Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Aurora García Rivas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aurora García Rivas. Amosar todas as publicacións

10.12.15

Catalina de Santiso, da lenda á narrativa culta.

Catalina de Santiso: nunca dela oíra falar e ultimamente chégame por carreiros diversos. Non vou contar aquí a lenda, que se pode atopar na rede, pero si que quero referirme a un par de textos literarios nos que se recrea a súa historia.

Cando hai uns meses Aurora García Rivas presentaba Vía muerta, no Cantón de Ribadeo, anunciou que estaba traballando xa na súa próxima novela, inspirada precisamente neste personaxe. A novela xa está na rúa; a Catalina de Santiso da escritora de Santiso está a disposición dos lectores desde hai unhas semanas. Non cadrou aínda, pero espero ser pronto un deles, que sempre un le con especial interese todo o que chega desde o Eo-Navia, tan achegado e tan distante.

Pouco antes desta nova editorial, caeu nas miñas mans un título doutra autora benquerida: E Xoel aprendeu a voar, de MaricaCampo.  Trátase dunha obra pensada para lectores novos, por iso me parece moi apropiada para os grandes –retomo intencionadamente este xeito de denominar os adultos, agora en desuso, como homenaxe a Memorias dun neno labrego, onde Neira Vilas titulou así un capítulo-. 

O capítulo 26 de E Xoel aprendeu a voar titúlase “Tras as pegadas de Catarina Santiso e os namorados da Cova da Serpe”, pero antes, no capítulo 22, os protagonistas len un documento no que se narra a “tristísima historia acontecida naquel castelo no século XVI”, a historia de Catarina de Santiso, virtuosa esposa de Vasco das Seixas, que morreu a mans do seu marido celoso, como sucede tantas veces hoxe en día.


Non sei que pensarás ti do asunto, pero se cadra non era Catarina (ou Catalina) mal símbolo para esgrimir nestes tempos de violencias anovadas contra as mulleres.

12.11.14

Aurora García Rivas: Vía muerta.

Fin de semana de actividade cultural no Eo-Navia.


I
Aurora García Rivas presentou o venres na Pontenova a súa nova novela: Vía muerta. O acto repetiuse o sábado pola mañá en Taramunde, pola tarde en Santiso e o luns en Riotorto. Para decembro queda a presentación en Ribadeo.

Eu estiven en Santiso, onde conduciu o acto o incansable Ángel Prieto. Ademais de caerme mellor o horario, teño predilección polos actos culturais no rural, con pequeno aforo, onde un acaba sentíndose coma nunha xuntanza de amigos.
  
Caladiñamente, a autora de Santiso leva xa dezaseis libros, se incluímos os de pequeno formato. Despois de cultivar con éxito a poesía en galego e a literatura infantil, na súa madurez estase decantando máis pola narrativa longa en castelán. Un ten que aceptar, e ata tratar de entender, as decisións idiomáticas de cada autor, pero non deixa de lamentar que non pase a engrosar o corpus da literatura galega unha obra coma Vía muerta.

Aurora sabe, iso si, que a min non me gusta a deturpación da toponimia (Puentenuevo, Villaodrid, Villameá, ...) por moito que a novela estea en castelán, e máis aínda cando na obra se manteñen palabras do léxico local, acertadamente glosadas ó remate da novela. Pero os seus motivos terá para facelo, e tamén haberá que tratar de entendelos.

Á marxe diso, a obra é de lectura máis que aconsellable. A autora di que é unha homenaxe persoal á súa terra, pero a novela é recomendable non só para os habitantes das ribeiras do Eo, que poden ter o aliciente de ver representado un escenario que moitos aínda gardan na memoria, presidido polo tren de Vilaouriz, senón para calquera lector amante de historias cheas de sensibilidade, ben contadas, cun estilo que na presentación a editora relacionou con Baroja.
Corría la segunda década del siglo. Al mismo tiempo que en Villaodriz, en Ribadeo amanecía una mañana más. En la villa empezaba el diario bullicio desde las Cuatro Calles al muelle y desde éste a Virgen del Camino bajo la protección de santa Cruz. Se decía la primera misa en Santa María del Campo; se abrían las ventanas para ventilar las alcobas; en las confiterías olía a mantequilla y a anís y en los bares a café y a chocolate; a pan recién horneado en las tahonas. Los parroquianos empezaban a salir de sus casas camino de sus quehaceres o de sus devociones. 
En la villa los cafés más emblemáticos acogían a los clientes de costumbre, que hablaban sobre lo divino y lo humano, de la decadencia de las minas, del parón en el cargadero [...]
Celebro esta nova achega de Aurora, editada por Septem ediciones, que se pode adquirir nas librerías e, en formato dixital, en varias plataformas de descarga.

Agradezo, por último, a miña presenza inmerecida no capítulo de agradecementos, pois ben pouco é o que eu acheguei no proceso creativo da novela.  


II
O domingo en Bual inaugurouse unha homenaxe a Benjamín López, co gallo do 50 aniversario do seu falecemento.
Cartel da homenaxe a Benjamín López
Eu tiven coñecemento deste autor e do seu Montañas de la costa verde grazas a Xoán Babarro, que o incluiu na súa tese de doutoramento sobre os lindes do galego de Asturias e na súa antoloxía sobre a poesía do Eo-Navia. Son tantos os nomes das letras eonaviegas que estaban esquecidos ata que Babarro os puxo á vista...