Rinlo en Google maps |
En Dialectoloxía da lingua galega (Xerais, 1990), o profesor Francisco Fernández Rei escribe, a propósito do seseo:
No galego oriental este fenómeno é insólito; de tódolos xeitos, aínda que esporadicamente, a súa existencia está documentada en Rinlo (lugar mariñeiro de Ribadeo) [...]
Francisco Lanza referírase tamén ó seseo en Rinlo en “Falan
os de Ribadeo”, publicado no nº 114 da Revista Nós, en 1933. O artigo, xunto a
outros dous do mesmo autor, reeditouno Edicións do Castro en 1974, con limiar e
notas de Eduardo Gutiérrez, e volveuse reeditar no 2001. Nese traballo, Lanza inclúe un apartado titulado “Pobos e
xentes” onde di:
Rinlo.- Ós rinlegos, porque falan coa ese, chámaselles sorosos; na festa do seu patrón, San Pedro, comen casón cosido, casón asado, casón estofado, casón mechado e casón encasolado.
É todo
canto sei do seseo en Rinlo e é todo canto lle conto ano tras ano ó meu
alumnado, cando toca falar do asunto. Nos anos que levo dando clase (ou
intentándoo) en Ribadeo, que non son poucos, esta información sempre resultou
sorprendente para a rapazada, incluso para os de Rinlo, que nunca
oíran falar deste trazo dialectal na súa parroquia. E a cousa quedaba aí. Remataba a clase e cada un para a súa casa.
Foto aérea de Rinlo, de Humberto P. Pool (collida de internet, que o autor desculpe a apropiación indebida) |
Pero
este curso teño como alumna a Marta Fernández Díaz, rinlega inqueda, curiosa e
con ganas de aprender. Poucos días despois de que eu falase do seseo en Rinlo
na aula, Marta veume cunhas anotacións que fixera con axuda da familia, onde hai
xente que lle ten oído falar diso ós vellos. Non é
que ningún dos vivos lembre o seseo, pero si que teñen oído que algún
antepasado dicía que antes se falaba así.
Nas notas de Marta figura que non tiña
seseo Tona -nai da informante actual-, que naceu no 1915, pero si que o tiñan súa nai e súa tía. Tampouco
o tiña Concha, nada no 1912 nin a mamá Xeba, que nacera en 1890.
Polas
contas que botaron, calculan que o seseo debía estar vivo en Rinlo aínda entre
os nacidos cara a 1870 e 1880.
Aí queda
o dato, que moito lle agradezo a Marta e á súa familia.