Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Toponimia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Toponimia. Amosar todas as publicacións

18.9.24

Secundino e o mar

 Un día pregunteille a Secundino:

- Existen as leiras do mar? Van cambiando os nomes na auga como cambian cada pouco na nosa terra?

- Existen -contestou, mentres me desescamaba unha robaliza salvaxe, non de granxa-. 

E empezoume a falar das leiras que percorría coa súa lancha: As Carrallas, O Guitón, Arredo, Panchorro, A Beirada da Fonte, Aviada, Ratas de Rinlo, Portelas...  Faloume dos motivos, da profundidade do mar en moitas delas, da composición do fondo... e de tantas cousas máis. Era o seu mundo e debullábao con paixón.

- E situaríasmas nun mapa se cho dou?

- Si, ho!

E poucos días despois foi riscando nos papeis as mesmas leiras das que me falara. Era o seu mar, o mar que fora a súa vida.



Mapas do mar de Ribadeo, cos talasónimos escritos da man de Secundino

Un día parou de golpe o motor da lancha que era el e agora hónrase á beira da súa ría, encabezado con palabras dun mar que el nunca dixo. E choran de pena Cunqueiro e Cabanillas, Manuel Antonio e Bernardino, poetas do mar noso que o entenderían ben e adorarían compartir con el palabras amigas na beiramar do norte.



27.1.20

Apeos e saqueos

Portada do manuscrito "Apeo de los lugares de S. Martiño, Sante y Freixeyro, sitos en la feligresía de Laro..."

O 31 de xaneiro de 1599, cando Súa Maxestade Felipe III alcumado “O piadoso” aínda non levaba catro meses de reinado, os meus devanceiros de San Martiño, Sante e Freixeiro quedaban condenados a un saqueo argallado polos de sempre

Mentres en Laro aturaban como podían o vento frío que aquel día sopraba de Candán –é un supoñer-, uns cantos quilómetros máis ó norte, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, un tipo outorgáballe carta de poder a uns sicarios para que perpetrasen con absoluta liberdade un apeo dos lugares de San Martiño, Sante e Freixeiro, rexistrando cantas propiedades pertencesen ó mencionado mosteiro. De testemuñas estiveron un fato de criados do mosteiro e os frades Atanasio, Benito, Basilio e Gabriel, que Deus teña na súa Gloria.

É de supoñer que a intención non era precisamente rozar as silvas ou amañar as pingueiras que nesas propiedades houbese, senón que os veciños de Laro pagasen relixiosamente –e nunca mellor dito- por traballar eses bens, que non sei como foran parar a propiedade de mosteiro tan distante.

Debeulles levar uns meses dar cos lugares mencionados e ferrar os cabalos para a viaxe, pero o día 13 de novembro do mesmo ano de 1599 plantáronse diante da igrexa de Laro os enviados e atraparon os veciños que “estaban oyendo misa mayor siendo día de Domingo”.

A partir de aí comezaron as citacións e as declaracións dos veciños, baixo xuramento e ameaza de ir ó inferno se mentían. Cando a primeira quenda de requiridos rematou de contar canto sabían, chamaron outros máis novos, por se os primeiros tiñan mala memoria e esqueceran algún ferrado de terra.

Cóntase todo o proceso nun documento que localicei por casualidade e que ando debullando ós poucos, cando hai tempo e paciencia para ler os reviraganchos das sesenta e nove páxinas manuscritas que levaban máis de catro centos de anos agardándome e que agora se conservan no Arquivo do Reino de Galicia, onde amablemente me facilitaron copia.

Neles vou atopando nomes de leiras, montes e fontes que eu chamei de pequeno do mesmo xeito, outras das que nunca oíra falar, nomes de veciños e veciñas moi distintos ós de hoxe, apelidos coñecidos ou desaparecidos na zona... Poida que algún día dea conta deses detalles, pero non vai ser hoxe.

Polo de pronto, o que máis me emocionou foi atopar referencias á ermida que daquela había cerca das casas de San Martiño. Ninguén ten memoria do edificio, pero sendo eu pequeno subía e baixaba de cara á casa pola “congostra da Ermida”, polo que sempre presupuxen a súa existencia, que os topónimos son moito máis sabios do que pensamos.


Congostra da Ermida nunha imaxe do Vuelo americano, 1956

[...] mas el nabal y heredades sitos abajo de la casas del dicho lugar de San Martiño que llebará de sembradura una anega de centeno según que [...] la dicha heredad está marcada de por si y cerrada de muros y valo y de la parte de riba entesta en las dichas casas y en el adrio de la Hermida de dicho lugar y de la parte de abajo entesta en la congostra que va abajo de la dicha heredad.
Alusión á ermida de San Martiño, describindo os lindes dunha leira.
Volveremos sobre o asunto.

8.11.19

IV Xornada de Onomástica Galega

Sabes como se chamaba a leira que había antes de que rozasen a ramallada e empezasen a cimentar os alicerces desa casa ou dese edificio desde o que agora me les? E non che dá pena non sabelo? Non che dá pena que se perdese ese nome tradicional?

Pois diso e algo máis tratou a IV Xornada de Onomástica Galega, organizada pola RAG, que tivo lugar en Pontevedra o pasado 19 de outubro.

Unha das intencións do evento era concienciar sobre a necesidade de conservar a toponimia do terreo que se vai urbanizando e a recuperar as denominacións tradicionais nos casos en que se substituíran por outras.

Agradecemos que nos convidasen para falar do aproveitamento didáctico destas denominacións.

Foi un pracer o regreso a Pontevedra, onde vivimos e traballamos moi a gusto hai xa ben anos, e a participación na Xornada.

  

12.1.18

Cereixas ilegais


- “¡Hay que cumplir las leyes!” –repite de vez en cando un tipo con barbas que seica manda moito e que despois desexa o Bo Nadal desde “Sangenjo”, porque ou non son iguais todas as leis ou non somos iguais todas as persoas.

O certo é que eu collín medo e por iso deixei de comer iogures ilegais. A min, saber sábenme ben as cereixas; pero cando as meten nun iogur escríbenlles por fóra “Villagarcía de Arosa”, así con LL e sen U, e eu sei que iso é incumprir a Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, que dispón no seu artigo 10 que "Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega".

Fragmento da etiqueta dun iogur con cereixa

Non creo que o fagan con mala fe. Debe ser por algunha reacción química non explicada, porque non pasa, por exemplo, coas mandarinas, que se mesturan co iougur sen provocar esa estraña reacción e no bote mantense o “Vilagarcía de Arousa”, que a lei di que debe ser.

Fragmento da etiqueta dun iogur con mandarina

A min gústanme as cereixas. Sábenme mellor cás mandarinas, pero non quero infrinxir ningunha lei, que non están os tempos para lerias.

Se cadra é que esas cereixas ilegais son fondo de armario que van camiño de esgotarse e tampouco é cousa de tirar con elas. Non perdamos a esperanza de que axiña haxa tamén cereixas legais, que non quero botar a vida comendo só mandarinas.


13.3.17

Toponimia de Agolada

Luz Méndez e outros, antes de comezar a presentación de "Toponimia de Agolada"
Volvín ós pendellos de Agolada, que xa non teñen feira pero si vida. Desta vez o motivo foi a presentación de Toponimia de Agolada, de Luz Méndez, co que se inaugura a colección "Terra Nomeada", promovida pola RAG coa colaboración económica –sempre imprescindible- da Deputación de Pontevedra. É unha interesante iniciativa coa que se pretende espallar o coñecemento e o valor da toponimia dun xeito divulgativo, fuxindo de explicacións para expertos que moitas veces resultan excesivamente densas para o gran público.

O local escollido no recinto dos pendellos quedou pequeno para a ocasión. Foi unha lástima que chegase puntual para a presentación do libro porque perdín case toda a visita guiada que o historiador Manuel Bustofixo previamente polo conxunto arquitectónico dos pendellos. Tendo en conta o pouco que aínda pillei e os coñecementos e entusiasmo do guía, estou seguro de que debeu ser ben interesante.
Un momento da presentación
Houbo varias intervencións de expertos e de autoridades: o Alcalde de Agolada, o representante de Cultura da Deputación, Gonzalo Navaza, Xesús Ferro e a propia autora. Todas elas foron amenas e non moi extensas, algo que tamén se agradece cando os participantes son moitos e un está de pé. Tamén tocaron os gaiteiros de Bico da Balouta e cadrou que acabei parolando cun deles asentado alá pero nado en Ribadeo. Tivemos tempo para que recordase un pouco o Ribadeo da súa infancia, para que me contase a historia do tesouro do Marqués de Sargadelos e como el, sendo novo, revisou unha por unha todas as covas da ría de Ribadeo por se daba con el.

Por se todo isto fose pouco, cadrei alí co sempre mestre e vello amigo Vázquez Pintor, con quen me retratei na noite. Recordamos a anterior visita ós pendellos, cando aínda non estaban amañados, e como aquela mesma tarde acabamos pingando coma pitos e medio espidos para enxoitarnos na palleira da súa estirpe de Quián, un dos topónimos que Luz Méndez explica no seu libro.
Con Vázquez Pintor
Mereceu a pena a viaxe. 

14.7.16

Toponimia: O Cepetal (ou similar)

Isto da "touponimia" case sempre é cousa complicada, pero desta vez deume por fozar por ese camiño e como ultimamente un anda escaso de ideas (e máis aínda de folgos), deixo aquí o asunto:

En relación con isto...:
En "La Comarca del Eo", 25 de xuño de 2016

...escribín isto...
(PREME NA IMAXE PARA AUMENTAR)
En "La Comarca del Eo", 9 de xullo de 2016

...que deu lugar a esta nota aclaratoria:
En "La Comarca del Eo", 16 de xullo de 2016
NOTA:
Esta semana deixounos Agustín Fernández Paz. Se fose capaz de escribir algo que se achegase minimamente ó que el merece, faríao; pero agora mesmo síntome incapaz de xuntar unhas palabras dignas para a ocasión. Deixo aquí unicamente constancia da miña admiración e do afecto que sinto por el.

30.5.16

A ría que non é ría

Ría de Ribadeo, con Castropol ó fondo (Foto: Tania Fernández Faílde)
De todos os episodios aldraxantes que temos visto contra a toponimia galega, un dos máis absurdos é recente e está pasando bastante desapercibido.

Perpetrouno a Xunta de Galicia e di que a ría de Ribadeo non é unha ría senón un lugar xeolóxico de interese, que denominan Ría do Eo porque si. Non acatan os informes lingüísticos dos especialistas porque se refiren á ría e non a esa outra cousa que seica inventaron uns sabios de Madrid.

Como a denominación forma parte dun catálogo de espazos naturais, xa imaxino os guías turísticos describíndollelo ós visitantes: 
- Esa masa de auga que vostedes ven na desembocadura do río, esa onde nadan os parruliños e hibernan os paxaros, onde se fan deportes náuticos e medran cangrexos matahomes, onde se pillan luras parvas que van á luz das farolas nas noites de verán..., esa non lles é unha ría: é unha canteira asulagada.
O nome que evita citar a vila mariñá xa é cousa asentada da outra banda das augas, en Asturias, por máis que a cartografía usase sempre, aquí e acolá, a denominación de ría de Ribadeo. Hai algún tempo alguén decidiu que Ribadeo era nome prohibido no Principado e empezou a campaña de ría del Eo.

Como o inicio da teima case cadrou coa crise, quero pensar que non foi por mala fe, senón por aforrar tempo, tinta e pintura en documentos e letreiros. Pero que o atentado veña de dentro da casa e cunha argumentación tan peregrina supera o nivel de aguante dos máis pacientes.

Nin mel, nin dátiles, nin leite.
Apaña, mozo, pedras[...]

6.4.15

Conservas legais e ilegais

Cando Tania merca conservas, o primeiro que fai ó chegar con elas á casa é indicarme que non son ilegais. O mesmo fai cando mercamos xuntos e se demora mirando con calma os andeis ateigados de torres de latas en difícil equilibrio:
- Estou mirando que non sexan ilegais.
Non é que a miña filla estea obsesionada con que os peixiños dean ou non a talla nin con que os moluscos sexan “sen papeis” ou documentados. Ela chámalle conservas ilegais ás que teñen a toponimia estragada na etiquetaxe do envase e legais ás que coidan este aspecto. Faino porque sabe da miña negativa a mercar produtos de empresarios que desprezan este asunto.

Acórdome de todo isto mentres case rompo unha uña intentando abrir unha lata de mexillóns con abrefácil, despois de pasalas negras para sacarlle a tapa a un bote de espárragos de Navarra.
Vou ter que introducir  novas condicións... ou facer tortilla para a cea.

12.2.15

Mapa da Terra Eo-Navia.

Mapa da Terra Eo-Navia

Se boto a vista atrás unhas cantas décadas, vexo aínda con claridade aquel indicador de estrada que se me cruzaba diante dos ollos cada día camiño do colexio: 
IRIJO, 19
CARBALLINO, 32
Hoxe sorpréndome de que non me mancase os ollos aquel dobre disparate, daquela, cando a ditadura esmorecía no almanaque, que na cabeciña da xente hai moito máis aguante.

Algúns anos despois o meu equipo xogaba contra o Jove-Lago. E tampouco me mancaba os oídos.

Aínda hoxe, moita xente defende La Coruña, así, co L máis caro do mundo, se botamos contas do que Sir Paco dilapidou dos cartos de todos na súa defensa.

Estragar os topónimos é moi doado e, polo que se ve, tamén resulta doado lograr que nos afagamos ó desastre, mesmo que haxa quen o defenda.

En Galicia, pouco a pouco, moi pouco a pouco, os nomes van volvendo ó seu, pero no territorio de fala galega alleo ás nosas fronteiras administrativas o proceso non resulta tan doado. O desamparo do idioma é total.

Por iso resulta moi valioso o traballo que Carlos Aenlle e Ramón Pais acaban de publicar, coa colaboración económica da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, se non erro nas responsabilidades.

Trátase dun mapa da Terra do Eo-Navia coa toponimia como seica debe ser, que se está distribuíndo xa en papel e que tamén se pode descargar en formato dixital desde o espazo da anl da Uvigo.

Só falta que se vaia asumindo, que a xente se mentalice de que nada se gaña danando os nomes de noso, matando a nosa identidade.

9.12.13

Novos nomes en vellos papeis

Os oculistas tamén teñen dereito á vida, así que ultimamente deume por ler documentos antigos, deses que fan que un quede un pouco máis pitoño a cada liña que revisa.

Os vellos papeis usámolos moitas veces como referencia para sabermos de onde vimos porque a xente ten a manía de morrer antes de cumprir 600 anos, e encima non deixa vídeos. Pero hai que andar con tino, non se lle pode facer moito caso ó que escribían porque probas hai de que debían facer as cousas con apuro para acabar axiña e ir ver o partido.

Non sei o fiable que será no relativo á extensión das terras e a outros datos a información do Apeo de Aciveiro (1697) que lin estes días, pero os topónimos andan por alí como lle cadra. Por poñer só un par de exemplos, no mesmo documento atopei tres variantes de Vilatuxe, a parroquia natal de meu pai: Villatuxe, billatuxe e Villatuge. Tamén dei con dúas de Freixeiro, o lugar onde me aprenderon as primeiras letras: Freijeiro e Freyxeyro

billatuxe

Villatuge

Villatuxe

Freyxeyro
Freigeiro
Ás veces vese, pola letra, que houbo varios autores e cada un saíu do apuro como lle cadrou, pero outras veces foi a mesma pluma a que bautizou de maneiras distintas o mesmo topónimo con poucas liñas de diferenza.

Hai que desenterrar e ler toda esta papelaxe, pero sen esquecer que estamos nos Séculos Escuros e andaba por estas terras moito espabilado deixando mostra da súa ignorancia.

16.11.13

Mapas da terra onda o mar de Barreiros


Déronlle tantas pedradas ós nosos topónimos ó longo da historia que todo esforzo é pouco para volvelos ó seu. É importante que se digan ben, pero tan importante é que se escriban correctamente, para que entren polos ollos como teñen que entrar.

Por iso me gusta o que fixeron os da tapería O Castro, na costa de Barreiros: debuxaron o mapa do concello no teito do local, delimitando as parroquias que o compoñen e indicando cada lugar. O único erro que lles vin foi un Bimbieira que debería ser Vimbieira. Salvo iso, creo que todo ben.
Imaxe do teito da "Tapería O Castro"
Eu non sei se o fixeron por compromiso co idioma ou para que os clientes que pimplen de máis atopen a súa casa no medio da néboa dos seus ollos, pero aplaudo a idea fose cal fose a intención.

Tamén é certo que se o fixeron para orientar a xente, cometeron o pequeno erro de poñer o N. onde debía estar o S., co cal xa vexo os clientes de Celeiro de Mariñaos enfilando cara a Irlanda para ir para a casa, ata acabar enchoupados nas augas do Cantábrico, que andan estes días revoltas e fermosas.
O Cantábrico en Benquerencia (Barreiros)

15.10.13

Tellados e lousados, lingua e terra.

I
Aínda que xa me fixara antes no asunto, non me metera a fondo no tema das isolousas ata que tiven aquela conversa:

Todo empezou en Lougedo, un lugar que non existe e que está en San Martín de Ozcos. É que hai sitios que non hai, pero están, como xa nos contou Cunqueiro na súa Plática de mares Arábigos:
"Gutor, Babarón e Trapobana son tres illas que non hai, e están entre Bengala e illa Java”.
Dicía o de Mondoñedo que Gutor se cadra non a hai, pero hai o nome e o –R en que remata é rasgueado e os barcos poden esnafrarse contra el e ir ó pairo. Con Lougedo pasa ó revés. O sitio haino; o que non hai é o nome, e ese -G- fura os oídos de quen o oe pronunciar e as meniñas dos ollos de quen o ve e le.

         - "Lougedo, con G" –insistía o rapaz ó indicarme o seu domicilio.
         - ...!

Non dixen nada, que hai leccións que non se poden dar en 30 segundos e para quedaren mal dadas é mellor non comezar, pero naquel preciso momento planifiquei esta viaxe polos tellados e lousados de Galicia, para ver a súa cor, para ver de que están cubertas as trabes que salvan da chuvia as lareiras da nosa terra e manteñen secas as cacholas dos paisanos cando mexan por nós.


II
Penso que non cómpre ser moi perspicaz para decatarse de que ese Lougedo, ou Loujedo, do que me falaba aquel rapaz é en realidade unha deturpación de Louxedo ou Lousedo e que ese topónimo refírese á louxa, ou lousa, propia de amplas zonas do noso territorio e que pasou da terra ós teitos das casas, tamén nesas terras do occidente de Asturias.

Pero, ¿ata onde chega o material na terra, a lousa nos tellados e o nome nos lugares? E cadrarán as liñas divisorias? Trataremos de ver por onde van as raias.

III
Como avioneta non temos e tampouco queremos esmamallarnos contra o chan probando a ser homepaxaro, a nosa viaxe será virtual, que para iso inventaron Google Earth.

TELLADOS e LOUSADOS
Betanzos e Vilalba, exemplos de tellados e lousados, respectivamente

"Primeira cousa: a lousa, morte ao estranxeiro opresor”, escribiu Ferrín en Estirpe. Pois xa que citamos o autor de Arraianos, tiremos cara ó sur para iniciar a viaxe e veñamos cara ó norte, a ver onde nos leva o camiño.

Non tardamos en observar negros os cumes da Gudiña e vermello nas casas dos Riós. Tentamos afinar máis. Ó oeste da Gudiña hai lousados negros no Seixo, Barxa, Pentes, O Tameirón e Erosa, e ó leste dos Riós vemos tellados tirando a vermello en Castrelo de Abaixo, Castrelo de Cima, A Trabe, O Mourisco, A Veiga do Seixo. Parécenos que conviven uns con outros en San Lourenzo de Pentes e no Navallo.

Intentamos ir cara ó norte, buscando a isolousa entre Laza e Campobecerros, entre Montederramo e Chandrexa,... e axiña asumimos a derrota: é imposible tanta precisión porque o que ás veces parecen lousados poden ser tellados de uralita de palleiras ou establos. Ademais, perdémonos no mapa con tanto lugarexo. Cómpre repensar a idea.

Nun andel descansa a xa vella Gran Enciclopedia Galega. Que arquivo fotoetnográfico da Galicia dos 70 e 80 teño na casa e eu sen decatarme ata estes días! Tamén inclúe ducias de retratos de lugares grandes e pequenos. Por aí tiramos, aparcando a tecnoloxía, revisando as fotos tomo por tomo e riscando nun mapa de concellos Tes vermellos ou eLes negros segundo vaiamos observando.

Agora si. Rematada esta fase, volvemos a Google Earth para facer comprobacións e encher algunhas lagoas que nos quedan. Por economizar traballo, só reflectimos no mapa os concellos que delimitan a fronteira das tellas e as lousas, entendendo que todo o que queda á esquerda é de tella e á dereita mantense a lousa.

E velaquí o mapa, no que marcamos con círculos vermellos os tellados e con cadrados negros os lousados:

Mapa de elaboración propia: en vermello, os concellos con tellados; en negro,  os de lousados.

Os distintos tamaños dos círculos e dos cadros non indican nada; é que un non é precisamente o rei do Photoshop.


TOPÓNIMOS
Toca agora delimitar a fronteira dos topónimos derivados de lousa.

Introducindo no buscador do Proxecto toponimia de Galicia o lexema lous- atopamos 390 resultados, espallados por todo o territorio, aínda que con maior concentración na metade norte, pero moitos deles inclúen o grupo -lous- sen ter relación ningunha con esta raíz. Cómpre concretar.
Topónimos que inclúen o grupo -lous-.
Se pedimos que o topónimo comece por ese lexema, temos 45 resultados e observamos que hai máis concentración nunha diagonal que vai de sueste cara ó norte, trazando unha liña que pode andar próxima á fronteira que nós establecemos entre tella e lousa. Esta diagonal presenta unha derivación cara á parte oriental da Mariña de Lugo.
Topónimos que comezan por Lous-
Non hai moitas variacións no trazado que nos dá o buscador se restrinximos a busca ás entidades humanas, deixando fóra accidentes xeográficos terrestres e costeiros, augas, terras e vías. Neste caso, temos 31 resultados de entidades de poboación que comezan por lous-.
Topónimos de entidades humanas que comezan por Lous-

Situámolas nun mapa para contrastar co mapa dos tellados / lousados, marcando desta vez con casiñas verdes os topónimos.
Mapa anterior, engadindo en verde os topónimos que comezan por Lous-

Non hai moita diferenza, xa que a maioría dos núcleos de poboación que teñen nome derivado de lousa están situados en zonas de tellados negros. (Non colocamos no mapa os máis orientais por non esforzarnos máis do debido e porque non nos aportan nada para a delimitación dos lindes).

Con todo, parece que a tella invadiu algo o territorio da lousa, xa que nos quedan algúns topónimos en territorio “vermello”.

Temos topónimos aparentemente derivados de lousa en Lousame, As Neves, O Irixo, Piñor e Carballedo, que son zonas claramente de tella. Valdoviño, Irixoa e Sobrado son concellos nos que predomina a tella pero, polo menos nalgúns núcleos de poboación tamén está presente a lousa, igual que na toponimia.

Velaquí os mapas desas zonas, algo máis de cerca:
Concellos de tellados vermellos, nos que hai algún topónimo que comeza por lous-, marcados en verde.

Concellos de tellados vermellos, nos que hai algún topónimo que comeza por lous-, marcados en verde.

XEOLOXÍA
Facemos unhas buscas en internet e atopamos un par de mapas que delimitan o territorio das pizarras (en cores violáceos no mapa) e outro que tamén fala de rochas e debuxa unha diagonal azul que non debe andar moi lonxe da que nos trazamos ó separar topónimos, tellados e lousados. Pero non seguimos por este camiño, que este é un mundo no que nos perdemos e apenas distinguimos uns pedroulos de granito dun anaco de pan reseso, así que paramos aquí a viaxe. Que outro afine máis; nós non concretamos tanto como queriamos ó comezo, pero creo que demostramos que algo ten que ver a lingua coa terra que a criou e que agora a ve esmorecer. 



30.9.13

50 pesetas por un nome

A rúa na que vivo ten menos de 50 anos. No voo americano de1956 –esa minuciosa obra de espionaxe coa que os americanos seica querían pillar comunistas desde o aire- aínda se pode ver ben como isto era unha leira, e  aínda seguiu así uns anos máis. Agora chámase Avenida de Asturias. Non debeu resultarlles difícil ós encargados do bautizo escoller nome para a criatura, porque antes de que se inaugurase a Ponte dos Santos esta era a ruta que había que seguir se se quería pisar chan asturiano dando a menor volta posible. 

Pero non sempre é tan fácil a cousa, sobre todo porque non hai o custume de preguntarlle ó primeiro paisano coñecedor do terreo:

- Ei, señor Indalecio, ¿e podería dicirme como se chama este agro?
- Desde aquí ata acolá onda aquela ramalleira sempre lle oín chamar O Carqueixedo.

Se así fose, nada malo habería en chamarlle rúa do Carqueixedo á vía de nova construción, pero iso non se fai, non vaia ser que se perda a oportunidade de poñerlle Calle de la Pata del Caballo del Cid, que sempre dá outra imaxe.

Non debe ser doado bautizar os rueiros cando non se quere falar cos vellos. Se cadra foi por iso polo que cando houbo que bautizar o novo parque de Ribadeo decidiron pedir axuda, segundo se pode comprobar nun recorte que conservo:
Concurso pro PARQUE DE RECREO
¿Quiere Vd ganar 50 pesetas?
Escriba en un simple papel un nombre-título que no exceda de ocho letras, bien en castellano o gallego, fírmelo o solamente con pseudónimo y, bajo cerrado sobre, entréguelo en la taquilla del TEATRO RIBADEO, y si ese nombre-título resultase el elegido para titular el Parque de la calle San Francisco, obtendrá un premio de CINCUENTA PESETAS.
Advertencias: No entrarán en el escrutinio y por tanto no serán valederos ningún nombre jocoso o alusivo a persona alguna.
No se devuleven los originales.

Tres detalles hai que me gustan na convocatoria: a posibilidade da participación cidadá, que mesmo podía gañar uns cartiños por discorrer un pouco, a posibilidade de que o nome fose en galego, e o feito de non admitir nomes de persoa, como seica recomenda a UNESCO.

Descoñezo o éxito da convocatoria. Só sei que hoxe ese espazo chámase Parque de San Francisco. Persoa non é, que os santos son cousa etérea.

NOTANon indico data nin orixe porque non lembro cando nin de onde saquei o recorte, que un non vai ser sempre ordenadiño, pero a cousa queda aí, como curiosidade.

 

24.9.13

Toponomicidios de cine.




Lugo. XXXV Semana Internacional de Cine de Autor. Organiza: Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.

Exposición fotográfica de cines da provincia. Nos rótulos: Viveiro, A Pontenova,... pero Villalba, Lorenzana.

Que fixemos mal para que, despois de 30 anos de Lei deNormalización Lingüística, non se respecte a toponimia nin tan sequera por parte de individuos e colectivos supostamente concienciados pola cultura?  

3.3.13

Campanónimos

Para Luz, que sabe de nomes o que o demo ignora.

Como as malas compañías sempre acaban influíndo, aínda sen saber moito de onomástica, téñome preocupado algo polos nomes da zona onde respiro:

Houbo tempos nos que poñía o alumnado a investigar sobre os seus antropónimostopónimos, zooónimos, oikónimos, apotecónimos e supoño que algún outro -ónimo que agora non lembro. Un día, de paso que me vendía peixe,  tamén me contou Secundino información valiosa sobre os nomes do mar de por aquí. Eu pensaba que no mar estaba feita a parcelaria e que todo era unha leira, e resulta que cada zona chámase dun xeito. Seica son talasónimos estes nomes.

Pero nunca se me pasou pola cabeza preocuparme polos nomes das campás que vexo agora mesmo só con apartar a cabeza do monitor e virala algo á esquerda, e hai uns días descubrín que están bautizadas desde hai case cen anos. Reproduzo o texto da fonte:
En la inmediata villa de Ribadeo se encuentran colocadas ya en la torre de la parroquial dos magníficas campanas fabricadas en los talleres de fundición que en Carabanchel Bajo (Madrid) tiene don Constantino Linares. Tienen dichas campanas un agradable timbre, siendo su peso de 50 arrobas una y de 40 otra, y se les puso por nombre "Santa María del Campo" a una y "Bárbara" a otra, nombres que corresponden a la patrona de la parroquia el primero y a la abogada de las tormentas el segundo.      
 (Castropol, nº 328, 10 de maio de 1914) 

5.2.12

O Irixo

EL IRIJO 19, CARBALLINO 32. Os meus ollos tropezaron durante anos a diario con esa mensaxe escrita nun sinal de estrada, cando ía no autobús para o colexio.

Toponimicidios á parte, a pesar dos poucos quilómetros que me separaban deses lugares, para min era un mundo absolutamente descoñecido, distante, case misterioso. Tardei ben anos en ir por primeira vez ó Irixo. Sabía que había que seguir máis alá de Lebozán, que chamabamos Lobozán ou Lobezán e eu imaxinaba sempre cheo de lobos, e pasar a Cruz da Grade, que me daba medo porque tiña oído contar ducias de veces historias de bandoleiros que saían alí ó paso da xente que ía ou volvía da feira de non sei onde. Durante anos, se eu tivese que indicar un lugar de visita desaconsellada diría sen dubidar A Cruz da Grade, e despois o Bronx. Supoño que unha idea parecida tería Cela ó escoller esas terras para ambientar por alí algo da súa Mazurca para dos muertos.  


ILUSTRACIÓN DE MAZURCA PARA DOS MUERTOS

Despois fun ó Irixo. Atravesei varias veces a Cruz da Grade e nunca me saíron bandoleiros. Perdinlle o medo a esa zona. Ademais, O Che deulle lirismo e ata me acabou parecendo terra agradable de ver e visitar. Terra calada, que garda as esencias sen facer barullo, que tamén esmorece sen facer barullo.

Agora hai ruído e un descobre que existe xente que quere manter o que ten, xente orgullosa do seu… tamén hai xente orgullosa do seu Alcalde porque non perdeu moito o tempo cos libros nin cos estudos.
Tamén hai profesores que loitan por educar nenos fillos de xente así, en todos os lados, e encima teñen oír o que teñen que oír.