Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

7.3.21

Wolfram, wolfram!

Portada de ¡Wolfram, wolfram!

De pequeno, eu lía novelas do oeste e escoitaba historias do wolfram nas minas de Fontao. A diferenza non era moita: tanto nun caso coma no outro, as relacións humanas non se asentaban en documentos e a vida dunha persoa dependía de se o seu nome estaba escrito no ronsel dunha bala ou no gume afiado dunha navalla.

Despois, as historias do oeste trasladáronse máis ó oeste e o tabaco e a droga foron o novo ouro negro. A partir dos 80, lin unhas cantas novelas sobre este novo territorio comanche con epicentro no mar de Arousa. Pola contra, pouca literatura coñezo sobre o wolfram.

Hai pouco, atopei nunha librería de vello ¡Wolfram, wolfram!, de Carlos Caba. Resultoume moi atractivo o subtítulo, “La diplomacia en la bocamina”, aínda que despois a diplomacia escasease nas páxinas.

Atopei, iso si, escenarios coma os das historias que oía de pequeno: Fontao convertido nun salvaxe oeste onde os cartos circulaban a feixes nos tugurios da zona, identidades sempre sospeitosas, xente que se achegaba sen que ninguén puidese saber se tiña contra si a suave pel dunha tentadora meretriz ou a invencible man de ferro dunha espía nazi.

Oín, nunha ocasión, que nas tascas da Brea había quen lle limpaba as babas ó can con billetes de mil pesetas naqueles anos 40 do pan mouro, da fame. Anos despois, xa nos 90, coñecín en Lugo o dono dun concesionario que, ó ver “Silleda” na documentación do meu coche, díxome que no estraperlo do wolfram gañara el todos os cartos para montar o seu primeiro taller.

Carlos Caba, o autor do libro que me trae á cabeza todas estas lerias, seica foi un policía medio aragonés medio estremeño que estivo daquela destinado na zona, loitando contra o estraperlo do wolfram... ou implicado nel, calquera sabe. A novela publicouse no 47 en Bos Aires. Daba para un thriler rural deses que tanto se estilan ultimamente.