Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.5.19

Donos das palabras

Captura de pantalla da web da plataforma "Queremos galego"

Hai algún tempo falei nun acto público da importancia estratéxica da terminoloxía á hora de transmitir mensaxes para acadar obxectivos. As mensaxes son importantes, pero transmitilas adecuadamente é imprescindible.

Dicía eu daquela que, en relación coa defensa da lingua, habería que ir aparcando o termo normalización, porque foi adquirindo connotacións negativas e dificultan o proceso, e propoñía promover o termo igualación, que é moito máis transparente semanticamente e deixaría en evidencia a quen se opuxese a un proceso que tivese ese obxectivo.

Alégrome por iso de que a recente proposta impulsada pola plataforma Queremos galego e outros colectivos de Cataluña e Euskadi leve como lema Liberdade, igualdade e democracia.

Liberdade, igualdade e democracia son termos valorados positivamente pola sociedade e non hai que permitir que se apropien deles precisamente os que desexan poñerlle cancelas ó valor deses termos. 

Outro termo que non deberiamos deixar caer en mans alleas é o de constitucionalistas. Eu estou convencido de que o nacionalismo defende moito máis os principios constitucionais do que o fai o liberalismo de dereitas, especialmente no que se refire á xustiza social e ó recoñecemento da diversidade.

Non son nada constitucionalistas, por exemplo, as propostas lingüísticas que veñen defendendo o PP e Ciudadanos –doutros prefiro nin falar-, se temos en conta o artigo 3.3 da Constitución. Porén, estas formacións entran dentro do que se deu en chamar o “bloque constitucionalista", no que parece que non cabe ningunha formación nacionalista.

A Constitución ten máis eivas ca Marcelo en defensa, pero é a mellor que hai agora mesmo e, mentres se loita por mellorala, non hai que deixar que a patrimonialicen os que non ven mundo máis alá da diagonal dos Monegros e o único que queren é construír un follabal con desembocadura na Porta do Sol.