Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

28.9.09

Toponimia, aínda

A SERIE EMPEZA AQUÍ
A chegada do outono tróuxonos a boa nova da aparición de Galicia 21, unha revista dixital impulsada polo entusiasta Craig Patterson desde o seu fervedoiro de ideas da Cardiff University, en Gales, aí arriba.

O sumario inclúe, entre outros, un interesante artigo de Anxo Lorenzo, actual Secretario Xeral de Política Lingüística, que analiza a situación da lingua galega desde a sociolingüística e a política lingüística.

Ó falar do proceso revitalizador iniciado na transición, o autor cita un conxunto de consecuencias “que hoxe, na maior parte dos casos, están plenamente asumidos pola sociedade galega”, entre eles “que a única forma válida dos topónimos galegos é a súa forma en lingua galega”.

Xa, xa,... Non sería mala cousa que o Alcalde da Coruña, o valedor do desvalido de Millán Astray, o propio Presidente da Xunta e o seu opositor principal pertencesen a esa “maior parte da sociedade”, pero seica non. Son bichos raros que poñen de actualidade asuntos que se supoñían xa superados.

O asunto recórdame o que unha vez me dicía aquel vello amigo: “Eu son de Campobecerros, dispensando, pero á xente non lle gusta o nome e quérenlle poñer Villaflores”. Digo eu que tanto dereito terán uns coma os outros a decidir. Xa vexo os letreiros: A Coruña / La Coruña, Campobecerros / Villaflores.

Pero quedémonos co bo: nace Galicia 21, e o tempo ha poñer a cada un no seu sitio. Ou non, que o tempo tamén parece que anda a velas vir.
CONTINÚA

23.9.09

Alumnos inmigrantes e conselleiros andantes

Nunha recente entrevista, o Conselleiro de Educación manifestou que "se hai un alumno inmigrante que non domina o castelán hai que darlle unhas horas de reforzo".

E se o alumno non domina o galego tamén hai que darlle reforzo ou iso dá igual?

Sei dun concello onde hai hai uns anos organizaron un curso de castelán para integrar a un grupo de inmigrantes. Eses inmigrantes, que estudaban castelán polo día, pola noite traballaban pillando pitos nas granxas, rodeados de paisanos que o único que falaban era galego.
Non sería máis integrador darlles clase de galego? Ou acaso, como trataban con pitos e pitas, era un adianto para integralos nas galiñescolas?

Volvendo á entrevista do Conselleiro:
E se o que non domina o galego é un Conselleiro, ¿tamén hai que darlle reforzo ou que hai que facer?

16.9.09

Loros


E o que digo para PERO vale para LORO, que tampouco aparece nunca nas parellas de palabras de abertas / pechadas, masculino /feminino.

Non se usan as cousas, morren as palabras.

O loro da foto retrateino no restaurante A Cerca, en Santalla de Ozcos.



10.9.09

Peros




Non hai moito tempo, oín na radio unha entrevista a un home da zona do Eume que era membro dunha asociación para a recuperación dos peros.

A entrevista tróuxome á cabeza esa palabra, e mesmo a froita, que eu coñecín de pequeno e que xa tiña medio esquecida: os peros (con e pechado, substantivo), que veñen sendo unhas pequenas peras silvestres.

A semana pasada retratei en Guntín unha árbore, cargadiña de froito, que me pareceu de peros, aínda que non estou certo. Sexa ou non sexa, ben me vale para a reflexión que quero facer aquí:

A palabra pero está morrendo, aínda que aparece recollida en dicionarios modernos, e unha proba da súa debilidade e do perigo de que se perda é o feito de que nunca aparece como exemplo nas típicas parellas de palabras que se usan para exemplificar os valores do xénero ou a diferenza de significado segundo a apertura da vogal tónica:

Pera: froita da pereira.
Pero: froito silvestre de pequeno tamaño, semellante á pera.

Pero: con /e/ pechado, substantivo.
Pero: con /e/ aberto, conxunción.

Pérdense as cousas, pérdense as palabras. Os amigos da recuperación dos peros, se cadra sen sabéreno, fan tamén labor filolóxico.

3.9.09

Tópicos sobre a lingua galega VI: Os repartidores de dereitos.

A SERIE EMPEZA AQUÍ

“Quen teñen dereitos son as persoas, non as linguas nin os territorios”

Depende. Os dereitos en democracia tenos quen se decida que os teña: as persoas, as linguas ou as miñocas. Na India seica teñen moitos dereitos as vacas –non sei se tamén é un tópico-, aquí antes tíñanos os toxos molares do Cabo Touriñán e agora seica van ter máis os rodaballos de Pescanova. Os dereitos poden cambiar de dono.

Falando de linguas, na maior parte dos Estados europeos os dereitos artéllanse en torno a dous criterios: personalidade e territorialidade.

Cada Estado decide democraticamente o modelo que quere seguir e tan lícito é un coma o outro. Incluso é lícito que se combinen arteiramente os dous para que saia gañando quen conveña que gañe, como se fai aquí, pero diso xa falaremos algo máis adiante.
  1. Personalidade: tómase como punto de referencia a xente, ou sexa, se nun territorio hai falantes de máis dun idioma, tense en conta isto á hora de escoller cales deben ser oficiais.
  2. Territorialidade: tómase como referencia o territorio na cal habitan as persoas, ou sexa, a zona e non as persoas en si. Deste xeito, escollerase como oficial a lingua propia desa zona, independentemente de que haxa falantes doutros idiomas.
Aínda que non hai políticas absolutamente paralelas e en cada país danse unha serie de particularidades, dun xeito xeral en Europa occidental podemos distinguir os seguintes modelos:

1. Estados oficialmente plurilingües: baséanse no criterio de personalidade. Seguen este modelo Luxemburgo, Irlanda e Finlandia. Nestes tres países hai máis dun idioma oficial en todo o seu territorio.

En Irlanda, por exemplo, a pesar de que saben que a inmensa maioría da poboación que fala irlandés se concentra en tres zonas (Donegal, Connemara e Kerry), declararon o irlandés oficial en todo o Estado porque en todo o territorio hai algunhas persoas que o falan, e non importa que sexan moitas ou poucas, guapas ou feas, nin que sexan do lugar ou vidas de fóra.

2. Federalismo lingüístico: baséanse no criterio de territorialidade. O Estado divídese en zonas e dentro de cada unha é oficial unicamente un idioma. Seguen este modelo Bélxica, coa excepción da área de Bruxelas, e Suíza.
A xente non importa. Se un habitante dunha zona se traslada a outra, sabe que o idioma oficial vai ser distinto e amóldase. Cómpre dicir que, en contra do que se poida pensar, a consecuencia deste modelo é que os habitantes de todo o Estado soen acabar tendo un dominio suficiente de todas as linguas do seu país e a mobilidade non é ningún inconveniente. As tensións, que se dan principalmente en Bélxica, teñen moitas máis motivacións económicas ca lingüísticas.

3. Autonomismo lingüístico: É un sistema híbrido no que se combinan territorialidade e personalidade. Na práctica, escóllese en cada zona o criterio que máis beneficia ó idioma A, que goza deste xeito de certos privilexios legais sobre os outros. En parte do territorio é oficial só un idioma e noutras partes hai cooficialidade do idioma propio co idioma estatal. Este modelo está presente en España, Italia e Portugal.

No caso de España, para Galicia e para as outras comunidades con lingua propia que decidiron oficializala escolleuse o criterio de personalidade porque así ten entrada oficial o castelán: en Galicia son oficiais o galego e o castelán porque hai falantes dun e outro idioma. Para o resto do territorio escolleuse o criterio de territorialidade porque así non teñen cabida oficial os idiomas alleos a ese lugar.

Seguramente cando se aprobou a Constitución e o Estatuto de Autonomía non se puido facer outra cousa e ímonos amañando, pero tamén é certo que noutros países aplícanse modelos de política lingüística diferentes ó noso, con resultados bastante mellores tanto para a convivencia coma para o dominio de idiomas.

4. Estados oficialmente monolingües: Só se recoñece a oficialidade dun idioma aínda que se admita a existencia doutros, que incluso poden gozar de certa protección. Organízanse con este modelo Francia, Alemaña, Reino Unido, Holanda e Grecia.

Pero volvamos ó comezo e poñamos por caso que é certo o tópico, que quen teñen dereitos son as persoas e non as linguas nin os territorios. Se hai que xogar, xogamos:

Cóntanse por milleiros os galegos que residen noutras comunidades. Acaso non temos o país cheo de Casas de Galicia, Centros Galegos e Lares galegos? Serán os lugareños os que os crean por exotismo ou admiración ó noso ou será que os galegos andamos espallados por todo o territorio? Abonda con pisar calquera deses centros galegos un sábado pola noite para decatarse de que a inmensa maioría desa xente fala galego, polo menos na intimidade. Ese é o idioma que usan entre tallada e tallada de polbo, entre tute e tute, entre cunca e cunca de viño.

E por que non defendemos o dereito deses galegos a poderen usar o seu idioma de xeito oficial alí onde estean? E por que non reclamamos para eles o dereito fundamental a educaren os seus fillos na súa lingua?

A resposta é sempre a mesma: porque non están en Galicia. Pero non diciamos que son as persoas as que teñen dereitos e non as linguas nin os territorios? E logo un galego en Madrid xa non é persoa?

Respectemos as leis que democraticamente se adopten, pero non sexamos cínicos á hora de interpretalas, porque son as que son pero poderían ser outras. Co modelo finés, irlandés ou luxemburgués o galego tamén sería oficial no resto do Estado; co modelo belga ou suízo, o castelán non sería oficial en Galicia.
CONTINÚA AQUÍ
                       NOTA: Podes acceder ó pdf da edición en papel (2014), premendo neste enlace.