Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.

31.7.17

O galego de Asturias: síntomas de normalidade

Os días 26 e 27 de xullo tiveron lugar en Ribadeo as XV Xornadas de Historia Local, promovidas pola Asociación Cultural Francisco Lanza, que nesta ocasión tiveron como tema “Comarca do Eo. Unha historia común”. 
Cartel das XV Xornadas de Historia Local, Ribadeo, 2017
Na primeira sesión Ángel Prieto Souto, de Santiso de Abres, falou de “A cultura como valor económico”. O segundo día correspondeulles a quenda a Quique Roxíos e a Héctor Acebo, que participaron nunha charla-coloquio co título de A comarca do Eo, unha soa lingua”, que tiven a honra de moderar. Rematou a xornada con música a cargo de Toyemerendas, o último grupo promovido por Abel Pérez, da Veiga, onde segue contando coa voz de Ruth Martín, que xa estaba en Folkgazais.
Quique de Roxíos e Héctor Acebo. No medio, o moderador

Actuación de "Toyemerendas"

A comezos de xullo, onde o río Eo deixa a un lado a parroquia de Abres (A Veiga - Asturias) e a outro a de Ría de Abres (Trabada - Galicia), tivo lugar unha nova edición do festival Eu son Eo, un encontro coorganizado polos dous concellos, no que durante dous días hai, ademais de actuacións musicais, outras actividades que poñen en valor a cultura común das dúas bandas do río.
Cartel de "Eu son Eo", 2017

En xuño, o xa mencionado Quique Roxíos, resultou gañador do certame poético Anduriña voandeira, convocado pola Irmandade de Centros Galegos de Euskadi. O poeta asturiano de Bual, agora afincado en Donosti, presentou unha obra en galego que enviou baixo o título de Personaxe descoñecido. Cóntanos os detalles el mesmo no seu blog.

Sabemos que Héctor Acebo, xornalista de Santiso de Abres, ten tamén preparado un poemario en galego que esperamos ver pronto editado. Mentres, confórtanos ler as súas habituais colaboracións en galego en La comarca del Eo e no suplemento "A Mariña", do xornal El Progreso.

En abril, Quique Roxíos -nos últimos tempos non para- organizou na súa casa natal unha xuntanza de máis dunha ducia de persoas con ideas diferentes pero con sensibilidade cara á lingua e cultura da comarca. Parece ser que a intención é avanzar por ese camiño, buscando puntos de encontro que beneficien a causa xusta da defensa do galego do occidente de Asturias. O propio Quique redactou a crónica dese evento para a sección "Voces" da web de Prolingua.
Xuntanza en Roxíos (Foto do blog de Quique de Roxíos)
Máis alá aínda, en Xixón, seica anda nos últimos tempos o asturiano de Xío Xosé Rico e o galego de Ribadeo Toni Deaño facendo microteatro polos bares, representando con éxito en galego fragmentos de Fridom Spik de Jaureguízar. Cónstame que o feito de que o espectáculo sexa en galego non impide que o público o acolla favorablemente e se mate a rir. A ninguén se lle ocorre falar de colonización.
Portada de "Fridom Spik", de Jaureguízar

Son, se cadra, pequenos chanzos e está por ver a súa repercusión na convivencia da zona e no compromiso coa cultura común, pero un prefire interpretalos como síntomas de normalidade fronte ás augas interesadamente avoltas que baixaban hai só uns anos, cando parecía un día si e outro tamén que a raia que alguén pintou un día no mapa entre Asturias e Galicia era o Mississipi que ninguén debía atreverse a cruzar.

Ningún comentario: