Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

21.5.18

A Veiga literaria e outros Ventos poéticos

O mes de maio estivo, unha vez máis, marcado pola literatura en todo o País, que non toda a poesía vai estar concentrada nas etiquetas do viño tinto,  e a beiramar do norte non foi unha excepción. Eu tiven a sorte de poder estar en dous actos que ben agradezo, un a cada lado da ría sobre a que un día riscaron unha raia:

O día 18 convidáronme a participar no evento A Veiga literaria, un encontro promovido por un grupo de amigos da Veiga, capitaneado por Abel Méndez

Con Natalia Riego, Belén Rico, Andrea Gonzélez, Arantxa Gonzáles e Lucía Iglesias
Na fermosa Casa da Cultura falei dunha ducia de autores e autoras relacionados, en maior ou menor medida, coa literatura e coa Veiga: Eustaquio Lago Galán, Álvaro Fernández Suárez, Antolín Santos Mediante, Federico Magadán, Herminio García Allande, César Montaña Álvarez de Ron, Armando Cotarelo Valledor, Cándido Sanjurjo, Crisanto Veiguela, Belén Rico Prieto, Viqui Veiguela e Eva Moreda.

Son doce nomes que se vinculan á súa lingua de maneira moi distinta pero todos teñen ou tiveron en común a intención de darlle algo de vida ó galego, sexa cal sexa a opción escollida para grafalo. 

Despois da miña intervención recitaron textos Natalia Riego, que tamén exerceu de presentadora, Andrea González, Arantxa González, Camilo Cotarelo e Belén Rico.


Agradezo o convite e desculpo o exceso da cartelería, que me anunciaba nos valados como "escritor". Seguramente alguén lle dixo a Abel Méndez que na casa teño un bolígrafo e algúns folios, pero ser "escritor" é outra cousa.

Cartel anuncando o evento
Dúas semanas antes, o 4 de maio, chegaran a Ribadeo Ventos poéticos de aquí e de acolá organizados polo Concello de Ribadeo. Elisabete Marques, de Lisboa, Quique Roxíos de Bual, Xuan Bello de Paniceiros- Tineo e Olga Novo da Pobra de Brollón recitaron textos seus que lle puxeron carne de pita a quen tivo a sorte de escoitalos. Houbo así acentos distintos, perfectamente coordinados pola tamén poeta Yolanda Castaño, que exerceu de mantedora do acto.

Previamente, pola mañá, Elisabete Marques e Olga Novo participaran no instituto nun encontro co alumnado de 1º de bacharelato.


Olga Novo, Elisabete Marques e Yolanda Castaño con Farruco Graña, Concelleiro de Cultura, e con persoal do instituto.
Foron dous eventos que demostran que, cando hai boa vontade, supéranse sen problema as diferenzas que alguén foi gravando na pel de cada un.