Onte estiven en San Andrés de Teixido. Alí seica vai de morto quen non foi de vivo, e a min iso de ir de lagarto dáme reparo.
De todos os xeitos, eu creo que o dito está mal. Seguro que o correcto é:
- San Andrés de Teixido,
- volve morto quen chega vivo.
Porque é difícil sobrevivir a tantos estímulos. Velaquí algúns.
- A estrada que leva ata alí, sobre todo se se vai desde Cedeira.
- As aberracións urbanísticas. ¿Ninguén terá unha máquina desas que tiran con todo de catro labazadas e un minutiño libre para usala?
- Os cans que andan ceibos coma os lagartos, cheirando canta canela se lle achega. Algún acabará facendo das súas.
- As trangalladas que se venden. A maioría parecen sacadas dun bazar chinés.
- O letreiro NOPOT ABLE, así escrito, que hai na fonte.
- A colección de klínex que hai colgada nos ramallos do carreiro que leva ó mar. Supoño que antes a xente ataba panos de seda, pero agora case todo o mundo usa papel e aquelo parece calquera cousa menos un ritual amoroso.
Menos mal que despois pillei o solpor no cabo Ortegal e iso compensou tanto desastre, como proba a foto de Álvaro.