Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

10.3.23

Otero Pedrayo e Ribadeo.

[Preme na imaxe para ver o vídeo]

O xurado do II Premio Escolar Otero Pedrayo tivo a ben concederlle o premio, na categoría de grupos, a un vídeo documental elaborado por un equipo de alumnado e profesorado do que formo parte.

O equipo fórmámolo Ángela Fernández González, Nora Maseda Freije, Lucía Miranda Santamarina, Antón Suárez García, Estela Veiga García e Claudia Vizoso González, alumnado de “Literatura galega e sociedade”, materia de libre configuración de centro do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo;  o profesor Pipo Refojo e eu mesmo.

No traballo informamos, basicamente, de tres aspectos que relacionan a Otero Pedrayo con esta zona: as publicacións de Otero Pedrayo no xornal El Aldeano de Castropol, a correspondencia de Otero Pedrayo a Dionisio Gamallo Fierros que se conserva no arquivo familiar, e unha serie de artigos de Gamallo Fierros sobre Otero Pedrayo co gallo sa súa xubilación como profesor da USC, que recollen unha conferencia previa do ribadense no instituto de que era director.

Trátase de contido pouco coñecido, no caso das colaboracións na prensa, e inédito no caso do epistolario de Otero a Gamallo. Entre as cartas de Otero, destacamos unha de 1940 que contén un poema dedicado ó Pico Sagro non recollido na recompilación da poesía de Otero publicada por Galaxia e un acróstico dirixido polo ourensán ó polígrafo ribadense, do que xa falamos noutra ocasión neste blog.

Agradecemos a consideración do xurado, presidido por D. Xesús Alonso Montero, e tamén queremos mostrar o noso agradecemento á familia de Gamallo Fierros, especialmente ó seu sobriño Antonio Deaño, por permitirnos consultar e reproducir o epistolario de Otero Pedrayo a Gamallo e por facilitar as fotos que se inclúen no traballo.

Na comunicación da decisión nas redes sociais, a Fundación Otero Pedrayo comenta o seguinte:

“O premio ao mellor traballo en grupo recaeu no IES Dionisio Gamallo Fierros polo seu traballo sobre Otero Pedrayo e Dionisio Gamallo Fierros. Presentaron un vídeo documental no que aportan e comentan material autógrafo e bibliográfico moi pouco coñecido ata o de agora e que deixou ao xurado totalmente abraiado”.