Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

29.4.13

Otero Pedrayo na prensa do occidente de Asturias

O 23 de abril celebrouse o día do libro. Non son eu moi dado a días de nada, pero a data váleme como escusa para  difundir un  fermoso texto de Otero Pedrayo relacionado cos libros e as bibliotecas, especialmente no rural, e que seguramente non é moi coñecido.

O artigo publicouse o 15 de marzo de 1932 en El Aldeano, un quincenario de Castropol. Tempo haberá para que fale máis polo miúdo deste xornal e da presenza de textos en galego no mesmo. Polo de pronto, só apuntarei que tiña íntima relación coa Biblioteca Popular Circulante, unha iniciativa admirable que desempeñou un papel fundamental na vida cultural do concello desde comezos dos anos 20 ata a guerra. Por dúas veces El Aldeano aumentou o seu número de páxinas para ocuparse amplamente da biblioteca. Nun deses números incluíuse o texto de Otero Pedrayo, redactado exprofeso para esta publicación, que agora reproducimos: 

O amor dos libros pode adoitare moitas formas, desemellantes, paralelas, conxuntas, as veces nemigas na aparienza, mais todas elas flamas ergueitas no fogar do Esprito inmorrente. Pois o libro de cabeceira d'un illado pensador, o compañeiro con quen conversare, con quen discutire, non figura ter moita relaceon co libro debullado con fé pol-o mozo estudante ou co procurado, como se procura un paisaxe novo, de bosque ou de ría, pol-o fadigado das xornaleiras angusteas e trafegos a vida. O biblófilo persegue o fermoso códice en cuio albo pergameo, coor de abedoeira, pintóu o sabeo e sinxelo pincelu'un monxe símbolos dé cosmos e das xeiras d'alem-coba. Outros homes acollen a predica d'un folleto como ras guiadora das aitividás de toda unha vida. Pra outros son os libros ferramenta, ou consolo, ou remordimento, ou evasión. Mais cada folla escrita e lida con hounradeza móvese co mesmo vento do Esprito y alma do mundo.
Eu teño lido moito na aldea. Millor e con mais merado froito que nas grandes bibliotecas ordeadas, onde as tribus de filósofos, puetas, ensayistas, novelistas, locen ca sistemáteca das afinidás eleitivas. Na aldea o paisaxe, as nubens, o madurar máino das colleitas, a sinxeleza interrogadora dos penèdos,o louxano correr dos lombos azules das serras, ou o coral cramoroso das ondas acompasan o vivir esperto dos libros e as veces siñalan a escolma das leuturas. Unha serán de vento autonizo no flamexante fondo do bosque invita a recollerse no andante e no scherzo dos puetas romántecos, como a Odisea demanda, e graza levian da Primadeira e o mundo novelesco vive e alenta millor nas noites longas a veira do lar.
Por iso desque soupen fai tempo a eisistenza e a vida da Biblioteca de Castropol, moitas veces  téñoa saudádo ca maxinaceón, evocando a sorte dos libros que de man en man de labregos, de
mariñeiros, de artistas e homes de estudos das vilas, van, sementando, animando, evocando, asegún os casos e os tempos. Castropol foi quen pode dar unha certeira leuceón subre a verdadeira realidade o que poden ser as térras da Hespaña, onde non hai grandes vilas e nin xiquer fan falla pra criar un superior tipo de vida.
Da mesma maneira que eu son personalmente nemigo de moitas formas da chamada cultura xeneral, teño fé no libro bó, no libro hounrado, que leva a cada fogar de yalma algo millor —mas ergueito— o que lle ofrecere á vida. Grazas a isa ademirabre istituceón —os homes que saben guíala non precisan mais eloxios que a concenza da propia xustificaceón— a terra de Castropol, está einguida co vivir do mundo como está xeografecamente dentro da Hespaña verde, europea, de raíz étneca anellada c'as millores estirpes criadoras da cultura oucidental. Eu maxino a novela de Balzac levando cadros de vida intensa, de paixon de cibdade a un louxano fogar. Ou o mariñeiro, na serán de domingo, acompasando as suas lembranzas ca evocaceón dos libros dos grande viaxeiros de ollos maravillados. Ou un sinxelo libro de botáneca que axuda a comprendere o misterio das amadas herbiñas do campo, ou o de xeografía que leva da man pra estabrecer un aire de familia entre as montañas a que miran os ollos todol'os días e as d'outras térras ilustres do mundo. Maxinare o xeruvolar de preguntas ledas, ansiosas, as veces angusteosas, provocadas por as páxinas dos filósofos que saben falar, i evocar. Un latexo de vida engadese o vivir poderoso da terra de Castropol, co ise cusíante viaxar dos libros de man en man, de concenza en concenza.
No mapa das simpatías figura isa terra tinxida c'unha nova coor de espranza, é con todo o curazón mándolle a Bibrioteca de Castropol o saludo ademirativo, sinceiro e leal d'un amigo que non sirve pra grandes cousas mais garda a capacidade pra sentir as belidas obras feitas baixo o signo da verdadeira cultura redentora.
                                                Ramón Otero Pedrayo
                                                Director do Instituto de Ourense.
                                                                Deputado a Cortes.

21.4.13

"A Veiga de Ribadeo": cen anos dun poema

Tal día coma hoxe, 21 de abril, remataba hai cen anos Antolín Santos Mediante o seu longo poema A Veiga de Ribadeo.

Como non me sinto capaz de escribir sobre o tema mellor do que outros o fixeron xa, e encima teño o día algo nugallán, remítome ás palabras dun par de amigos:

Quique de Roxíos, que desde a distancia mantén acesa a chama da ilusión por darlle vida á lingua e á cultura da súa terra, publicou no seu blog un magnífico traballo sobre este acontecemento e, de paso, recordou unha vez máis moitos nomes que non se deben esquecer.

Xoán Babarro é o autor dun caderniño publicado na súa autoeditada colección Samamede sobre o poema que hoxe cumpre cen anos. O traballo publicouse tamén en La comarca del Eo o día 30 de marzo deste ano. Para facilitar a lectura, copio aquí o texto, tal e como el mo remitiu:

Literatura galegoasturiana
Centenario d’A Veiga de Ribadeo de Antolín Mediante
(1913-2013)
Por Xoán Babarro González

Este ano en que estamos celebrando o cento cincuenta aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra clave do Rexurdimento da nosa literatura, tamén se cumpre o centenario d’A Veiga de Ribadeo de Antolín Santos Mediante Ferraría (Taramundi, 1880 – Piantón, 1944), un autor que se prodigou en Las Riberas del Eo, La Comarca, Brisas del Eo, Ecos Vegadenses e outros periódicos comarcais.
Xa coñecido en 1912 pola súa poesía de carácter popular relacionada con festas e romarías (“O Santiago de Abres”, “O Homenaxe a Veiga”, “A Virxen do Conforto”, “A Festa do Xuio”…), é ao longo de 1913 cando se vai afianzando como escritor representativo do occidente asturiano, con títulos como “Aires enxebres”, “Seguidillas”, “Como cantan os cegos” e mesmo o que leva por título “Das festas de Ribadeo”, onde dous labregos conversan sobre a exhibición aeronáutica que se programou na vila en setembro do devandito ano.

[...] Ruando por entre as nubres
estuvo, ¡que sei o tempo!,
en feguras, requiveques,
voltas e caracoleos,
como ríndose talmente
das mismas barbas do vento [...].

Entre esa produción salienta dun xeito especial A Veiga de Ribadeo, que aparece cincuenta anos despois da mencionada obra rosaliana. O longo poema, 298 versos, unha loa á vila asturiana e ás súas “Feiras e festas de Pentecostés”, remátao en Sante (onde daquela Santos exercía como mestre), con data 21-4-913, en recordo das primeiras feiras, as de 1912, e como prólogo das segundas, que terían lugar do 11 ao 13 de maio.

[...] A Veiga de Ribadeo,
vila nobre, hospitaleira,
vila frorecente, próspera,           
vila sin par en espréndida,
vila rumbosa, sonada,
á redonda en muitas leguas,
vila inquieta e buliciosa,
vila que é de vilas reina,               
rico diamante engarzado
en dúas rexiós xemelas,
Asturias e mais Galicia;
vila, en fin, das escolleitas
polo ben que está situada;         
por alegre e pracenteira;
polas gaiospeiras mozas
que nunca faltaron nela;
porque na maina corrente
de Eo e Suarón se refresca. [...]

O texto, publicado en dúas entregas, espallouse polas dúas bandas do Eo e supoxo o recoñecemento do poeta e a consolidación do Rexurdimento no occidente do Principado con autores asturianos.  Das moitas gabanzas que recibe fixámonos nas procedentes do mundo da literatura, en particular na do veiguense Federico Magadán Vidal, que dá a coñecer en maio o soneto “Gratitú”:

[...] Cantache ben, poeta, e de por vida,
deuda de gratitú, deuda sagrada,
contigo ten A Veiga contraguida.

Ela cha pagará sin que eu yo pida,
que tanto como nobre e como honrada,
A Veiga sempre foi agradecida.

Ao que responde Mediante cos sesenta versos de “Correspondendo a unha fineza”:

[...] ¿Como pagarei honor
tan comprido, tan redondo?;
non podo, se non dun xeito                                       
que me sai barato abondo.

 Dándolle ó vate i á vila
que nel pra honrarme delega
unha fanega de gracias
pola medida gallega.      

Xunto ao diálogo poético entre Santos e Federico habería que considerar textos doutros autores que, sen mencionaren a composición hoxe centenaria, si teñen como referente para as súas pullas as citadas feiras, xa que a súa organización estivo rodeada de certo escándalo. As loas dos simpatizantes da Veiga contrastaban coas críticas, a ridiculización do evento, así como as sátiras contra o alcalde, onde aflora a pugna dos chamados “novos” do Partido Reformista contra os “vellos”, difundidas desde o periódico Castropol por aqueles que seguían defendendo as sonadas feiras da Silvallá, como facía Farruco, seguramente o castropolense Ramón Ignacio García González, o 10 de maio, nunha poesía titulada “Un sono”, na que recrea como o alcalde veiguense soña o descalabro das súas feiras fronte ao triunfo das de Silvallá:

[...] Por aquí, por alí, montois de xente
dos montes descendían por as faldas,
vían todos alegres, churrusqueiros,
con potros i cabalos de gran talla. [...]
Chegaron arrogantes, ordenáronse,
pasiaron a fachenda por a plaza;
con guantes i chistera i macferlán
acercóuseyes el a dar as gracias,
pero un delos, alzando unha bandeira,
gritouyes aus demais “¡A Silvallana!”
¡I a galope tendido, os puñefleros,
saliron, fendo burla i algazara!

Outro eloxio que queremos salientar é o de Amador Vázquez (mestre de Couxela, que máis tarde sería director de Brisas del Eo). Publícase no mes de novembro, cando, ao parecer, aínda non sabía quen se escondía detrás dun dos pseudónimos máis utilizados por Santos. Vázquez valora o seu mérito literario e afirma que “en las poesías d’o poeta de tres o carto hay mucho y bueno; están escritas por una imaginación viva, fecunda [...]” ao tempo que lle pide unha sinatura máis acorde coa súa talla literaria.
O futuro mestre de Piantón contéstalle o 14 de decembro cun longo artigo onde se sintetizan os motivos fundamentais da súa musa e onde se declara “un mero aficionado a la rima gallega, esa rima tan armoniosa como preterida y olvidada, esa rima en la que no se desdeñaron de lucir los primores de su ingenio vates de tan alto vuelo e inspiración como Añón, Lamas Carvajal, Curros Enríquez [...]”. Antolín, que acabaría colaborando tamén en Brisas del Eo, dedicará en 1918 á morte de Amador a sentida elexía “¡Luitosa!”:


Quen imaxinar puidera,
caro amigo e compañeiro,
que do teu corpo fixera
tan axiña pudrideiro
a Parca implacable e fera.

Que a luz do teu craro espritu
esmorecerse xa iba
neste desterro maldito,
pra con craridá máis viva,
brilar no reino infinito.    [...]

Os escritores galegoasturianos, durante tanto tempo “preteridos y olvidados”, foron degrañando as súas creacións na funxible prensa comarcal e iso condicionou o seu coñecemento a nivel de toda Galicia e mesmo a visibilidade na propia Asturias dunha literatura autóctona de expresión galega. Desde unha óptica actual, cunha visión máis panorámica do século XX, podemos afirmar que 1913 resulta a primeira data significativa para o rexurdir literario das comarcas de entre o Eo e o Navia. 



8.4.13

Escraches en Castropol, hai cen anos



A min non me gustan os escraches, aínda que entendo a inciativa como reacción desesperada, porque peor ca que a un o vaian apupar á casa é non ter casa na que ser apupado.

Tampouco me gusta o nome. Non sei quen inventou palabra tan fea podendo chamarlle, por exemplo, fanfarria ou fanfarra, que dos dous xeitos se denomina unha algarada pacífica, acompañada de cánticos e instrumentos musicais ruidosos, montada para estorbar ou meterlle medo a alguén.

Disque a palabra é cousa de arxentinos. Aínda me custa crelo, co elegantes que son falando. Non hai máis que oír a Jorge Valdano, que é capaz de venderlle un coxo ó Real Madrid sen quitar o sorriso da boca nin erguer a voz. Ben pensado, fanfarria tampouco é nome moi bonito.

O nome será arxentino e dos anos 90, pero que non pensen os políticos que os escraches son cousa tan nova. Por Castropol algún xa perdía o sono hai cen anos pola mesma causa, e poeta houbo que deixou constancia para a historia:

(Castropol, nº 247. 20 de xaneiro de 1912)

        ¡CORAXUDOS!

  Xa se deitara temblando,
despertou despavorido,
as doce daba el reló,
e escuitou...
  —Eí tan —se dixo—;
veñan os guardias al punto,
el fusil traigan consigo,
disparen, maten e collan
e á cárcel los leven vivos.
  No me deixan descansar,
vaia al deño el ser político.
  —¿Que teis?—lle dice a muller—.
  —¿Pois tu non sintes el ruído?  
  —¿Que ruído? Debes soñar.
  —¡Soñarei! Sonan os chifros,
  —Anda, que son as orellas.
  —¡Ojalá! Son esos pillos.
  —Mira, dorme, non delires.
  —¿Pois, que hai nestos ouguidos?
  —Fácil he de adiviñar:
el medo que teis contigo.
                                                   FARRUCO

Como vedes, sigo coa prensa especializada...

3.4.13

Virxilio Viéitez, imaxes daquel tempo

FOTO: VIRXILIO VIÉITEZ
Fálame Tomás, emocionado, da exposición de fotos de Virxilio Viéitez en Madrid. Gustaríame poder dicir, tendo en conta as idades, “este retratoume de pequeniño”, pero o certo é que non son consciente de saber da súa existencia ata hai uns anos, cando tivo certa repercusión na prensa o éxito da súa presenza nunha boa galería de París. Non coñezo del máis ca uns cantos retratos que foron saíndo nos medios, pero celebro o recoñecemento que se lle está outorgando.

Se cadra tamén é porque vexo nalgunhas das súas instantáneas mundos que vivín de pequeno, miradas anónimas que me son amigas; pero creo que celebro o seu éxito e que lle poña a carne de pita ós que visitan o evento, principalmente, porque é da Terra de Montes e esperta en min emocións de tempos idos.

A Terra de Montes é para min infancia en Aciveiro cada 8 de setembro e adolescencia primeira en Soutelo e Forcarei, e en toda a contorna. Houbo un tempo no que tirabamos cara a alá. Subiamos as curvas do Penadoiro e axiña aparecía ante nós o mosteiro, que explorei por horas cando estaba feito un pardiñeiro. Corrín detrás do balón no prado do cura e no campo da recta do 70 -chamábaselle así polo punto quilométrico-. Tamén xoguei trofeos de verán no campo de  Forcarei, que xa era cousa seria porque era plano, ben rectangular, e tiña porterías regulamentarias. Corrín diante dun enxame de abellas en Vilapouca. Vin correr coellos e perdices diante do coche, de madrugada. Malbailei a Miguel Ríos e a tantos outros na Paraíso e na Montes, cun cubata na man, de tipo duro, e A saia da Carolina en verbenas da contorna. Xantei marisco a embute no París e churrascadas en Soutelo. E rin, rin moito. Axexei nas festas mozoulas do campamento da Freixa, se as deixaban ir, e as emigrantes que volvían no verán e no Nadal de Andorra e de Suíza. Notábanse ben as temporadas. ...Ai, os ollos! É que a Terra de Montes é tamén, e se cadra por encima de todo, paisaxe: petoulos grises de granito emerxendo por encima das toxeiras amarelas de chorima cando toca, antes foron os malvas das carpazas e das uces. Verde, sempre. Por veces negro dos incendios, que entran tamén polo nariz. Levo na alma o cheiro do chamusco, as imaxes dos serróns de lume arrasando nas ladeiras, as laparidas na noite, os guizos no medio da borralla, e o panasco que vai furando na candieira para que comece outra vez o ciclo da vida.

Aciveiro, Millerada, Dúas Igrexas, Vilapouca, Soutelo, O Cachafeiro, A Portela de Lamas, Folgoso, Sabucedo, Forcarei, ... espazos compartidos. Se cadra non foron moitas veces, pero decátome de que quedaron gravados a ferro na miña memoria dos sentidos e das emocións, que agora espertan desde lonxe os ollares de Virxilio, o retratista de Soutelo. 

2.4.13

Os meus días e outro meu bar

O meu emporio empresarial segue medrando. Despois de A MIÑA BEBIDA, A MIÑA ORQUESTRA, O MEU BAR, A MIÑA ZAPATARÍA, A MIÑA TASCA, A MIÑA VILA, OS COSTUMES DOS MEUS CAMPURRIANOS, A MIÑA TORRE, etc., etc. etc. (ver marxe dereita do blog), agora tócalle a OS MEUS DÍAS, que van ter especial difusión, xa que se emitirán na TVG.
OS MEUS DÍAS
E de paso, outro MEU BAR (e van non sei cantos), onde o celtismo se vive intensamente:
O MEU BAR