Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

24.1.07

Un lixo no luxo: lingua-empresa

O sucedido estes días co hotel Louxo da Toxa puxo de actualidade o comportamento da empresa privada con respecto ó galego.

A pesar de que hai estudos que indican que a galeguización dunha empresa (publicidade, etiquetaxe,...) ten máis beneficios ca inconvenientes, a presenza do galego no ámbito económico segue sendo escasa. Eu admito que unha empresa decida, voluntariamente, perder cartos, pero non que me desprece explicitamente.

Deixei de mercar viño Pingadelo cando me decatei de que na etiqueta figura “La Rúa – Orense”, coa toponimia estragada, e empecei a comprar “Menciño” porque pon “O Barco de Valdeorras”. Ante calidade e prezo similar, este detalle é determinante.

Na miña casa non entrou outra conserva da marca Calvo desde que no libro “Vender en galego” (Consello da Cultura Galega, 1997) lin unha entrevista co seu Presidente, Luís Calvo Pumpido na que lle preguntaban se estudaran nalgún momento a posibilidade de facer publicidade en galego nos medios de comunicación de aquí, e el contestaba:

- "Non, somos da opinión de que a publicidade, ou se fai ben, en serio, ou é mellor non facela.”

É moi libre de pensar isto, pero eu tamén son moi libre de non lle mercar nada a quen pensa así. O mar está cheo de sardiñas que non son tan calvas de cerebro, por iso non me importaba nin o máis mínimo que vendesen a empresa hai uns meses; é máis, incluso o desexaba. Calquera xaponés tería máis sensibilidade.

Agora teño en corentena a Pescanova. Cada declaración pública que fan, danme máis motivos para darlle á tecla “eliminar arquivo” en vez de á de “restaurar”.

Seguro que os donos de Pingadelo, Calvo e Pescanova non saben estas cousas, e poida que tampouco lles importen, pero tampouco estaría mal que alguén llelo dixese, por se acaso. Estou seguro de que non son o único que actúo así.

Animo a quen os coñeza a que lles dea o enlace do “toupo”.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Penso que había que facer unha listaxe deste tipo de empresas e das alternativas.
Carlos Aenlle.