Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.4.12

De cando a "caza de bruxas" pas(e)ou por Refoxos



I
Pepe Iglesias aparca o seu Chevrolet diante da do Panadeiro, axusta o sombreiro de aba ancha e entra na taberna. Vén cansado de baixar o Penadoiro, ese insufrible tramo do Candán, cheo de voltas tan cerradas que case cómpre rousear para que o morro do coche non bote por riba dos toxos e das uces.

Sen que se note a inspección, nada máis entrar xa el sabe que de punta a punta do mostrador hai varios ollos cravados nas súas maneiras. Resultan raras para canto veciño hai da cima ó fondo de Refoxos, a parroquia que o vira nacer moitos anos antes. O mesmo lle pasa cando aparca o seu impresionante Chevrolet ás portas das tabernas de Laro, na da Viúda en Aciveiro e en canta tasca hai en Trasdeza e Terra de Montes.

Pepe Iglesias non se incomoda coas miradas. Está afeito a oír e ver de todo e, despois de botar un grolo longo e pousar o vaso petando na formica do mostrador, fala ou farolea daqueles tempos nos que transitou desde os baixos fondos ata luxos inimaxinables para os que agora o escoitan. Escóitano porque algo hai que oír, pero non lle dan ningún creto ás súas palabras.

Pepe Iglesias sábeo pero non lle importa. Pasea a soidade no seu Chevrolet, longo coma dous carros do país en ringleira, e un día de primavera de 1970 déixase morrer no mesmo sitio onde nacera, no fondo do Penadoiro, cheo xa das flores lilas coas que se viste despois de cada inverno. Aquel ano Pepe Iglesias non esperou a ver o amarelo dos toxos, que chega algo máis tarde.


II
Un impresionante Chevrolet atravesa as rúas de Chicago sen facer caso de normas nin das formas que se deben seguir nunha gran cidade. Ó volante vai Pepe Iglesias, que saúda coa mirada os axentes que se poñen á súa altura e, ó velo, moderan a velocidade, apagan a sirena e déixanse desaparecer.

Acompáñao Eddie Fried, home de confianza de Al Capone, para quen fai discretamente traballos que garanten a orde, a súa orde, naquel Chicago de finais dos anos trinta. Debe ter un corazón de gran calibre porque no lado esquerdo do peito sempre sobresae algo un vulto na chaqueta. Un corazón de ferro, seguramente, do que bota man cando as cousas se poñen mal. Pepe Iglesias non oe nin ve nin fala máis do imprescindible. Pepe Iglesias conduce.

Hoxe van buscar un actor que destacou con The Golden Boy, unha obra vangardista incomprendida polos neoiorkinos na súa estrea, pero que triunfou despois en Londres e tamén en Chicago, na súa volta ós EEUU. Chámase Elia Kazan e seica andou nas beiras do partido comunista. Un home así merece ser convidado a cear no mellor restaurante, un home así merece aloxarse de balde no mellor hotel, un home así merece ter na habitación unha beleza loira e outra morena para que poida escoller ou para que colla as dúas se lle apetece, un home así merece que Pepe Iglesias o guíe de balde polos mellores prostíbulos da cidade,... Un home así merece, pasado o tempo, un papel e unha pluma de ouro para que vaia escribindo nomes de antigos camaradas comunistas cos que o McArthismo quere facer contas… 

III
Pepe Iglesias. Nunca del oíra falar a pesar de compartirmos veciñanza nos sesenta. Tamén é certo que, aínda que o espazo foi o mesmo, as nosas vidas foron máis ben consecutivas.

Souben agora del e das as súas andanzas como chofer da xente de Al Capone. Souben que el foi quen recolleu a Elia Kazan no seu hotel de segunda para metelo nun palacio e quen o levou por canto luxo e vicio quixo, empezando así o artista un camiño que o separou definitivamente do seu pasado comunista ata converterse nun delator, nun traidor de antigos camaradas, durante a caza de bruxas do McCartismo.

Quen sabe cantos segredos ben interesantes quixo contar Pepe Iglesias nas tabernas de Trasdeza e Terra de Montes sobre aqueles tempos da mafia en Chicago. E ninguén llos quixo crer…

21.4.12

En defensa do fútbol


Aínda que neste blog teñen habitual presenza os libros e as letras, xa teño manifestado noutras ocasións que a min do que me gusta falar é de temas serios e verdadeiramente intelectuais, por exemplo… de fútbol. E iso farei hoxe.
Tiven hai pouco a honra de presentar a Carlos Lomas no transcurso das xornadas Abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local, centradas este ano no tema Violencias simbólicas, violencias invisibles.
Foi un pracer descubrir o seu labor e resultoume enriquecedora a súa intervención, tanto polo contido como por observar como coida con esmero todos os detalles: a linguaxe, os recursos audiovisuais que utiliza, os aspectos técnicos, etc.
Con todo, hai un elemento da súa ponencia co que non concordo: as excesivas alusións ó mundo do fútbol como referente negativo para contrapoñelo ós valores desexables na sociedade.
É algo que sucede con frecuencia. Xa empezo a pensar que cos futbolistas pasa coma cos funcionarios, que apandamos con todas as culpas do universo coñecido e descoñecido. É evidente que o fútbol se soe vencellar ó mundo dos homes e ós seus comportamentos máis negativos, pero creo que pode ser interesante tratar de darlle a volta e convertelo nun instrumento para transmitir valores desexables, polo menos no eido educativo.
Tendo en conta a posición privilexiada que ocupa o fútbol nos intereses dos nosos adolescentes, non vai resultar doado que renuncien a iso nin vexo por que, a priori, teñen que facelo. O fútbol é deporte. Pois sendo esa a realidade, o mellor é tratar de facérmonos donos estratexicamente dese centro de interese e resaltar as súas potencialidades positivas, que as hai: os modais de Guardiola, o seu respecto cara ó rival, ó que sempre trata como adversario pero nunca como inimigo; os microrrelatos e outras iniciativas literarias de Juan Pablo Sorín; o labor humanitario dalgúns futbolistas de elite procedentes de países subdesenvolvidos que, con máis ou menos acerto, tratan de salvar da rúa a nenos compatriotas condenados ó analfabetismo e á miseria, …
Entre os futbolistas hai cabezas tralladas, coma en todos os colectivos, pero hai tantos e tantos xestos modélicos dentro dun campo de fútbol que non entendo porque sempre se teñen que resaltar comportamentos reprobables que, na maior parte dos casos, son sambenitos que se lle colgan ós futbolistas sen que propiamente lles correspondan.
O anuncio de Coca-Cola no que un neno aparece chutando cabezas de bonecas contra o radiador non é idea nin responsabilidade de ningún futbolista senón dun publicista. Os titulares bélico-deportivos que a diario aparecen na prensa deportiva non os redacta un futbolista senón un profesional da comunicación escrita. As expresións agresivas ou violentas relacionadas co fútbol saen máis veces da boca dos afeccionados que presencian o partido na grada ou no bar ca dos propios futbolistas. A perenne amnistía fiscal coa que se agasalla ós equipos de fútbol é decisión dos gobernantes, non dos futbolistas.
Aínda así, non se transmite unha idea negativa dos publicistas nin dos xornalistas nin de canto colectivo profesional senta diante da TV ou nas bancadas e desafoga alí os seus instintos máis salvaxes. Quen apanda coa mala imaxe pública son os futbolistas, converténdoos en referentes dun mundo insolidario, machista, violento e agresivo do que eles en realidade, moitas veces son máis vítimas ca culpables.
No proceso de formación polo cal se lle aprende a un neno a golpear o balón correctamente, a gañar a posición para disputar un balón de cabeza con vantaxe, a facer un desdobramento, unha cobertura, un desmarque de ruptura ou unha diagonal, tamén se lle pode aprender a ser solidario cos compañeiros, a ser puntual e disciplinado, a convivir con normas, a coidar os hábitos alimenticios e, o que é máis importante, a respectar o adversario, o público, o árbitro... Porque quen aprende a respectar como persoa a quen ten en fronte nun campo de fútbol, respectará tamén a persoa que teña ó lado na barra dun bar, na cola da panadería ou na area da praia, sexa home ou muller.
A imaxe visual do fútbol, cando se presente como referente negativo, se alguén teima en facelo, ten que deixar de ser un balón ou un futbolista dando un salto espectacular detrás dun coiro redondo. Debería ser, en todo caso, unha tasca atestada de fanáticos alborotados fronte a un televisor ou unha grada de exaltados entre os cales hai taxistas, maquinistas, chapistas, dentistas, publicistas, docentes, discentes, carniceiras e carniceiros, panadeiras e panadeiros, enxeñeiras e enxeñeiros, catedráticas e catedráticos, curas e… curas, ... O que non abundan, seguramente, son futbolistas.
Seguir poñendo unha pelota diante dos ollos da xente cando o que queremos é que se visualicen comportamentos incivilizados de profesionais de variopinta orixe non é xusto. Que os futbolistas, coma os funcionarios, tamén teñen os seus corazonciños.

15.4.12

Os viveiros galegos de Malibú


Xa falei hai algún tempo da carballeira galega que Frank Soutelo empezou en Malibú, levándoa desde a Terrade Montes.
"...Cando estea forte para prescindir de coidados, no exterior da miña casa de Malibú lucirá un auténtico carballo de Soutelo de Montes, espírito vivo dos meus devanceiros".
(Miguel Anxo Fernández: Lume de cobiza)
Agora, documentándome sobre as intimidades da Marilyn máis decadente, entérome de que tamén un dos fillos de Martin Sheen tentou levar para alá a horta de seu avó:
Emilio Estévez –uno de los hijos de Martin Sheen (…) ha reproducido en su casa californiana de Malibú parte de la huerta que su abuelo Paco añoraba mientras le contaba historias familiares a aquel niño que se recostaba en su regazo. Hoy, en aquella huerta, crece un frondoso viñedo alzado al estilo de las tradicionales parras de Galicia.
(Navaza, Xavier.: El último amante de Marilyn) 
Eu non sei que terá Malibú, pero parece que as nosas plantas se dan ben por alá. Aínda hei ter que trasladar alí o carballo e a camelia que (mal)viven na miña terraza desde que, hai anos, os trouxen de Laro. E tamén a miña aerohorta.


Xa sei..., xa sei que hai moito cachondeo coa miña teima de cultivar en espazos algo altos leitugas, melóns e coliflores en macetas. Xa sei que parece que os que andamos estrebillando con vexetais somos uns flipados, pero tamén Mendel mataba o aburrimento cuns poucos chícharos e non lle foi tan mal. E a Newtou caeulle unha mazá desde a ventá e mirade a que armou.

Ata teño as miñas dúbidas sobre se Ferrín tivo máis éxito coa pólvora ou coas magnolias, que moita xente pon as pinturas de guerra e resiste exércitos pero esfarélase cando lle poñen diante uns pétalos ben pousados.