Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.10.21

"Resaibo amargo", de Lucía Ferro

Portada de "Resaibo amargo"

Con sorpresa e ledicia recibín a publicación de Resaibo amargo, de Lucía Ferro (acrónimo dos seus dous apelidos), a quen hai anos tiven nas aulas.

Digo que recibín esta publicación con sorpresa porque descoñecía as afeccións literarias de Lucía, e con ledicia porque sempre me gusta ter novas do meu alumnado de tempos atrás, e se é por motivos literarios, máis aínda, porque me fai supoñer que non provoquei que fuxisen ás alancadas das nosas letras.

Con oracións breves que dan axilidade e compensan a minuciosidade coa que se contan os feitos, Lucía adéntrase nun tema novidoso, que eu saiba, na literatura galega: o comportamento mafioso e sen escrúpulos da industria farmacéutica, que prioriza os beneficios sobre a saúde da xente.

De paso, adéntranos no tema da violencia doméstica, que neste caso se dá no seo dun triángulo feminino no que non todas as integrantes son o que parecen, ou si. En Resaibo amargo,  salvo en momentos puntuais, os homes teñen un papel secundario, aparecen ben dosificados complementando a trama e pouco máis.

A novela publicouse en papel e tamén en versión descargable para Kindle. Despois da súa lectura, o único resaibo amargo que me queda é que non se publicase nun selo que puxese máis esmero na edición e que, de paso, traballase ben a promoción e distribución da mesma. 

En calquera caso, parabéns a Lucía pola súa ópera prima, co desexo de que detrás veñan máis.

Mariana é unha xornalista coruñesa farta de escribir columnas e desmotivada co seu traballo. O estrés acumulado xunto coa inestabilidade da súa relación amorosa con Elena afectanlle a súa saúde. Tras meses de molestias físicas o seu corpo dálle finalmente un ultimatun: se non cambia, acabará mal. Mariana debe decidir como vai a transformar o seu día a día. No proceso coñece a Inês, unha brasileira que traballa como visitadora médica e que tamén arrastra os seus propios problemas coa empresa farmacéutica na que traballa. Conseguirán os seus obxectivos laborais? Acabarán coa súa propia vida no intento?

(Da web da editorial)