Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

9.2.23

"Taramundi, mil versos" e moito máis aínda

Afortunadamente, nos últimos tempos a actividade relacionada co galego de Asturias está máis viva ca este blog e alégrome de que así sexa.

A última iniciativa, á que tiven honra de ser convidado, foi a presentación do libro Taramundi, mil versos, de Alberto Calvín, en Ribadeo. Agradezo o convite do editor Pablo Quintana e aproveito para amosarlle a miña admiración por todo canto leva feito pola cultura galega. De paso, xusto é aplaudir o traballo de Xoán Babarro no proceso de elaboración deste poemario e en moito máis.

Foto: Farruco Graña

Estiven indeciso sobre se levar notas escritas ou non para a miña intervención. Independentemente de que lle faga caso ou non, cando teño que falar en público normalmente levo escrito algún tipo de guión, pero desta vez case me daba vergonza porque sabía que Alberto ía recitar, se llo pedían, mil versos e máis aínda a peito descuberto, sen necesidade de abrir o libro. Alberto ten esa capacidade memorística porque é na súa cabeciña onde nacen os poemas e só despois de telos ben aquelados pasan ó papel.

Foto: Farruco Graña

Foi así como declamou un poema tras outro, igual ca fixera xa na presentación da Veiga, antes do Nadal, ou na de Taramundi, hai uns meses, cando se publicou o libro.

É xa un tópico dicir que Alberto Calvín é un poeta popular. Así é, efectivamente, pero un non gusta de que esta etiqueta vaia moitas veces asociada a unha concepción secundaria da poesía, como se os poetas populares xogasen nunha división interior. Debullando con calma os mil versos de Alberto, un atópaos máis cerca do Terra Chá de Manuel María ca das rimas de Cesáreo Poupariña.

Nas páxinas do libro espérannos aspectos autobiográficos, reflexíóns metapoéticas, cantos ás terras de Taramundi, oficios e costumes tradicionais, apeiros de labranza, relixiosidade popular, regatos, vexetación, fontes, carreiros, camiños, congostras, animais, estacións do anos, xente con nomes e apelidos ou designada cos seus hipocorísticos... e sobre todo, lingua, moita lingua. O libro de Alberto é un extenso vocabulario práctico do galego de Taramundi, tan veciño e tan da casa.

Cadrando coa presentación en Ribadeo de Taramundi, mil versos, recibimos grazas á xenerosidade do amigo Quique Costas un libro que ten certa relación co que nos ocupa: A obra poética mañega. Versos valeoris na nosa fala, de Domingo Frades, recentemente falecido. A clasificación temática que fan Alicia Manso e Quique Costas dos textos do cacereño cadran en boa medida coa que se podería facer do de Taramundi.

Quero rematar cunha cita que penso que vén moi ó caso en relación co papel que a aldea debe desempeñar na literatura galega. Trátase dun fragmento dunha entrevista a Olga Novo publicada no Faro de Vigo o 6 de xaneiro deste mesmo ano.

“A miña paisaxe emocional e a miña memoria persoal están absolutamente enraizadas nunha aldea do interior de Lugo. É desde aí desde onde eu vexo o mundo. E desde o punto de vista ideolóxico paréceme importante tamén que ese mundo teña cabida no que coñecemos como alta cultura ou cultura literaria. A cultura labrega é moi profunda, pero moitas veces negada e considerada de segunda, e a min paréceme que na cultura non pode haber xerarquía. Eu son herdeira desa cultura e considero que o meu deber moral é darlle voz”.

MÁIS VIDA: INFORME SOBRE A LINGUA DEL EO-NAVIA

Cartel da presentación do "Informe" en Boal.

Como dicía, nos últimos tempos houbo máis osíxeno para a lingua galega en Asturias e quero destacar o labor do colectivo Axuntar. Hai xa meses presentaron en Boal o Informe sobre a lingua del Eo-Navia e despois fixeron o propio noutras vilas do occidente. Parabéns ós membros que promoveron e alimentan este ilusionante colectivo.

Fragmento da portada do Informe

Pódense ver vídeos do acto desde estas ligazóns: 

Presentación Informe: 12, 3, 4

Aínda habería máis que contar, pero isto xa é longo de máis.