Concello de Lugo |
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou recentemente parte do contido da Ordenanza municipal do galego do concello de Lugo.
Un non é xurista nin pretende
selo, pero algo sabe ler e por iso se sorprende especialmente que se estimase o
recurso conta o artigo 1 que di:
1- O galego, como lingua propia de Galicia, é idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo.
2- As actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.
“[...] al silenciar la referencia al castellano contenida en los preceptos legales dan a entender que este no es idioma oficial o que solo son válidas las actuaciones administrativas en gallego”.
Se a cousa se colle ó pé da
letra, a súa interpretación carece de rigor filolóxico. A clave está no contido
que implica a presenza ou ausencia do
artigo no artigo 1. Non é o mesmo:
O galego [...] é idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo.
que
O galego [...] é o idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo.
No segundo caso, si que se
podería falar de que o castelán queda excluído como idioma oficial. Coa
primeira redacción, que é a da ordenanza municipal, non.
Razoando como fixo o TSXG, se dicimos
“A muralla de Lugo é patrimonio da humanidade” habería que interpretar que
ningún outro monumento pode selo; se dicimos “A praia das Catedrais é monumento
natural” habería que interpretar que ningunha outra paraxe pode selo, e se lemos
“Mariano Rajoy é persoa non grata en Pontevedra” habería que interpretar que
ninguén máis pode compartir con el esa condición.
Ou sexa, parvadas. Lingüisticamente,
a sentencia é insostible porque non hai artigo no artigo 1 da ordenanza. Pero tamén sei que o TSXG non razoou con criterios lingüísticos,
senón que “interpretou” a norma.
Nada raro hai niso. Sabemos que
os tribunais, superiores e inferiores, botan a vida interpretando leis. Pero imaxino
que a interpretación habería que facela desde o coñecemento da realidade, do
contexto e non desde os propios prexuízos ou teimas persoais, que un TSX parece
unha cousa moi seria.
Tratar os dous idiomas por igual é fomentar a desigualdade |
Se se coñece a realidade, non creo
eu que a ninguén se lle pase pola cabeciña pensar que un cidadán vai ter
prohibido usar o castelán nas oficinas do Concello. Non, ho, non!, que o
dereito ó analfabetismo en galego está garantido por activa e por pasiva.
Sábese ben que o idioma
historicamente proscrito, o débil, é o galego e ese é o que precisa un impulso
para que sexa certo iso que di a Constitución, esa Constitución da que tanto se fala e á que tan pouco caso se lle fai, no seu artigo 3.3:
A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
Ademais, non esquezamos que o
documento chámase Ordenanza de uso do
galego na administración local de Lugo. Se é a ordenanza do galego, o
lóxico é que ordene o uso do galego e non vén a conto pararse co castelán, igual
que o manual de uso da lavadora non di nada do lavalouza.
Despois queixarémonos de que cada
vez haxa máis xente disposta a marchar pola porta sen despedirse.