Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

23.6.08

A conquista de Irlanda


Non hai toupas en Irlanda. Xunto con Islandia, é o único país de Europa non habitado por esta especie.

Ergueuse Ith un día de ceo claro e subíu á torre que erguemos pra á noite alumar a rota que debe seguir o navío. Foi así como conseguiu ver Eire, a illa onde sempre é verán e hai ríos de mel e mazás todo o ano. Como era Ith sagaz singlador botouse ó mar nun barco de coiro de boi e conquistou a illa verde a onde o vento do sur leva o recender dos fieiteiros e das fragas nosas.

Pero Ith non levou as toupas que tunelan as nosas leiras e enchen de outeiriños de terra con lentura as veigas de noso. A iso imos. Dentro duns días, os habitantes de Irlanda saberán máis da nosa cultura en Cork. E saberán tamén da presenza do toupo que fuza na súa illa. En Dublín, en Limerick, ...

Descansará a toupeira mentres tanto. Á volta, contaremos.

(Fragmentos en cursiva collidos de VIII Fragmentos e Cerco de Ferro, de Darío Xohán Cabana)

16.6.08

Membros e membras


Armouna boa a Ministra Aído ó usar a palabra miembras, creando así un feminino inexistente. Non tardaron dous segundos en tirárselle ó pescozo ducias de vampiros ávidos de sangue de garrida moza gaditana.

Non son eu militante acérrimo da linguaxe non sexista, que por veces chega a límites ridículos con tantas raias e palotes (o/-a) estrados polos textos, pero moléstame a malicia que rezuma detrás de moitos comentarios dirixidos contra este membro feminino do goberno porque creo que, no fondo, non representan unha defensa da linguaxe correcta senón un desprezo a ela, ó seu Ministerio e ó labor que lle encomendaron.

É certo que meteu a pata e que acabou de rematala cando quixo amañar o asunto, pero tamén é certo que houbo quen se cebou con ela coma se queimase a RAE con todos os seus membros dentro. Creo que non habería tal reacción se a pifia procedese dun membro con membro, pero Aído é muller, é nova e encabeza un Ministerio que se cadra estorba ós devotos de santos asilvestrados coma Berlusconi.

Non existirá a palabra miembra pero ben certo é que podería existir. A Ministra non fixo nin máis nin menos ca botar man de camiños moitas veces transitados na diacronía do léxico.

Acaso non tiveron unha orixe similar as palabras sincero ou autodidacta?

En orixe sincero non tiña feminino. En realidade nin era un adxectivo, senón que era a preposición sine (para nós sen) seguida do substantivo cera. Hai quen di que a palabra se orixinou no mundo da escultura, xa que os artistas usaban cera para corrixir as imperfeccións das estatuas de bronce, frecuentes cando o metal non era puro. As figuras que non tiñan estes amaños eran esculturas “sine cera”, ou sexa, auténticas, sen enganos.

Outros din que a orixe está no teatro, onde o normal era que os actores usasen máscaras de cera. Pero algúns facíano a cara descuberta, tal como eran, “sin cera”.

Fose dun xeito ou doutro, o certo é que inicialmente o adxectivo que xurdiu desta construción non tiña equivalente masculino e que a forma rematada en –o se creou máis tarde, ó indentificar erroneamente o –a final como marca de xénero.

O caso de autodidacta, do grego “autodidaktos” é similar, só que neste caso a forma que naceu posteriormente foi a rematada en –a.

Vendo a numantina defensa que se fixo do castelán puro, eu conformaríame con que, cada vez que algún político lle dá un couce no fígado ó galego, alguén reaccionase coa centésima parte dos estacazos que lle caeron a ela. Ah!, claro... trátase do galego e aí vale todo.

Sinceramente, máis grave ca este erro puntual paréceme, por exemplo, o feito de que nos pasaportes españois haxa faltas de ortografía xa que aparece en dúas ocasións o demostrativo con til cando non ten por que levalo ó non haber ambigüidade ningunha. Trátase dun documento oficial de deseño moi coidado, e a linguaxe ben merece o mesmo esmero cás rotas de Colón ou cós camiños migratorios dos morcegos.

NOTA: Se alguén precisa "autoridade", véxase TILDE 2 no Diccionario Panhispánico de Dudas (punto 3.2.1)

9.6.08

Un libro escrito en galego!!!



Non. Nin toleei nin atopei ninguha obra anterior á de Antonio Fernández y Morales (1861), que leva a auga, nin a Cantares de Rosalía (1863), que leva a fama. Explícome:

Co gallo da publicación dun manual de Educación para a cidadanía, Ignacio R. Díaz entrevista para El Progreso (6-6-08) a Manuel Regueiro Tenreiro, autor do libro.

Despois dunha serie de preguntas previsibles, o sagaz xornalista remata a entrevista de xeito sorpredente:

- Por que o libro está escrito en galego?

Non sei que cara poñería quen durante anos foi Director Xeral de Política Lingüística, pero o certo é que soubo salvar a estupidez da pregunta cunha resposta intelixente.

Intervencións así, que agroman de vez en cando na prensa, son evidencias dos complexos que arrastra algunha xente e supoñen un bo indicador da situación sociolingüística do país, onde queda aínda moito que arar para que sexa posible algo tan normal como vivirmos en galego.

3.6.08

Vida social


Unha vez chamáronme insocial e gustoume. Sería peor que me chamasen pusilánime, sibarita, iconoclasta, polígrafo, ecléctico ou calquera desas palabras que impresionan moito pero que cómpre botar man do dicionario para entendelas cabalmente.

Insocial, non. Insocial enténdea todo o mundo, como entende túzaro ou ourizo cacho. Está ó alcance de todos , sen perder por iso certas riminiscencias ancestrais que lle dan corpo á idea, coma se de viño de Barrantes se tratase.

Gustoume. E para facerlle honra e progresar adecuadamente (PA), desde aquela apampo ante a tele, con pizarra e pizarrín para coller apontamentos, cada vez que aparece por alí Vilches ou House -hoxe ración dobre, por certo-. Non atendo nin as urxencias.

Non sei traballar en equipo, non son constante nin disciplinado nin teño a perspectiva necesaria para formar parte de ningún colectivo. Non son tampouco moi dado a participar en xuntanzas masivas, aínda que algunha vez se me ten posto a carne de pita en eventos colectivos de xeito que impresionaría ó mesmo Zuche, se existise.

Con todo, de vez en cando hai propostas que me tentan, coma a Xuntanza de blogueiros nos pendellos de Agolada, á que non asistín porque, por máis que adestro desde que mo recomendou o gran Baltar, non consigo mandar o meu ectoplasma a un sitio e o corpo a outro, e o meu corpo o sábado tiña que estar irremediablemente en Outeiro de Rei.

Pero quero que quede constancia dos meus parabéns a Busto e a cantos traballaron con ilusión e esforzo na organización do encontro. Para outra vez será.