Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

27.9.11

Bolboretas

Estaba eu falando de Noriega e da súa querenza polos pequenos elementos da natureza cando, de súpeto, apareceu voando pola aula unha bolboreta, ofrecéndose como ilustración para as miñas palabras baleiras. Máis oportuna, case imposible; só melloraría o exemplo unha bolboretiña bonsai.

E, a pesar dos efectos especiais, aínda han dicir que non preparamos ben as clases!

Algunhas veces pregúntome cara a onde voarán as bolboretiñas, co seu silencio. 

22.9.11

Papel secundario

El signu d’interrogación ye una exclamación con cabeza.
Así comeza un dos relatos de Pablo Texón no seu libro Singularidá. A continuación, o autor de Felechosa reflexiona sobre o futuro deste signo ó comezo do período interrogativo e escribe:
Yo barrunto que dentro d’unes décades na ortografía castellana (y, polo tanto, na asturiana) va desaparecer el signu d’apertura na interrogación, …
 Sorpréndeme a autoconciencia de papel secundario para o asturiano que agroma nestas palabras dun autor que tamén escribe:
L’asturianu nun ye porque lo falara mio güelo; ye porque lo falo yo. Lo malo ye tar tan solos, tan perdíos en metá de la nada. Pedagoxía pal futuro. Pal pasáu, amor. Tantu amor.
 E tamén:
…sabía que tenía ente manes una misión épica, heroica, cuasi utópica: atopar dientro de cincuenta años mil palabras n’asturianu.
Sendo así, non entendo que acepte sumisamente a subordinación ó castelán nin tan sequera para decidir se matar ou salvar o signo de interrogación ó comezo. Que te maten os verdugos se queren e poden, pero non te suicides, amigo. Rompe el llapiceru, espérate a tinta.

(Á marxe diso, Singularidá é un libro ben recomendable e nel atopei inquedanzas que comparto).