Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

12.11.20

Indigna dúbida

- Vinte sigros predicando 

caridade pra esa duda!

Foi a resposta que lle deu Curros, convertido en personaxe, ó Papa León en O Divino Sainete cando a Súa Santidade expresou os seus medos a que a Igrexa quedase sen recursos se renunciaba ás súas riquezas para axudar os máis necesitados.

O Papa aceptou a proposta do poeta porque se decatou de que esa dúbida era indigna: non podía ser que as xentes de ben abandonasen a Igrexa, ignorando tantos séculos de valores cristiáns, de bondade, de caridade...                                    

O episodio paréceme aplicable a cantos se empeñan en sacar as navallas cada vez que se amaga con retirarlle ó castelán os privilexios dos que vén gozando desde hai séculos e colocalo en pé de igualdade coas outras linguas oficiais do Estado, ou polo menos permitir que se lle acheguen algo.

O máis evidente destes privilexios é a obrigatoriedade do coñecemento do castelán para todos os cidadáns españois; inxusta imposición blindada na Constitución, que non se establece nin se pode establecer para ningún outro idioma -por iso houbo que modificar a redacción inicial da Lei de Normalización Lingüística- e que tampouco se establece explicitamente para a maioría dos idiomas estatais da UE.  

E os que sacan as navallas -case sempre mentindo- son os mesmos que pregoan que o castelán é un tesouro que nos permite comunicarnos con milleiros de millóns de persoas do mundo, que o estuda por todo o planeta outra presada de milleiros de seres, que é o idioma no que se escribiu o Quijote e no que cantou Manolo Escobar, que o seu descoñecemento provocaría o caos desde Fisterra a Cap de Creus...

E sendo así..., acaso pensan que nalgún recuncho do país a xente é tan parva como para renunciar ó seu coñecemento? É necesaria tanta blindaxe? Pensan que o castelán corre algún perigo? Tantos séculos predicando virtudes para esa indigna dúbida, Papa León!

24.9.20

ENDESA DISCRIMINA O GALEGO

Hai uns meses, no concello en que resido renumeraron algunhas rúas, co cal o meu domicilio, sendo o mesmo, pasou a ter un número distinto.

Despois de solicitar no Concello o correspondente certificado de equivalencias, procedín a comunicarlle o cambio a distintas empresas coas cales teño contratados servizos (REPSOL, VIAQUA, MAPFRE, CASER, R...) para que actualizaran os datos da vivenda.

Envieille a todas un escrito similar e non tiven problemas con ningunha delas polo feito de que a miña comunicación fose redactada en galego. Unhas contestaron en galego, outras en castelán, pero todas entenderon e atenderon a miña petición; todas menos unha: ENDESA.

A finais de agosto recibín un correo desa empresa no que se me pedía que lle enviase a miña petición en castelán, por ser o castelán e o inglés os únicos idiomas cos que atenden os seus clientes.


O 25 de agosto, a través da súa web, enviei unha queixa explicándolles que a súa resposta me parecía inaceptable por discriminar o idioma propio de Galicia  e indicándolles que faría públicos os feitos se non recibía algún tipo de desculpa nun prazo razoable.

A semana pasada usei o chat da mesma web para comunicarlles que esta semana faría pública a discriminación do galego por parte de ENDESA, xa que se cumpre un mes da miña primeira queixa e non recibín ningún tipo de resposta. Considero que un mes é un tempo máis que suficiente para atender unha queixa dun cliente.


A discriminación do galego paréceme aínda máis grave se temos en conta que ENDESA na súa web usa, ademais do castelán e o inglés, tamén o catalán, que debe ser un idioma máis respectable có galego.


Ademais, na mesma web, alardean de que ENDESA se compromete a apoiar a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Deben ignorar que esa Declaración establece no art. 2 que “Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades [...] sen distinción ningunha de raza, color, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición".

Está claro que, polo menos en relación co idioma, ENDESA non respecta a Declaración Universal dos Dereitos Humanos nin me respecta a min. 

13.9.20

A lingua, iso é outro Kantar

 


Son dos que contesto enquisas. Gústame pensar que alguén pode ter en conta a miña opinión á hora de tomar unha decisión. Digo eu que se me preguntan será para algo.

Estes días estiven respondendo unha macroenquisa de Kantar, empresa especializada en estudos e análises de datos. O tema era o lecer e consumo e cuestionario estaba estruturado en máis dunha ducia de seccións e en varias delas formulábanse máis de cen preguntas, a maioría con varios apartados. Eu non sei canta casiñas acabei marcando en total, pero contaríanse por miles.

O que non acabo de entender é como nun cuestionario tan detallado sobre as miñas preferencias non se ve por ningún lado a máis mínima intención de querer saber en que idioma prefiro que se me ofrezan os produtos e os servizos.

Parece que as empresas queren saber ata se me gustan máis os grans de arroz redondiños ou alongados, as galletas con moito ou pouco azucre, os coches grises ou vermellos, El País ou o Hola... pero a ningunha lle importa saber se teño en conta, como consumidor, os uso do galego na publicidade, na etiquetaxe ou no servizo de atención ós clientes.

Pois xa lles digo, por se algún vendedor de algo me le, que o idioma é un factor que teño bastante en conta á hora de consumir. E teño a seguridade de que non somos poucos os que temos interese niso.

Penso que as empresas, asociacións de comerciantes, etc. deberían preocuparse por facer indagacións sobre iso. Igual levaban sorpresas.

7.9.20

A (non) transmisión xeracional da lingua

Empezamos un novo curso e unha vez máis segue sen modificarse o fatídico Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Nin se modifica o decreto nin se vela polo seu cumprimento efectivo, de xeito que a escola segue a ser, neste sentido, eido a monte e as consecuencias para o (non) uso da lingua son cada vez máis evidentes.

Cando sae o tema, é frecuente escoitar que o problema non está no ensino senón nas casas porque as familias non educan en galego os seus fillos. Aí tamén. O problema está en todos os lados.

Pero tamén observo cada vez con máis frecuencia pais e nais, sobre todo entre os 30 e os 40 anos, que lle falan galego ós seus cativos e que non conseguen que estes o acaben convertendo no seu idioma habitual. Cando son pequeniños, fálano ou mestúrano co castelán, pero en canto se escolarizan abandonan o galego como idioma de comunicación aínda que pais e nais sigan dirixíndose a eles en galego. Coñezo bastantes casos. E non vale dicir que un neno ou unha nena de catro, cinco ou seis anos está exercendo a súa liberdade a expresarse no idioma que queira. Non; a esa idade non se exerce esa escolla consciente.

Ante iso, non se pode seguir repetindo un día si e outro tamén que a causa da non transmisión xeracional está nas familias. Estará nalgunhas, pero hai outras que sofren as consecuencias de que non se planifique un sistema educativo que compense os desequilibrios que hai na sociedade. E xa van alá moitos anos de continuísmo.

Sobre iso xa se manifestou a Academia:

[...] cales son os motivos da creba da transmisión interxeracional do galego? O traballo explica que esta ruptura non é consecuencia tanto das decisións das familias, senón que máis ben procede de "aspectos relacionados coa súa escasa presenza na socialización secundaria", nomeadamente no ámbito escolar e de maneira especial en determinados contextos semiurbanos. Sobre o papel da escola, aínda que se evidencia que a institucionalización deu avances positivos, como demostra a crecente competencia para ler e escribir en galego desde os anos noventa, sinálase tamén que co último decreto neste eido, o 79/2010, asistimos a unha reversión dos avances conseguidos.

Pero vese que non se lle fixo moito caso.



30.7.20

Demasidos cristais rotos

Hai quen di que o declive dunha empresa empeza o día en que rompe un cristal da nave e ninguén se preocupa por repoñelo. Parece ser que ese pequeno detalle, aparentemente insignificante, é un indicio da decadencia inevitable, aínda que outras circunstancias parezan indicar boa saúde.

Se aplicamos iso ó trato que a Consellería de Educación lle dá á lingua galega, a conclusión é preocupante: centros de ensino novos con con rótulos de SALIDA en castelán coma se non existisen no mercado en galego; ascensores novos que só teñen audio en castelán, habendo tamén oferta en galego; erros de lingua en ferramentas que se lle facilitan ós centros (Aula Virtual, espazo web...); recursos en castelán no repositorio Abalar para materias que deben impartirse en galego... Xa teño falado diso noutros lugares

O último cristal roto é o Protocolo COVID, que se fixo público o día seguinte ás últimas eleccións. Máis alá das discrepancias que poida haber en relación co seu contido, trátase dun documento impresentable desde o punto de vista lingüístico: desde o CONTENIDO que encabeza o índice ata os planos con modelos de distribución das aulas, rotulados integramente en castelán, pasando por moitos outros erros que detectaría calquera alumno de secundaria medianamente preparado.

Fragmento do índice do Protocolo

Poderase dicir que eses son pequenos detalles no medio dun problema como o do coronavirus e nun conxunto tan amplo como é o labor da Consellería, pero o certo é que son xa demasiados cristais rotos.

23.5.20

Os novísimos da poesía galega. Serendipia


Conservo desde hai tempo un exemplar de Os novísimos da poesía galega, antoloxía de poetas novos que Mª Victoria Moreno publicou cando Franco empezaba a agonizar, deixando, iso si, o seu bafo infestando o aire aínda hoxe, ou se cadra hoxe máis ca nunca. 



De vez en cando volvo a ese vello libro buscando aqueles versos que releo eternamente:
Aquil tren cargado de carne humán
detívose na fronteira unhas horas
pra valdeirarse dunhos pais sen fillos.
Na estación había un letreiro longo
que poñía: “EUROPA – MERCADO – FÁBRICA”. 
Tempos houbo nos que eu lía estes versos e sentía que falaban de min, que non estaba. Cousas miñas.

No último Grial do 2018, Montse Pena Presas debulla os avatares que a publicación desta antoloxía provocou no seu tempo. Non sabía eu que a tesoira da censura entrara a saco tamén nesta escolma de versos cheos de ilusión. Seica nin a rosa que sangra na portada se librou das suspicacias.

No artigo, Montse Pena corríxese a si mesma despois de afirmar en A voz insurrecta que Os novísimos da poesía galega non sufrira modificación ningunha por causa do seu expediente de  censura, que se pechou o 15 de febreiro de 1974. Foi Chus Nogueira quen lle fixo ver que as páxinas 102 e 103, correspondentes ó poema “Carta poema aos fillos do Che”, de Alfredo Conde, non figuraban no libro, aínda que constan no índice.

O asunto explícase pola existencia de dúas versións distintas da 1ª edición. Hai unha versión completa e outra mutilada, na que unha mesma folla ten no anverso a páxina 101 e no reverso a páxina 104, omitindo o poema antes citado. A versión mutilada utilizaríase para salvar os atrancos das autoridades e a versión íntegra para o público en xeral.

O coñecemento dese detalle levoume a comprobar a cal das dúas versións se corresponde o meu exemplar e descubrín que ó voltear a folla da páxina 101 aparece directamente a 104, ou sexa, teño un exemplar da versión chapodada que fixo felices os censores.

A verdade é que tamén eu me alegrei de ter un exemplar eivado, aínda que iso implique un poema menos polos mesmos cartos. Gústanme os libros raros. Será que tamén eu son rariño.

25.4.20

Luz Pozo, 20 de abril

O pasado 20 de abril, co día botando a andar, comunicábanme e o falecemento de Luz Pozo Garza. Non vou facer unha semblanza da súa persoa porque o noso trato foi só circunstancial e tampouco me toca redactar ningunha análise da súa obra, nin tan sequera rápida, porque hai xente ben máis capacitada ca min que xa o fixo estes días en diversos medios.

Só quero deixar constancia do meu agradecemento polo trato afable que me dispensou sempre que lle solicitei calquera tipo de colaboración para as actividades do instituto. Aínda teño na memoria a última conversa, co gallo do acto do seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo, cando me insistía entre risas que gardase ben o seu Memoria solar, de paso que mo dedicaba, porque que valía 1000 euros, xa que era imposible conseguir ningún exemplar. Seguramente non ten ese prezo, pero para min ten un valor enorme porque, ademais da afectuosa dedicatoria da autora, encerra versos ben fermosos.

Deixo aquí unha mínima mostra, o remate dun poema de As arpas de Iwerddon, un libro polo que sinto especial debilidade, aínda que non é dos que ten dado lugar a máis aparello crítico :

       Entra con todo o honor dunha princesa
       nos palacios de inverno
Non esquezas a patria.
Pero sobre todo, quero deixar constancia da miña gratitude polo agarimo co que tratou un pequeno grupo de alumnas do instituto, que aquel día estiveron presentes no acto. Quen trata ben o meu alumnado ten sempre un lugar especial no meu corazón.
Luz Pozo adicando exemplares no acto de nomeamento como filla predilecta de Ribadeo


5.4.20

Virgilio Nóvoa Gil. Papeis no peche

Vicente Aleixandre, "cadrado".

Este peche coronavírico que o Presidente da Xunta anunciou en lingua impropia, “por si hay uno de fuera” –supoño-, pilloume dándolle as primeiras voltas a unha crónica tráxica redactada nun peche ben distinto.

Trátase de 54 cuartillas a dobre cara que o poeta Virgilio Nóvoa Gil redactou nalgún momento dos seus tres últimos anos confinado no psiquiátrico deToén, a onde chegara en 1961 trasladado do de Conxo, onde ingresara en 1948.

Resúltame imposible saber onde remata a realidade e empeza o delirio nunha persoa nas súas circunstancias, pero por veces é desgarrador o que escribe.

O poeta clama desesperadamente axuda dalgún dos seus “incondicionales”, palabra que usa reiteradamente para referirse ós seus amigos, para que o liberen do “secuestro”, que é como el califica o seu internamento. A cambio ofrece cuantiosa recompensa económica.

Cóntase por ducias a xente a que alude no relato da súa situación, cheo de detalles precisos que tentan, penso eu, darlle verosimilitude ó que di. Todas estas persoas, citadas para ben, para mal ou para nada, aparecen clasificadas en cadrados ou triángulos, seguindo un criterio que aínda non fun capaz de descifrar.

Pouco sabía eu de Nóvoa Gil ata que lin a súa desesperada chamada de auxilio e pouco sigo sabendo, porque a información que se atopa na rede é case sempre a mesma repetida: poeta nado na Xesta (Lalín), aplaudido por Manuel Machado e Juan Ramón Jiménez... Non vou repetir eu aquí unha vez máis datos que se poden atopar facilmente cunha simple busca.

Seguirei debullando as cincuanta e pico follas dese poeta que naceu tan cerca de onde teño raíces e de cuxo falecemento se cumpriu hai pouco o cincuentenario. Seguirei tratando de descifrar os seus cadrados e os seus triángulos e contarei, se cadra.

7.2.20

10 anos de "55 mentiras sobre a lingua galega".


[55 mentiras... no Obradoiro. Autoría descoñecida]
 Se fose un feito acontecido na Europa central habería nos Museos litografías dos heroes xenerosos e unha citación nos mármores da historia. Pasou na Galicia. Terei que estudiar o asunto [...]
Con estas palabras reflexionaba Adrián Solovio en Arredor de si ante o seu descoñecemento dos detalles da "sanguenta batalla de Carral". Algo así podemos dicir da multipresentación de 55 mentiras sobre a lingua galega, da que estes días se cumpren dez anos: se pasase en calquera outro lugar do mundo abriría os informativos e sería portada de todos os medios escritos. Pero pasou en Galicia –mellor dito, pasou desde Galicia- e o caso que lle fixeron os medios foi máis ben escaso.

Eran os anos da peste, cando as mentiras sobre a lingua foron coartada perfecta para apañar unha presada de votos.

Cansos de tanta infamia, desde Prolingua decidiuse desmontar o argumentario da vergonza con razóns irrebatibles. Co capitán Quique Costas á cabeza, o equipo púxose en marcha e naceu o libro: 55 mentiras sobre a lingua galega. Os detalles cóntaos mellor ca ninguén Paco Fernández Rei nun artigo recente. Un séntese orgulloso de que o volume recollese de xeito case literal algúns dos argumentos que uns anos antes publicara en Tópicos sobre a lingua galega, que tamén ten a súa pequena historia.

Feito o traballo, o verdadeiramente insólito foi a presentación en público. Botando man de amigos, coñecidos e xente de ben, argalláronse 69 presentacións simultáneas noutros tantos lugares de Europa, América e Asia, nalgún caso cos lóxicos axustes horarios, que non é cuestión de meter a xente nestas cousas ás cinco da mañá. Foi o 5 de febreiro de 2010 ás oito e media da tarde. Nas semanas seguintes tivo lugar un bo número de novas presentacións. En total, unhas 200 persoas nas mesas falando do libro e da lingua e milleiros de persoas escoitando. Si, milleiros de persoas á mesma hora na presentación dun libro.

Se pasase en calquera outro lugar do mundo, abriría os informativos e sería portada de todos os medios escritos. Pero pasou en Galicia, onde a esperanza nos ollos se espreguiza, aran os bois e chove.


27.1.20

Apeos e saqueos

Portada do manuscrito "Apeo de los lugares de S. Martiño, Sante y Freixeyro, sitos en la feligresía de Laro..."

O 31 de xaneiro de 1599, cando Súa Maxestade Felipe III alcumado “O piadoso” aínda non levaba catro meses de reinado, os meus devanceiros de San Martiño, Sante e Freixeiro quedaban condenados a un saqueo argallado polos de sempre

Mentres en Laro aturaban como podían o vento frío que aquel día sopraba de Candán –é un supoñer-, uns cantos quilómetros máis ó norte, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, un tipo outorgáballe carta de poder a uns sicarios para que perpetrasen con absoluta liberdade un apeo dos lugares de San Martiño, Sante e Freixeiro, rexistrando cantas propiedades pertencesen ó mencionado mosteiro. De testemuñas estiveron un fato de criados do mosteiro e os frades Atanasio, Benito, Basilio e Gabriel, que Deus teña na súa Gloria.

É de supoñer que a intención non era precisamente rozar as silvas ou amañar as pingueiras que nesas propiedades houbese, senón que os veciños de Laro pagasen relixiosamente –e nunca mellor dito- por traballar eses bens, que non sei como foran parar a propiedade de mosteiro tan distante.

Debeulles levar uns meses dar cos lugares mencionados e ferrar os cabalos para a viaxe, pero o día 13 de novembro do mesmo ano de 1599 plantáronse diante da igrexa de Laro os enviados e atraparon os veciños que “estaban oyendo misa mayor siendo día de Domingo”.

A partir de aí comezaron as citacións e as declaracións dos veciños, baixo xuramento e ameaza de ir ó inferno se mentían. Cando a primeira quenda de requiridos rematou de contar canto sabían, chamaron outros máis novos, por se os primeiros tiñan mala memoria e esqueceran algún ferrado de terra.

Cóntase todo o proceso nun documento que localicei por casualidade e que ando debullando ós poucos, cando hai tempo e paciencia para ler os reviraganchos das sesenta e nove páxinas manuscritas que levaban máis de catro centos de anos agardándome e que agora se conservan no Arquivo do Reino de Galicia, onde amablemente me facilitaron copia.

Neles vou atopando nomes de leiras, montes e fontes que eu chamei de pequeno do mesmo xeito, outras das que nunca oíra falar, nomes de veciños e veciñas moi distintos ós de hoxe, apelidos coñecidos ou desaparecidos na zona... Poida que algún día dea conta deses detalles, pero non vai ser hoxe.

Polo de pronto, o que máis me emocionou foi atopar referencias á ermida que daquela había cerca das casas de San Martiño. Ninguén ten memoria do edificio, pero sendo eu pequeno subía e baixaba de cara á casa pola “congostra da Ermida”, polo que sempre presupuxen a súa existencia, que os topónimos son moito máis sabios do que pensamos.


Congostra da Ermida nunha imaxe do Vuelo americano, 1956

[...] mas el nabal y heredades sitos abajo de la casas del dicho lugar de San Martiño que llebará de sembradura una anega de centeno según que [...] la dicha heredad está marcada de por si y cerrada de muros y valo y de la parte de riba entesta en las dichas casas y en el adrio de la Hermida de dicho lugar y de la parte de abajo entesta en la congostra que va abajo de la dicha heredad.
Alusión á ermida de San Martiño, describindo os lindes dunha leira.
Volveremos sobre o asunto.