Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

6.2.21

A métrica do ilusionismo

 


Din dun pobo

que para vivir de aluguer

vendeu o amencer

a néboa e a memoria

 

non son felices

(os homes

 

non lembran o sabor das bágoas)

O ano novo e a xentileza do autor trouxéronnos un catálogo que é un tesouro: A métrica do ilusionismo, de Caxigueiro.

É un fermosísimo exemplar editado pola Deputación de Lugo correspondente á exposición na que se fixo un percorrido por quince anos de creación deste artista polifacético, desde 2005 ata a actualidade.

No volume podemos observar a evolución no traballo de Caxigueiro, desde o predominio da escultura nos primeiros anos ata os últimos tempos, onde gañou presenza o verso, pasando pola fotografía, as instalacións e outras propostas artísticas que foi explorando ó longo dos anos. Pero sexa cal sexa a canle, detrás está sempre a mesma mirada, a que pousa os ollos na sociedade para cuestionar, denunciar, lamentar ou simplemente ver desde unha perspectiva distinta.

O volume é unha delicia tanto polo contido coma polo formato, e cómpre felicitar a quen tivo responsabilidades no deseño e edición do mesmo.


Eu, que transito máis polas letras ca polas artes plásticas, dixen hai tempo que Caxigueiro era un poeta agochado detrás dun ceramista e que as súas destrezas como artista plástico, polo que é máis recoñecido, tapan en parte os seus méritos literarios. Por iso celebro especialmente atopar novos versos do autor. Admiro especialmente a precisión e a sinxeleza coa que é capaz de comunicar a idea, o matiz, axudándose frecuentemente da ironía. Se cadra á aquelo que en tempos se chamou "poesía pura" e que tan ben caracterizou Jorge Guillén.

Hoxe, mentres debullo de novo as páxinas, aí fóra vai frío e as árbores aínda están espidas de adornos, só co esencial, coma os versos de Caxigueiro.

petaron á porta

 

ofrecíanme paz interior

e a salvación

 

a conversa foi curta

eu precisaba un informático

 

(de fondo soaba nirvana

tampouco lles gustou)


 A métrica do ilusionismo, un novo tesouro dun vello amigo, desde San Martiño de Mondoñedo.