Por tristes motivos que non veñen a conto, nos últimos tempos atravesei ducias de veces a xeografía patria que vai desde a beiramar do norte ata Ourense. Entre Lugo e Ourense viaxei por Monforte, que para iso construíron ese corredor rápido polo que se corre algo máis rapidamente ca por Chantada.
Sen perder a atención da condución, que un tense por un chofer con sentidiño, funme fixando na paisaxe tratando de atopar o lugar exacto que delimita, por esa ruta, a Galicia negra e a Galicia alaranxada. Refírome á fronteira entre as casas cubertas de lousa negra e as que teñen tellado cor laranxa. Xa me teño referido a iso noutras ocasións.
Cun pouco de atención un decátase axiña de que en Sarria predominan os teitos negros e en Monforte son máis abundantes os de tella, aínda que non desaparecen totalmente os de lousa. Pero quixen afinar algo máis: manda a lousa negra tamén en Bóveda, en Chorente, na Áspera e aínda na Agüela; un pouco máis adiante, con Monforte a tiro de pedra, hai uns pequenos lugarexos nos que xa abunda máis a tella.
Concluímos, polo tanto, que Monforte cos seus arrabais é o primeiro núcleo urbano fóra dos lindes da Galicia negra, indo de Lugo a Ourense polas terras de Lemos e os Peares.
Outro día precisaremos os lindes seguindo outra dirección. A investigación non vale para moito, pero divírteme.