Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

8.9.15

O soño de Xoán, de Farruco Graña

Un momento da presentación de "O soño de Xoán"
Hai un par de semanas tiven o privilexio de acompañar a Farruco Graña na presentación da súa novela O soño de Xoán, na Casa das Letras de Ribadeo, nun acto organizado pola A.C. Francisco Lanza.

O autor
Farruco Graña
Farruco Graña é profesor de Filosofía no IES de Tapia de Casarego, colaborador habitual na prensa escrita e virtual, activista cultural e político comprometido sempre co nacionalismo. Actualmente é Concelleiro de Cultura en Ribadeo. Un traballador incansable,  “pensador por libre, docente por conta allea e amante das letras” –copio da súa conta de Twiter-..
Como escritor estreouse en 2007 coa novela O bosque de Nadgor. Despois participou en varias obras colectivas: A Coruña á luz das letras (2008), Follas de carballo (2011), Contos da taberna (2014).
Algúns dos seus textos literarios foron merecentes de premios: Accésit no XVIII Certame Literario Manuel OrestesLópez, de Paradela, polo conto “O tren de Vialoudrid”; 3º premio na XV edición do Certame de Narrativa Curta “Ánxel Fole”, polo relato “Campanas de Anllóns” e 1º Premio na modalidade de narrativa do X certame organizado pola A. C. Rosalíade Castro de Cornellá, polo seu traballo “Badaladas de Anllóns”.

O soño de Xoán
Portada de "O soño de Xoán"
 Contido
A novela  trata sobre as peripecias de Xoán Lourido, un mozo ribadense afeccionado á astronomía, no Ribadeo do século XVII. O protagonista consegue unha copia do Somnium de Kepler e a partir dela, escribe a recreación dunha viaxe de ida e volta  á lúa desde o Monte de Santa Cruz. O seu interese pola astronomía acaba traéndolle problemas co Santo Oficio, xa que un inquisidor con orixes na zona pretende facer méritos ante outros colegas e as informacións que lle chegan con respecto a Xoán Lourido fan que lle bote o ollo para procesalo por bruxería e por ter lecturas contrarias á fe.
Máis alá da ciencia-ficción, na obra hai tamén unha importante compoñente histórica, o cal supón unha dificultade engadida para o autor ó ter que adentrarse nun proceso de documentación que se engade ó esforzo da propia escrita, da creación literaria en si.
Nesta liña, algúns dos aspectos presentas na novela son as relacións políticas entre a Península Ibérica e Flandres, as actividades da inquisición en Galicia, os anos da peste, a historia do porto de Ribadeo e as relacións comerciais con outros portos, a estrutura da vella vila amurallada, a configuración das rúas da vila, os movementos das augas e a toponimia da ría, as rivalidades entre os lugares das dúas bandas da ría, etc.


Outra imaxe da presentación de "O soño de Xoán" en Ribadeo
Estrutura
A obra  estrutúrase en tres partes:
A 1ª, situada na primeira metade do século XV, ó meu modo de ver funciona como contraste á seguinte, que é a que supón o groso da novela. Nesta primeira parte asistimos a un tempo de relación comercial intensa de Ribadeo con outros lugares, o cal permite a entrada de novidades necesarias para o posterior desenvolvemento da trama. Ao mesmo tempo, é un período de bastante tolerancia relixiosa e de convivencia pacífica entre crenzas distintas, simbolizada na cidade de Toledo. 
A 2ª parte, situada na segunda metade do século XVI e, principalmente, primeira do XVII, correspóndese cunha etapa dominada pola intolerancia relixiosa, polo fanatismo e polos comportamentos dos seguidores do Santo Oficio. 
Na 3ª parte nárrase o soño de Xoán, a súa viaxe sideral, que tantos problemas lle causou.

Outros aspectos formais e de contido
Ó longo da novela o autor utiliza distintas perspectivas narrativas e alterna a narración con amplos fragmentos dialogados. Todo isto favorece o ritmo da novela e axuda, por veces, a situar os tempos do relato, xa que aínda que en xeral a historia se desenvolve cronoloxicamente, hai pequenos saltos adiante e a atrás.
Farruco Graña domina o vocabulario galego vivo e tamén o moribundo, os cultismos e o léxico popular, polo que podemos falar de riqueza léxica na obra, o cal non impide algún erro lingüístico e algunha pequena gralla, como sucede en practicamente todo o que se edita.
Está presente a fantasía, a relixión, o amor, o humor,… está presente, en definitiva, unha diversidade de elementos formais e de contido que fan de O soño de Xoán unha lectura ben recomendable.
Cartel da presentación de "O soño de Xoán"

Actualidade
A pesar de que o novela se centra nun momento do que nos separan uns centos de anos, tamén vemos fíos que nos conducen á actualidade, á realidade sociopolítica máis próxima:
“Que bo acerto teñen os monarcas que saben coidar da diversidade dos seus reinos” (p. 21).
 “A diversidade cultural estábase a converter en base da súa riqueza” (p. 106)
Eu non podo evitar ler eses fragmentos en clave actual, tendo na cabeza a recentralización política e o proceso de uniformización cultural ó que asistimos.
“Tendo Amsterdam xentes tan diversas de relixións tan opostas, mantíñase pacífica con poucos ministros, pero con moita xustiza, pois a vivencia relixiosa considerábase algo propio do plano individual que non debía interferir na vida colectiva” (p. 106).
Imposible non pensar na actual situación da relixión no Estado, no ensino e nos rosarios que se nos aparecen onde menos pensamos, en bispos e en Ministros con santos no seu equipo de traballo.
 “En canto que o poder político gravitaba con toda clareza cara o sur tomando como referencia tanto ao Mediterráneo como, sobre todo, ao Atlántico con Sevilla como epicentro da carreira de Indias, pouco iamos poder facer. Mais a verdade, por crúa que sexa, non se debe ocultar, hai que ter a valentía de expresala a viva voz en concello aberto para polo menos poder tomar conciencia dela e mostrarlle aos nosos fillos como poder ir facendo camiño para mudar as cousas”. (p. 59).
A pesar da alusión á carreira de Indias, que nos leva a outros tempos, a referencia á ausencia de poder propio e a necesidade de telo pada mudar a realidade tamén a leo en clave actual. O mesmo sucede con estes outros dous fragmentos:
“…como non esixamos o que nos corresponde, ninguén nolo vai dar”. (p. 60).
 “Este afán por loitar polo seu país, […], no canto de aceptar con resignación a fatalidade da historia, fixo reflexionar a Xoán Lourido en máis dunha ocasión” (p. 79).
Trátase de pequenas pinceladas que o autor nos vai deixando, ben dosificadas para non caer no panfletarismo. O autor escribe cun ollo no pasado e outro no noso presente máis próximo.
Agardamos que sexan moitos os ollos dos lectores.