..., Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Xove, Láncara, Lourenzá, ...No preciso momento en que un triste
Pérez Touriño asumía publicamente os resultados das eleccións e felicitaba ó gañador, a
TVG ía sobreimpresionando os datos dos concellos da provincia de Lugo, un por un,
por orde alfabética.
Pouco despois, mentres o presentador daba nova información, tocáballe desfilar cara ó matadeiro ós concellos ourensáns, tamén
por orde alfabética:
..., A Gudiña, O Irixo, X. de Ambía, X. de Espadanedo, Larouco, ...
Por orde alfabética!!??
Friol, Xermade, Guitiriz, Guntín, O Incio, Xove, Láncara, ... !?
O Irixo, X. de Ambía, X. de Espadanedo, Larouco, ...!?
Que pasa coas nosas letras? Que demostra iso de que o X apareza despois do I e antes do L e non ó final? Acaso pelexou co V e co Z, que serían os seus veciños naturais.
Non. Demostra que, a pesar de que en pantalla viamos X, nalgún recanto fondo, nalgún chip traidor, figura aínda Germade, Jove, Junqueira, ... Así cadran as cousas.
Demostra que en 2009, vinte e seis anos despois de que a Lei de Normalización Lingüística (1983) establecese no seu artigo 10 que “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” rezuma aínda polos poros da tecnoloxía e das mentes da xente un pasado de aldraxe, unha man misteriosa que nos espeta na lama cada vez que queremos erguer os ollos para ver o sol.
“Hai que ser tolerantes, non se pode ser radicais, as cousas teñen que ir pouco e pouco, sen imposicións ...”. O que hai que ser é parvos para non sermos capaces de poñer no seu sitio os nosos nomes... en 26 anos!
E oír o que hai oír...