Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

2.4.18

"Personaxe desconocido", de Quique Roxíos

Portada do libro
Hai uns meses Quique Roxíos cometeu a insensatez de pedirme que escribise o prólogo do seu último libro e eu cometín a insensatez de aceptar.
Cos textos de Quique, cos debuxos de Miguel Ángel de Blas que reproducen as imaxes rupestres da cova del Demo (Bual)  e coa miña introdución, a maquetadora Inés de la Peña deseñou para a editorial Canela un fermoso libro. Si, porque por moito que se diga que todos os libros son interesantes, o certo é que hai volumes bonitos e feos, e este é un libro ben guapo, como se diría por aquí. Cómpre felicitar a Pablo Quintana, que é o editor, polo seu labor.
Cartel da presentación en Bual
Nacido o neno, o Personaxe desconocido, estes días estivemos de minixira-presentación. Aínda que prefiro estar entre o público ca no altar, para min foi un pracer acompañar o autor e o editor nos dous actos que tiveron lugar para divulgar o poemario.
Presentación en Bual
O día 31 estivemos en Bual. A presentación foi un exitazo. O local quedou pequeno para o público e houbo xente que tivo que estar de pé.
Foi un acto entrañable. Iniciouse coa ambientación musical dos Toyemerendas. As intervencións comezounas o Alcalde, José Antonio Barrientos, moi agarimoso en todo momento. A continuación falei eu, despois o editor e rematou o autor, que tamén leu algúns dos poemas e asinou moitos exemplares.
Quique Roxíos recitando
Quique Roxíos asinando exemplares
Bernardo Penabade, que estaba entre o público e pensa en todo, emocionounos ó poñer ó teléfono a Hilda Farfante para que escoitase directamente de boca do autor o recitado do poema “Ancha ausencia”, dedicado a ela. Non me vou desviar agora do fío afondando na personalidade de Hilda Farfante, pero para saber o esencial abonda con reproducir dúas breves citas súas: “No dejéis a vuestros abuelos en las cunetas”, “Mientras tenga voz, hablaré de mis muertos”.
Bernardo Penabade contactando con Hilda Farfante. Quique Roxíos, agardando para recitarlle o poema.
O acto rematou con novas intervencións musicais de Toyemerendas, o grupo de “música popular circulante” liderado por Abel Méndez, con voz de Ruth Martín e acompañamento ó violín de Iose Valencia.
Toyemerendas
O día 1 a presentación tivo lugar na Caridá (El Franco). Nun local do “Complejo Cultural As Quintas”, que tamén ten “Sala de Exposiciones” e outras dependencias, foi a Alcaldesa Cecilia Pérez quen oficiou de anfitrioa. Despois de aludir brevemente ó labor que Quique leva feito en defensa do galego de Asturias, referiuse tamén ó seu propio compromiso en defensa da “fala” e indicou que no seu caso se centrara sobre todo en loitar contra as invasións dos galegos. A continuación falei eu, que comecei confesándome galego, pero prometinlle que non ía marchar de alí coa escritura de propiedade de ningunha das parroquias que ela goberna, así que ó final levámonos ben e compartimos cordialmente un café. O acto completouse coas intervencións do editor e do autor, igual que sucedera na xornada anterior.
Presentación na Caridá
Non houbo tampouco queixa da asistencia na Caridá, aínda que aquí sobraron algunhas cadeiras. É lóxico, tendo en conta que Quique non estaba no seu Concello e tamén que a presentación cadraba coa hora da misa.
En resumo, foron dúas xornadas ben agradables en boa compaña. Agora só queda que o público goce coa lectura do libro, que se pode adquirir na tenda virtual da editorial, e que sexa aire fresco para o galego de Asturias.