Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

25.6.10

Perspectivas

Praia das Sinas

Escribo nunha servilleta unhas notas para este post nunha terraciña de Burela, á beira do mar. Hai uns vinte anos estiven tomando unha cervexa neste mesmo sitio e marchei cun sabor a recanto mariñeiro que hoxe non noto por ningún lado, a pesar de que seguen estando a ben poucos metros as casiñas baixas de colores.

Vén o verán e lémbrome agora da praia das Sinas, en Vilanova de Arousa, a onde ía con frecuencia hai moitos anos. Parecíame daquela un areal bastante longo, con sitio abondo para pasear, xogar e tomar o sol. Botei moito tempo sen ir por alí e cando volvín a finais do verán pasado pareceume unha praia de xoguete, como se alguén lle roubase uns cantos ferrados de area. A praia non cambiou, pero eu vina distinta. Tería eu, se cadra, a mirada perigosa.

A primeira vez que estiven en L.luarca marchei convencido de que era un sitio de interior, case de cunca mineira. O ALSA non se achegaba para nada á zona do porto e eu non vin traza ningunha de que a menos de 100 metros da estación houbese mar. Non daba creto cando un día me falaron de que a súa praia era moi concorrida no verán.

Mudam os tempos, mudam as vontades. O tempo cambia a perspectiva das cousas. Fai que se miren doutro xeito ou que se evidencie o descoñecido. Tamén os proxectos e as ilusións teñen data de caducidade, coma os iogures.

Hai xa ben meses o corpo pediume abrir este blog e fuzar nel con regularidade. Desde hai algún tempo escribo máis por rutina ca por devoción. E a rutina é mala compañeira. Cómpre saber irse.

Teño a sensación de que o tema da lingua, que enchía boa parte do contido do blog, non dá máis de si de xeito individual. Sería darlle voltas e voltas ó mesmo. Estamos inmersos –máis ben submersos- nunha brutal etapa de dominación exercida a través da violencia simbólica, en termos de Bourdieu, contra a que parece que pouco valen as razóns por moitas veces que se repitan. Será o tempo quen poña a cada un no seu sitio.

Non quero abrir o toupo a outros temas que me (pre)ocupan porque non había ser moito o que eu puidese dicir. Columnistas e opinadores hai abondo e moi bos, e eu, con criterio, de pouco máis podo opinar ca do xeito de facer tortilla de patacas ou do cultivo das leitugas en macetas.

E tampouco quero empezar a contarlle ó mundo o día a día da miña vida: se durmo, soño ou estou esperto, se estou pisando toxos molares na cima do Candán ou espatallado nunha praia do Brasil; se sorrío ou estou triste. Iso queda para min e para moi pouca xente máis.

Non quero tampouco que se tome isto como unha despedida porque sempre procurei fuxir das despedidas. Non quero que se tome como un NUNCA MÁIS porque os nuunca mááis ás veces resucitan e igual pasadomañá me dá unha arroutada e escribo de golpe vinte entradas, que os estímulos tanto veñen coma van. Pero o certo é que agora mesmo penso despreocuparme de engadir contido na toupeira.

Ademais, as cousas son como son: as toupas poden chegar ós cinco anos de vida, pero raramente pasan dos tres, e eu xa fucei máis tempo do que me tocaba.

18.6.10

Demolición do galego, pasiño a pasiño.

O novo capítulo do proceso de demolición do galego que está levando a cabo o goberno da Xunta consiste en financiar os textos de Matemáticas e Tecnoloxía (na ESO) que ata agora estaban en galego e que o alumnado podía usar de balde durante dous cursos máis. Para iso non hai crise nin problemas de recursos.

E van financiar tamén os textos de materias que ata agora se impartían en castelán e que, se cadra, en moitos centros teñen que pasar a ser en galego para conseguir o equilibrio que se establece no decreto 79/2010?

Non, iso non o prevén. Os cambios do castelán para o galego que os paguen as familias, que así cóllenlle un pouco máis de tirria ó noso idioma.



-------------------
NOTA:
1- Parabéns a Eva Moreda polo premio Terra de Melide coa novela A Veiga era como un tempo distinto.

2- Acabo de saber da
morte de Saramago e o primeiro que se me vén á cabeza é unha viaxe en autoestop desde Lisboa a Mafra, levado polo Memorial do convento.

6.6.10

Acción-reacción

Os que me coñecedes persoalmente e/ou os que me seguides neste blog sabedes que teño dedicado tempo e esforzo a tratar de analizar, explicar, razoar ou retrucar distintos aspectos relacionados coa lingua galega e parte dese esforzo ata acabou collendo exitosa forma seria.


Non sei se é por aburrimento, cansazo, desmotivación, impotencia, por estar mediosumido nun tempo postintelectual ou simplemente porque na beiramar cantábrica non acaba de asentarse o sol, pero o certo é que ultimamente, cada vez que leo ou escoito algo dese estilo sobre o galego, a única reacción que se me vén á cabeza é unha ben famosa, recentemente galardoada, e paréceme a máis atinada de cantas teño usado.

1.6.10

Castelao e "os firmós" - I: Que din os estudosos...

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9
Castelao e "os firmós": ecos do primeiro Castelao en terras de Riotorto
I: Que din os estudosos…
Aínda que o compromiso político zumega en todo canto fixo ó longo da súa vida, as reseñas biográficas de Castelao resaltan ata 1916 a súa faceta de artista, destacando especialmente a súa condición de humorista. Adoitan indicar que á altura de 1912 xa expuxera con éxito algúns dos seus traballos como debuxante e colaboraba en publicacións periódicas, pero as alusións á súa actividade política neses anos son mínimas. Hai incluso quen fala de conformismo e sensibilidade crítica pouco depurada.

Acéptase, en xeral, que os seus primeiros contactos coa política se sitúan en Madrid ó coñecer a Basilio Álvarez. En 1910 instálase en Rianxo e comeza a participar na política local a carón de seu pai, pero parece que as súas actividades políticas carecen de calquera influenza ou repercusión fóra deste espazo.

J. A. Durán, que estudou a fondo o que el denomina a “etapa rianxeira” de Castelao (1909-1916) refírese principalmente á súa vida artística, con algunhas alusións á súa profesión de médico. Indica que Castelao era unha figura con certa proxección pública, sobre todo despois do seu éxito nunha exposición en Madrid, pero sempre como artista, non como político. As escasas referencias á súa actividade política cincunscríbense exclusivamente ó ámbito local, ó estar involucrado nunha liorta polo poder municipal que obedecía máis a un conflito de amizades persoais e de parentescos ca a unha loita ideolóxica propiamente dita. Neste contexto, Castelao combatía o caciquismo coas súas estampas en El barbero municipal, unha publicación xurdida en 1910 vinculada ó bando conservador da que era, ademais de colaborador, director administrativo. A partir de 1912, Durán atribúelle unha importante representatividade dentro do conservadurismo maurista rianxeiro, pero non lle concede ningunha transcendencia fóra de Rianxo.
Desde luego que el tema central de las estampas barberas de Castelao es el caciquismo (liberal) de Rianxo. Viturro, Varela, Cubeiro, Pérez... pasan a ser los asiduos personajes de El Barbero.
Se advertirá cómo, en gran medida, la realidad del realismo de Castelao no es la totalidad gallega, sino la específica concreción existencial, fundamentalmente rianxeira, que formaliza desde su experiencia y su pasión.
Outros estudosos que se ocuparon da biografía de Castelao non lle prestan demasiada atención a esta etapa inicial da súa vida e despáchana cunhas cantas liñas ou con alusións vagas, para centrarse máis nos anos posteriores:

Díaz Pardo indica que xa en 1918 participaba nas organizacións nacionalistas e tiña unha clara conciencia anticaciquil, pero tampouco sabemos se a súa valoración chega ata 1912-13, período que nos interesa, como veremos máis adiante, nin se refire ó alcance xeográfico das súas accións, fóra das súas colaboracións como ilustrador. Francisco Rodríguez sitúa entre as dúas guerras mundiais o proceso de conformación do pensamento político de Castelao, de carácter nacionalista, e non se refire ós anos anteriores. Rei Romeu sinala o ano 1916, cando Castelao se asenta en Pontevedra, como un momento de inflexión na súa actividade política ó romper coas “batallas anticaciquís de alcance local e a presión da autoridade paterna” e dálle especial importancia ó seu actvismo posterior a 1930, cando comeza a súa etapa de compromiso nacionalista que xa nunca abandonaría. Xusto Beramendi tamén se refire ás orixes rianxeiras e mauristas no compromiso político de Castelao, sempre en relación co seu pai e coas súas andanzas contra o caciquismo local:

Pero en 1910, cando tiña 24 anos, Castelao entra na política da man do seu pai D. Mariano Rodríguez, o antigo mariñeiro trocado en pequeno indiano por mor do seu traballo na emigración arxentina, e que daquela xa era un dos persoeiros do Partido Conservador en Rianxo. Eran os anos en que Don Antonio Maura, en variante dereitista do rexeneracionismo, procuraba salvar a España da Restauración cunha neboenta revolución desde arriba, da que un dos peares era o “descuaje” do caciquismo. E Don Mariano, que asumira esa versión do conservadurismo tan reconfortante moralmente, facía en Rianxo a guerra ós caciques do distrito de Padrón, que casualmente militaban no Partido Liberal. Nesa cruzada anticaciquil enrola o seu fillo e outros mozos rianxeiros, que nese ano fundan na vila El Barbero Municipal. Semanario conservador. E alí publica Castelao as súas primeiras caricaturas políticas. Temos, pois, que Castelao, en política, nace maurista.

Hai incluso quen cualifica estas colaboracións na prensa rianxeira de chismes locais, sen ningunha repercusión fóra da vila. Pero o caciquismo non era exclusivo de Rianxo e, contra o que pode derivarse do exposto ata o momento, as inquedanzas de Castelao tampouco se limitaban exclusivamente a esta vila e ó seu contorno, como axiña veremos.

Castelao e "os firmós" - II: "El Agricultor"


1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

II: El Agricultor e os firmós
Daquela, en Riotorto existía unha publicación agrarista, El Agricultor, que era o órgano da Sociedad de labradores y agricultores de Riotorto y Unión Agrícola y Pecuaria de Villaodrid y Villameá. Esta Revista mensual de agricultura, como indicaba o seu subtítulo, publicouse ininterrompidamente entre 1907 e 1916, incluídos, e estaba dirixida por Elías Santomé Santamarina. Imprimíase en Mondoñedo, na imprenta de César G. Seco. Nela usábase maioritariamente o castelán, aínda que nos seus dez anos de existencia computamos case un cento de colaboracións en galego. Daba conta de novidades de interese para os agricultores (maquinaria, técnicas de cultivo, novos abonos, etc.) e tamén da actualidade política do momento. Así mesmo, acollía algunhas colaboracións literarias e unha sección de noticias breves de contido moi diverso.

En xaneiro de 1913 aparece unha reseña referida a Castelao, indicando que recibiron do rianxeiro a promesa dunhas estampas –non sabemos se chegou a enviarllas, pero nunca se publicaron- e unhas cuartillas cunhas cantas ideas que podían usarse como argumentario na loita anticaciquil. Nese escrito, Castelao indica que cómpre atacar a figura do firmón, cómplice sen o cal os caciques non podían levar a cabo o seu dominio sobre os labregos.
Verdades dun humorista
Alfonso Rodríguez Castelao, el artista que alumbró con su genio las encrucijadas y los recovecos psicológicos de nuestra raza y que supo, con líneas vibrantes y sensitivas como nervios, tejer sátiras, risas, sonrisas y apóstrofes, nos honra hoy con la promesa de unas estampas implacables y nos agasaja con el envío de un racimo de ideas que, por lo atinadas, originales, ingeniosas y representativas, se las servimos al lector en calidad de vianda selecta sabiamente aderezada con algo de sal y mucho de vinagre.Dicen así las cuartillas admirables del artista eminente, del paisano amado:
ATAQUEMOS AL FIRMÓN
 Al cacique no le duelen burlas, ni con caricaturas se le puede derribar. Al cacique tenéis que matarlo o dejarlo. No es al cacique a quien debemos atacar fieramente desde las columnas de un periódico, no; es al firmón, al idiota “que no reflexiona”, que dijo Goya, y vende su honor y dá su firma para arruinar a un hermano si el cacique lo manda.
Estos firmones, verdadera vergüenza de nuestra raza, son los causantes del caciquismo. Sin ellos serían los caciques, honrados jefes políticos.Sabéis perfectamente que basta un avisito dado al secretario, para que el Concejo firme una sesión imaginaria ó los repartidores firmen un reparto de consumos arbitrariamente fabricado por el cacique.Hagamos, pues, al firmón responsable de sus actos. No los disculpemos llamándoles idiotas.
Poderiamos pensar que estas ideas de Castelao chegaron a El Agricultor a través de El Barbero Municipal, xa que ó longo das páxinas do xornal de Riotorto dáse conta con frecuencia da recepción doutras publicacións de distintos lugares e podería El Barbero Municipal ser unha delas, a pesar de que non atopamos ningunha referencia. Pero a redacción da reseña evidencia que Castelao lles escribiu directamente ós responsables de El Agricultor suxeríndolles esa liña argumentativa para as súas columnas anticaciquís. Tendo en conta a data de publicación, o escrito tivo que ser remitido a finais de 1912. Considerando que as colaboracións de Castelao nas publicacións da época soían ser ilustracións e que as conferencias que pronunciara eran de contido artístico, é posible que se trate dun dos primeiros textos de carácter político que se deu a coñecer do autor de Rianxo.

Chama a atención que o propio Castelao non botase man, nin daquela nin despois, da idea que lles propuxo ós responsables de El Agricultor: o ataque ós firmós para combater o caciquismo. El coa súa finura artística e intelectual, converteu o cacique en protagonista frecuente das súas ilustracións para denunciar desde o eido da arte esta lacra social, pero non fixo o mesmo cos firmós. Tampouco atopamos alusións a esta figura cómplice do caciquismo nos apartados de Sempre en Galiza nos que se ocupa deste tema.

CONTINÚA

Castelao e "os firmós" - III: Aparece "Pau de toxo".


1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

III: Aparece Pau de toxo
Pero o certo é que as “cuartillas” ás que se alude en El Agricultor demostran que o seu labor político superaba xa daquela o ámbito local e non ía só contra Viturro e outros caciques da zona. As súas ideas non caeron en saco roto e xa no número do mes seguinte atopamos un artigo sen firma, suponse que dos responsables do xornal, titulado De consumos no que, ademais doutros argumentos, se indica:
Señores Concejales y repartidores de las firmas, fórmense concepto de su deber y conciencia de una vez, y, especialmente los de la fornada de Méndez, piensen en su triste y vergonzoso papel.
A cursiva da palabra firmas, que figura así no orixinal, parece unha chiscadela clara ó texto de Castelao antes indicado. Pero o seu influxo faise máis evidente a partir do mes de abril dese mesmo ano, cando xorde un novo colaborador que, co pseudónimo de Pao de toxo -outras veces usa a variante Pau de toxo-, enceta o seu labor na revista cun texto titulado Os caciques n’as aldeas. Ó longo do mesmo, o autor ataca directa e contundentemente a figura do cacique, pero remata o texto cunha alusión que, unha vez máis, nos lembra as indicacións de Castelao:
... Pra poder’ o cacique mellor’ impoñerse pol’ a forza, ten o seu mando unha cuadrilla muy parecida’ a de Luis Candelas, que com’a él, téñeno como capitán, despostos’ a obedecelo en canto lles mande, firmando sin ler actos, resoluciós, xuicios, sentencias, compra-ventas, despoxos, embargos y hast’a morte de calquera.

Castelao e "os firmós" -IV: Pau de toxo declara a guerra


1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

IV: Pau de toxo declara a guerra
Por se houbese dúbida sobre a inspiración deste colaborador nas cuartillas de Castelao, nos seus próximos artigos as xostregadas van xa directamente contra os firmós. No mes de xuño publica un novo texto cun título que demostra inequivocamente o que acabamos de indicar: Guerr’ ós firmós:
Guerr’ os firmós

Non sempr’ habemos dar funguirazos contros caciques nin deixar qu’ o seu lombo sirva d’ ingre pra recoller todol’ os que calquera zurringal se ll’ antoxe zorregarlle, anque de sobra sabemos que merecen tantas cada día com’ herbas miran pro ceyo e gotas caen do nubrado cando chove. Os chalás máis expertos e que mellor saben escoller e rexistrar unha burra, un cabalo, ou unha mula, miran, primeiro qué nada, si se deixa montar, se dá ben os pés yas maos de diante, que non sea guerfo nin picón, yanque non vexa muito, como sacud’ as cexas, sírvelle, porque vale pr’ engañar a calquera; pro sobre todal’ as cousas que ramaleen ben, parecéndos’ en todas estas cousas, os caciques cando en tempo d’ aleuciós busca’ nos concexales que lles han de servir de capa pra roubar’ os probes labregos. Cada concexal buscado pol-o cacique pra que lle sirva de firmón representa unha burra e gard’ a misma semellanza da que compr’ o chalán na feira, porque mira se ten as mismas nobres condiciós, que xa dixen no primeiro; tales como deixarse montar, ou asoballar, qu’ é o mismo; que dia ben os pés pra servir en cantas cousas lle mande o cacique; que non ten’ as maos enquedas, pra firmar tod’ los repartos e barbaridades que se ll’ antoxe facer o seu amo e xefes. Cantos d’ este xeito escollidos chegan á verse feitos e dereitos concexales, de seguro pensan que s’ acordaron d’ eles, que valían mellor que ninguén pró uficio, (y eu tame’ no pensarí’ así, se nos conocera tan ben) y-en parte teñen razón , porque s’ eles non foran non había caciques, nin quen roubas’ e comes’ a conta do probe, nin fixese falcatruas no reparto dos consumos, no xuzgad’ e no Auntamento, y en cantos sitios sean donde poidan chegar a moura mau do cacique. Os concexales d’ este xeito nombrados son verdadeiros burros apaellados y-enxaquemados, que ramalean mellor c’ os dos catro pés, e sírvinll’ o cacique de machos de reata, de testigos pr’ as falsedades, de mozos de corda, de porta-palios, de cubre faltas e tapa sobras, de verdugos pr’ aforcar’ os labregos e traballadores de tod’ a cras, de verdadeiros esbirros, capaces de colgar d’ un carballo a seu pai, a sua nai, a seus hirmaos y-a tod’ o pueblo, con tal de sirvir’ o cacique e qu’ este lle siga pasand’a mao pol’ o lombo e chamándoll’ amigo. Se n’ houbera firmós non había caciques, sendo esta verdadeira causa de qu’ estes teñan vida e sigan escravizand’ o traballador que non se cuida de buscar na unión a forza que lle fai falta pra defenderse y-aprender o que lle convén. Pra qu’ os labregos e traballadores de tod’ a cras se vexan libres de tal praga hay qu’ acabar co firmón, por cantos xeitos ou medios poida, recurrindo, se fai falta o intelixente e razoable [...]

PAO DE TOXO

Castelao e "os firmós"- V: Aínda hai guerra.

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9
V: Aínda hai guerra
En setembro publica unha colaboración co título Os firmós teñen’ a culpa, onde retoma os fungueirazos contra estes personaxes:
Os firmós teñen’ a culpaSempr’ o dixen yo direi: s’ hay caciques é porqu’ hay firmós, pois non pod’ un cacique facer un repartemento dos consumos sin que llo firmen’ os concexales é repartidores, que son’ os verdadeiros firmós ou machos de reata, qu’ é o mesmo.[...]Os caciques que temos a pouca sorte d’ aguantar, é que tantos males ou perxuízos nos causan, non é pol’ a súa mayor intelixencia, nin mandan porque teñan máis forcea que cada fillo de vecín, nin sean máis guapiños que calquera, pois, se por’ eso fora, había d’ haber cincuenta, que comi’ a bocadiños unha ducea de caciques, sin desaunarse nin conocérselle no fol; por eso dixen, é volv’a decir, que s’ hay caciques é por qu’ hay firmós, é por qu’ hay bastantes burros entros labregos, que, sin saber o mal que fan, ou por outras razós qu’ agora non esprico sirven de cirineos e de verdadeiros verdugos de si mismo e dos poeblos donde viven, facendo canto lles mand’ o siñor, incruso firmal’ a morte de seu pai, s’ o cacique llel’ o impón.[...]
O artigo continúa coa narración dunha longa historia, a modo de exemplo, que narra o conflito dun cacique cuns labregos. O relato queda inacabado e continúa no número do mes de novembro, onde se conta como os veciños lograran atallar as falcatruadas do cacique e, despois de detelo, non saben que facer con el. Hai quen propón queimalo vivo, outros din que é mellor aforcalo nun carballo, atalo polos pés ó rabo dunha egua brava, cazalo coma as perdices ou atarlle unha pedra ó pescozo e tiralo ó río ou ó mar. Só faltaba por opinar un velliño que era tido por entendido:[...]
¿E que lle parece a bostede, tiu Rosende?
Paréceme, meus amigos, que non miráedel’ a cousa por donde se debe e que vos deixades levar da forza do xenio, en vez de descurrir como descurren’ os homes de bon entendemento, y’ anqu’ o meu parecer non mereza ser tido en conta, xa que mo preguntan, eilles decilo como sepa.O cacique d’ aquí, como todol’ os máis da súa ralea que gobernan nos demais Auntamentos, non serían tan malos como son, se noubera firmós que son’ os verdadeiros causantes dos males qu’os caciques fan, é por eso, á quen debe de castigarse e facerse responsabre de todo é os firmós, xa que non se fixan máis cando firman.
Foi tal o parecer de tiu Rosende, que por certo foi aprobado por todos, é desde’ aquel día deixaron en paz ó cacique pra emprendela cos firmós. Estos vírons’ e castigados sin compasión é logo entenderon que lles conviña non firmar á ollos zarrados canto lles mandas’ o cacique, pra librarse das venganzas que todos’ agoantaron, pois mentres unhos lles ardeu ó pallar, outros ardeull’ o palenque ou ó palleiro, ou aparecía calquera día derreado dos cadrís.A receta do tiu Rosende mentres fixeron uso d’ ela facía milagros, pois houbo tempo qu’ o cacique non puido ancontrar quen lle firmas’ os padrós nin outra cras de documentaxe pol’ o med’ o castigo, y-agora repito ó que xa dixen outras veces: s’hay caciques é porqu’ hay firmós.PAO DE TOXO

Castelao e "os firmós"- VI: Unha batalla gañada.

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9VI: Unha batalla gañada
En decembro publícase na sección de noticias un breve texto titulado POR SERVIR DE FIRMÓS, que recolle unha sentenza contra uns funcionarios que se prestaran a irregularidades no exercicio do seu labor, con motivo das eleccións:
POR SERVIR DE FIRMÓS Por el Señor Juez de primera instancia del partido se ha dictado auto de procesamiento contra Antonio Fernández y Eugenio Leivas Alonso, presidente y secretario respectivamente de la Junta Municipal del Censo de Riotorto, por los atropellos cometidos en el ejercicio de sus funciones con motivo de las última elecciones de concejales, de que dimos cuenta en el último número y a las que nos referimos también en otro lugar del presente. Bien merecidas tienen las consecuencias del sumario, por prestarse a servir de instrumentos caciquiles, pudiendo estar tranquilos en sus casas, sin meterse en camisa de once varas, y dejar esta clase de asuntos para quien ha de aprovecharse de los resultados .
A pesar de que desta vez se trata dunha noticia e non dunha colaboración e de que está redactada en castelán, fronte ó galego que usaba Pao de toxo, cremos que a autoría é a mesma e que, seguramente detrás deste pseudónimo se atopaba algún dos máximos responsables da publicación.

Castelao e os "firmós"- VII: A guerra continúa...

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9VII: Pero a guerra continúa…
Pao de toxo reaparece en xaneiro do ano seguinte cun relato dialogado, recurso frecuente na prensa da época, titulado Na feira de Vilanova de carácter máis costumista, aínda que con elementos de crítica política. Pero a batalla contra os firmós non estaba rematada e no número de abril atopamos a terceira entrega de Os firmós teñen’ a culpa na que retoma a historia do cacique dos artigos anteriores, que tiña “pelexo de sapo, corazón de lobo, entrañas de tigre, uñas d’ ave rapiña e mañas de raposo” e volvera ás andadas. Finalmente un veciño, cansado de aturar aldraxes, botou man da xustiza de carballeira e púxolle dúas bombas na casa. Para Pao de toxo, o cacique ben as merecía, pero os verdadeiros culpables eran os firmós:
[...] Eu non direi, porque naide pode decilo sin mentir, qu’ aquel cacique non merecese ser colgado d’ un carballo pol-o pescozo, tend’ en cont’ os males que facía n’aquel poeblo; pro tamén debo decir, que si non houbera firmós tampouc’ había caciques, é que, pol’ o mismo, todos cantos se prestan á sirvir de verdugos ou firmós merecen’ o mismo castigo, pra que d’esa maneira s’acabe con esta peste que tantos males fay, non solo en Galicia, se non en toda España.Pao de toxo

Castelao e os "firmós"- VIII: Desaparición de "Pau de toxo"

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9VIII: Desaparición de Pau de toxo
No exemplar de xuño remata a serie coa derradeira entrega, que é tamén a última colaboración de Pao de toxo en El Agricultor. Desta vez conta a historia dun labrego que, pensando que pagaba moita contribución, foi falar con outro que pagaba menos do que lle correspondía, para que lle explicase como facía. O conto non era como pensaba: efectivamente, o outro estivera pagando durante anos catro pesetas de menos porque lle regalaba dous lacóns ó cacique en cada matanza, pero un ano deixou de facelo e o cacique subiulle de novo as catro pesetas. O labrego acabou decatándose de que fixera un bo negocio, pois vendeu os dous lacóns por máis do que lle descontaba o cacique. A tía Luísa, que estaba oíndo a conversa maldí os caciques e o labrego fálalle dos verdadeiros responsables, os firmós:
[...]
- Non xure, tia Luísa, nin s’aborreza, qu’ a maneira d’acabar con eles, ell’ ampreada co raposo cando ven as galiñas; é pra matal- os caciques hay que matal- os firmós primeiro, pro non da maneira que emprean os rifeños cos nosos soldados, por qu’ esa sería boa de máis para esa chusma.
- ¿E logo, señor...?
- A fame, qu’ é a qu’ eles emprean pr’ acabar cos labregos.
Pao de toxo

Castelao e os "firmós"- IX: Conclusión

1 - 2 - 3 - 4 - 5 - 6 - 7 - 8 - 9

IX: Conclusión

Aínda que o nos primeiros anos Castelao destaca como artista e os seus estudosos non lle prestan demasiada atención ó seu labor político, tamén se refiren frecuentemente a unha implicación política temperá, vinculada ó conservadorismo maurista rianxeiro, que evolucionaría ata o nacionalismo despois de pasar polo agrarismo.

Fronte ó carácter exclusivamente local que adoita atribuírselle a ese compromiso político inicial, unha reseña de xaneiro de 1913 e a reprodución dun escrito de Castelao en El Agricultor poñen de manifesto que xa daquela, coincidindo coas súas colaboracións en El Barbero Municipal, Castelao non se limita a loitar contra o cacique Viturro como un problema local e incluso familiar, senón que se preocupa por combater esta lacra fóra do ámbito máis próximo a el.

As ideas suxeridas por Castelao ós responsables de El Agricultor son acollidas positivamente e dan orixe a unha nova liña de combate contra o poder caciquil nas terras de Riotorto, onde Pao de toxo fai súas as propostas do rianxeiro e ataca os firmós nunha serie de artigos publicados ó longo de 1913 e 1914. É certo que o propio Castelao non utilizou, nin daquela nin despois, estes argumentos na súa obra e non sabemos se desde Rianxo o “humorista” era consciente do eco que tiveran en terras de Riotorto as súas “verdades”. Pero, fose como fose, as ideas de Castelao sobrepasaban o ámbito local da súa vila natal e espallábanse xa no norte de Lugo.