FOTO: VIRXILIO VIÉITEZ |
Fálame Tomás, emocionado, da exposición de fotos de Virxilio Viéitez en Madrid. Gustaríame poder dicir,
tendo en conta as idades, “este retratoume de pequeniño”, pero o certo é
que non son consciente de saber da súa existencia ata hai uns anos, cando tivo
certa repercusión na prensa o éxito da súa presenza nunha boa galería de París.
Non coñezo del máis ca uns cantos retratos que foron saíndo nos medios, pero
celebro o recoñecemento que se lle está outorgando.
Se cadra tamén é porque vexo nalgunhas das súas instantáneas mundos que
vivín de pequeno, miradas anónimas que me son amigas; pero creo que celebro o seu éxito e
que lle poña a carne de pita ós que visitan o evento, principalmente, porque é
da Terra de Montes e esperta en min emocións de tempos idos.
A Terra de Montes é para min infancia en Aciveiro cada 8 de
setembro e adolescencia primeira en Soutelo e Forcarei, e en toda a contorna. Houbo un tempo no que tirabamos cara a alá. Subiamos as
curvas do Penadoiro e axiña aparecía ante nós o mosteiro, que explorei por horas cando estaba feito un pardiñeiro. Corrín detrás do balón no prado do cura
e no campo da recta do 70 -chamábaselle así polo punto quilométrico-. Tamén
xoguei trofeos de verán no campo de
Forcarei, que xa era cousa seria porque era plano, ben rectangular, e
tiña porterías regulamentarias. Corrín diante dun enxame de abellas en
Vilapouca. Vin correr coellos e perdices diante do coche, de madrugada.
Malbailei a Miguel Ríos e a tantos outros na Paraíso e na Montes, cun cubata na man, de tipo duro, e A saia da Carolina en verbenas da contorna. Xantei marisco a embute no París e
churrascadas en Soutelo. E rin, rin moito. Axexei nas festas mozoulas do campamento da Freixa, se
as deixaban ir, e as emigrantes que volvían no verán e no Nadal de Andorra e de
Suíza. Notábanse ben as temporadas. ...Ai, os ollos! É que a Terra de Montes é tamén, e se cadra por encima de todo, paisaxe: petoulos grises de granito emerxendo por encima das toxeiras amarelas de chorima cando toca, antes foron os malvas das carpazas e das uces. Verde, sempre. Por veces negro dos incendios, que entran tamén polo nariz. Levo na alma o cheiro do chamusco, as imaxes dos serróns de lume arrasando nas ladeiras, as laparidas na noite, os guizos no medio da borralla, e o panasco que vai furando na candieira para que comece outra vez o ciclo da vida.
Aciveiro, Millerada, Dúas Igrexas, Vilapouca, Soutelo, O
Cachafeiro, A Portela de Lamas, Folgoso, Sabucedo, Forcarei, ... espazos
compartidos. Se cadra non foron moitas veces, pero decátome de que quedaron
gravados a ferro na miña memoria dos sentidos e das emocións, que agora
espertan desde lonxe os ollares de Virxilio, o retratista de Soutelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario