirse nunca máis.

O novo Decreto debería servir para que se cumprise o establecido na LNL: o dominio por igual de galego e castelán. Non vexo que mal pode haber niso. E hai modelos en Europa que se poden seguir, que funcionan. En Luxemburgo, por exemplo, toda a rapazada recibe o primeiro ensino en luxemburgués, independentemente do idioma que fale na casa. Despois vanse implementando outros idiomas e, cando chegan á adolescencia dominan varios. Aquí estamos empeñados en formar rapazada monolingüe en castelán.

É absurdo o que establece o Decreto do 2010, o actual. Se eu teño 100 horas para aprender a andar en bicicleta e a montar a cabalo e xa sei andar en bici con soltura, pero non domino o cabalo, é absurdo dedicarlle o mesmo tempo ás dúas aprendizaxes. Terei que compensar, dedicándolle máis horas ó que pero domino. Pois está demostrado que, globalmente, o dominio do galego é menor. Por outra banda, hai tamén cada vez máis nenos e nenas que falan en galego na casa pero pasan ó castelán en canto pisan o sistema educativo. Algo falla. O ensino é un espazo importante é hai que coidalo.

3- O consenso.

O consenso debería ser posible e, de feito xa o houbo. E se cadra non sobra recordar que quen o rompeu foi o PP. Non o digo eu; está nas hemerotecas. Algún tempo despois “anos da peste”, Agustín Baamonde, daquela portavoz de educación do Partido Popular, explicou nun acto do Consello da Cultura Galega que o PP non tiña pensado levar o tema do idioma á campaña electoral. Pero a aparición de UPyD, con teses similares ás de Galicia Bilingüe, fixéronlle pensar que lles ía sacar un Deputado e que podían non gobernar. Por iso decidiron incluír o tema da lingua no debate político. Efectivamente, os estrategas do PP fixeron un bo traballo e a manobra saíulles ben, pero ó galego fixéronlle moito dano.

"O tema da lingua non foi unha das prioridades do PP até a aparición de Galicia Blingüe que fixo medrar un caldo de cultivo sobre a necesidade de romper coa política lingüística do bipartito, non cos consensos anteriores".

«a previsible incidencia de Galicia Bilingüe e UPyD na bolsa de votos que podía decidir a cor do último e decisivo escano nas eleccións de marzo do 2009, foi o factor que levou os “estrategas” do PP a incorporar o tema da lingua na campaña “de xeito claro” coas promesas de derrogar o decreto do galego do bipartito e consultar os pais.» 

4- O pacto pola lingua e a politización do idioma.

Agora fálase da necesidade dun pacto pola lingua. Está ben. É necesario, pero debería levarse a cabo sen vetos e sen liñas vermellas e moito me temo que non está sendo así.

Dise que non se pode politizar o galego. Vale. Pode que non sexa bo para o idioma que estea no debate político, pero é necesario facer política lingüística e que esta sexa seria, non un paripé. Política lingüística faise e fíxose sempre en todo o mundo. Donald Trump acaba de suprimir o castelánda web da Casa Branca. Iso tamén é política lingüística. Por certo, non vexo que ninguén dos que sempre andan coa bandeira da defensa do “español” na man dixese nada. Pois ese si que é un golpe serio ó castelán, pero como o fixo Trump, que é un colega...

5- A liberdade

O da liberdade para escoller en que idioma falar é outra mentira. Para que se poida escoller libremente teñen que darse dúas condicións: que se dominen os dous idiomas por igual e que socialmente ningún deles estea estigmatizado. Esas condicións non se dan: hai moita xente incapaz de expresarse en galego e, por outra banda, o galego está socialmente inferiorizado. Con este contexto, non se pode falar de liberdade.


8.12.24

Falar cos enfermos

Lin hai uns días na prensa un artigo titulado El poder de la palabra en la curación del paciente. O seu autor é  Alberto Juffé Stein, Académico numerario e secretario da Real Academia de Galicia. 

O texto comeza afirmando que algunhas circunstancias actuais na atención sanitaria (as novas tecnoloxías, as sub-especialidades, a intelixencia artificial etc.) acabaron provocando que se deixe de lado o máis importante na relación médico-paciente: o poder que ten a palabra na curación do enfermo.

O texto ben merece atención demorada e, léndoo, eu cópiolle para o ámbito educativo algunhas das reflexións do autor, por exemplo: "La atención [...] es menos satisfactoria cuanto más tiempo dedicamos a la documentación electrónica". Pero vou deixar o carreiro do ensino e volvo ó da sanidade.

Boto de menos que o autor vaia un pouco máis alá e se decate de que, tamén na atención médica, hai palabras e palabras e non todas teñen os mesmos efectos: "La palabra es pharmacon, veneno o medicamente, según como se emplee", seica dixo Platón.

A diferenza entre usar unhas ou outras deixouna ben clara Elvira NercellasA actitude do paciente cambia se o médico lle fala en galego

Faro de Vigo, 11 de abril de 2021

Tamén o ten claro Mercedes Alburquerque, unha estudante murciana que sabe ben que vai desempeñar mellor o seu traballo se é capaz de comunicarse cos pacientes no seu idioma e por iso aprendeu galego.

La Voz de Galicia, 21 de novembro de 2019

Hai palabras e palabras e non todas curan igual. Reflexionemos. 

18.9.24

Secundino e o mar

 Un día pregunteille a Secundino:

- Existen as leiras do mar? Van cambiando os nomes na auga como cambian cada pouco na nosa terra?

- Existen -contestou, mentres me desescamaba unha robaliza salvaxe, non de granxa-. 

E empezoume a falar das leiras que percorría coa súa lancha: As Carrallas, O Guitón, Arredo, Panchorro, A Beirada da Fonte, Aviada, Ratas de Rinlo, Portelas...  Faloume dos motivos, da profundidade do mar en moitas delas, da composición do fondo... e de tantas cousas máis. Era o seu mundo e debullábao con paixón.

- E situaríasmas nun mapa se cho dou?

- Si, ho!

E poucos días despois foi riscando nos papeis as mesmas leiras das que me falara. Era o seu mar, o mar que fora a súa vida.



Mapas do mar de Ribadeo, cos talasónimos escritos da man de Secundino

Un día parou de golpe o motor da lancha que era el e agora hónrase á beira da súa ría, encabezado con palabras dun mar que el nunca dixo. E choran de pena Cunqueiro e Cabanillas, Manuel Antonio e Bernardino, poetas do mar noso que o entenderían ben e adorarían compartir con el palabras amigas na beiramar do norte.



17.5.24

A lingua dos colonos da chaira

Creo que nalgunha ocasión mencionei xa o asunto dos indíxenas do val ós que un día lles deron a escoller entre habitar a chaira descoñecida ou converterse en troitas no que, pouco tempo despois, ía ser o encoro de Grandas de Salime.

Non sei se antes houbo fouciños en alto coma en Castrelo de Miño, pero o certo é que máis de cen familias aceptaron coller o petate coas súas pertenzas, deixar debaixo da tona da auga os seus lares de Negueira de Muñiz e cabalgar ata Matodoso, Arneiro, Veiga de Pumar e A Espiñeira, na Terra Chá, onde enxeñeiros da ditadura deseñaran para eles vivendas tristes alleas ó estilo do país. Era a década dos 60. Pouco antes, todo aquelo non era máis ca uns ferrados de gándara en monte comunal.

FONTE: https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgn0B8WLbNeST0a5mX4EaAWcJDGbH16pneffPE4X10Q0XFphPWCX6WDQWAjyxHAXekLA3PiCZbagxUwtstPmYcPH63KsFl9VL0Qq6MRdKwE2aZX6qS49ZVjOzFSpjSX6YcBmnIVJA/s1600/Portada5.jpg

Preguntábame eu se os descendentes daqueles colonos conservarían na fala os trazos dialectais do galego de Negueira de Muñiz ou adoptarían plenamente a dialectoloxía chairega. Nunca vin ningún estudo sobre o asunto. Igual é que, postos a renunciar a pisar ladeiras encostadas e tripar planicies coma as de Castela, decidiron tamén falar castelán. Ou quedaron mudos de asombro, directamente.

E nisto caeu nas miñas mans Ninguén queda, de Brais Lamela. Merqueino porque cada vez gústame máis ler textos de xente que descoñezo e este é un dos casos. Ademais gustoume ese “Rúa do Lagarto” que figura na portada e que non sei a que se refire.

https://euseinoeditores.files.wordpress.com/2022/07/img_3350.jpg

Para non dicirlle ós posibles lectores máis do que debo sobre o contido da novela, copio un fragmento da contraportada:

“...Ninguén queda segue os pasos dun mozo galego na metrópole norteamericana que rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960”.

E dentro, nun dos momentos da historia, aparece este fragmento:

“O primeiro que me sorprende, cando as voces comezan a bater suavemente contra os meus oídos, é a cadencia do galego dos informantes, a prosodia da Fonsagrada, ese galego fronteirizo que lles deixaran aos seus fillos en herdanza, coma se ante o trauma do desprazamento foran quen de preservar un anaco do seu mundo con eles, sobrevivindo coma un membro fantasma tras da lingua”.

Tamén conta o caso dunha paraguaia que deixara de falar guaraní ó trasladarse a Bos Aires, pero aprendeulle ás súas netas a expresión “chevai kure háicha”, que as rapaciñas repetían con emoción por devoción a súa avoa despois do seu falecemento, sen saberen o que esas palabras significaban. Pero esa é outra leria.

O conto é que, polo menos na ficción de Brais Lamela, os colonos da Terra Chá chegados do val do Navia, das terras de Negueira de Muñiz que dormen baixo as augas do encoro de Grandas, transmitíronlle ós seus desdendentes os trazos dialectais do galego daquela beira do país. Na realidade, sigo sen saber se foi así. Que alguén o estude cando teña tempo e nolo conte.

31.3.24

Autores ribadenses en lingua galega: un nome máis.

Portada de "Autores ribadenses en lingua galega"

No curso 2000-2001 promovemos a elaboración dun caderniño de investigación escolar que se publicou co título de Autores ribadenses en lingua galega. Trátase dun traballo humilde, realizado por alumnado e profesorado do IES de Ribadeo en colaboración, pero feito con intención de divulgar, aínda que fose superficialmente, nomes non sempre coñecidos. 

Xa daquela indicabamos no limiar que eramos flexibles e xenerosos tanto na aplicación do concepto “autor” coma do adxectivo “ribadense” e, por suposto, tampouco entrabamos a valorar a calidade dos textos escritos, que non tiñan por que ser necesariamente literarios.

Con esas premisas, o autor máis antigo que fomos capaces de localizar foi Jacinto Romualdo López, nado en Ribadeo en 1808 e falecido en Mondoñedo en 1895. A el atribúenselle algúns vilancicos en galego que seica se cantaron na catedral de Mondoñedo en 1861.

Por unha publicación que descoñeciamos, sabemos agora que hai outro autor ribadense da mesma época, que tamén publicou en galego; trátase de Vicente Álvarez Miranda, nacido en Ribadeo o 30 de maio de 1817. Coñeciamos a existencia desta persoa, que mesmo ten rúa en Ribadeo, pero ignorabamos que fose autor de textos en galego. 

Xurxo Martínez González atribúelle a el a autoría dunha contundente carta publicada en El Eco del Comercio o 2 de agosto de 1835. Baséase para iso no forte anticlericalismo do texto e nalgúns trazos dialectais do mesmo. Quen teña curiosidade por entrar en detalles, pode ver o traballo completo nesta ligazón. Na páxina 147 desta publicación alúdese tamén a el de xeito abreviado.

Captura do traballo de Xurxo Martínez González (2012)

Por suposto, nunha actualización completa habería que engadir tamén nomes que daquela non tiñan nada publicado e que se deron a coñecer con posterioridade á publicación do noso traballo, pero a súa ausencia xa non se debeu á nosa ignorancia, senón o devir cronolóxico dos feitos.

18.7.23

Joselu, galego

Joselu é o futbolista de moda nos últimos meses: debutou coa selección española, marcou goles importantes, fichou polo Madrid...

Foto: Faro de Vigo

Joselu Mato naceu en Alemaña pero criouse en Silleda. Nese noso concello deulle as primeiras patadas ó balón e tamén tocaba o clarinete na Escola Municipal de Música. Daquela era Triana para todos. O Director seica lle dixo un día: "Deixa o balón e aplícate á música, que do fútbol non vas vivir". Xa se ve que tiña bo ollo.

Joselu axiña fichou polo Celta e despois por varios equipos de España, Inglaterra e Alemaña. Estivo moitos anos a un bo nivel polo mundo adiante, pero o éxito indiscutible tardou algo en chegar. Nos dous últimos xa non houbo dúbida da súa calidade: no Alavés e no Español converteuse nun dos futbolistas máis rendibles. Goles desde a humildade.

En Silleda celebraron os seus éxitos e decidiron honralo: engadíronlle o seu nome ó campo de fútbol, que agora se chama Estadio do Outeiriño Joselu Mato, e os da Escola de Música dedicáronlle unha sentida homenaxe.

Nese acto, alguén de Silleda fixo de speaker e falou todo, todiño en castelán. Despois colleu o micro Joselu, que naceu en Alemaña e leva anos vivindo en lugares distintos de España, de Alemaña e de Inglaterra e falou como falaba de pequeno: en galego.

Outro gol de Joselu que celebramos desde a distancia, de paso que lle desexamos que anote moitos máis.

6.12.21

Axuntar

Imaxe de "Axuntar" no Facebook

Os grandes gurús da comunicación saben ben, seguindo a Lakov, a importancia de apropiarse das palabras transparentes con connotacións positivas e endosarlle ó rival as que transmiten sensacións negativas.

É o que fixo hai anos a dereita corrupta cando conseguiu que as cabeciñas da xente identificasen "corrupción" co socialismo de Felipe González, daquela no poder, e é o que fai o fascismo que se apropia para si da palabra "libertad" como cabeceira dos seus colectivos e dos os seus medios de comunicación, nos que hai de todo menos iso.

Vénme todo isto á cabeza observando algúns movementos que se están dando ultimamente en Asturias en relación co debate sobre a oficialización das súas dúas linguas propias, o asturiano e o galego, a carón do castelán, que xa o é porque así se impón no artigo 3 da Constitución, sen discusión e sen debate ningún.

No medio de toda a algarada, aplaudo especialmente o nacemento de Axuntar, un colectivo que supoñemos promovido por Quique de Roxíos, a quen nunca se lle pagará suficientemente o seu labor continuado, sereno e atinado desde que, sendo un mozoulo, formou parte daquela ilusionante Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca.

É moi intelixente a elección do nome por parte da xente de "Axuntar", porque ninguén poderá negar as boas sensacións que hai detrás dese verbo: unir, coordinar, traballar en común... Ademais, coñecendo a Quique, un sabe que non hai nada de impostura na proposta. Axuntarse é o que precisan todos os que realmente teñan interese en que as variedades lingüísticas autóctonas de Asturias non sigan esmorecendo; os que realmente teñan interese en que os seus falantes non sexan, na práctica, xente de segunda. 

Da súa parte teñen a razón e a lei, xa que incluso desde o Consello de Europa, informe tras informe condenan a escasa defensa da diversidade lingüística no estado español, por moito que o art. 3.3 da Constitución estableza que é un "patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección".

En contra, un le todos os prexuízos que en Galicia coñecemos desde hai moito tempo. Hai que contar con iso e desmontalos un a un coa forza da verdade e da razón. E cando se vaian desmontando, han crear outros coa mesma función: manter os privilexios de quen pode permitirse o luxo de vivir con normalidade sendo monolingüe en castelán. E haberá que seguir facendo pedagoxía para que tamén eses novos prexuízos queden en evidencia.

Polo que un vai vendo, a xente de Axuntar está falando con todos pero moi clariño, como cómpre facer. Agardamos que o seu labor non caia en terra erma porque "a forza de tanto amor non pode ser inútil".   

10.6.21

Licor de Ribadeo para Don Celidonio

[Imaxe tirada de https://editorialgalaxia.gal/produto/o-porco-de-pe/]

Cando en O porco de pé o Doutor Alveiros acabou sucumbindo ós encantos do poder máis indecente -e do amor-, e aceptou acudir á festa-paparota coa que os "súbditos" de Don Celidonio o agasallaron, atopou unha mesa onde non faltaba de nada:

E levouno arrastro ó comedor estilo español, onde estaban as persoas de respeto, arredor da gran mesa onde campaban inmensas tartas, colosais brazos de xitano, pasteis enormes, montañas de pastas, pasteis, masas [...] namentres nos apartados había botellas de xeres, tostado, porto, champán, coñac, benedictino, chartreuse, ron, anís, curaçao, xenebra, kumel, e caixas de cigarros.

O kummel (kümmel, kumel) é unha especie de augardente con orixe nos Países Baixos que seica tivo especial aceptación na zona do Báltico. Desde Riga houbo en tempos tráfico marítimo fluído co porto de Ribadeo e entre as mercadorías que de aló se traían estaba o kummel, que chegaba á península a través deste porto da beiramar do norte e distribuíase despois polo resto do país. Disque ese era o motivo polo que lle chamaban "licor de Ribadeo" a tan distinguida bebida nas tascas da capital.

Cóntanolo Cunqueiro en Papeles que fueron vidas e Cunqueiro das cousas de comer e beber seica entendía, aínda que tamén entendía de fabular, así que quen sabe... O conto é que el escribe:

Los marineros compraban en Riga especialmente el aguardiente perfumado de cominos, el kümmel, y lo traían al país. Tanto traían que el primer Kümmel que se bebió en España y en Galicia fue conocido como licor de Ribadeo, que los veleros ribadenses El joven Antoñito y Flora Paquita eran los máximos transportistas del sabroso licor.

Afortunadamente, Don Celidonio, que quería posuílo todo, non acaparou todas as reservas do licor de Ribadeo, porque eu teño oído que nalgunha casa ribadense aínda se conserva algunha botella desde aqueles tempos. Quen dera probalo! 

12.11.20

Indigna dúbida

- Vinte sigros predicando 

caridade pra esa duda!

Foi a resposta que lle deu Curros, convertido en personaxe, ó Papa León en O Divino Sainete cando a Súa Santidade expresou os seus medos a que a Igrexa quedase sen recursos se renunciaba ás súas riquezas para axudar os máis necesitados.

O Papa aceptou a proposta do poeta porque se decatou de que esa dúbida era indigna: non podía ser que as xentes de ben abandonasen a Igrexa, ignorando tantos séculos de valores cristiáns, de bondade, de caridade...                                    

O episodio paréceme aplicable a cantos se empeñan en sacar as navallas cada vez que se amaga con retirarlle ó castelán os privilexios dos que vén gozando desde hai séculos e colocalo en pé de igualdade coas outras linguas oficiais do Estado, ou polo menos permitir que se lle acheguen algo.

O máis evidente destes privilexios é a obrigatoriedade do coñecemento do castelán para todos os cidadáns españois; inxusta imposición blindada na Constitución, que non se establece nin se pode establecer para ningún outro idioma -por iso houbo que modificar a redacción inicial da Lei de Normalización Lingüística- e que tampouco se establece explicitamente para a maioría dos idiomas estatais da UE.  

E os que sacan as navallas -case sempre mentindo- son os mesmos que pregoan que o castelán é un tesouro que nos permite comunicarnos con milleiros de millóns de persoas do mundo, que o estuda por todo o planeta outra presada de milleiros de seres, que é o idioma no que se escribiu o Quijote e no que cantou Manolo Escobar, que o seu descoñecemento provocaría o caos desde Fisterra a Cap de Creus...

E sendo así..., acaso pensan que nalgún recuncho do país a xente é tan parva como para renunciar ó seu coñecemento? É necesaria tanta blindaxe? Pensan que o castelán corre algún perigo? Tantos séculos predicando virtudes para esa indigna dúbida, Papa León!

7.9.20

A (non) transmisión xeracional da lingua

Empezamos un novo curso e unha vez máis segue sen modificarse o fatídico Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Nin se modifica o decreto nin se vela polo seu cumprimento efectivo, de xeito que a escola segue a ser, neste sentido, eido a monte e as consecuencias para o (non) uso da lingua son cada vez máis evidentes.

Cando sae o tema, é frecuente escoitar que o problema non está no ensino senón nas casas porque as familias non educan en galego os seus fillos. Aí tamén. O problema está en todos os lados.

Pero tamén observo cada vez con máis frecuencia pais e nais, sobre todo entre os 30 e os 40 anos, que lle falan galego ós seus cativos e que non conseguen que estes o acaben convertendo no seu idioma habitual. Cando son pequeniños, fálano ou mestúrano co castelán, pero en canto se escolarizan abandonan o galego como idioma de comunicación aínda que pais e nais sigan dirixíndose a eles en galego. Coñezo bastantes casos. E non vale dicir que un neno ou unha nena de catro, cinco ou seis anos está exercendo a súa liberdade a expresarse no idioma que queira. Non; a esa idade non se exerce esa escolla consciente.

Ante iso, non se pode seguir repetindo un día si e outro tamén que a causa da non transmisión xeracional está nas familias. Estará nalgunhas, pero hai outras que sofren as consecuencias de que non se planifique un sistema educativo que compense os desequilibrios que hai na sociedade. E xa van alá moitos anos de continuísmo.

Sobre iso xa se manifestou a Academia:

[...] cales son os motivos da creba da transmisión interxeracional do galego? O traballo explica que esta ruptura non é consecuencia tanto das decisións das familias, senón que máis ben procede de "aspectos relacionados coa súa escasa presenza na socialización secundaria", nomeadamente no ámbito escolar e de maneira especial en determinados contextos semiurbanos. Sobre o papel da escola, aínda que se evidencia que a institucionalización deu avances positivos, como demostra a crecente competencia para ler e escribir en galego desde os anos noventa, sinálase tamén que co último decreto neste eido, o 79/2010, asistimos a unha reversión dos avances conseguidos.

Pero vese que non se lle fixo moito caso.



30.7.20

Demasidos cristais rotos

Hai quen di que o declive dunha empresa empeza o día en que rompe un cristal da nave e ninguén se preocupa por repoñelo. Parece ser que ese pequeno detalle, aparentemente insignificante, é un indicio da decadencia inevitable, aínda que outras circunstancias parezan indicar boa saúde.

Se aplicamos iso ó trato que a Consellería de Educación lle dá á lingua galega, a conclusión é preocupante: centros de ensino novos con con rótulos de SALIDA en castelán coma se non existisen no mercado en galego; ascensores novos que só teñen audio en castelán, habendo tamén oferta en galego; erros de lingua en ferramentas que se lle facilitan ós centros (Aula Virtual, espazo web...); recursos en castelán no repositorio Abalar para materias que deben impartirse en galego... Xa teño falado diso noutros lugares

O último cristal roto é o Protocolo COVID, que se fixo público o día seguinte ás últimas eleccións. Máis alá das discrepancias que poida haber en relación co seu contido, trátase dun documento impresentable desde o punto de vista lingüístico: desde o CONTENIDO que encabeza o índice ata os planos con modelos de distribución das aulas, rotulados integramente en castelán, pasando por moitos outros erros que detectaría calquera alumno de secundaria medianamente preparado.

Fragmento do índice do Protocolo

Poderase dicir que eses son pequenos detalles no medio dun problema como o do coronavirus e nun conxunto tan amplo como é o labor da Consellería, pero o certo é que son xa demasiados cristais rotos.

7.2.20

10 anos de "55 mentiras sobre a lingua galega".


[55 mentiras... no Obradoiro. Autoría descoñecida]
 Se fose un feito acontecido na Europa central habería nos Museos litografías dos heroes xenerosos e unha citación nos mármores da historia. Pasou na Galicia. Terei que estudiar o asunto [...]
Con estas palabras reflexionaba Adrián Solovio en Arredor de si ante o seu descoñecemento dos detalles da "sanguenta batalla de Carral". Algo así podemos dicir da multipresentación de 55 mentiras sobre a lingua galega, da que estes días se cumpren dez anos: se pasase en calquera outro lugar do mundo abriría os informativos e sería portada de todos os medios escritos. Pero pasou en Galicia –mellor dito, pasou desde Galicia- e o caso que lle fixeron os medios foi máis ben escaso.

Eran os anos da peste, cando as mentiras sobre a lingua foron coartada perfecta para apañar unha presada de votos.

Cansos de tanta infamia, desde Prolingua decidiuse desmontar o argumentario da vergonza con razóns irrebatibles. Co capitán Quique Costas á cabeza, o equipo púxose en marcha e naceu o libro: 55 mentiras sobre a lingua galega. Os detalles cóntaos mellor ca ninguén Paco Fernández Rei nun artigo recente. Un séntese orgulloso de que o volume recollese de xeito case literal algúns dos argumentos que uns anos antes publicara en Tópicos sobre a lingua galega, que tamén ten a súa pequena historia.

Feito o traballo, o verdadeiramente insólito foi a presentación en público. Botando man de amigos, coñecidos e xente de ben, argalláronse 69 presentacións simultáneas noutros tantos lugares de Europa, América e Asia, nalgún caso cos lóxicos axustes horarios, que non é cuestión de meter a xente nestas cousas ás cinco da mañá. Foi o 5 de febreiro de 2010 ás oito e media da tarde. Nas semanas seguintes tivo lugar un bo número de novas presentacións. En total, unhas 200 persoas nas mesas falando do libro e da lingua e milleiros de persoas escoitando. Si, milleiros de persoas á mesma hora na presentación dun libro.

Se pasase en calquera outro lugar do mundo, abriría os informativos e sería portada de todos os medios escritos. Pero pasou en Galicia, onde a esperanza nos ollos se espreguiza, aran os bois e chove.


15.11.19

Ángel Santos Vila

[Se cadra convén ler o engadido do remate, antes de empezar a ler]

Nada sabía antes –e pouco sei agora- de Ángel Santos Vila, ata que dei con el por casualidade nunha listaxe de adhesións á III Asemblea das Irmandades da Fala en abril de 1921. Fixeime no seu nome porque o sitúan na Veiga (Asturias) e sempre tiven interese pola xente comprometida co galego no occidente de Asturias.
Santos Vila, na lista de adhesións á III Asemblea das Irmandades da Fala

Buscando algo máis na prensa da época, atopeino en A Nosa Terra (xullo de 1930) formando parte dunha incipiente Irmandade Galeguista de Ribadeo, a carón doutra media ducia de nomes, encabezados por Francisco Lanza.
A Nosa Terra, xullo de 1930

Consultando o índice de A Nosa Terra puiden comprobar que colaborou con certa asiduidade neste xornal, remitindo poemas e artigos de inequívoco compromiso nacionalista desde varios lugares do país. Farei un pequeno repaso destas colaboracións:

“Queixumes”
O texto máis antigo é “Queixumes”, un poema de (des)amor, datado en marzo de 1917 e publicado no nº 15 de ANT, o 10 de abril do mesmo ano.

Eu vivo sin amore, y-é moi triste
non tere a quen contare as negras penas
qu’amagoan e esnaquizan
o brando corazón de quen foi nado
pr’amar e mais pr’amar
[...]
“Galego e castelán ou o castelán polo galego”
O segundo texto publicouno no dobre número 67-68 (30 de setembro de 1918). É un longo artigo que asina como "A. Santos Vila, mestre nazonal", no que defende firmemente o uso do galego no ensino.

Dirixe o artigo “ós galegos de boa vountá” e di que é un chamamento “ó baril galego Fraiz Andón” e ós directores do resto das Escolas Normais de Galicia

Non podemos desterrar o galego d’as escolas porque é algo consustancial c’o neno e informa todo os eu mundo espiritual, toda a súa vida de pasiois, sentimentos, impresiois, ideias, pensamentos. Ire contra il é demolere unha persoalidá sagrada feita na infanza por un mestre perfeuto e infallibre: pol’a Natureza.

“Soilo”
“¡Soilo!” é o título dun poema datado na primavera de 1919, publicado no dobre número 85-86 de ANT (15 de abril de 1919) no que se contrasta a alegría da nova primavera coa tristeza da voz poética, que non ten compañeira que lle axude a mellor levar as durezas da vida. O texto está dedicado a Nucha Moreno. Seguramente se trate de Generosa Moreno, con quen acabaría casando:

Como en anos pasados voltou a Pirmadeira
d’arumes toda cheia, silente e bulideira,
con froles n-as ramaxes,
con páxaros trementes,
e tintes os paisaxes
por meigos debuxantes.

Unha vella anduriña voltou ô meu tellado
a faguer o seu niño donde o ano pasado:
cubiza teño d’ela
e d’o seu compañeiro
qu’os aluma unha estrela
qu’eu non hacho tristeiro.

Voltarán pirmadeiras, voltarán anduriñas
 e non terei o niño das probes ansias miñas.

Non terei compañeira
que m’axude a levar
a vida magoadeira
de cantar e chorar.
“Notas ó marxen da discusión”
Neste artigo (ANT, nº 102, 5 de outubro de 1919) fai un chamamento á concordia no medio das discusións que se daban xa na época sobre a liña que debía seguir a normativa do galego escrito.

Refírese a tres tendencias, recoñécelle ós defensores de cada unha delas boas intencións e convida a non enfrontarse por cal debe ser o modelo normativo. O importante, di, é acadar o uso xeneralizado do galego e deixar que o tempo diga cal é o camiño normativo máis acaído para o noso idioma.
Tres ourentaciós se marcan n-a escritura ortográfica d’o galego: a portuguesa, a fonética i-a tradicional. ¿Cal d’elas seguire? Ningunha e todas. A nosa! A qu’o tempo faga nosa. Porque ou temos persoalidá ou no-a temos. Se a temos, cómpre o seu robustecemento, a súa diferenzazón, a súa idiosincrasia persoalísima sin misturanzas. Si no-a temos é valeiro e necio pertendere sere o que non somos, deixando de sere o que con outros imos sendo.

[...]

Veña galego. Muito galego. Fagamos galego de abondo. Imitemos a maioridade i-os millores; percuremos qu’os rótulos d’os estabrecementos de todas crases sexan en galego; qu’os anuncios, os xornás, toda folla imprentada, esteñan en galego. Falemos galego n’a casa, n’a rúa, n’o círuclo; esquirbamos ôs parentes, os amigos, ôs comerzos en galego.
 Remata o artigo retomando a idea inicial, pedido sosego e irmandade:
Acougade, hirmáns, e non rifemos sin causa. Somos hirmáns. C’o tempo, xa virán as uvas a maduro.

“Cuaderns d’estudi”
“Ollando a Cataluña” é o antetítulo deste título en catalán que aparece no nº 103 de ANT  (25 de outubro de 1919).

Santos Vila fala neste artigo da revista Quaderns d’estudi, editada en Barcelona e que se reparte de balde entre todos os mestres de Cataluña. O autor glosa o contido fundamental dos catro números que posúe e informa sobre a súa orientación de renovación pedagóxica, lamentando que en Galicia non suceda algo similar:
Cando nós conqueriremos a forcia económica necesaria pra faguel-o mesmo! Cando desenrolaremos no pobo o sentimento patrio, o nazonalista, o d’a dinidá racial que nos permita unha aución cultural semellante? Ouh, catalás!

“Deus e o noso idioma”
Publícase no nº 118 de ANT, o 25 de abril de 1920. A partir dunha anécdota que sitúa nun pazo do Ribeiro, o autor reflexiona sobre o absurdo que é que a xente galegofalante renuncie ó seu idioma para rezar.

Afirma  que ese abandono do idioma propio é incluso unha ofensa a Deus, un pecado no sentido relixioso do termo, xa que Deus apreza a verdade, a autenticidade da persoa, os sentimentos afectivos máis íntimos.
Eu me pergunto por que se reza en castelán n’as aldeias, donde se fala decote en galego, e non dou con razós ningunhas, e soilo alcontro causas pelengrinas e abafantes. Son as mesmas que van desleigando, desnaturalizando e castelanizando as nosas vilas e cibdades; son o rexime políteca d’a Hespaña, a hexemonía irritante i hestórica d’unha rexión d’a Iberia e o descoñecemento d’os nosos propeos valores ô fitar de cotío pr’os d’o Berzo pra aló.

“Follas secas”
É un poema publicado  no dobre número de ANT correspondente ó 5 de novembro de 1920. Ó longo do texto, describe detalladamente  unha paisaxe de outono para concluír dicindo que a melancolía propia dese ambiente invade tamén o seu corazón.


“Xifras doentes”
Poema publicado no nº137 de ANT (31 de marzo de 1921). Desta vez a voz poética sitúa a acción na primavera, pero mantense no personaxe a mesma melancolía de poemas anteriores. A acción describe os sentimentos dun home namorado que observa no toro dun castiñeiro o nome da muller amada, que tempo atrás gravara coa esperanza de que ela chegase a velo. Pero ela nunca soubo dese feito, así que aquelas letras carecen de sentido para quen repare nelas.



“As primeiras neves”
Neste poema, publicado no nº 143 de ANT (1 de xullo de 1921), a voz poética rebélase contra os primeiros indicios da vellez ó observarse reflectido nun espello.



O traxe galego
É o último artigo de Santos Vila en A Nosa Terra. Publicouse no nº 185, o 15 de maio de 1923. Desta vez o autor critica o espírito folclórico dunha exposición de traxes rexionais que vai ter lugar en Madrid, pero ó mesmo tempo di que é necesario o evento para que se decaten de que a diversidade cultural do Estado non se vai amalgamar nunha nova identidade por moito que o intenten desde o poder central:
Isa proieutada esposición é nacesaria. É nacesaria para que os cegos e xordos de Madrí que non se asomaron á rialidá d’a Hespaña, por iso decadente, se procaten de que eisisten persoalidades carauterísticas, fisionomías propias, nacionalidás, espritos, culturas, civilizazóns, modalidades, idiosincracias raciales n-a mesma, que non é dado pertender uniformar, anular, asoballar, con pretestos imperialistas, con fins egoístas de hexemonías odiosas, con tópicos unionistas trabucados de melloramento social.
Remata o artigo pedindo que os galegos rescaten o uso do traxe rexional con orgullo, fachenda e dignidade, non como se ve de cando en vez nas vilas e cidades, só en corpos de gaiteiros, de actores de teatro bufo ou dalgunha autoridade, porque tamén “séculos de asoballamento centralista acabaron c’a xeometría xenuína d’os nosos xastres”.


OUTROS DATOS
Aí rematan as colaboracións de Ángel Santos Vila en A Nosa Terra. Non sabemos que sería dos seus destinos a partir desta data (1923) e, sobre todo, co asentamento da ditadura franquista despois do golpe de estado do 36.
Relación de colaboracións de A. Santos Vila en A Nosa Terra.


Facendo algunhas pescudas en internet atopámos varias alusións a Ángel Santos Vila. Tendo en conta as datas e os datos, damos  por suposto que se trata da mesma persoa, aínda que non temos a certeza.

Aparece como autor do libro Por la raza. Para ser sanos y fuertes, publicado en Burgos en 1922, que acabou sendo prohibido nas escolas de Asturias en 1937 polas súas propostas euxenéticas.


En 1933, no libro Escalafones del Magisterio, figura un Ángel Santos Vila, nacido en Lugo o 9 de xullo de 1891. Infórmase de que foi Premio extraordinario e figura no primeiro escalafón de mestres de escolas nacionais.


O 28 de marzo de 1954 publícase no BOE a resolución favorable dun recurso promovido por Ángel Santos Vila contra a Orde da Dirección General de Enseñanza, do 16 de maio de 1951, pola cal se lle facían descontos no seu salario a favor da “Institución de Huérfanos del Magisterio”.


Máis recentemente, atopamos en El Progreso un artigo asinado por José de Cora no cal fala con detalle de Generosa Moreno, viúva do mestre Ángel Santos Vila. Polo contido do mesmo sabemos, entre outros datos, que Santos Vila faleceu en Sacramento o 4 de xaneiro de 1966 e que ese mesmo ano constituíuse unha Fundación co seu nome. 


Buscando, buscando... seguramente se pode dar con máis datos deste interesante mestre que formou parte da irmandade galeguista de Ribadeo, pero un xa vai indo canso e é a hora da merenda.


ENGADIDO [7/02/20]:
Despois de redactarmos e publicar esta entrada, soubemos da existencia do poeta Adolfo Santos Vila, nado o 27 de novembro de 1899 en Poboa de Trives e falecido o 15 de setembro de 1928 ó guindarse desde a ponte que une Petín con A Rúa, concello  onde levaba tres meses como Director da Banca Barrie.

Como dicimos, Adolfo Santos Vila era poeta, polo existe a posibilidade de que algúns dos textos que citamos, asinados como "A. Santos Vila", sexa da súa autoría e non de "Ángel Santos Vila". Con todo, non o consideramos probable porque Ángel Santos Vila é inequivocamente o autor dalgún dos textos e no índice de A Nosa Terra atribúenlle a mesma autoría a todas as colaboracións.