Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

26.1.15

Teatro en galego en Castropol

Reseña da representación de
 "Os vellos non deben de namorarse"
Castropol, decembro de 1968 
Entre o 10 de xaneiro e o 21 de febreiro está tendo lugar en Castropol un certame de teatro afeccionado organizado polo concello de Castropol e a asociación cultural El Cioyo. Sinto ben non acordarme agora mesmo do nome do certame. É o que pasa cando se lle poñen nomes raros ós eventos... Pero iso é o de menos. O importante é que sete grupos de teatro afeccionado de Asturias e Galicia teñen aí un escaparate para presentarse ante o público co froito do seu esforzo.

A próxima representación, que terá lugar o sábado, 31 de xaneiro, tócalle a quenda ó grupo O Bordelo de Cervo, que poñerá en escena Os amores de Mariñán, de Francisco Piñeiro. Non é a única representación en galego, xa que o día 17 o grupo Juan Manuel Méndez, da Caridá, representou Alpeirada nel buchinche d’Antón, de Jesús Álvarez; o sábado, 14 de febreiro, o grupo da Roda representará El dieiro, bon compañeiro, de Galano, e o certame pecharase o sábado, día 21 de febreiro, co grupo local El Cioyo, que representará Esto era unha vez, de José Ramén Oliva.

Moito me agrada esta convivencia normal de teatro galego e asturiano, de teatro en galego de aquí e de acolá, despois duns anos nos que parecía que todo mancaba na banda de alá da ría.

Remexendo na prensa local, un atopa con frecuencia presenza de casos semellantes, algún deles con importante tratamento mediático, como sucedeu coa representación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, en decembro de 1968.

Que a cousa siga.

(A crónica continúa no recorte seguinte)
Reseña da representación de "Os vellos non deben de namorarse"
Castropol, decembro de 1968.

17.1.15

A forza que vén de lonxe - X: Alexander Schmuck

Alexander Schmuck
(imaxe collida de Sermos Galiza)
A serie empeza AQUÍ

Eu non coñecín a Alexander Schmuck. Souben del só a través do mundo virtual da súa compañeira, a amiga Marga do Val, que me mira todos os días desde a cima  do carballo no que nos empoleiramos hai anos uns poucos compañeiros de promoción.  Xa daquela -ano 87-, ela rotulouse como Margha, moitos anos antes de que as churras do Xabarín, os Herdeiros da Crus e a rapazada de Rianxo fixese bandeira da gheada.

Alexander Schmuck, profesor de Xeografía e Bioloxía de Ensino Medio en Wörrstadt (Renania-Palatinado), que recibiu dela ese e orgullo pola lingua nosa, fixo do galego o seu idioma e deixounos para sempre un artigo que é un tesouro: E se vos digo que o galego é a lingua do amor? Un artigo para deixar sen argumentos os negacionistas e sen palabras, pola emoción,  os que amamos a mesma lingua que el amou nos últimos anos.

Alexander Schmuck, a forza que vén de lonxe. Négome a usar o pasado, porque a súa forza segue presente.
CONTINÚA

7.1.15

Tabernas

Nunha taberna do Corpiño
Volvín ó Corpiño. Non foi para felicitar o cura, a quen seica van nomear exorcista titulado, senón para comer os callos na taberna de enfronte á igrexa. Houbo un tempo no que ía con frecuencia os domingos pola mañá, pero cando tal un vese sen acompañantes, que algúns anos son moi cabróns.

A min gústanme eses bares-tenda onde un pode tomar un viño mentres mira para os paquetes de macarróns ó lado das botellas de vermú, ou para un almanaque coa imaxe da Virxe do Rosario colgado na parede a carón doutro cunha menos virxe sen hábito nin trapo de caste ningunha. Ás veces tamén os hai de gatiños ou de cadelos.

Gústanme eses establecementos, que sempre chamamos tabernas. Sendo eu pequeno na miña parroquia había oito: a de Dorinda, a do Caldeireiro, a de Pura, a de Castro, a do Capador, a de Cavado, a de Indalecio e a do Herdeiro. Claro que, sendo todas moi parecidas, algunhas tiñan a súa especialidade. Por exemplo, na de Dorinda botábanse timbas de alto nivel, na do Caldeireiro mirábase o correo, na de Cavado vendíanse fabas e xamóns e na de Indalecio comprábanse as caixas para os defuntos, que non estaban no estante ó lado das botellas de vermú pero estaban no cuberto do lado, que eu téñoas visto polo ventanuxo.

Hoxe só queda a do Caldeireiro, que deixou se ser bar para ser só tenda, e a de Castro, que deixou de ser tenda para ser só bar.
Portada de "Bares tienda en Asturias"

Non debe ser doado subsistir economicamente no rural con negocios así. É unha pena. Sería bo que, antes de que desaparezan, alguén con tempo, gana e capacidade se encargase de agasallarnos cunha publicación sobre as nosas tabernas do rural, os nosos bares-tenda, como David Fernández Moro fixo hai dez anos cos de Asturias.

Mellor aínda sería retrasar a súa agonía. Debería haber algún tipo de axudas para salvar as que se poida. Eu que sei..., poderían deixalas exentas de IBI, como seica fan cos bens da Igrexa, darlle unha axuda como as que lles conceden cada pouco ás concesionarias de autoestradas, a maiores, para que non deixen de ser millonarias, ou poñernos a todos unha multa como a que pagamos para o asunto ese do Castor ou para o canon dixital.

Tamén poderían ter unha axuda de política lingüística, porque eu no Corpiño pedín callos e unha cunca de viño, pero estou seguro de que se pedise un café con leite o taberneiro habíame servir un café con leite sen activar en ningún momento ese tradutor automático que lle instalan a case todos os camareiros do país e que fai que retruquen “un café con leche” cada vez que alguén llelo pide en galego. Tal como andan as cousas da lingua, non é mérito menor.