Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Varios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Varios. Amosar todas as publicacións

27.2.18

"Un lugar tranquilo", de Benito Leiro: "fariña" legal

Portada de "Un lugar tranquilo"

A prensa internacional refírese con asombro ó secuestro do libro Fariña, de Nacho Carretero e ós recortes de liberdade en xeral na España amordazada. A orde de incautar o libro deuna unha xuíza que seica quere poñer así a salvo a honra dun vello político ó que relacionan con actividades ilegais.
Como era de esperar, a decisión provocou o efecto contrario e o libro, que xa levaba máis de dous anos no mercado, estase lendo e vendendo agora máis ca nunca, e iso que xa fora un éxito desde a súa saída.
O contido xeral non é moi distinto ó de Un lugar tranquilo. Contrabando, droga e corrupción nas Rías Baixas, publicado polo xornalista Benito Leiro xa en 1993. En internet pódese atopar o índice completo e ata se poden ler algúns capítulos enteiros.
O personaxe supostamente damnificado aparece no libro de Nacho Carretero nun único parágrafo e nunha nota a pé de páxina. O seu protagonismo non chega a dez liñas. Pola contra, no libro de Benito Leiro dedícaselle un capítulo de cinco páxinas (185 a 189) no que sae a mesma información  ca en Fariña e bastante máis aínda. A maiores, cítase en varias ocasións máis ó longo do libro e tamén aparece en fotos, igual ca outros de máis sona.
Sendo así, a min paréceme unha falta de consideración por parte da xuíza que mande secuestrar o libro que di pouco e ignore o que di bastante máis.
Eu quero que os libros en galego reciban a mesma atención cós libros en castelán, aínda que só sexa para que teñan tamén publicidade de balde e poidan ser un éxito e venderse e reeditarse e converterse en serie televisiva e saír na foto con Guardiola.  
Aínda que só sexa por iso.

6.11.17

Afinando a Galicia negra- I



Por tristes motivos que non veñen a conto, nos últimos tempos atravesei ducias de veces a xeografía patria que vai desde a beiramar do norte ata Ourense. Entre Lugo e Ourense viaxei por Monforte, que para iso construíron ese corredor rápido polo que se corre algo máis rapidamente ca por Chantada.

Sen perder a atención da condución, que un tense por un chofer con sentidiño, funme fixando na paisaxe tratando de atopar o lugar exacto que delimita, por esa ruta, a Galicia negra e a Galicia alaranxada. Refírome á fronteira entre as casas cubertas de lousa negra e as que teñen tellado cor laranxa. Xa me teño referido a iso noutras ocasións.

Cun pouco de atención un decátase axiña de que en Sarria predominan os teitos negros e en Monforte son máis abundantes os de tella, aínda que non desaparecen totalmente os de lousa. Pero quixen afinar algo máis: manda a lousa negra tamén en Bóveda, en Chorente, na Áspera e aínda na Agüela; un pouco máis adiante, con Monforte a tiro de pedra, hai uns pequenos lugarexos nos que xa abunda máis a tella.

Concluímos, polo tanto, que Monforte  cos seus arrabais é o primeiro núcleo urbano fóra dos lindes da Galicia negra, indo de Lugo a Ourense polas terras de Lemos e os Peares.

Outro día precisaremos os lindes seguindo outra dirección. A investigación non vale para moito, pero divírteme.

16.5.15

De Miles Davies ó capador de Faramontaos, pasando por Filgueira Valverde

I
Alan Lomax
Seica un tal José María Rodríguez andaba os camiños coa coitela na man capando porcos por terras ourensás. Parece que tamén mataba. O 8 de decembro do 52 tocaba matanza en Faramontaos, na Merca.

Seica un tal Alan Lomax andaba polo país  adiante gravando músicas populares. Era o ano 52 e acompañábao a Garda Civil, que non tiña nada mellor que facer e un texano de case dous metros cunha gravadora na man podía ser un tipo perigoso. Antes, xa lle dera por gravar os negros de Mississipi e Louisiana e o FBI acabou redactando sobre el un informe de 800 folios.
Filgueira Valverde

Seica un tal Filgueira Valverde lle recomendou a Lomax asistir á matanza do porco nalgunha eira do país. Non sei se o fixo con intención de que gravase os berros do porco co coitelo espetado na gorxa, pero o que o americano gravou foi a melodía do chifro co que o capador anunciaba a súa presenza.

Seica un tal Miles Davies acabou escoitando a gravación do chifro do capador de Faramontaos e inspirouse nel para compoñer The pan piper, que abre o seu álbum Sketches of Spain.
Miles Davies

De todo o que lin estes tempos sobre Filgueira Valverde, o que máis me gustou foi saber a súa participación nesta historia. Paréceme que demostra sensibilidade pola súa parte, aínda que tamén habería que saber que pensou o porco de que lle mandase a un texano como testemuña da súa agonía.

II
Souben desa historia no último número de Luzes (nº 16), unha magnífica publicación dirixida por M. Rivas e X.M. Pereiro sen ningunha axuda oficial. Se cadra, a estes dous tamén había que poñerlles a Garda Civil á beira, que teñen un bolígrafo, saben escribir e, polo tanto, son perigosos.
Portada do nº 16 da revista Luzes

13.4.15

A tiranía do azar

Portada de La Voz de Galicia dixital
Hai pouco lin Tocar los libros, de Jesús Marchamalo, un inxenioso libro que trata de libros de xeito divertido.

No comezo, o autor analiza as distintas formas de organizar os libros nas bibliotecas e chega á conclusión de que a orde alfabética, tan habitual, ten os seus perigos, porque pode facer que Sábato cadre no andel a carón do marqués de Sade, algo que parece un sacrilexio, igual que resulta intolerable xuntar a Platón con Pynchon, que non sei quen é.

Supoño que algo parecido é ó que lle pasa ó alumnado cando se colocan co mesmo criterio: algúns desexarían cambiar de pai só para ter un apelido distinto e librarse do pelma que lle tocou á beira. É a tiranía do azar.


Tamén o azar pode facer que acaben compartindo espazo, neste caso nas portadas dos xornais, autores en principio ben distintos: Grass e Galeano.

Portada de El País dixital

16.3.15

Galego, lingua por defecto

Escribín este texto para a sección "Voces", de ideas.gal, onde se publicou inicialmente
(13 de marzo de 2015)

Empezarei por unha triste anécdota:
Hai xa uns cantos anos, tiven que acudir como testemuña ó xulgado de Mondoñedo por un preito entre veciños. A xuíza preguntoume en castelán e eu respondinlle en galego con toda naturalidade. Non notei nin o máis mínimo reparo. Cando me deron a miña declaración para asinar vin que todo estaba en castelán. Por arte de maxia e dunha funcionaria que tecleara, a nosa lingua desaparecera da acta do acto. Díxenlle, con cordialidade pero con firmeza, que non asinaba porque aquelas palabras, reproducidas en estilo directo, non eran as miñas.
- Es que me parece una tontería tener que traducirlo para que lo firmes –chegou a dicirme.
Traducirme do galego para o castelán non fora parvada pero volver a cousa ó seu, si que o era, seica.
Eu creo que algo parecido está a suceder ultimamente co Decreto do Plurilingüísmo: modificar o anterior Decreto para darlle un trancazo na cabeza ó galego parecía unha emerxencia nacional, pero modificalo para favorecer o galego seica non é importante, que a clave está nas familias e non no ensino. Non entendo, logo, por que fixeron depender de novo a SecretaríaXeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e non de Presidencia, como estaba antes.
Tamén se di que non hai que facer política co idioma. Non sei entón para que existe un organismo que se chama precisamente Secretaría Xeral de Política Lingüística. Coa lingua hai que facer política, igual que hai que facer política ambiental para gobernar e salvar bolboretas e culleretes ou política pesqueira para gobernar e salvar sardiñas e zamburiñas. Coa lingua hai que facer política; o que non hai que facer son parvadas.
Tamén cómpre facer política no sector privado, e pódese, porque o sector privado, en sentido estrito, non existe, especialmente nestes tempos de privatizacións. Privada é a propiedade, pero polo medio das empresas, das Fundacións, dos colectivos culturais, deportivos ou do tipo que sexa andan os cartos de todos en forma de subvención, exención, doazón, axuda ou contratación. A idea tampouco é miña: estamos cansos de oír como desde a Administración lle atribúen o adxectivo de “pública” á ensinanza ou á sanidade concertada, porque se financia con fondos públicos aínda que a xestión sexa privada.
Non me parecen mal as axudas, pero tamén se poden condicionar ó uso do galego. E non lle había parecer mal á maioría da poboación, porque hai xente con actitudes negacionistas, pero tamén hai un amplo sector ó que, cando menos, o galego non lle estorba, aínda que non teña un compromiso activo nin militante a prol da lingua. Iso habería que aproveitalo.

Nos últimos tempos lin algún estudo sobre a “paisaxe lingüística”, ou sexa, os usos idiomáticos en todo iso que lle entra polo ollos a calquera cidadán na súa vida cotiá. O habitual, nada máis saír pola porta, é que nos atopemos cun DERECHA ou IZQUIERDA encima da nosa propia entrada ou da do veciño. Despois entramos nun ascensor que, se é moderno e listiño, dirá CERRANDO PUERTAS, BAJANDO, ABRIENDO PUERTAS ou algo polo estilo. Atravesaremos a zona das caixas do correo cun novo lote de DERECHA e IZQUIERDA. Á saída da porta, non é raro atopar esa papeleira privada que se rotula co eufemismo de PUBLICIDAD. Despois botamos a andar, camiño do traballo, do bar ou dun destino incerto e imos vendo máis e máis letreiros en castelán: ABIERTO, CERRADO POR VACACIONES, SE VENDE, SE ALQUILA, NOS TRASLADAMOS A..., nomes de locais, anuncios publicitarios en folletos e valados, coches de empresa rotulados...

En todo isto o galego é excepción, pero existe. Existen e subsisten sen máis problemas cós que teñen os que usan o castelán, o cal demostra que facerse ver en galego é posible, non causa rexeitamento e, ademais, dános dignidade. Se algúns negocios teñen en galego o nome, a carta, a rotulación, etc. sen ningunha consecuencia negativa, nada malo pasaría se os outros tamén os tivesen. E xa nin vou lembrar aquí estudos nos que se conclúe que o galego vende máis. Confórmome con que se teña a certeza de que non vende menos.
Probablemente, o promotor do edificio ou o emprendedor que montou o negocio contou con algún tipo de axuda pública e podería pedírselle a cambio o uso do galego nestes pequenos detalles. O asunto xa nin debería discutirse se se trata dun edificio público, onde tamén chega o desleixo. Eu traballo nun centro de ensino no que recentemente se acometeron importantes obras de ampliación. Un día observei como un obreiro estaba rotulando unha das portas: COCINA. Pregunteille se non tería por alí un rabiño para poñerlle encima ó N e, para que non parecese un capricho meu, indiqueille que a lexislación establece que os letreiros dos centros teñen que estar en galego. Aquel home miroume con cara de extraterrestre, pero uns días despois estaba posto un COCIÑA. Non cheguei a tempo, pola contra, para evitar tamén varios SALIDA que nos deixaron polas paredes ó rematar a obra. Tivemos que acabar mercando uns SAÍDA, con cargo ós fondos do centro, que pegamos por encima dos outros, por se no futuro os arqueólogos queren dar conta do proceso.
Tamén nos puxeron un ascensor moi moderno que fala e di SUBIENDO, BAJANDO, PLANTA PRIMERA... Un día cadrei co técnico de mantemento e pregunteille se non o podía poñer a falar en galego.
Se queres, déixocho agora mesmo falando en polaco, húngaro, alemán ou nunha ducia de linguas máis, pero en galego non, que cómpre instalarlle un chip que non ten. 
-Vaia, ho...!
Estou seguro de que encher o País de DEREITA e ESQUERDA ou de ascensores que falen en galego non provocaría que se vendesen peor as vivendas. Seguro que a maior parte dos compradores nin reparan nese detalle e o galego quedaría aí para sempre, porque haberá pouca xente disposta a gastar cartos na defensa do idioma, pero son menos aínda os dispostos a gastar cartos contra o idioma.
Pola contra, se de entrada se usa o castelán e alguén propón cambialo para o galego, o asunto xa terá que ir á reunión da comunidade e aí xa vai aparecer alguén que diga que iso é un gasto inútil, e haberá probablemente un troglodita que aproveite para caldear o ambiente chamándolle radical ou cousas peores a quen propoña o cambio.
Ben sei que o problema da lingua móvese noutra dimensión, pero precisamente por iso toda axuda é necesaria, que “un gran non enche celeiro, pero axuda ao compañeiro”. Con detalles tan pequenos, a Administración non perdería cartos e o País gañaría moito. Cómpre conseguir que o galego sexa a lingua que, con naturalidade, apareza por defecto na paisaxe ante os ollos da sociedade. Moitas veces non está por rutina, por tradición ou desleixo. Non é por que a xente teña posturas belixerantes na súa contra. Existen, pero son catro gatos mal encarados, unha minoría negacionista que adoita agacharse diluída nunha maioría que non existe.

Cómpre coñecer e recoñecer o mérito da xente que leva anos loitando pola dignidade do idioma, pero tamén cómpre aproveitar a actitude non contraria daqueles e daquelas que non acoden ás rúas de Compostela cando tocan a rebato as campás da indignación, pero que tampouco teñen nada contra a nosa lingua e que teñen boa disposición para convivir con ela ou para tela, cando menos, á entrada da casa. Se cadra, cando a teñan alí algún tempo, acaban abríndolle as portas da vivenda e tamén do corazón.

2.2.15

Memoria histórica

Logo do proxecto Nomes e Voces
I
Hai unha chousa á beira dun regueiro. Un apastadoiro con catro ou cinco castiñeiros, algúns fentos e pouco máis. É verán, contra a tardiña.
Hai un corpo de muller deitado, irrecoñecible. As cordas da gorxa están á vista. Á mesma altura vense os ósos dunha man, ensanguentados, que non puideron evitar a ferida.
Hai un rapaz –catorce anos, se cadra- que a ve desde o camiño. Inocente, pensa nun ataque de lobos, que é o que corresponde a historias de vellos que ten oído. Todo cambia cando ergue a vista, uns metros máis alá.
Hai un corpo de home deitado, irrecoñecible. Hai media cabeza rabenada. Unha escopeta tirada enriba do corpo caído de calquera maneira, con cordeis de alpaca de herba que van ata o gatillo desde non se sabe onde.
Hai un rapaz –catorce anos, se cadra- que comprende a escena ó momento e marcha en busca de alguén a quen contarlla. Non sabe aínda que aquela muller era unha veciña boa amiga súa, amiga da familia, desas que van axudar a botar as patacas, a segar a herba...; desas que van moitos, moitos días no verán só a botar un conto mentres non chega a fresca para poder traballar. Desas que, de vez en cando, fan un agasallo.
Despois contáronlle todo. O neno non sabía.
El, o da escopeta, non era nada coma ela. Non falaba. Insocial. Mal encarado. Pasaba poucas veces camiño da taberna, á noitiña, e nunca dicía nada. Salvo eses días, parecía invisible, coma se non existise na parroquia.
Eran matrimonio, separados -"apartados", dicíase daquela- desde moitos anos antes. A xente dicía que se seguían vendo ás agachadas. Naqueles días dixéronse moitas cousas máis. O neno era moi neno e non entendía nada.

II
Hai  un listado de vítimas da barbarie: Nomes e voces. Quen isto escribe busca, por curiosidade, as vítimas da súa parroquia. Só aparece unha: “Home. 28 anos. Canteiro. Xulgado en Pontevedra por adhesión á rebelión co resultado de sentenza a cadea perpetua”.
Nome coñecido. Á memoria vén axiña un home pobre, con sona de enrabechado pero paroleiro. Contaban que mordía as vacas nas orellas cando non lle andaban ó dereito.
- Era el, mamá?
- Non. Era o primo. Chamábanse igual e cadraban tamén os apelidos.
Non fixeron falta moitas señas máis para caer na conta. A resposta activa a memoria, as imaxes: Hai unha chousa á beira dun regueiro...
O home do listado das vítimas da barbarie é o home da chousa, o que segou a vida da súa muller ou exmuller ou o que fose, xusto antes de segar a súa.

III
Un  pensa agora que daquela non lle contaron todo, e pregúntase quen foi o responsable daquela vida que non era vida, daquel silencio e mal encaro, daquelas mortes e de que o rapaz,  tantos anos despois, leve aínda dúas estampas de sangue cravadas na retina. 

7.1.15

Tabernas

Nunha taberna do Corpiño
Volvín ó Corpiño. Non foi para felicitar o cura, a quen seica van nomear exorcista titulado, senón para comer os callos na taberna de enfronte á igrexa. Houbo un tempo no que ía con frecuencia os domingos pola mañá, pero cando tal un vese sen acompañantes, que algúns anos son moi cabróns.

A min gústanme eses bares-tenda onde un pode tomar un viño mentres mira para os paquetes de macarróns ó lado das botellas de vermú, ou para un almanaque coa imaxe da Virxe do Rosario colgado na parede a carón doutro cunha menos virxe sen hábito nin trapo de caste ningunha. Ás veces tamén os hai de gatiños ou de cadelos.

Gústanme eses establecementos, que sempre chamamos tabernas. Sendo eu pequeno na miña parroquia había oito: a de Dorinda, a do Caldeireiro, a de Pura, a de Castro, a do Capador, a de Cavado, a de Indalecio e a do Herdeiro. Claro que, sendo todas moi parecidas, algunhas tiñan a súa especialidade. Por exemplo, na de Dorinda botábanse timbas de alto nivel, na do Caldeireiro mirábase o correo, na de Cavado vendíanse fabas e xamóns e na de Indalecio comprábanse as caixas para os defuntos, que non estaban no estante ó lado das botellas de vermú pero estaban no cuberto do lado, que eu téñoas visto polo ventanuxo.

Hoxe só queda a do Caldeireiro, que deixou se ser bar para ser só tenda, e a de Castro, que deixou de ser tenda para ser só bar.
Portada de "Bares tienda en Asturias"

Non debe ser doado subsistir economicamente no rural con negocios así. É unha pena. Sería bo que, antes de que desaparezan, alguén con tempo, gana e capacidade se encargase de agasallarnos cunha publicación sobre as nosas tabernas do rural, os nosos bares-tenda, como David Fernández Moro fixo hai dez anos cos de Asturias.

Mellor aínda sería retrasar a súa agonía. Debería haber algún tipo de axudas para salvar as que se poida. Eu que sei..., poderían deixalas exentas de IBI, como seica fan cos bens da Igrexa, darlle unha axuda como as que lles conceden cada pouco ás concesionarias de autoestradas, a maiores, para que non deixen de ser millonarias, ou poñernos a todos unha multa como a que pagamos para o asunto ese do Castor ou para o canon dixital.

Tamén poderían ter unha axuda de política lingüística, porque eu no Corpiño pedín callos e unha cunca de viño, pero estou seguro de que se pedise un café con leite o taberneiro habíame servir un café con leite sen activar en ningún momento ese tradutor automático que lle instalan a case todos os camareiros do país e que fai que retruquen “un café con leche” cada vez que alguén llelo pide en galego. Tal como andan as cousas da lingua, non é mérito menor.

20.7.14

Sol de medianoche. Erros e erratas

Imaxe da Feira do libro de Ribadeo
I
Estiven na presentación de Sol de medianoche, o último poemario de Luz Pozo, na Feira do libro de Ribadeo, que volveu despois de dúas décadas.

Ó seu lado, o Conselleiro do ramo, que resalta na súa intervención o feito de que a editorial Eurisaces teña o seu domicilio nun lugarexo de Chandrexa de Queixa e non nunha das cidades galegas, como soe suceder con este tipo de empresas. Desde o parque chega o barullo dos nenos que xogan en castelán, demostrando o fracaso do seu Decreto máis querido.

A min tamén me alegra que nazan editoras no rural, que con algo hai que ocupar as cortes que van quedando sen gando. O malo é que nos créditos do libro figura tamén o lugar onde se imprime: Salamanca. Aí é onde fai falta espazo e man de obra. Diso non dixo nada o Conselleiro.

En Chandrexa tamén debería ter o seu domicilio Iberdrola, ou en Belesar, ou no Ézaro, ... porque é onde ten a súa alma en forma de encoro, onde nacen os seus cartos polos que cotiza en Madrid.

A verdade é que eu non creo que Eurisaces editora teña nada que ver con Chandrexa. O seu dono paréceme algo pillabán e seguro que puxo ese domicilio só polo gusto de ver como sofren algúns para pronunciar o “xa” de Chandrexa e de Queixa. O domicilio verdadeiro está, se cadra, nun autobús de liña regular, ou nun banco dun parque con wifi, que unha editora pequeniña vén a ser un portátil e iso cabe en pouco sitio.
 
II
Luz Pozo foi debullando o libro. Son poemas tristes porque triste é o motivo: a morte dunha neta.
Se abrió la nube mística y reveló el augurio
de las altas estrellas que regirán los días.
 No tenían sosiego las palomas sagradas
[...] 
 - ...No tenían sosiego las palomas. Teño que quitar o adxectivo. Queda mellor. Non hai que abusar –di a autora na súa intervención.


Eu collo o libro e tacho o adxectivo, que a Tania gústanlle os libros con fé de erratas. Se ninguén máis dos presentes tachou, desta vez eu son o único que teño o orixinal a gusto da autora.

27.4.14

Un diálogo trastempado

Houbo un tempo no que a miña amiga Luz tiña por costume mandarme felicitacións de Nadal no mes de agosto, algo que moito lle agradecía porque a froita valórase máis en tempos de escaseza.

O mesmo fago eu hoxe, ocupándome dun poema de Nadal en pleno mes de abril. Dei con el revisando vellos exemplares de prensa da zona, costume ó que me aplico cando prefiro ter información sobre sucesos do pasado antes que ler desinformación sobre a actualidade.

O texto, que se publicou o 24 de decembro de 1955 en Las Riberas del Eo, é un diálogo entre unha galega e unha castelá, e envíao desde A Veiga (Asturias) María Luísa de Trío Rico, autora da que nada sei.

Comeza o poema e despois do segundo verso xa se nos di que a galega “se admira de ver a la castellana”. Sempre fomos moi dados a admirar os de fóra.

Con todo, despois dos saúdos protocolarios e de explicar o motivo da viaxe á cabana onde naceu o neno, á galega éntralle unha arroutada patriótica e pasa a facer unha defensa da paisaxe galega fronte á seca chaira castelá, algo que moito nos alegra a esta hora do partido. Parece que Rosalía planea sobre os versos:
¡Non hay cousa máis hermosa
qu’a terriña das rías baixas!

¡Os seus bosques rumorosos –parece que agora é Pondal quen dá unha voltiña polo texto-
os seus prados d’esmeralda
[...]
Non hai cousa máis preciosa
cá miña terra adorada.

Oféndese a outra e, aínda admitindo os valores de Galicia, pasa a exhibir as fazañas castelás: Fernán González, Alfonso VI, Fernando III, O Cid, Cervantes, Calderón, Isabel a Católica e outros paisanos pásanlle polos morros á galega coma unha manda de porcos bravos en desbandada. E remacha a cousa coa inevitable alusión á superioridade da lingua castelá:
¡Ya con razón lo decía
Carlos V emperador!:
“¡El idioma castellano
propio es para hablar con Dios!”

Non pasa nada. Os galegos conformámonos con falar co demo. Con todo, a galega, “herida en su regionalismo”, contraataca cunha restra de galegos ilustres: Colón, María Pita, San Pedro de Mezonzo, o Apóstolo Santiago... e Franco. Vaia, ho! Por un momento, pensamos que ía poñer encima da mesa auténticos defensores do País e vai e abre un álbum de partidas de bautismo de renegados.

Contentámonos ó comprobar que o discurso abonda para poñer remate á loita de fillos ilustres, xusto cando chegan á cabana. Pero aínda nos espera outra labazada, outra vez á conta do idioma:
“Fáloche en castellano
ou enténdesme en galego
 –dille a galega ó neno-
“¡Pois non sabes os apuros
qu’eu tou pasando, meu Neno”.

Menos mal que está á beira a curmá de Zumosol:
No pases ya más apuros
que yo hablaré por las dos
–di a castelá.

Existindo Castela, para que vai ter voz Galicia...

4.2.14

Disparadores creativos: unha narcochapuza

I
Nada hai na literatura que non sucedese antes na realidade; nada hai na literatura que estea tal e como sucedeu na realidade” –oínlle dicir unha vez a Torrente Ballester.

A realidade é fonte de inspiración e non sorprende que vivencias íntimas acaben sendo obxecto de tratamento artístico por un creador ou que feitos de gran transcendencia social (a guerra civil, o franquismo, o Prestige, ...) deran pé a que varios autores os tomasen como punto de partida para as súas obras. O que é raro é que un feito anecdótico, un pequeno detalle, funcione como disparador creativo para máis dunha persoa. Pero veremos que ás veces pasa.

II
O día 1 de decembro de 2006, Xuan Bello estivo no IES Gamallo Fierros de Ribadeo para falar da súa obra. Xuan Bello é unha das miñas poucas debilidades literarias. Eu son máis de textos concretos ou de libros ca de autores en xeral, pero no seu caso sábeme a mazá madurada en herba seca cada liña que escribe. Convidárao ó centro porque me amola que as culturas galega e asturiana estean viradas de costas sendo tan próximas e, máis aínda, por compartiren a póla común que é o galego do Eo-Navia. Falo de cultura, non de mapas con raias riscadas a capricho.

Aquel día Xuan Bello paseou por Ribadeo, tomou café no Cantón e leu a prensa, que recollía novos datos sobre un intento de introducir en Galicia un cargamento de droga valéndose dun narcosubmarino caseiro construído por un carpinteiro de ribeira que baixara os planos de internet. Unha chapuza ó estilo das que Carlos Mella retratara tan ben uns anos antes en “O conto do arrepiante crime galego”, artigo que deberían ler todos os delincuentes do país antes de botarse a facer unha falcatruada sen glamour para que todo o mundo acabe rindo á conta nosa.

Pouco tempo despois Xuan Bello enviábame un texto nacido aquel día daquela noticia. A partir da chapuceira operación do narcobatiscafo, el teceu un precioso relato no que, despois de que Ramiro, supervivente dun naufraxio, confese que o único que lle fastidia desta vida é non poder ver o propio enterro, Xuan remata referíndose á “lluz de Ribadeo qu’a mi me pon na mirada de siempre una mirada distinta. Mas o menos, digo yo, aquella que tendríen los contrabandistes que lo vien too. Too, menos la frontera”.

O conto publicouse daquela en castelán na prensa asturiana e, máis tarde, o autor incluiu a versión orixinal en asturiano no seu libro La hestoria tapecida. Ó lelo, imposible non lembrar “Os montes de Mourne”, un magnífico relato de Gerry Adams, que fala tamén de fronteiras que non hai, alá en Belfast. Pero iso queda para outro día.

III
Desde que no 2004 publicou a súa primeira obra, Diego Ameixeiras foi facendo camiño de seu na nosa literatura, converténdose nos últimos anos nun dos autores máis destacados da narrativa negra, tendencia inaugurada para a literatura galega por Carlos Reigosa con Crime en Compostela (1984).

En 2012 publicou Todo OK. Eu non lera esta novela ata estes días, e nada máis abrila, sorpréndome ó ver que comeza cunha reseña do asunto do narcosubmarino ó que antes nos referiamos:
“En agosto de 2006, unha organización colombiana planeou introducir en Galiza varias toneladas de cocaína cargadas no interior dun narcosubmarino, pero a operación nunca chegou a realizarse. O somerxible non reunía as mínimas condicións de seguridade e acabou sendo localizado pola Garda Civil tras ser abandonado cos motores en marcha e o depósito cheo de combustible.
Tres meses máis tarde, o xuíz ordenou a detención dos principais implicados no suceso.
[...]
Inés, involucrada naquela tentativa, loita por refacer a súa vida por carreiros dereitos, ou non tan dereitos, de xeito que o cárcere non se lle cruce no camiño.

IV
Nada teñen que ver, nin polo estilo nin polo contido, o relato de Xuan Bello e a novela de Diego Ameixeiras, pero os dous viron no mesmo motivo a luz para imaxinar. Unha noticia de prensa, unha chapuza do crime (des)organizado deu pé á creación literaria de dous autores distintos.

É que as historias literarias andan soltas por aí, á espera de que alguén as pille e as pula.

21.10.13

Cemiterios debaixo da auga


Non levo nada na miña memoria íntima que teña relación cos encoros. Non formaron parte da miña infancia. Non vin asolagar terras coñecidas nin fun consciente dos feitos de Castrelo de Miño, que eu era moi cativo. Tampouco levo gravadas na retina as patéticas imaxes de Franco inaugurando novas presas.

Non sei logo por que me impactou tanto este texto de Julio Llamazares, cando o lin por vez primeira:
Nadie que no haya visto por sí mismo el dantesco espectáculo de un pueblo emergiendo de las aguas al cabo de los años podrá saber jamás cuánta desolación y cuánta muerte albergan en su fondo los pantanos. Nadie que allí no tenga sus recuerdos, sus raíces y su casa será capaz de imaginar cuánto dolor quedó enterrado para siempre en esos cementerios que se pudren en silencio bajo el agua.  
Lembreime del hai unha semana, vendo estas imaxes na cola do encoro de Grandas de Salime:






31.7.13

"Lamazares, viaje íntimo". Para que non descarrilen os trens.


1-
"Los durmientes extraviados entre las casas verdes de los que hacen el amor con los dedos cruzados para que no descarrilen los trenes".
Tania fixouse axiña neste fragmento do prólogo de Lamazares, viaje íntimo, un volume que me regalaron poucos días despois do descarrilamento de Angrois. O editor do libro é Enrique Beotas, que tamén é coautor do mesmo. 

Enrique Beotas faleceu no descarrilamento de Angrois. Hai cada coincidencia...

2-
De Lamazares, viaje íntimo, gústanme as fotos. Dinme moito máis cós textos, con frecuencia forzados e contraditorios. Hai unha imaxe del, con 15 anos, que é tremenda. Nas fotos de grupo, Lamazares aparece case sempre escoitando. Son outros os que falan. Gústame o que expresan os seus silencios.

2.6.13

Cine Colón


Unha homenaxe de Tania á súa sala de cine preferida, esa que vai comprar e amañar cando sexa rica.
                              http://cinesribadeo.blogspot.com.es/

27.5.13

Historia da música en Galicia

Le temps s'en va...! Le temps s’en va...!, dicía Lois Pereiro con voz esmorecente no xa mítico recital do pub Moka. Non lle faltaba razón. Viñéronme á cabeza esas palabras mentres asistía á presentación en Lalín de Historia da Música en Galicia, de Lorena López Cobas. 

Aínda me parece que foi onte cando meu pai lle amañou ó seu un ghalpón no que el empezou a destripar os motores da maquinaria da vecindade. Tamén da miña Derbi, que pasou de vez en cando polo seu quirófano. Moitas veces, de camiño da miña casa, paraba alí só por conversar un pouco e observar como trataba de buscar a melodía exacta de cada pistón. Dedicáballe a cada peza o tempo que fixese falta, probando unha e outra vez, con paciencia infinda. De tanto velo traballar, acabei sendo capaz de desmontar e volver montar o motor da miña moto sen que me sobrasen pezas. Era bo mestre.

Un día meteume na man unha Bultaco de 500 que estivera resucitando.
- Pesa máis ca min. Se me cae encima esmágame. Non son quen de erguela.
- Ti dálle.
E deille. Subindo cara a Pelures sentinme aquel día coma un neno ó mando dun airbus. Que ben soaba!

El era novo e estaba cheo de ilusión. Non lembro se Lorena era pequeniña ou se aínda non nacera, pero o tempo pasou e hai uns días foi ela quen nos puxo diante a súa Historia da Música en Galicia. Todos saben que eu son musicalmente analfabeto e que só se me esforzo moito son quen de distinguir un pandeiro dunha trompeta, pero gocei co evento. Creo que non tanto polo que estaba oíndo durante a presentación, que tamén, como polo que estaba observando: conmoveume ata a melancolía o contraste entre a imaxe seria do pai, emocionado pero se cadra tristeiro, e a  perenne expresión de alegría na cara de Lorena, que non perdeu o sorriso nin ó debullar brillantemente as liñas mestras da historia da nosa música nin ó falarnos da súa traxedia persoal máis íntima.

Ó remate, mentres ela lle asinaba exemplares a unha unha ringleira de xente, o pai agardaba só, no fondo da sala.
- Hoxe fante esperar, Eulogio.
- Non importa. Para a miña filla teño todo o tempo que faga falta.
Outra lección do mestre. 

3.4.13

Virxilio Viéitez, imaxes daquel tempo

FOTO: VIRXILIO VIÉITEZ
Fálame Tomás, emocionado, da exposición de fotos de Virxilio Viéitez en Madrid. Gustaríame poder dicir, tendo en conta as idades, “este retratoume de pequeniño”, pero o certo é que non son consciente de saber da súa existencia ata hai uns anos, cando tivo certa repercusión na prensa o éxito da súa presenza nunha boa galería de París. Non coñezo del máis ca uns cantos retratos que foron saíndo nos medios, pero celebro o recoñecemento que se lle está outorgando.

Se cadra tamén é porque vexo nalgunhas das súas instantáneas mundos que vivín de pequeno, miradas anónimas que me son amigas; pero creo que celebro o seu éxito e que lle poña a carne de pita ós que visitan o evento, principalmente, porque é da Terra de Montes e esperta en min emocións de tempos idos.

A Terra de Montes é para min infancia en Aciveiro cada 8 de setembro e adolescencia primeira en Soutelo e Forcarei, e en toda a contorna. Houbo un tempo no que tirabamos cara a alá. Subiamos as curvas do Penadoiro e axiña aparecía ante nós o mosteiro, que explorei por horas cando estaba feito un pardiñeiro. Corrín detrás do balón no prado do cura e no campo da recta do 70 -chamábaselle así polo punto quilométrico-. Tamén xoguei trofeos de verán no campo de  Forcarei, que xa era cousa seria porque era plano, ben rectangular, e tiña porterías regulamentarias. Corrín diante dun enxame de abellas en Vilapouca. Vin correr coellos e perdices diante do coche, de madrugada. Malbailei a Miguel Ríos e a tantos outros na Paraíso e na Montes, cun cubata na man, de tipo duro, e A saia da Carolina en verbenas da contorna. Xantei marisco a embute no París e churrascadas en Soutelo. E rin, rin moito. Axexei nas festas mozoulas do campamento da Freixa, se as deixaban ir, e as emigrantes que volvían no verán e no Nadal de Andorra e de Suíza. Notábanse ben as temporadas. ...Ai, os ollos! É que a Terra de Montes é tamén, e se cadra por encima de todo, paisaxe: petoulos grises de granito emerxendo por encima das toxeiras amarelas de chorima cando toca, antes foron os malvas das carpazas e das uces. Verde, sempre. Por veces negro dos incendios, que entran tamén polo nariz. Levo na alma o cheiro do chamusco, as imaxes dos serróns de lume arrasando nas ladeiras, as laparidas na noite, os guizos no medio da borralla, e o panasco que vai furando na candieira para que comece outra vez o ciclo da vida.

Aciveiro, Millerada, Dúas Igrexas, Vilapouca, Soutelo, O Cachafeiro, A Portela de Lamas, Folgoso, Sabucedo, Forcarei, ... espazos compartidos. Se cadra non foron moitas veces, pero decátome de que quedaron gravados a ferro na miña memoria dos sentidos e das emocións, que agora espertan desde lonxe os ollares de Virxilio, o retratista de Soutelo. 

2.4.13

Os meus días e outro meu bar

O meu emporio empresarial segue medrando. Despois de A MIÑA BEBIDA, A MIÑA ORQUESTRA, O MEU BAR, A MIÑA ZAPATARÍA, A MIÑA TASCA, A MIÑA VILA, OS COSTUMES DOS MEUS CAMPURRIANOS, A MIÑA TORRE, etc., etc. etc. (ver marxe dereita do blog), agora tócalle a OS MEUS DÍAS, que van ter especial difusión, xa que se emitirán na TVG.
OS MEUS DÍAS
E de paso, outro MEU BAR (e van non sei cantos), onde o celtismo se vive intensamente:
O MEU BAR

24.1.13

E dará igual, ho!

Pasou hai dous días. Falaba eu co responsable dunha funeraria:
- E non terá por aí un B para poñer nun "Rivadeo" que está alí con V?
- E dará igual unha cousa cá outra, ho!
- Home, igual non dá. Ese V manca os ollos.
O tipo miroume coma quen mira un neno encaprichado. Foi indo cara as coroas e os ramos que rodeaban o féretro de meu pai e púxose a remexer por alí. Achegueime e ensineillo:
- É este. Encargárono os meus compañeiros de traballo.
Pensei que ía amañar o asunto, pero non foi así. Alí seguiu durante horas o ramo coa súa cinta IES DE RIVADEO, ata que marchamos. Aquel V sobreviviu toda a intensa nevada do martes, que deixou o Candán branco coma as montañas das postais que meu pai me mandaba desde Suíza naqueles vinte anos de emigración. Desde o cemiterio vese ben.

Eu non lle volvín dicir nada ó funerario, que non tiña o corpo para moitas lerias -e tivo sorte de que Tania non o coñecese-, pero agora que o penso entristéceme a súa insensibilidade e non quero nin pensar como valorará ese home o labor dos docentes que se esforzan cada día por conseguir que o seu alumnado use a lingua con corrección. É ben triste que dea igual unha cousa cá outra. Así nos vai.