Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

15.10.13

Tellados e lousados, lingua e terra.

I
Aínda que xa me fixara antes no asunto, non me metera a fondo no tema das isolousas ata que tiven aquela conversa:

Todo empezou en Lougedo, un lugar que non existe e que está en San Martín de Ozcos. É que hai sitios que non hai, pero están, como xa nos contou Cunqueiro na súa Plática de mares Arábigos:
"Gutor, Babarón e Trapobana son tres illas que non hai, e están entre Bengala e illa Java”.
Dicía o de Mondoñedo que Gutor se cadra non a hai, pero hai o nome e o –R en que remata é rasgueado e os barcos poden esnafrarse contra el e ir ó pairo. Con Lougedo pasa ó revés. O sitio haino; o que non hai é o nome, e ese -G- fura os oídos de quen o oe pronunciar e as meniñas dos ollos de quen o ve e le.

         - "Lougedo, con G" –insistía o rapaz ó indicarme o seu domicilio.
         - ...!

Non dixen nada, que hai leccións que non se poden dar en 30 segundos e para quedaren mal dadas é mellor non comezar, pero naquel preciso momento planifiquei esta viaxe polos tellados e lousados de Galicia, para ver a súa cor, para ver de que están cubertas as trabes que salvan da chuvia as lareiras da nosa terra e manteñen secas as cacholas dos paisanos cando mexan por nós.


II
Penso que non cómpre ser moi perspicaz para decatarse de que ese Lougedo, ou Loujedo, do que me falaba aquel rapaz é en realidade unha deturpación de Louxedo ou Lousedo e que ese topónimo refírese á louxa, ou lousa, propia de amplas zonas do noso territorio e que pasou da terra ós teitos das casas, tamén nesas terras do occidente de Asturias.

Pero, ¿ata onde chega o material na terra, a lousa nos tellados e o nome nos lugares? E cadrarán as liñas divisorias? Trataremos de ver por onde van as raias.

III
Como avioneta non temos e tampouco queremos esmamallarnos contra o chan probando a ser homepaxaro, a nosa viaxe será virtual, que para iso inventaron Google Earth.

TELLADOS e LOUSADOS
Betanzos e Vilalba, exemplos de tellados e lousados, respectivamente

"Primeira cousa: a lousa, morte ao estranxeiro opresor”, escribiu Ferrín en Estirpe. Pois xa que citamos o autor de Arraianos, tiremos cara ó sur para iniciar a viaxe e veñamos cara ó norte, a ver onde nos leva o camiño.

Non tardamos en observar negros os cumes da Gudiña e vermello nas casas dos Riós. Tentamos afinar máis. Ó oeste da Gudiña hai lousados negros no Seixo, Barxa, Pentes, O Tameirón e Erosa, e ó leste dos Riós vemos tellados tirando a vermello en Castrelo de Abaixo, Castrelo de Cima, A Trabe, O Mourisco, A Veiga do Seixo. Parécenos que conviven uns con outros en San Lourenzo de Pentes e no Navallo.

Intentamos ir cara ó norte, buscando a isolousa entre Laza e Campobecerros, entre Montederramo e Chandrexa,... e axiña asumimos a derrota: é imposible tanta precisión porque o que ás veces parecen lousados poden ser tellados de uralita de palleiras ou establos. Ademais, perdémonos no mapa con tanto lugarexo. Cómpre repensar a idea.

Nun andel descansa a xa vella Gran Enciclopedia Galega. Que arquivo fotoetnográfico da Galicia dos 70 e 80 teño na casa e eu sen decatarme ata estes días! Tamén inclúe ducias de retratos de lugares grandes e pequenos. Por aí tiramos, aparcando a tecnoloxía, revisando as fotos tomo por tomo e riscando nun mapa de concellos Tes vermellos ou eLes negros segundo vaiamos observando.

Agora si. Rematada esta fase, volvemos a Google Earth para facer comprobacións e encher algunhas lagoas que nos quedan. Por economizar traballo, só reflectimos no mapa os concellos que delimitan a fronteira das tellas e as lousas, entendendo que todo o que queda á esquerda é de tella e á dereita mantense a lousa.

E velaquí o mapa, no que marcamos con círculos vermellos os tellados e con cadrados negros os lousados:

Mapa de elaboración propia: en vermello, os concellos con tellados; en negro,  os de lousados.

Os distintos tamaños dos círculos e dos cadros non indican nada; é que un non é precisamente o rei do Photoshop.


TOPÓNIMOS
Toca agora delimitar a fronteira dos topónimos derivados de lousa.

Introducindo no buscador do Proxecto toponimia de Galicia o lexema lous- atopamos 390 resultados, espallados por todo o territorio, aínda que con maior concentración na metade norte, pero moitos deles inclúen o grupo -lous- sen ter relación ningunha con esta raíz. Cómpre concretar.
Topónimos que inclúen o grupo -lous-.
Se pedimos que o topónimo comece por ese lexema, temos 45 resultados e observamos que hai máis concentración nunha diagonal que vai de sueste cara ó norte, trazando unha liña que pode andar próxima á fronteira que nós establecemos entre tella e lousa. Esta diagonal presenta unha derivación cara á parte oriental da Mariña de Lugo.
Topónimos que comezan por Lous-
Non hai moitas variacións no trazado que nos dá o buscador se restrinximos a busca ás entidades humanas, deixando fóra accidentes xeográficos terrestres e costeiros, augas, terras e vías. Neste caso, temos 31 resultados de entidades de poboación que comezan por lous-.
Topónimos de entidades humanas que comezan por Lous-

Situámolas nun mapa para contrastar co mapa dos tellados / lousados, marcando desta vez con casiñas verdes os topónimos.
Mapa anterior, engadindo en verde os topónimos que comezan por Lous-

Non hai moita diferenza, xa que a maioría dos núcleos de poboación que teñen nome derivado de lousa están situados en zonas de tellados negros. (Non colocamos no mapa os máis orientais por non esforzarnos máis do debido e porque non nos aportan nada para a delimitación dos lindes).

Con todo, parece que a tella invadiu algo o territorio da lousa, xa que nos quedan algúns topónimos en territorio “vermello”.

Temos topónimos aparentemente derivados de lousa en Lousame, As Neves, O Irixo, Piñor e Carballedo, que son zonas claramente de tella. Valdoviño, Irixoa e Sobrado son concellos nos que predomina a tella pero, polo menos nalgúns núcleos de poboación tamén está presente a lousa, igual que na toponimia.

Velaquí os mapas desas zonas, algo máis de cerca:
Concellos de tellados vermellos, nos que hai algún topónimo que comeza por lous-, marcados en verde.

Concellos de tellados vermellos, nos que hai algún topónimo que comeza por lous-, marcados en verde.

XEOLOXÍA
Facemos unhas buscas en internet e atopamos un par de mapas que delimitan o territorio das pizarras (en cores violáceos no mapa) e outro que tamén fala de rochas e debuxa unha diagonal azul que non debe andar moi lonxe da que nos trazamos ó separar topónimos, tellados e lousados. Pero non seguimos por este camiño, que este é un mundo no que nos perdemos e apenas distinguimos uns pedroulos de granito dun anaco de pan reseso, así que paramos aquí a viaxe. Que outro afine máis; nós non concretamos tanto como queriamos ó comezo, pero creo que demostramos que algo ten que ver a lingua coa terra que a criou e que agora a ve esmorecer. 



6 comentarios:

Anónimo dixo...

Mui interesante análise que relaciona lingua, terra e poboamento.

Quixera faguer unha aportación. Na ferramenta de Toponimia de Galicia é interesante buscar tamén os que comezan por "A Lous" e "As Lous", pois non saen na búsqueda "Lous". Tamén existe tanto na lingua como na toponimia a variante "louxa".

Por último; tamén é interesante buscar os toponimos derivados de "tella" e ver se aparecen na zona de lousados.

Saúdos!

agremon dixo...

:O ... a boca aberta ... estou da beira do lousado. No límite ... e non sabía que había isa batalla á beira da leira.

Suso F. Acevedo dixo...

Anónimo, interesantes as suxestións que me fas. Tereinas en conta se un día destes me apetece volver sobre o tema. O da raíz "loux-" xa o mirara, pero nin o citei porque tan só me aportaba tres ou catro topónimos irrelevantes para as lindes. A anteposición do artigo é algo que non se me ocorrera e que seguramente é de interese, igual que guscar os topónimos derivados de "tella". A ver se teño azos para volver sobre o asunto.

Antonio, home, batalla batalla tampouco é que haxa. O que parece que hai é lóxica. En calquera caso, Vilalba é claramente zona "negra"; o territorio "mixto", de transición, empeza algo máis ó leste.

Anónimo dixo...

http://www.estraviz.org/Loujado

Loujedo semelha ser uma variante de loujado (a qual por sua vez é uma variante de lousado).

Também existe lajedo que seria um termo derivado de laje.

Acho que loujedo não é uma "deturpação", é a escrita mais etimológica possível na nossa língua. A deturpação em todo caso seria fonética, caso pronunciarmos a palavra à espanhola.

Anónimo dixo...

Paréceme moi interesante. Moito teño eu divagado sobre este tema en sobremesas e encontros tabernarios; sobre como, por exemplo, os vellos da "zona negra" nunca dirían subir ao tellado (no canto de subir ao lousado).
I eu sen saber desta análise tan metódica!
Por último vénme á cabeza unha anécdota relacionada co tema. Lembro como nun concerto presentaron a un gaiteiro dicindo que era do lugar onde os lousados atopaban cos tellados... O tipo seica era de Palas e comprobo agora, abraiado, o exacta que era a presentación.
Saúdos!

Anónimo dixo...
Este comentario foi eliminado polo autor.