Non son bebedor de augardente. Debe ser que ma deron a
probar prematuramente, á hora da parva, en calquera rego de patacas ou
outonando nunha leira –non o lembro- e aínda noto o lume líquido baixando pola gorxa abaixo.
Non son bebedor de augardente pero gústame o nome, igual que
me gustaba “perrasca”, “terraxe” ou “tarraxe”, como lle chamaban algúns
veciños.
Agora xa non. Desde hai uns anos a xente pide orujo e os
máis cursis atrévense con “un orujito”. Augardente xa non hai.
Pasou coa augardente e agora está pasando coa zorza. Desde
hai uns meses decátome de que nas cartas de racións e na boca dos camareiros xa é raro atopar zorza; o que se ofrece é picadillo.
A mirada dos porcos é cada vez máis triste por
ese motivo, pero case ninguén mira os porcos á cara, para evitar a culpa.
Perdemos a augardente e agora estamos perdendo a zorza. De
paso, a dignidade.