Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

27.2.09

Ó chou

Algunhas veces dáme por viaxar sen billete polo mundo da blogosfera, sen saber que camiño levo, que para iso vou de polisón.

Entro no meu blog e desde a parte superior, tirando algo cara á esquerda como é natural, pico en “seguinte” unha e outra vez e vou a onde o destino me leva. É así como en cuestión de minutos entro na casa de seres que non coñezo de nada nin coñecerei nunca nin gana teño, pero fágome por un momento unha idea de como viven, de como pensan e de cales son as súas preocupacións. Algunhas veces vénme o trasacordo, volvo “atrás”, doulle de novo a “seguinte” e vexo que xa desapareceron, como se fosen seres misteriosos dados a ensinárseme só por unha vez.

Como a maior parte das veces acabo en blogs redactados en idiomas que non entendo, son as imaxes as que guían o meu parecer. Así souben da existencia de varias afeccionadas á pastelería, dun montón de poetas, de varios montañistas, de familias felices, dalgunha que outra xente dada a exhibir o seu (?) corpo, de pequenos empresarios e tamén de xente coma esta:
http://hidarrr.blogspot.com/

Tamén me pregunto qué pensarán de min os que caian na toupeira desde o outro lado do mundo.

Saberán acaso que vivo nun país onde tamén habita un Pinocho que anda por aí dicindo que nas nosas escolas os nenos só poden falar castelán no recreo?

Viaxar ó chou polo mundo virtual no custa nada, dicir parvadas tampouco, e desde lonxe igual hai quen as cre. Pero a realidade é outra ben distinta.

22.2.09

Turismo incomprensible ou cerebros atrofiados?

O amigo Xavier soubo por este mesmo ventanuxo que hai uns días decidín facer limpeza e tirar ó lixo unha morea de papeis que me estorbaban. Por iso, para que non me invada a melancolía polos seres perdidos, decidiu agasallarme cunha bolsa de recortes que ten máis ou menos o dobre dos que tirei.

E como son algo masoca e quero ver canta trapallada podo meter no bandullo sen vomitar, estoulles dando un vistazo, no momento exacto no que Pe acaba de recibir o seu Oscar.

Xa traguei unha ración ben cumprida de Steiner pero aínda quedei con fame, e agora ando a voltas cun salteado de Manifiesto por la Lengua Común, que debe ser, imaxino, unha lingua na que todos zugan, pasándoa de boca en boca nunha descomunal orxía.

Adornando un deses artigos, xa algo reseso (El Mundo, 21-07-08) atopo unha ilustración que me resulta coñecida, co seguinte pé de foto:

TURISMO SOSTENIBLE PERO INCOMPRENSIBLE: La playa de las Catedrales, en Ribadeo (Lugo), es uno de los enclaves más visitados del norte de Galicia por sus peculiaridades orográficas, que han contribuído a su catalogación como monumento natural. Pero los carteles de la Xunta que dan cuenta de las particulares características de este lugar están escritos en gallego (en la imagen), lo que dificulta la comprensión a los visitantes no nacidos en esta región.

Primeiro, non me atrevo a aseguralo, pero creo que o mesmo texto está en castelán polo outro lado do cartel, co cal o problema pasa a ser simple mala baba.

Segundo, aínda que non o estea –e non digo que non debese estar noutros idiomas- ¿realmente é tan difícil a súa comprensión?

Vexamos o texto:

Monumento natural
Praia das Catedrais

O monumento natural “Praia das Catedrais” está asentado sobre a formación xeomórfica denominada Rasa Cantábrica, que comeza en San Vicente de la Barquera e remata en Burela. Trátase dunha superficie de aplanamento situada entre o mar Cantábrico e as estribacións montañosas que neste tramo córtase en vertical e na que a erosión e o tempo modelaron formacións dunha gran vistosidade como as furnas e os arcos que dan nome a este monumento natural
.

Non se entende ou non se quere entender? Ímoslle dar colores, que seica é un bo xeito de que se fixen máis os intelectos inmaduros. Poñerémoslle vermello a todo o que coincida exactamente co castelán, azul ó que non coincida pero sexa moi parecido e verde ás palabras que sexan bastante distintas:
Monumento natural
Praia das Catedrais

O monumento natural “Praia das Catedrais” está asentado sobre a formación xeomórfica denominada Rasa Cantábrica, que comeza en San Vicente de la Barquera e remata en Burela. Trátase dunha superficie de aplanamento situada entre o mar Cantábrico e as estribacións montañosas que neste tramo córtase en vertical e na que a erosión e o tempo modelaron formacións dunha gran vistosidade como as furnas e os arcos que dan nome a este monumento natural.

Resultado: 42 palabras coinciden exactamente e 19 parécense moito; só 5 distintas son bastante diferentes.

Incomprensible? Ai señor, señor...!

16.2.09

Instituto Castelao. Bos embaixadores.

No rosario de propostas que estes días nos fan os nosos candidatos reparo hoxe na de crear un instituto Castelao para promocionar a cultura galega no exterior. Difícil non debería resultar porque embaixadores non faltan, como explicarei axiña.

Hai por aí estudos (MSG) que din que, independentemente do uso, as mellores actitudes cara ó noso idioma están entre a xuventude con maior formación cultural: os mozos titulados universitarios ou en proceso de selo.

Sen ánimo de ofender, veño observando desde hai anos algo similar nos alumnos de ensinanzas medias: independentemente dos usos, as mellores actitudes cara ó galego adoitan ser as do alumnado academicamente máis brillante que é, cando menos, perfectamente bilingüe e vive libre de prexuízos.

Nun país normal, eses alumnos deberían estar chamados a seren a elite social, a desempeñaren os labores máis cualificados en consonancia coa súa formación, a seren os referentes.

Estamos cansos de dicir que o abandono do galego se produciu, en boa medida, porque as clases inferiores tentaron imitar os hábitos das clases dominantes. Pois por ese mesmo camiño debería volver a cousa ó rego, porque nun país normal as clases dominantes deberían ser as mellor formadas, as que agora teñen as mellores actitudes cara ó galego.

O problema está en que, ano tras ano, vexo como eses mozos máis cualificados se ven obrigados a marchar fóra para teren unha situación laboral minimamente presentable.

Non me canso de dicir que o futuro da nosa lingua vai estar moi ligado ó futuro da nosa economía como pobo. Por iso cómpre poñer fin ó espolio de na nosa riqueza persoal e material, cómpre que as nosas vacas teñan os tetos onde teñen a boca, que o noso vento non voe como voaron os vales. E cómpre que as nosas mellores mentes poidan volver con dignidade.

Pero mentres non chega ese día, poden ser os mellores embaixadores dese instituto Castelao que nos ha facer sacar peito polo mundo adiante.

6.2.09

As vellas expresións

Podería escribir hoxe sobre as esperpénticas respostas de Gloria Lago na entrevista que publica La Voz de Galicia. Claramente di, sen dicilo, o que todos sabemos que pensa:

-Impórtame un pito o galego e o bilingüismo; o que realmente me interesa é o castelán (entre outras cousas, para que o meu fillo, que non anda moi sobrado, dea aprendido "Conocimiento del Medio").

Fronte ó que di o amigo Cordal nun brillante artigo, eu creo que á xente así había que darlle cada día media hora na TV, en prime time, porque cada vez que abren a boca quedan en evidencia, descobren as súas patrañas, e se non perden credibilidade é porque nunca a tiveron.

Podería falar dela, pero acórdome de que a min non me gusta o circo nin os pallasos. Por iso refiro falar do tempo, que xunto co fútbol son os temas nos que os intelectuais nos movemos con soltura:

Pasou o temporal, e foi duro. Vimos ducias de fotos de estragos, oímos testemuños que poñen os pelos de punta, lemos páxinas e páxinas nos xornais. E no medio de tanto desastre, gustoume oír unha sinxela pero contundente expresión dunha muller de Rinlo, onde os vivos camiñan con calma e os mortos van á présa:

- Roncaban as ribeiras!

Volveu a luz, están volvendo as lousas ó tellado, retoñarán os eucaliptos, pero as vellas expresións que morren, coma as andoriñas que papou o gato, esas non volverán.

1.2.09

Hemeroteca



Cómenme os papeis. Cando vexo na prensa algo que creo que pode interesarme máis adiante, adoito gardalo –agora menos, grazas ás hemerotecas dixitais-, de xeito que os recortes se van amontoando ata que un día me decato da súa inutilidade, ou de que me estorban, e tiro un feixe deles.

Hoxe tocoulle a unha vella carpeta onde gardaba artigos relacionados coa lingua. Pero antes de desfacerme deles definitivamente, quero dar conta aquí dalgúns, a xeito de reflexión ou simple curiosidade sobre o nos camiñar nos últimos 15 ou 20 anos:

9-7-1987: Un tal L.M. de Juan publica unha carta ó director que comeza: “Mi nieto aprueba los cursos completos todos los años. Los aprueba en todas las asignaturas, a excepción del gallego, que no puede digerir. Y como con un solo suspenso no se le puede hacer la puñeta, hay que sacarse uno más de la manga. ¿Cuál? Inglés, idioma muy útil en nuestro ir y venir por la vida”. O que faltaba. O galego era tamén o responsable de que este túzaro suspendese inglés. Que sería del?

26-11-87: Un detallado artigo informa da declaración de ilegalidade dalgúns dos artigos da Lei de Normalización Lingüística, en concreto dos que establecían a obriga de coñecer o noso idioma para todos os galegos. Unha proposición non de Lei do deputado do PP Xosé María Hernández Cochón –gobernaba o tripartito, presidido por Laxe- valoraba “moi negativamente” o requirimento do goberno central que instaba ó goberno galego a suprimir da Lei de Normalización o artigo que establecía a obrigatoriedade, e instaba á Xunta para que non o atendese. Que tempos!

3 e 4-6-88: Francisco Fernández Rei publica en dúas entregas un artigo no desaparecido Diario de Galicia co título “A normalización Lingüística da Galicia Exterior” no que debulla como el sabe a situación do galego en Asturias e Castela-León.

13-3-89: Méndez Ferrín publica no Faro de Vigo un interesante artigo titulado “¿Colonizar Asturias?”

7-2-90: Manuel Rivas publica un fermoso artigo co título “Reclamo a liberdade do meu pobo”. Remata así: “Por agora, a xeito de proclama individual, quero rexistrar ante o Xulgado da Historia a miña denuncia pública: en 1990, na época da cibernética e da telemática, os meus fillos, galegos de nación, non teñen onde estudar na lingua de Galicia”. Un deses fillos hoxe é ben coñecido: Martiño Rivas.

12-7-90: Unha carta en La Voz, asinada por Héctor Mazaira Rey, inclúe este fragmento: “Dejémonos de bobadas: castellano e inglés para todos y gallego para quien lo desee”. Viva a democracia!

20-7-90: La Voz informa de que a facultade de Farmacia contaba desde o día anterior coa primeira tese defendida en galego, da autoría do profesor Arturo Suárez Varela.

9-8-90: Un artigo informa da terceira edición dos cursos de galego para estranxeiros. Entre eles, a norteamericana Karen Mathews e o rumano Milian Iacob. Que sería deles?

15-12-90: Un artigo en A Nosa Terra informa de que Victorino Núñez, daquela presidente do Parlamento, propón que o galego sexa materia optativa nas escolas e “nos suspendería, ademais, a nengún estudante nesa asignatura”.

11-1-91: El Ideal Gallego reproduce o “Manifesto de Grandas de Salime”.

11-4-91: Un artigo de Jorge Jardón en La Nueva España informa de que “El 97,42 por ciento de los padres, contra la enseñanza del gallego en la escuela”. Refírese ó occidente de Asturias. Supoño que moitos dos fillos deses pais serían os que nos anos seguintes desfilaron e aínda desfilan polos cursos impartidos en Ribadeo para obter os títulos de Iniciación e Perfeccionamento, antes, e CELGA, agora, que ben se lle podía validar se estudasen na escola o idioma que moitos deles falan na casa, da banda de alá da ría.

13-11- 91: Unha noticia dá conta dunha docente que se negou a corrixir un exame en galego na Escola Universitaria de Enxeñería Técnico Agrícola. O alumno era Uxío Otero; non se di o nome da profesora.

5-11-92 e 8-1-93: A Nosa Terra trata o sucedido con Erica-mel, cooperativa de Arzúa que recibiu cartos da Dirección Xeral de Política Lingüística para etiquetar os seus produtos en galego e inmediatamente foi expedientada pola Consellería de Induistria por non etiquetar en castelán.
Iso é coordinación e o resto son contos.

17-1-94
e 21-4-94: Dous artigos de Xabier B. Vázquez en El Correo Gallego informan do compromiso de varios empresarios co uso do galego nas súas empresas. Fotos de Florentino, Alicia Otero de “La onza de oro”, e Thais Picaza de Malvar, granadina que se puxo á fronte da construcións Malvar e apostou por galeguizala.

Un artigo do 2 de xullo do mesmo ano dá conta do labor da Fundación Galicia-Empresa, onde conflúen 13 empresarios empeñados en dignificar a nosa lingua no ámbito da empresa privada.

15-12-94: Unha emotiva colaboración do amigo Vázquez Pintor incide na cuestión: “Adiantoume o Xocas”. Ese era o nome co que Ramón Castromil bautizara un dos seus autobuses.

28-11-94: O Correo Galego informa cumpridamente do falecemento de Manuel Meilán, “a lembranza da voz dominical en Radio Carve”, que conducira desde 1950 nesa emisora de Montevideo o programa de radio “Sempre en Galiza”.

11-4-94: Un fragmento dun precioso artigo de Isabel Freire en El Correo Gallego titulado “Cando Alina foi Aline e aprendeu a falar castelán” váleme para rematar:

E foi a propia Aline quen, onte, me chamou a atención sobre o novo Decreto de exención da lingua galega da Xunta. Co seu perfecto castelán preguntoume “¿Que hubeira sido de mi si, por mi condición de francesa, me hubieran eximido de aprender castellano cuando era pequeña? No os entiendo a los gallegos, dixo, sois el pueblo de España que más emplea su lengua propia y sin embargo no la defendéis ante el mundo”.

Lendo estes recortes e moitos outros que non cito, e escoitando a Corinas Porros, Glorias Lagos, Feijoos e derivados, a un éntranlle as dúbidas de se os últimos 15 ou 20 anos valeron para algo.

Pero acórdome de que eu son optimista, miro a xente nova, a xente boa, e vexo futuro.