Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

20.12.18

Espellos nos que mirarse.

Imaxe de Sabela collida de "RTVE a la carta"
Non son seguidor de OT, pero nos últimos tempos estiven atento a evolución de Sabela na edición  2018, que acaba de rematar. A galega nada en Ourol, criada nas Pontes e querida no País enteiro escolleu temas en galego para varias das súas actuacións. Demostrou, con naturalidade, o amor ás súas raíces, o orgullo pola súa lingua, e chegou á final co cariño de moita xente.

Eu estou convencido de que non son moitos os túzaros contrarios á diversidade cultural e lingüística e habían ser menos aínda se se fixese algo de pedagoxía aproveitando os medios cos que contamos, porque hai moito descoñecemento e iso alenta os prexuízos. Ocórrenseme, polo de pronto, dúas medidas ben simples:

1- Que os libros de texto de todo o Estado recollan con naturalidade a diversidade toda que existe e resiste, de xeito que calquera adolescente ó rematar a ensinanza obrigatoria sexa capaz de situar correctamente nun mapa os diversos idiomas de España, igual que é capaz de situar os ríos, os montes, as comunidades e as provincias neses mapas mudos que se reeditan por centos curso tras curso.

2- Que en TVE, onde parece que a música volve ter cabida -beizóns a Maika Makovsky- e nas emisoras públicas de radio aparezan con frecuencia intérpretes en todos os idiomas do Estado, de xeito que o sucedido este ano en OT sexa norma e non excepción.

Mentres, non perdemos a esperanza de que Sabela sexa un espello no que se mire a rapazada galega que seguiu a súa andaina no programa. Pero se alguén ve aí a súa imaxe desmellorada ten tamén espellos mediáticos distintos nos que mirarse, como aquela mozoula viguesa que participou hai anos en Gran Hermano e manifestou que lle deu “un bajón” cando descubriu que un mozo que lle gustaba falaba galego.

Escoller entre excelencia e mediocridade tamén é un dereito.

4.12.18

3.3

Vén o 6 de decembro. 40 anos da aprobación da Constitución que moitos defenden  sen tela lido nunca. 

Para que se coñeza un pouco máis, a miña rapazada de 2º de ESO A colaborou na elaboración deste pequeno vídeo.