Cabeceira do blog. |
Coñecín hai pouco
o blog Historia de Deza, no que o autor vai engadindo regularmente interesante
información sobre a zona.
Nunha das
entradas, baixo o título Documentos de las tierras de Deza en el Archivo Histórico Nacional (5 de novembro de 2014), ofrécenos un listado de todos os
documentos relacionados coa comarca conservados nese arquivo. De cada un deles
indícase data, contido, idioma e, dos máis antigos, tamén tipo de letra.
A min interésame
sobre todo o idioma, porque permite ver os cambios de lingua que se foron dando
ó longo da historia. Non é que sexan sorprendentes, pero achegan datos e datas
concretas ó que xa coñecemos globalmente.
Entre o 1082 e o
1274 hai dezasete documentos, dos cales
catorce están en escritos latín. En dous casos non hai indicación de idioma.
Primeiro documento escrito en latín que figura no arquivo |
O primeiro documento redactado en galego é de 1284. Trátase dun documento de compravenda
mediante o cal Juan Moogo lles vende a Pedro Gil e a seu tío seis leiras situadas
en San Salvador de Pescoso.
Último documento redactado en latín e primeiro escrito en galego, segundo o listado do blog |
O último documento en galego é de 1455. Entre este e o de 1284 quedan vinte e catro documentos en galego e cinco sen indicación de idioma.
Último documento escrito en galego e primeiro redactado en castelán |
En 1559 temos
o primeiro texto en castelán, que supoñemos fixo de aí para adiante, aínda que
varios documentos aparecen sen indicación de idioma. Entre esta data e a do último texto en galego sitúase o momento no cal os escribáns galegos pasaron a ter que examinarse obrigatoriamente en Valladolid. Evidentemente, o cambio de idioma non é alleo e esta decisión e a outras iniciativas centralizadoras.
Tamén é
interesante ver a denominación que se lle dá ó novo idioma. A primeira vez que
aparece, en 1559, cítase como “castelán”.
"Castellano" |
Despois pasa a indicarse como “lengua
de Castilla”, que é xeito máis frecuente de chamarlle. Aparece así en 1559, 1632, 1713,
1745, 1752, 1768, 1772, 1782, 1787.
"Lengua de Castilla" |
A etiqueta “español” aparece unha vez en 1679
e outra en 1772. A partir desa data vólvese ó uso de “lengua de Castilla” ata
1804, cando reaparece “español”. Desde esta data para adiante xa non se indica
o idioma, supoño que dando por sentado que é o castelán, ou sexa, “la lengua de
Castilla”.
"Español" |
Os nosos
papeliños secuestrados en Madrid dan conta da andaina da nosa lingua. "Pobo que non coñece a súa historia é pobo condenado á irrevocable morte", seica dixo alguén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario