Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Fronteiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fronteiras. Amosar todas as publicacións

26.1.15

Teatro en galego en Castropol

Reseña da representación de
 "Os vellos non deben de namorarse"
Castropol, decembro de 1968 
Entre o 10 de xaneiro e o 21 de febreiro está tendo lugar en Castropol un certame de teatro afeccionado organizado polo concello de Castropol e a asociación cultural El Cioyo. Sinto ben non acordarme agora mesmo do nome do certame. É o que pasa cando se lle poñen nomes raros ós eventos... Pero iso é o de menos. O importante é que sete grupos de teatro afeccionado de Asturias e Galicia teñen aí un escaparate para presentarse ante o público co froito do seu esforzo.

A próxima representación, que terá lugar o sábado, 31 de xaneiro, tócalle a quenda ó grupo O Bordelo de Cervo, que poñerá en escena Os amores de Mariñán, de Francisco Piñeiro. Non é a única representación en galego, xa que o día 17 o grupo Juan Manuel Méndez, da Caridá, representou Alpeirada nel buchinche d’Antón, de Jesús Álvarez; o sábado, 14 de febreiro, o grupo da Roda representará El dieiro, bon compañeiro, de Galano, e o certame pecharase o sábado, día 21 de febreiro, co grupo local El Cioyo, que representará Esto era unha vez, de José Ramén Oliva.

Moito me agrada esta convivencia normal de teatro galego e asturiano, de teatro en galego de aquí e de acolá, despois duns anos nos que parecía que todo mancaba na banda de alá da ría.

Remexendo na prensa local, un atopa con frecuencia presenza de casos semellantes, algún deles con importante tratamento mediático, como sucedeu coa representación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, en decembro de 1968.

Que a cousa siga.

(A crónica continúa no recorte seguinte)
Reseña da representación de "Os vellos non deben de namorarse"
Castropol, decembro de 1968.

15.11.14

25 anos do Grupo Eilao pro-defensa da nosa lingua

Remexendo vellos exemplares de La Comarca del Eo atopo tres artigos que tratan de tempos de ilusión no Eo-Navia. Eu daquela estaba lonxe e nada sei dos feitos. Teño lido e teño oído falar do asunto, de como evolucionou o soño e de como foi esmorecendo, pero nada sei de primeira man. Nada.

Coñézovos só a algúns dos citados nos artigos. Á maioría, non. Pero admírovos a todos. Admiro a iniciativa e imaxino o brillo da ilusión aqueles días nas meniñas dos vosos ollos.
  
Hoxe, aí fóra non para de chover, a e min, como lle sucedía ó bardo, invádeme a melancolía e mesmo a tristeza ó decatarme de que o 25 aniversario daquel soño pasou desapercibido: nin unha reportaxe na prensa, nin un acto conmemorativo, nin tan sequera unha churrascada con todos xuntos. Aínda que todos estivésedes zugando os ósos en silencio, aínda que fose así...

La Comarca del Eo, 29 de xaneiro de 1989

La Comarca del Eo, 5 de febreiro de 1989

La Comarca del Eo, 12 de febreiro de 1989

(Continuación do anterior) La Comarca del Eo, 12 de febreiro de 1989

(Continuación do anterior) La Comarca del Eo, 12 de febreiro de 1989

24.10.14

Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936

Estaba publicando este traballiño por entregas, pero descubrín as posibilidades de issuu e, como me pareceu unha ferramenta bonita, colguei alí todo o borrador -é que sempre se lle pode dar unha voltiña-. Así que se a alguén lle interesa xa pode acceder a todo o documento.

Como sei que a cousa é densa, aconsello ir primeiro ó remate para ver o índice e ter unha idea do que hai. Tamén se pode descargar.

Premedes na imaxe e xa vos leva de paseo por todo o que atopei sobre Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936.

Portada de Galicia e o galego na prensa de Castropol anterior a 1936

15.10.13

Tellados e lousados, lingua e terra.

I
Aínda que xa me fixara antes no asunto, non me metera a fondo no tema das isolousas ata que tiven aquela conversa:

Todo empezou en Lougedo, un lugar que non existe e que está en San Martín de Ozcos. É que hai sitios que non hai, pero están, como xa nos contou Cunqueiro na súa Plática de mares Arábigos:
"Gutor, Babarón e Trapobana son tres illas que non hai, e están entre Bengala e illa Java”.
Dicía o de Mondoñedo que Gutor se cadra non a hai, pero hai o nome e o –R en que remata é rasgueado e os barcos poden esnafrarse contra el e ir ó pairo. Con Lougedo pasa ó revés. O sitio haino; o que non hai é o nome, e ese -G- fura os oídos de quen o oe pronunciar e as meniñas dos ollos de quen o ve e le.

         - "Lougedo, con G" –insistía o rapaz ó indicarme o seu domicilio.
         - ...!

Non dixen nada, que hai leccións que non se poden dar en 30 segundos e para quedaren mal dadas é mellor non comezar, pero naquel preciso momento planifiquei esta viaxe polos tellados e lousados de Galicia, para ver a súa cor, para ver de que están cubertas as trabes que salvan da chuvia as lareiras da nosa terra e manteñen secas as cacholas dos paisanos cando mexan por nós.


II
Penso que non cómpre ser moi perspicaz para decatarse de que ese Lougedo, ou Loujedo, do que me falaba aquel rapaz é en realidade unha deturpación de Louxedo ou Lousedo e que ese topónimo refírese á louxa, ou lousa, propia de amplas zonas do noso territorio e que pasou da terra ós teitos das casas, tamén nesas terras do occidente de Asturias.

Pero, ¿ata onde chega o material na terra, a lousa nos tellados e o nome nos lugares? E cadrarán as liñas divisorias? Trataremos de ver por onde van as raias.

III
Como avioneta non temos e tampouco queremos esmamallarnos contra o chan probando a ser homepaxaro, a nosa viaxe será virtual, que para iso inventaron Google Earth.

TELLADOS e LOUSADOS
Betanzos e Vilalba, exemplos de tellados e lousados, respectivamente

"Primeira cousa: a lousa, morte ao estranxeiro opresor”, escribiu Ferrín en Estirpe. Pois xa que citamos o autor de Arraianos, tiremos cara ó sur para iniciar a viaxe e veñamos cara ó norte, a ver onde nos leva o camiño.

Non tardamos en observar negros os cumes da Gudiña e vermello nas casas dos Riós. Tentamos afinar máis. Ó oeste da Gudiña hai lousados negros no Seixo, Barxa, Pentes, O Tameirón e Erosa, e ó leste dos Riós vemos tellados tirando a vermello en Castrelo de Abaixo, Castrelo de Cima, A Trabe, O Mourisco, A Veiga do Seixo. Parécenos que conviven uns con outros en San Lourenzo de Pentes e no Navallo.

Intentamos ir cara ó norte, buscando a isolousa entre Laza e Campobecerros, entre Montederramo e Chandrexa,... e axiña asumimos a derrota: é imposible tanta precisión porque o que ás veces parecen lousados poden ser tellados de uralita de palleiras ou establos. Ademais, perdémonos no mapa con tanto lugarexo. Cómpre repensar a idea.

Nun andel descansa a xa vella Gran Enciclopedia Galega. Que arquivo fotoetnográfico da Galicia dos 70 e 80 teño na casa e eu sen decatarme ata estes días! Tamén inclúe ducias de retratos de lugares grandes e pequenos. Por aí tiramos, aparcando a tecnoloxía, revisando as fotos tomo por tomo e riscando nun mapa de concellos Tes vermellos ou eLes negros segundo vaiamos observando.

Agora si. Rematada esta fase, volvemos a Google Earth para facer comprobacións e encher algunhas lagoas que nos quedan. Por economizar traballo, só reflectimos no mapa os concellos que delimitan a fronteira das tellas e as lousas, entendendo que todo o que queda á esquerda é de tella e á dereita mantense a lousa.

E velaquí o mapa, no que marcamos con círculos vermellos os tellados e con cadrados negros os lousados:

Mapa de elaboración propia: en vermello, os concellos con tellados; en negro,  os de lousados.

Os distintos tamaños dos círculos e dos cadros non indican nada; é que un non é precisamente o rei do Photoshop.


TOPÓNIMOS
Toca agora delimitar a fronteira dos topónimos derivados de lousa.

Introducindo no buscador do Proxecto toponimia de Galicia o lexema lous- atopamos 390 resultados, espallados por todo o territorio, aínda que con maior concentración na metade norte, pero moitos deles inclúen o grupo -lous- sen ter relación ningunha con esta raíz. Cómpre concretar.
Topónimos que inclúen o grupo -lous-.
Se pedimos que o topónimo comece por ese lexema, temos 45 resultados e observamos que hai máis concentración nunha diagonal que vai de sueste cara ó norte, trazando unha liña que pode andar próxima á fronteira que nós establecemos entre tella e lousa. Esta diagonal presenta unha derivación cara á parte oriental da Mariña de Lugo.
Topónimos que comezan por Lous-
Non hai moitas variacións no trazado que nos dá o buscador se restrinximos a busca ás entidades humanas, deixando fóra accidentes xeográficos terrestres e costeiros, augas, terras e vías. Neste caso, temos 31 resultados de entidades de poboación que comezan por lous-.
Topónimos de entidades humanas que comezan por Lous-

Situámolas nun mapa para contrastar co mapa dos tellados / lousados, marcando desta vez con casiñas verdes os topónimos.
Mapa anterior, engadindo en verde os topónimos que comezan por Lous-

Non hai moita diferenza, xa que a maioría dos núcleos de poboación que teñen nome derivado de lousa están situados en zonas de tellados negros. (Non colocamos no mapa os máis orientais por non esforzarnos máis do debido e porque non nos aportan nada para a delimitación dos lindes).

Con todo, parece que a tella invadiu algo o territorio da lousa, xa que nos quedan algúns topónimos en territorio “vermello”.

Temos topónimos aparentemente derivados de lousa en Lousame, As Neves, O Irixo, Piñor e Carballedo, que son zonas claramente de tella. Valdoviño, Irixoa e Sobrado son concellos nos que predomina a tella pero, polo menos nalgúns núcleos de poboación tamén está presente a lousa, igual que na toponimia.

Velaquí os mapas desas zonas, algo máis de cerca:
Concellos de tellados vermellos, nos que hai algún topónimo que comeza por lous-, marcados en verde.

Concellos de tellados vermellos, nos que hai algún topónimo que comeza por lous-, marcados en verde.

XEOLOXÍA
Facemos unhas buscas en internet e atopamos un par de mapas que delimitan o territorio das pizarras (en cores violáceos no mapa) e outro que tamén fala de rochas e debuxa unha diagonal azul que non debe andar moi lonxe da que nos trazamos ó separar topónimos, tellados e lousados. Pero non seguimos por este camiño, que este é un mundo no que nos perdemos e apenas distinguimos uns pedroulos de granito dun anaco de pan reseso, así que paramos aquí a viaxe. Que outro afine máis; nós non concretamos tanto como queriamos ó comezo, pero creo que demostramos que algo ten que ver a lingua coa terra que a criou e que agora a ve esmorecer. 



23.3.13

Poesía galega en "Puerto de Vega"

PUERTO DE VEGA (ASTURIAS)
Pasou o 21 de marzo, que seica é o día mundial da poesía. Xa sabemos que son malos tempos para a lírica, pero a un sempre lle gusta atopar bocanadas de aire fresco, aínda que sexa en tempos pasados.

A prensa actual é ben pouco motivadora: xa levamos unha semana co mesmo Papa e, non podendo apampar mirando de que color é o fume das chemineas, un non atopa nada en que matar as horas. Xa podían cambiar outra vez! O resto aburre, ofende ou indigna.

Se cadra é por iso que enredo mergullándome en publicacións doutros tempos, como ben notaría quen siga o blog ultimamente. E ás veces atopo lírica viva onde menos contaba:

CANDO: 19 de marzo de 1921. 

ONDE: "A Veiga", precioso sitio do occidente asturiano, próximo ó río Frexulfe, onde Xoán Babarro situou os lindeiros do galego.

QUE: Velada infantil na que un par de nenos deleitan o público cun poema en galego:
También deleitó gratamente al público el graciosísimo poema en gallego recitado por simpática pareja infantil "O miñato e mais a pomba", con lo que finalizó tan hermosa velada



Castropol, nº 575, 30 de marzo de 1921

Nenos recitando poesía en galego en "Puerto de Vega"... Que tempos!


16.2.13

Asturias acaba no Nalón

Eh, eh...!, gardade as pedras que tedes para acantazarme que non son eu quen digo tal cousa. Iso de que "Asturias acaba no Nalón" é simplemente o título dun artigo que a escritora e xornalista de Coaña Eva Canel publicou na revista Asturias, da Habana, e que reproduciu o Castropol do 10 de novembro de 1916.

Creo que o artigo é ben interesante para reflexionar sobre a fronteira lingüística entre Galicia e Asturias e para a relación do galego coa lusofonía.

NOTA: Creo que se le mellor se premedes no enlace do Castropol e despois pasades páxina coa frechiña ca se intentades ler as imaxes que eu pego a continuación.



16.7.12

Máis lousas


Das lousas paso ás lápidas, con observacións deslabazadas, que para iso estamos no verán e anda o mundo patas arriba:

I
Seica hai quen di que un país se coñece polos seus cemiterios. Pois como sexa certo, imos aviados. De todos é coñecido que se nos dá moi ben ter cemiterios sen xente: Fisterra, Bonaval… Non importa, tal como se van poñendo as cousas, non sobra termos uns camposantos baleiros por se, chegado o momento, temos que usalos como okupas.

Tamén tivemos o detalle de meter os nosos galegos máis sobranceiros nun panteón especial para eles: o Panteón dos Galegos Ilustres. E despois dámoslle as chaves á Igrexa, para que nolos deixen ver só se lles peta, non vaia ser que a alguén lle entren ansias patrióticas despois de visitalos.

En calquera recantiño aparecen detalles que poden dar que pensar. Hai uns días, os sempre tristes asuntos fúnebres leváronme a San Miguel de Tabagón, un lugar do Baixo Miño, case onde o río baleira xa o seu desánimo no Atlántico, canso de ver e regar tanta desfeita, cos habitantes de Santa Trega sempe vixiantes.

Nas lápidas do vello cemiterio que rodea a Igrexa nótase a proximidade de Portugal, xa que case todas teñen foto do defunto, algo pouco frecuente na Galicia profunda pero habitual ó sur do Miño. Polo que respecta á letra, salvo unha lápida en portugués, todo o que se le está escrito en castelán. Debe ser que o noso país non ten idioma ou que non vale para morrer. Ou será que non se sabe que país é este.

Se cadra é por iso polo que non hai bandeira no enorme mastro que teñen á entrada da Igrexa, que pouco ten que envexarlle ó que colocou o minisTrillo na madrileña praza de Colón. Pode ser que despois de mercar tantos metros de estaca, ós veciños de San Miguel de Tabagón non lle quedasen cartos para o trapo, pero eu creo que máis ben é que non sabían cal poñer.

II

Máis sobre lápidas, pero non fúnebres:
Nun periplo enoturístico que me ocupou recentemente tamén vin placas rechamantes en Logroño: placas conmemorativas patrocinadas. A cousa mola. Non me parece mal que a empresa privada se implique en perpetuar feitos destacables e patrocine os rótulos que os conmemoran, pero non deberían suplantalos como fixeron os de Alcampo na placa que reproduzo aquí. Tanto aumentaron o tamaño da súa imaxe corporativa que apenas se ven as datas que a preceden e que son o motivo da homenaxe que xustifica a placa, supoño, que a empresa privada non é tan egoísta como para querer quedar co que non lle corresponde...


III
Non todo vai ser malo: iniciei a colleita do meu aerohorto. Pequeno tamaño, pero sabor exquisito.

4.12.11

Alberto Calvín Corredoira


Hai un par de anos chegaba ás beiras do Ulla, aló por Gres, unha princesa desde Taramundi e, con ela, as palabras galegas do occidente de Asturias. Daquela foi Xoán Babarro quen as levou e o xurado soubo agradecer o agasallo.

A semana pasada souben que Alberto Calvín Corredoira acababa de recibir un accésit no mesmo certame: o premio Arume de poesía, que convoca a Fundación Neira Vilas.

Alberto Calvín é un escritor humilde que enche ó xeito tradicional follas de libreta que son un tesouro. Nas diferentes antoloxías do certame Marqués de Sargadelos pódense atopar algúns dos seus textos. Na colección Olga, Babarro e eu mesmo démoslle unha presenza escasa, que os nomes eran moitos e o sitio estreito, pero ben merecida. Agora, as palabras que el sementa agroman de novo a carón do Ulla, terra de leiras fértiles que a un lle traen recordos.

Moito me alegro deste éxito de Alberto Calvín, que pon o seu nome a carón doutros tan recoñecidos coma Rafa Villar e Yolanda Castaño.

Alégrome por Alberto, sinxelo e humilde, que desde Pardiñas sabe encher o mundo de flores de abruñeiros.   

Alégrome polas palabras propias do galego de Taramundi, que Alberto mantén nos seus textos e que, unha vez máis, o xurado soubo recoñecer e valorar.

Alégrome polo feito de que un escritor eonaviego obteña recoñecemento nun certame en Galicia e desexo que non sexa unha excepción.

Parabéns!

1.8.11

Fronteiras e fronteiras (aínda)

A Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) publicou recentemente un estudo no que se trata a situación sociolingüística de Zamora.

Estiven prendente da prensa e non parece que a publicación dese traballo causase grandes traumas en ningunha das dúas comunidades afectadas: non hai síntomas de que aumentasen os suicidios, non variou significativamente o PIB, non houbo éxodo masivo da poboación nin andaron a cantazos os seus habitantes.  

Perfecto. Nada ten de particular que unha Academia se ocupe do seu idioma, independentemente do lugar no que se fale. Todo o contrario; é o seu deber.

O que non é de recibo é que o fagan os mesmos que teñen tirado pedradas de todas as castes e tamaños contra institucións e persoas galegas por preocupárense polo galego de Asturias.

Onde van os tempos de "el punto primero pa poder tratar nada es el respeto a la frontera!"? (Ver Fronteiras -minuto 24:44 a 27:20).

Si, home si! -Ferrín dixit.

Con todo, aproveitando o 27 aniversario da ponte dos santos, sería bo pensar no futuro e tecer entre todos pontes de esperanza para a lingua.

19.5.11

Cereixas de Valcarce



Paramos na Veiga de Valcarce, a onde o regueiro das Lamas chega desde Pedrafita medrado e rebautizado. A raia no mapa queda do lado de acá, pero quen teña oídos ben se decata de que a pintaron sen moito xeito. Os papeis teñen conta do que lles poñen, din sempre os vellos.

Cómese ben e un pode mercar produtos da terra. Non hai queixa dos produtos, pero si dos vendedores da terra: a cooperativa Valle del Valcarce. Ese "valle del val..." tenme pinta a min de ser o conto do "río guad-". Coma comer patatas con patacas. Será o bilingüismo harmónico.

É o que pasa cando ignoramos o que nos din as palabras de noso que nos chegan desde lonxe e as usamos como simples etiquetas.

Con todo, as cereixas estaban boas.

15.2.10

Barullo na raia II: Bautizando o neno

Bautizando o neno
Mentres andamos a trancazos polo nome que lle poñemos, o neno morre de fame. E cando teñamos acordo co nome xa non vai haber onde poñerllo, salvo na lápida, a carón dun RIP.

Ninguén discute que naceu do tronco galego-portugués. Xa bo é! Tamén hai unanimidade en que non é bable ou asturiano fetén. Xa bo é tamén. O do continuum é bonito e ata parece que nos une a todos, pero chega desde Fisterra ata o quinto demo, alá por Romanía, e non nos é moi operativo. Co de fala non imos moi lonxe, a non ser que nos conformemos con ser ensimismados e acomplexados, que fala son todas. De entre galego-asturiano con guionín e galego asturiano sen guionín, galego de Asturias, galego ou eonaviego, eu creo que este último, aínda que estea pouco estendido, é o que menos manca porque non se lle ve na pinta que tamén vive polo outro lado dos parrulos que habitan a ría. Para algunhas cousas é un inconveniente que os idiomas leven espetado na fronte o nome da terra nai. Se en vez de falarmos do galego estiveramos falando do 281279CV, seguro que causaba menos reticencias –e encima ninguén se decataría de que é a data de nacemento e as iniciais de Cotarelo Valledor-. Os idiomas había que nomealos con códigos de barras.

Pero mentres non é así, digo eu que non pasaría nada por chamarlle ó neno eonaviego. Tamén se fala de aranés e de mirandés e todo o mundo que sabe algo de linguas sabe que se trata de variantes do occitano e astur-leonés, respectivamente. Non debiamos perder moito tempo co nome, que o neno ten fame.

Barullo na raia III: "Hai un sentir..."

A SERIE EMPEZA AQUÍ
Hai un sentir...
I

Os sentimentos son cousa moi sagrada. Dise que os terrícolas do occidente de Asturias non se senten galegos. Certo, e poida que non se sintan galegos por algo tan terrible como que non son galegos. Pero tamén é certo que, non sentíndose galegos, son poucos os que se senten teimudamente antigalegos, e calquera que lea a prensa pode pensar que son batallón.

É o mesmo motivo polo que os suízos que falan alemán non se senten alemáns, nin os que falan francés no Quebec se senten franceses, nin os franceses do Rousillon que falan catalán se senten cataláns. Pero saben ben que o que falan é alemán, francés e catalán, que unha cousa é a lingua e outra o carné de identidade nacido das fronteiras administrativas. Desta confusión xa teño falado eu noutros lugares.

Hai un sentir de que a nosa fala é algo distinto do galego”. Moitas veces teño sentido este argumento. Como dicía antes, os sentimentos son cousa moi sagrada, pero filoloxicamente inútiles. E digo eu que aquí estamos falando de filoloxía, non confesando xente que quere librar do inferno.

Se polos sentires fose, o galego durante o franquismo era un dialecto, porque iso era o que se lle dicía á xente e a xente asumiuno e sentiuno, que os colonizadores son moi listos meténdolles na cabeza as súas ideas ós colonizados. Incluso hai quen o sente na actualidade, e mesmo quen sente que é un “dialecto de mierda que yo no quiero que mi hijo estudie”. Pero, aínda que este fose o sentir maioritario durante o franquismo e excepcional na actualidade, calquera persoa á que lle desen ben o Parvulitos sabe que o galego era, é e será (?) un idioma distinto, con personalidade propia.

II
E aínda que os sentires fosen filoloxicamente relevantes, é certo que existen os sentires dos que se fala, pero tamén houbo os sentires de Cotarelo Valledor, de Mediante, de Penzol, etc. E hai os sentires de Quique de Roxíos, de Benigno Fernández Braña, de Crisanto Veiguela, de Ángel Prieto, de Santi Somoza, de César López, Begoña Martín, Xosé Carlos Álvarez, Frías Conde, ... E hai tamén outros sentires silenciados que non cito para non comprometelos. E aínda quedan os sentires de xente que non asina poemas nin relatos nin pezas de teatro, xente coa que asino unicamente cuncas de viño e conversas nos bares e que acenan coa cabeza por non entenderen nada desta guerra.

Os sentires son algo individual, íntimo e sempre respectable, pero se os queremos colectivizar e convertelos en argumento non sería mala cousa telos todos en conta e non só os que conveñen.

Barullo na raia IV: Repetindo erros

A SERIE EMPEZA AQUÍRepetindo erros
Creo que no Eo-Navia se están repetindo algúns erros que no seu día se cometeron en Galicia:

1- Disparar contra o inimigo equivocado:
O de inimigo é un dicir, que non hai linguas amigas nin inimigas. O que hai é unhas que teñen mellor exército ca outras.

Tempos houbo, e algo queda, en que parecía que portugués era o peor inimigo para o galego. Hoxe, maioritariamente, o portugués vese como unha porta amiga pola que podemos abrirnos ó mundo facilmente. Portugal non é ningún perigo para Galicia como Galicia non é ningún perigo para o Eo-Navia. O exército forte teno o castelán que é quen se vai asentando e comendo terreo polo noroeste, silenciando as palabras nosas.


2- Centrarse en exceso na cuestión normativa:
Tempos houbo en que aquí andamos a pedradas por un ñ/nh, ll/lh, c,z/ç, por un guionciño para comer o caldo ou come-lo caldo e por media ducia de variantes léxicas. Tardamos en decatarnos de que podiamos sentarnos e amañar o asunto falando, que as diferenzas non eran tantas.

Parece que no Eo-Navia o fundamental é gañar a batalla do y e dos apóstrofos, aínda que se perda a guerra. A normativización é necesaria e mesmo diría que urxente, se se queren superar claramente os usos folclóricos do idioma, pero non pode converterse nunha distracción que impida outros pasos imprescindibles e urxentes no proceso de normalización. Dicía hai pouco nunha reportaxe no Faro de Vigo o amigo Francisco Rivas que en Ribadeo se di “rapaz ou neno” e na Veiga se di “rapacín ou nenín”. Claro que si, tamén en Galicia nuns sitios se fala de becerros ou cuxos e noutros de xatos, nuns sitios de porcos e noutros de cochos, de vacalouras e escornabois, de noces e crouchos, de irmaos, de irmáns e de irmás, ... e non por iso defende ninguén que se trate de linguas distintas. Exemplos así atopámolos en todos os idiomas, pero as variantes léxicas, morfolóxicas ou do tipo que sexa son riqueza, non outra cousa.

Nin o galego é o inimigo da cultura do Eo-Navia nin a cuestión normativa, aínda sendo necesaria, debería ocupar máis esforzo e espazo do estritamente necesario.

Barullo na raia V: Informando







Informando
Cómpre que a xente estea ben informada, e por informes que non sexa.

A mediados do 2006 a Secretaría Llingüística del Navia-Eo publicou o Informe sobre a fala ou gallego-asturiano. Trátase dun documento de 44 páxinas que inclúe un pouco de todo, como xa se indica no subtítulo: “Úa perspectiva hestórica, social y llingüística”.

Despois dunha introdución que agradeceriamos máis concreta, para sabermos ben quen e cando comezou o proceso de dignificación da cultura da comarca, cóntasenos unha de romanos que arranca no século I d. C e acábase falando dos distintos tipos de hórreos, dos tellados das casas, do caldo e da empanada. Dáselle despois outra volta ó asunto da identidade e os “sentires” e, por fin, aparecen 7 páxinas filolóxicas nas que se conclúe defendendo a idea do “continuum”. O problema está en que esa liña de argumentación e esas conclusións, con outros trazos, poderían servir para o Eo-Masma, para o Miño-Lérez, para o Candán-Faro ou para o treito Nacional-525 – Nacional- 541. O informe continúa cun capítulo alusivo ó labor da ALLA no Eo-Navia que, polo que se indica, ignorou de xeito oficial a especificidade lingüística eonaviega ata 1995, e remata cun apartado de conclusións e propostas.

A comezos de 2007 a asociación Abertal del Eo-Navia, que tamén ten “un sentir” pero algo distinto, publicou o Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia (Occidente de Asturias). Trátase dun documento de 90 páxinas (iso si, con 9 milímetros menos de alto e dous centímetros e medio menos de ancho), que dedica case 70 á análise filolóxica da zona eonaviega. Parte da postura oficial actualmente en Asturias e despois confróntase coa opinión de dezasete especialistas de distintas épocas e lugares –asturianos e de fóra-, de varios informes de organismos e institucións europeas e achégase a opinión doutras persoas de diversos ámbitos sociais. No capítulo seguinte analízase a fondo a cuestión do nome da lingua do Eo-Navia, sen agachar ningún. Nos dous apartados seguintes faise un pormenorizado estudo dialectal da zona e aplícanse técnicas glotométricas, partindo de 28 trazos dialectais, para ver o achegamento/distanciamento da variante eonaviega ó galego e ó asturiano. Aparecen despois unha serie de consideracións sociolingüísticas e analízase a toponimia e a normativa como exemplos de aculturización. Remátase cun apartado de conclusións e un apéndice con textos comparativos, ademais de cumprida bibliografía.

Barullo na raia VI: Cada cousa no seu tempo

A SERIE EMPEZA AQUÍ Cada cousa no seu tempo
A consciencia sobre as particularidades da cultura da zona con respecto ó resto de Asturias xa veñen de vello, pero é nos anos oitenta cando empezan a levarse a cabo iniciativas de xeito organizado:

Non sei eu se en 1989 nacería a asociación Xeira na Caridá se antes non existise a asociación Antola en Santo Antolín de Ibias (1985), o Grupo de Eilao Pro-Defensa da nosa lingua (1986) e, sobre todo a MDGA (1989).

Non sei eu se a Academia de la Llingua Asturiana modificaría os seus estatutos para atender as particularidades do Eo-Navia (1995) e crearía a Secretaría Llingüística del Navia-Eo (1996) se antes non se apoiase desde o mundo académico de Galicia o labor da MDGA.

Non sei eu se nacería a revista Entrambasauguas (1996) se antes non nacese A Freita.

Non sei eu se a Secretaría Llingüística del Navia-Eo tería publicado as Normas ortográficas del gallego-asturiano (2007) se antes a MDGA non publicase as Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias (1990).

Non sei eu se se tería celebrado o I Encontro d’escritores en Gallego-Asturiano na Veiga (2008) se antes non se celebrase a I Escola Fermín Penzol en Ribadeo (2005).

Non sei eu se nacería a revista Trabatel (2008) se non existise antes a colección Òlga (2007).

Non sei eu se algúns dos autores que agora son celebrados en Asturias seguirían esquecidos se antes non os rescatase do olvido Xoán Babarro nos seus traballos, que levar levaban anos aí esperando.

E por non saber, non sei eu se La Nueva España iniciaría a súa brutal campaña contra Galicia se antes La Voz de Galicia non anunciase e iniciase un proceso de expansión cara ó leste, agora abandonado, mercando o Diario de León e anunciando intencións similares con algunha cabeceira asturiana.

Barullo na raia VII: De invasores e invadidos

A SERIE EMPEZA AQUÍ

I-
As perversas intencións dos galegos para invadir o Eo-Navia van camiño de converterse nun tópico, de tanto que se repiten. A min sorpréndeme que, sendo como somos cada vez menos dados a esgarabellar na terra e tendo como temos tanto monte sen sachar, haxa quen queira aínda máis ferrados de leiras. Pero nunca se sabe. Os sectores asturianistas viron un plan perfectamente artellado nunha serie de feitos que tiveron lugar nos últimos anos, moitos deles de xeito illado, pero que eles achegaron no tempo e relacionaron.

Molesta que a TVG se vexa no occidente de Asturias, onde ten boa acollida por parte da xente –non consta que os galegos fosen nunca casa por casa amordazando os asturianos para obrigalos a ver a Gaioso, o fútbol ou o cu-cuíño de Sin Chan-. Incluso se levou a cabo un estudo que, segundo din, demostra que os nenos usan expresións galegas alleas á zona. Haberá que facer outro estudo para analizar porque a TVG inflúe tanto na fala dos nenos asturianos e tan pouco na dos galegos.
Curiosamente non se di nada de que Occidente de Radio Televisión (ORT) de Navia tamén se ve na Mariña –e ben contentos que estamos, que se non a queremos ver o problema amáñase poñendo ben un dedo nunha tecla do mando a distancia-. Tampouco se di nada de que en Ribadeo é imposible sintonizar as desconexións da TVE porque o sinal chega por Asturias, de modo que o que se ve é a programación rexional asturiana. Así, a maioría dos ribadenses nunca puideron ver os minutos cos que a TVE nos agasalla desde 1971; pola contra, desde 1974 que comezaron as emisións de TVE-Asturias teñen os ribadenses información diaria do Principado. Digo eu que será unha estratexia de contrainvasión.

Molestou o Plan xeral de normalización da lingua galega. Este documento, que inclúe algúns apartados relacionados co galego exterior, aprobouse sendo aínda Presidente da Xunta Manuel Fraga, un nacionalista radical, como todo o mundo sabe. Naquel momento en Asturias non houbo manifestacións ó respecto, pero nada máis cambiar o goberno desde algúns sectores empezouse a falar deste documento como un plan do nacionalismo galego para entrometerse en asuntos asturianos. Debe ser que D. Manuel daba medo. A verdade é que o cambio non me estraña; aquí pasou o outro tanto e os mesmos que o votaron no Parlamento, agora desprézano e din que foi unha imposición dos nacionalistas.

Molesta a asociación Abertal. A pesar de que se trata dun colectivo asturiano e con varios membros asturianos, sempre se pon de manifesto que está presidido por un galego.

Molestou a Escola Fermín Penzol. Impulsadas pola Universidade de Vigo, véñense celebrando nos últimos anos unhas xornadas con esta denominación, de xeito rotatorio en territorios limítrofes con Galicia. A 1ª edición tivo lugar en Ribadeo e centrouse no asturiano e no galego. A maioría das ponencias non tiñan relación específica co galego de Asturias, pero sectores asturianistas interpretáronas como un congreso especialmente dedicado a ese apartado e consideráronas unha provocación. Nas xornadas participaron ponentes asturianos, coma o escritor Xuán Bello ou o daquela responsable da política lingüística en Asturias, Ramón d’Andrés. Outros convidados declinaron a invitación.

Molestou a candidatura para a declaración de Patrimonio inmaterial da UNESCO. Unha comisión nacida no Baixo Miño promoveu que a UNESCO recoñecese o patrimonio inmaterial de Galicia e o norte de Portugal. Pouco a pouco foron xurdindo adhesións e unha delas, por iniciativa propia, foi unha agrupación cultural de Santiso d’Abres. Isto foi visto tamén como un intento de Galicia de apropiarse de parte da cultura asturiana.

Molestou que Esquerra Republicana promovese unha iniciativa para que se oficializasen todas as linguas de España no territorio onde se falan, sendo unha delas o galego de Asturias. Dáse a circunstancia de que naquel momento Esquerra Republicana concorría ás eleccións ó Parlamento Europeo en coalición con Andecha Astur, que sempre tivo posicionamentos fortemente antigalegos. Estraños compañeiros de cama fai a política.

II
Cómpre recoñecer que desta estratexia invasora cúlpase a perversas mans e mentes que actúan desde Santiago, e recoñécese que no campo de batalla a relación entre as tropas dunha e outra banda da ría é boa. Agradécese, porque como indicabamos máis arriba, a presenza en Galicia das canles de TV asturianas non molesta.

Non molesta tampouco que un grupo de asturianos residentes na Mariña celebre cada ano en Foz a festa da Santina. Contan co apoio municipal e coas simpatías dos focegos e dos mariñaos en xeral.

Non molesta que nos escaparates de calquera librería de Ribadeo, cando César Vidal e Pío Moa deixan un recantiño, se poidan ver con naturalidade algúns libros asturianos, e máis que nos gustaría ver, que os libros non lle fan mal a ninguén veñan de onde veñan. E non molestaría tampouco que sucedese o mesmo cos galegos nas librerías do occidente de Asturias, onde os libros en galego ou non están ou están de camuflaxe, coas follas cara o público e o lombo cada a parede –algún día contarei con detalle esta anécdota-.

Non molesta o coñecemento dos escritores asturianos en Galicia. Eu mesmo me empeño en difundilos, procuro que haxa libros seus na nosa biblioteca e teño convidado a algúns dos mellores a participar no meu centro en encontros co alumnado, como ben sabe Xuán Bello ou Aurora García Rivas, igualiño que facemos cos galegos. Ben agradecido lles quedo eu de que teñan vido e dáme que tamén eles marchan contentos. Cáusame tristeza, pola contra, que os alumnos asturianos ós que lles dou clase no bacharelato non oísen nunca falar nin tan sequera dos nosos autores máis coñecidos, tanto os clásicos coma os actuais, aínda que tampouco me sorprende, se temos en conta que son eu quen lles teño que descubrir a existencia de escritores asturianos do occidente.

Non molesta que nos bares de Ribadeo La Nueva España estea case tan presente coma a prensa galega. O que amola é que non estean tamén La Voz de Asturias, El Comercio e, por suposto, Les Noticies, que unha hemeroteca de balde sempre se agradece. E creo que non molestaría que houbese prensa galega nos bares do occidente de Asturias.

Non molesta que haxa espazos reservados no Eroski de Ribadeo para produtos asturianos, e que en ocasións sinalicen con tiras de bandeiras do Principado, o mesmo que están as galegas por outro lado. E non molesta tampouco que nalgún bar haxa expositores de artesanía asturiana, sinalizados como tal. Aquí toco de oído, que isto non o vin nin o vivín, pero seguro que non molestaban tampouco as láminas de Castelao que seica adornaban un bodegón de Navia e que un día se descolgaron. A xente é moi mal pensada e igual o que pasou é que non conxuntaban ben coa cor da parede ou co resto da decoración do local.

Non molestan os centos –non esaxero- de alumnos asturianos que levan asistido a cursos de galego en Ribadeo nos últimos anos. E non molestan as ducias deles que levan cursado a ESO e/ou o Bacharelato de adultos no IES Dionisio Gamallo Fierros, algúns deles alumnos meus e ben boa xente. E non parecen ter ningún trauma a pesar de que case todas as materias se imparten en galego, aínda que é certo que se lles nota a falta de hábito na escrita e que veñen con todos os prexuízos coñecidos con respecto á súa propia lingua. Pero casos hai de algúns que entraron pedindo a exención a anulárona ó ver a realidade.

Barullo na raia - VIII: de Academias e académicos

A SERIE EMPEZA AQUÍ 



IMAXE DO TESÓN, NA RÍA DE RIBADEO
De Academias e académicos 
Miró las gaviluetes, l’esnaliu d’elles; entrañó los glayíos de la tarde. Pensó: “Si yo pudiera describir esti momentu, si yo pudiera detener esti instanti, la mío llingua taría salvada” (Xuan Bello: La hestoria tapecida, 2007)


Empezaba eu dicindo que o barullo se dá sobre todo en rotativas e institucións afastadas do Eo-Navia.

Coas rotativas pouco se pode facer, que unha empresa que edita xornais o que quere é vender exemplares e todo vale para conseguir ese obxectivo. Pero as institucións teñen outra misión e si que poden reflexionar. E non estou pensando agora nas administracións, senón nas Academias.

Tanto a Academia de la Llingua Asturiana como a Real Academia Galega teñen nos seus estatutos apartados específicos para o Eo-Navia. Que se saiba, ningún dos dous estatutos é ilegal, así que será cousa de falar e ver o que pode aportar cada unha.

Para empezar a falar, cómpre que ningunha das dúas vaia cos fumes subidos: a galega debe ter ben claro que estamos falando de territorio asturiano e que é a administración asturiana quen decide politicamente, o cal implica especial esquisitez no comportamento -por aí non ha de haber problema, que Ferrín sabe ser galante-; a asturiana non debe esquecer que o feito de que non contemplase ata 1995 a existencia diferenciada da lingua do Eo-Navia non di moito ó seu favor, e que aínda na actualidade manteña o seu nome en singular non di moito a favor do recoñecemento da pluralidade lingüística de Asturias por parte dunha institución que se supón sensible coas linguas.

Aclarado isto e con vistas a un futuro en positivo, eu creo que alguén debería coller a Ferrín e a Ana Cano, cun par de escudeiros cada un, e levalos ó medio do Tesón, entre Ribadeo e As Figueiras, cando a marea está baixa e todo aquilo é un areal no medio da ría. Unha vez alí, amarralos a todos coma quen fondea un barco e darlles instrucións ben claras:

“Xa sabedes como vai isto da auga que sobe e baixa. Dentro dunhas horas, todo este areal estará inundado. Se non sodes capaces de falar o que haxa que falar e de chegar a acordos antes de que suba a marea, quedaredes tamén debaixo da auga para sempre. Velaí vos queda un garrafón de viño - que non é galego nin asturiano para que non empecemos mal-, unha xerra para servilo e unhas cuncas para bebelo.

Estaremos mirando desde as dúas beiras. Se hai acordo, erguede as cuncas e brindade pola lingua; se non o hai, todos seremos testemuñas de como o curuto das vosas cabezas desaparece debaixo da auga. Rezade para que as luras non teñan os dentes moi finos cando vos vaian roendo as intimidades”.

15.10.08

Fronteiras - IX

EMPEZA AQUÍ
Remate

Espero que todas estas notas fronteirizas, desde a anécdota do Boundary Bar ata os casos internacionais máis complexos sirvan para facer reflexionar un pouco sobre o valor das fronteiras administrativas, que moitas veces teñen detrás de si unha boa dose de casualidade, cando non de capricho.

Non pretendín facer unha análise exhaustiva deste fenómeno, nin tan sequera do espazo europeo. Tan só busquei un mostrario de situacións distintas, afondando algo unicamente nalgún dos exemplos que podemos ofrecer.

Pero creo que abonda para deixar ben claro que identificar fronteira administrativa con fronteira cultural é un erro importante. Os trazos culturais, sen seren enteiramente alleos ás marcas fronteirizas, obedecen a criterios bastante máis lóxicos, asentados en séculos de historia común. E o máis evidente destes trazos culturais, moitas veces, é a lingua.

As fronteiras administrativas non poden tomarse dun xeito ríxido e non deben ser un atranco para salvagardar a cultura e os dereitos das persoas. Cun pouco se sensatez e de diálogo entre os responsables das distintas administracións, ten que ser posible, por exemplo, que no occidente de Asturias un neno de Taramundi, ou da Veiga, estudie o galego na escola como o fan os seus veciños da Fonsagrada ou de Ribadeo. Xa sucede, sen ningún trauma, na franxa aragonesa co catalán, e o Bierzo, con máis de dez centros de ensino nos que se imparten clases de galego, vai por ese camiño.

Non aceptar isto, paréceme a min que é pasarse da raia.

13.10.08

Fronteiras - VIII

Tripuntos









Para rematar esta peregrinaxe polo mundo das fronteiras curiosas, falarei brevemente dos tripuntos. Son lugares nos que conflúen tres países distintos. En Europa hai máis de vinte; uns están situados en ríos, lagos, ou no mar, e outros en terra firme. Máis que o feito da súa existencia, o que chama a atención é o xeito que teñen as distintas administracións de tratalos. Normalmente hai algunha marca no lugar exacto, e frecuentemente existen monumentos triangulares cun pé ou unha cara para cada territorio. Ás veces eses monumentos parece que actúan como nexo de unión entre os tres países, e procúrase que pase desapercibida a identidade de cada un deles. Sucede, por exemplo co formado por Austria, Hungría e Eslovaquia ou co que une Alemania, Bélxica e Luxemburgo. Pero outras veces dá a sensación contraria e parece que cada país se esforza en poñer de manifesto a súa identidade distinta, valéndose das cores da bandeira, do escudo, ou doutros distintivos. Sucede, por exemplo, entre Letonia, Lituania e Bielorrusia.

9.10.08

Fronteiras - VII

EMPEZA AQUÍ

Entre veciños: lindes
O curiosísimo caso de Jungholz, ó sur de Kempten, ten dado lugar a discusións filosóficas. É territorio austríaco pero situado “practicamente” en Alemaña. En realidade está absolutamente en Alemaña, pero ten un punto de contacto con Austria, situado no pico dunha montaña. Nese punto está precisamente a posibilidade de filosofar: ¿canto tamaño ten un punto? Desde logo, non dá para pasar desde Austria ata Jungholz en vehículo. Iso implicaría invadir terreo alemán. ¿E andando...?; parece ser que tampouco é posible. Ninguén ten o pé tan minúsculo coma un punto infinitamente ―tómese no seu significado exacto― pequeno.

Ademais, en Jungholz está situado un dos dous únicos “cuadripuntos” que hai en Europa. O outro está en Baarle. Non se trata de que alí conflúan catro países; iso non se dá en ningún sitio. O que sucede é que na marca fronteiriza 110 xúntanse catro partes opostas dos dous países. O lugar exacto está pintado nunha rocha.

Ata agora referímonos a cuestións fronteirizas que chaman a atención incluso no mapa, por tratarse de zonas pertencentes a unha administración, pero rodeadas por territorios que pertencen a outra. Pero hai moitos outros casos nos que, sobre o papel non se ve nada sorprendente, pero sobre o terreo poden observarse situacións moi curiosas. Comentaremos só algunhas:

O número 120 da rúa Voro de Valga é unha casa situada en Letonia, e os seus habitantes son tamén letóns, pero a rúa Voro está en Estonia. Xusto nunha esquina da casa hai un sinal que indica a fronteira; en canto os da casa poñen o pé na súa rúa xa están no estranxeiro. As relacións entre ambas as dúas administracións non deben ser moi boas, porque a familia necesita un pase, e ten que informar ás autoridades estonias dos movementos que realiza polo seu territorio. Nesa mesma localidade hai varias vivendas máis en situación similar, e tamén hai casos nos cales a fronteira divide a propia vivenda. Outros casos similares danse en Bregana, entre Croacia e Eslovenia.

A estrada D830 discorre entre Bélxica e Francia. Trátase dunha vía de dobre sentido, e cada carril está situado nun país distinto, separados só pola mediana, unha sebe ou unha beirarrúa de cemento, segundo as zonas. Loxicamente, os sinais dun lado son belgas, e os do outro franceses.

Cerca da cidade norueguesa de Narvik hai tamén unha estrada, neste caso norueguesa que discorre totalmente por territorio sueco. Para entrar en coche nesta área cómpre unha autorización que se pode obter na aduana sueca.