Portada do libro |
Hai uns meses Quique Roxíos cometeu a insensatez de pedirme que escribise o prólogo do seu último libro e eu cometín a insensatez de aceptar.
Cos textos de Quique, cos debuxos de Miguel Ángel de Blas que reproducen as imaxes rupestres da cova del Demo (Bual) e coa miña introdución, a maquetadora Inés de la Peña deseñou para a editorial Canela un fermoso libro. Si, porque por moito que se diga que todos os libros son interesantes, o certo é que hai volumes bonitos e feos, e este é un libro ben guapo, como se diría por aquí. Cómpre felicitar a Pablo Quintana, que é o editor, polo seu labor.
Cartel da presentación en Bual |
Nacido o neno, o Personaxe desconocido, estes días estivemos de minixira-presentación. Aínda que prefiro
estar entre o público ca no altar, para min foi un pracer acompañar o autor e o
editor nos dous actos que tiveron lugar para divulgar o poemario.
Presentación en Bual |
O día 31
estivemos en Bual. A presentación foi un exitazo. O local quedou pequeno para o
público e houbo xente que tivo que estar de pé.
Foi un acto
entrañable. Iniciouse coa ambientación musical dos Toyemerendas. As
intervencións comezounas o Alcalde, José Antonio Barrientos, moi agarimoso en
todo momento. A continuación falei eu, despois o editor e rematou o autor, que tamén
leu algúns dos poemas e asinou moitos exemplares.
Quique Roxíos recitando |
Quique Roxíos asinando exemplares |
Bernardo
Penabade, que estaba entre o público e pensa en todo, emocionounos ó
poñer ó teléfono a Hilda Farfante para que escoitase directamente de boca do
autor o recitado do poema “Ancha ausencia”, dedicado a ela. Non me vou desviar
agora do fío afondando na personalidade de Hilda Farfante, pero para saber o
esencial abonda con reproducir dúas breves citas súas: “No dejéis a vuestros abuelos en las cunetas”, “Mientras tenga voz, hablaré de mis muertos”.
Bernardo Penabade contactando con Hilda Farfante. Quique Roxíos, agardando para recitarlle o poema. |
O acto
rematou con novas intervencións musicais de Toyemerendas, o grupo de “música
popular circulante” liderado por Abel Méndez, con voz de Ruth Martín e
acompañamento ó violín de Iose Valencia.
Toyemerendas |
O día 1 a
presentación tivo lugar na Caridá (El Franco). Nun local do “Complejo Cultural
As Quintas”, que tamén ten “Sala de Exposiciones” e outras dependencias, foi a
Alcaldesa Cecilia Pérez quen oficiou de anfitrioa. Despois de aludir brevemente
ó labor que Quique leva feito en defensa do galego de Asturias, referiuse tamén
ó seu propio compromiso en defensa da “fala” e indicou que no seu caso se
centrara sobre todo en loitar contra as invasións dos galegos. A continuación
falei eu, que comecei confesándome galego, pero prometinlle que non ía marchar
de alí coa escritura de propiedade de ningunha das parroquias que ela goberna,
así que ó final levámonos ben e compartimos cordialmente un café. O acto
completouse coas intervencións do editor e do autor, igual que sucedera na
xornada anterior.
Presentación na Caridá |
Non houbo
tampouco queixa da asistencia na Caridá, aínda que aquí sobraron algunhas cadeiras. É
lóxico, tendo en conta que Quique non estaba no seu Concello e tamén que a
presentación cadraba coa hora da misa.
En resumo,
foron dúas xornadas ben agradables en boa compaña. Agora só
queda que o público goce coa lectura do libro, que se pode adquirir na tenda virtual da editorial, e que sexa aire fresco para o galego de Asturias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario