Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Ribadeo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ribadeo. Amosar todas as publicacións

31.5.26

"Eu voun navegar", de Farruco Graña

O 23 de maio, dentro das actividades de "Letras no Campo" de Ribadeo, participei na presentación de Eu voun navegar, o novo libro de Farruco Graña. Quero, antes de nada, agradecer que o amigo Farruco me convidase a participar no acto e tamén a cita á miña persoa no propio libro, innecesaria e, asemade, excesivamente xenerosa.


Eu voun navegar recolle relatos, a maioría inéditos, e colaboracións en prensa do autor. Como homenaxe a un amigo do Courel, o autor flexibiliza a norma no título ("voun"), seguindo a estela doutras obras que o fixeron recentemente: Avelaíñas eléctricas de Sica Romero, Vrao de Lois Alcaide, Ninguén queda de Brais Lamela etc.

Máis alá diso, na obra o autor dialoga, aínda que de forme ben distinta, con xente relevante da nosa cultura: Uxío Novoneyra, Manuel María, Sarmiento, Suso Peña... Cada unha desas persoas ten un peso específico notable en distintos relatos e de cada unha delas colle un aspecto relevante: o tratamento da toponimia de Novoneyra, a paisaxe de Manuel María etc. 

Máis alá da diversidade de historias que se contan, aínda que eu penso que non se lle pode colgar a etiqueta de “narrativa social”, no sentido de “denuncia de inxustizas” –ou se cadra si-, o certo é que abundan as pinceladas, ou estacazos máis que pinceladas, de denuncia e de compromiso, por outra parte acordes coa biografía do autor: As Encrobas, ALTRI, Xove nuclear, os últimos asasinatos do franquismo, Gaza... son algunhas das alusións que podemos atopar no libro.

Benvida sexa esta nova achega de Farruco Graña, que xa vai facendo méritos para ser considerado "o narrador de Bergantiños".


15.11.24

Máis letras de aquí e de acolá

Non se dá un enfrontado ó teclado para ir deixando constancia de feitos que merecerían atención máis demorada. Polo menos, que quede constancia, aínda que sexa só a xeito de índice.

I

Hai uns meses chegounos desde o sur unha novela moi ribadense, Contas de buxo, de Raquel Fernández. É a primeira obra dunha autora que saca tempo para fuxir de vez en cando dos fogóns do seu restaurante e vai abríndose paso con éxito no mundo das nosas letras. Por certo, A taberna do azafrán, que así se chama o local, sería tamén un bo título para unha novela. Sen entrar en detalles que lle amolen a lectura a quen lle meta o dente, diremos só que a obra conta a historia de Lara, unha adolescente que foxe da casa e acaba en Ribadeo. Alí (aquí), acaba descubrindo as claves da desaparición de súa nai, sendo ela pequeniña.

II

   
Eva Moreda segue sen deixar descansar o teclado e regálanos libros a pares. En Pagáns e pragmáticos adopta a postura de quen chegou hai xa anos ó Reino Unido e foi observando con curiosidade e reflexión o xeito de vida da sociedade británica, onde acabou asentando. O raposo na fronde é un libro igual de fragmentario canto á forma, máis diverso canto ó tempo é ós espazos que transita pero se cadra máis reducido canto á orixe última deses camiños que se percorren, desde Piñeira ás illas de aí arriba, mar por medio.

III
Velaquí quedan tres lecturas recentes que algo teñen que ver con esta beiramar do norte, aínda que non se exhibisen nos escaparates das nosas librerías. Seguro que hai máis, pero xa tocou o timbre e hai que moverse.


18.9.24

Secundino e o mar

 Un día pregunteille a Secundino:

- Existen as leiras do mar? Van cambiando os nomes na auga como cambian cada pouco na nosa terra?

- Existen -contestou, mentres me desescamaba unha robaliza salvaxe, non de granxa-. 

E empezoume a falar das leiras que percorría coa súa lancha: As Carrallas, O Guitón, Arredo, Panchorro, A Beirada da Fonte, Aviada, Ratas de Rinlo, Portelas...  Faloume dos motivos, da profundidade do mar en moitas delas, da composición do fondo... e de tantas cousas máis. Era o seu mundo e debullábao con paixón.

- E situaríasmas nun mapa se cho dou?

- Si, ho!

E poucos días despois foi riscando nos papeis as mesmas leiras das que me falara. Era o seu mar, o mar que fora a súa vida.



Mapas do mar de Ribadeo, cos talasónimos escritos da man de Secundino

Un día parou de golpe o motor da lancha que era el e agora hónrase á beira da súa ría, encabezado con palabras dun mar que el nunca dixo. E choran de pena Cunqueiro e Cabanillas, Manuel Antonio e Bernardino, poetas do mar noso que o entenderían ben e adorarían compartir con el palabras amigas na beiramar do norte.



31.3.24

Autores ribadenses en lingua galega: un nome máis.

Portada de "Autores ribadenses en lingua galega"

No curso 2000-2001 promovemos a elaboración dun caderniño de investigación escolar que se publicou co título de Autores ribadenses en lingua galega. Trátase dun traballo humilde, realizado por alumnado e profesorado do IES de Ribadeo en colaboración, pero feito con intención de divulgar, aínda que fose superficialmente, nomes non sempre coñecidos. 

Xa daquela indicabamos no limiar que eramos flexibles e xenerosos tanto na aplicación do concepto “autor” coma do adxectivo “ribadense” e, por suposto, tampouco entrabamos a valorar a calidade dos textos escritos, que non tiñan por que ser necesariamente literarios.

Con esas premisas, o autor máis antigo que fomos capaces de localizar foi Jacinto Romualdo López, nado en Ribadeo en 1808 e falecido en Mondoñedo en 1895. A el atribúenselle algúns vilancicos en galego que seica se cantaron na catedral de Mondoñedo en 1861.

Por unha publicación que descoñeciamos, sabemos agora que hai outro autor ribadense da mesma época, que tamén publicou en galego; trátase de Vicente Álvarez Miranda, nacido en Ribadeo o 30 de maio de 1817. Coñeciamos a existencia desta persoa, que mesmo ten rúa en Ribadeo, pero ignorabamos que fose autor de textos en galego. 

Xurxo Martínez González atribúelle a el a autoría dunha contundente carta publicada en El Eco del Comercio o 2 de agosto de 1835. Baséase para iso no forte anticlericalismo do texto e nalgúns trazos dialectais do mesmo. Quen teña curiosidade por entrar en detalles, pode ver o traballo completo nesta ligazón. Na páxina 147 desta publicación alúdese tamén a el de xeito abreviado.

Captura do traballo de Xurxo Martínez González (2012)

Por suposto, nunha actualización completa habería que engadir tamén nomes que daquela non tiñan nada publicado e que se deron a coñecer con posterioridade á publicación do noso traballo, pero a súa ausencia xa non se debeu á nosa ignorancia, senón o devir cronolóxico dos feitos.

23.11.23

Literatura Galegoasturiana. Presentación en Ribadeo

Portada do libro
O venres, día 17 de novembro, tivo lugar na Casa de El Viejo Pancho de Ribadeo a presentación do volume Literatura Galegoasturiana, do que xa teño falado neste blog. 

Suso F. Acevedo, Dores Fernández Abel e Xosé Henrique Costas, durante a presentación.

No evento acompañáronme Xosé Henrique Costas, coordinador do libro, e Dores Fernández Abel, da Agrupación Cultural Francisco Lanza, que organizou o acto. Estaba prevista a presenza de Xoán Babarro, coautor do traballo, que finalmente non puido asistir.


Intervención de Xosé Henrique Costas

Aproveitando a presenza en Ribadeo de Xosé Henrique Costas, presentouse tamén a súa primeira novela, de recente aparición: Ao sur da liberdade. Trátase do primeiro volume dunha triloxía ambientada na Gallaecia do século VIII, en que se funden historia, cultura, lingua e identidade coas aventuras dun mozo que foxe para evitar que o condenen por un crime que non cometeu.

Ampliaremos información sobre este libro na próxima entrega.

Portadas dos dous libros presentados.

25.9.23

"En Brandán", de Lucía Ferro

O día 16 deste mes participei na presentación da nova novela de Lucía Ferro na biblioteca de Barreiros. Foi un pracer colaborar con esta exalumna e ademais estar acompañado por Dani García, tamén exalumno e agora concelleiro, que fixo de anfitrión. É impagable sentir o afecto de quen hai tempo tivo que aturarnos nas aulas. 

Con Lucía Ferro e Dani García na biblioteca de Barreiros.

En Brandán, a nova obra de Lucía, é se cadra menos orixinal polo contido ca Resaibo amargo e tamén máis sinxela, polo menos en aparencia, pero non por iso menos interesante.

Portada de En Brandán (Imaxe: Amazon)

Na presentación dixen que Lucía deixara a sanidade para dedicarse á literatura e enseguida me decatei de que estaba errado: tanto unha novela como a outra demóstrannos que Lucía segue comprometida co mundo da sanidade pero agora faino desde a literatura. Mérito e atrevemento.

Se en Resaibo amargo se  tocaba o tema das mafias farmacéuticas, algo novidoso na literatura galega, podemos dicir que En Brandán ten se cadra un contido máis clásico, xa que se trata dunha obra de investigación na cal cómpre esclarecer a morte dunha persoa. Iso é algo moi presente na literatura galega polo menos desde que Carlso Reigosa publicou Crime en Compostela.

Pero a novela é algo máis ca iso. Non é casualidade que Lucía centre a trama en xente marxinal, moitas veces relacionada coa droga ou con outras adicións. Tan marxinal é que a vítima, ignorada en vida ("Non era de grande interese na vila”) aparece sen vida na marxe dun río. Marxinal na vida e na morte.

Na obra podemos atopar tamén algúns aspectos de rigorosa actualidade, como é o papel das mulleres en determinadas profesións, neste caso no corpo de policía, onde hai quen pensa que o seu corpo está ó servizo de calquera man que pase cerca.

O estilo non difire do que xa vimos en Resaibo amargo: sintaxe simple, oracións breves, ausencia de adornos innecesarios... Aínda sendo consciente de que nada malo hai no uso de períodos longos se están ben construídos, o certo é que como lector agradezo esta sinxeleza. Amais diso, parécenos que a autora equilibra acertadamente narración, descrición e diálogo.  

Un aspecto moi meditado na novela é o remate. Para chegar a ese punto sen contar máis do que se quere dicir, a autora tivo que facer un exercicio de esforzo lingüístico do que quen le non se dacata ata que chega onde hai que chegar. Pero, pero non é cousa de que o desvelemos aquí.

8.5.23

Homenaxe a Xavier Miró

Cartel da homenaxe a Xavier Miró

I

Ribadeo é un pobo agradecido e alguén tivo a idea de homenaxear a unha persoa relacionada co mundo da música e da cultura: Xavier Miró. 

Foi un pracer colaborar no evento, preparando o guión para a presentación, algo do que se encargaron Estela Veiga e Brais Varas, de 2º de BAC. Sergio Villar, sempre na memoria. Ía ser el. Canto mérito ten esta rapazada!

Van unhas pinceladas do que alí se dixo, omitindo a relación de participantes, que non procede aquí:

II

Marzo de 1968. Uns meses antes de que estourase en París o maio do 68, un concerto de Raimón na Universidade de Santiago é o pistoletazo de saída para o que se acabaría denominando a “Nova canción galega”.

Un grupo de persoas ligadas á Universidade constituíron o que se coñeceu como “Voces Ceibes”. Interpretaron temas tradicionais e musicaron textos propios ou poemas de distintos autores.

Paralelamente, outra xente empezou a compoñer cancións en galego, a gravar discos e a dar concertos. Por suposto, todo ese labor facíase baixo a atenta lupa da censura, que eliminaba co seu famoso lapis vermello todo o que non era do seu agrado.

Entre estes artistas estaba un mozo ribadense que daquela andaba por Madrid: Xavier González-Miró.

Xavier Miró iniciárase na música en Ribadeo, participando en veladas benéficas nas que interpretaba diversos éxitos da época. A súa formación musical foi practicamente autodidacta. Xunto coa madrileña María del Carmen Martínez, formou o dúo María e Xavier. En 1969 publicaron o seu primeiro disco con dúas cancións: "Brilla raio da aurora" e "O borracho". Nese mesmo ano editaron o seu segundo traballo, que incluía o tema "Catro vellos mariñeiros", que se fixo moi popular.

Non debemos esquecer que aínda que a letra das cancións non fose reivindicativa, o feito de cantar en galego daquela xa era un acto de resistencia.

En 1970 María e Xavier editaron dous novos discos. O tema que de máis sona foi "Miña ruliña", co que participaron no festival de Torremolinos.  

Motivos laborais provocaron a disolución do grupo. Con todo, Xavier, aínda que con menos dedicación á música, seguiu compoñendo temas para el e para outra xente.

III

Como sorpresa da nosa colleita, quixemos darlle voz á súa filla Ruth, que nos remitiu desde Arxentina un emotivo texto que se leu no acto e que reproducimos a continuación:

“Algo que sempre admirei do meu pai é como se mergulla de cheo e en cada cousa que fai. Aprendín co seu exemplo a loitar con paixón por aquilo que desexo.

Non sempre é doado. Sobre todo, coma hoxe, cando eses desexos te teñen lonxe da casa.

Por sorte hai lazos que desafían os quilómetros, e a música é un deses lazos.

As súas cancións acompañáronme sempre, e na sinxeleza das súas composicións, na beleza das súas melodías, podemos reencontrarnos sempre que queiramos”.

Queriamos contalo e contado queda.

18.4.23

Premio Otero Pedrayo. Breve crónica dunha entrega.

I
A cousa vén de aquí e non queremos repetirnos en exceso.

II
Con marzo xa esmorecendo, fomos a Trasalba. Eu esperaba atopar as bocarribeiras do Ribeiro tinxidas de amarelo, pero o tempo das mimosas seica xa pasou.  

Chegar de Ribadeo a Trasalba non é cousa pequena. Este país debe ser dos poucos que aínda ten capitales de provincia comunicadas -é un dicir- con estradas do século pasado. 

Antón Suárez, Lucía Miranda, Estela Veiga, Nora Maseda, Ángela Fernández e Claudia Vizoso (Alumnado premiado). Dolores Faílde e Suso F. Acevedo (Profesorado acompañante).
Diante da casa-museo Otero Pedrayo.


Pero chegamos a tempo e con ben. Celebrouse moito o traballo do alumnado, que puxo á vista da xente textos pouco coñecidos relacionados con Otero Pedrayo. Supoño que os de máis chaman a atención son os dous poemas que Otero lle enviou a Gamallo en 1940, ós que accedemos grazas á xenerosidade de Toni Deaño, que custodia o arquivo familiar.

Dun deles xa temos falado neste blog: é un acróstico que Otero lle dedica a Gamallo, no que loa a figura do polígrafo ribadense. O outro cremos que é totalmente inédito. Polo menos non se recolle no volume Poesía, que Galaxia publicou en 2010, baixo edición de Don Xesús Alonso Montero. Trátase dun poema no que Otero fala do Pico Sagro (sic) como elemento cómplice da paisaxe ritual da  Catedral de Santiago. O monte compórtase como unha persoa que lle fai reverencia ás torres da catedral, mentres o sol é o botafumeiro.

O poema vai encabezado cun debuxo do propio autor:

Pico Sagro, fino e magro...

Textos enviados por Otero Pedrayo a Gamallo Fierros (Do arquivo da familia Gamallo Fierros)

Visitamos a casa museo de Otero guiados pola amabilidade de Patricia Arias Chachero, que tamén participou noutros momentos ó longo da xornada.

Na entrega do premio, Don Xesús Alonso Montero falou moito e ben da importancia dos premios, dos libros e de moitas cousas máis. No xantar acompañounos con amena conversa e envexable lucidez. A xornada continuou en Ourense, con máis actos e máis xente que fixo uso da palabra, pero o que máis gusta é ver a rapazada, a propia e a allea, gozando cunha xornada oteriana, alegres coma paxariños en primavera, fóra das aulas, coñecendo o País.

Toda actividade pode mellorarse, pero ver o Ribeiro en primavera sempre vale a pena.

10.3.23

Otero Pedrayo e Ribadeo.

[Preme na imaxe para ver o vídeo]

O xurado do II Premio Escolar Otero Pedrayo tivo a ben concederlle o premio, na categoría de grupos, a un vídeo documental elaborado por un equipo de alumnado e profesorado do que formo parte.

O equipo fórmámolo Ángela Fernández González, Nora Maseda Freije, Lucía Miranda Santamarina, Antón Suárez García, Estela Veiga García e Claudia Vizoso González, alumnado de “Literatura galega e sociedade”, materia de libre configuración de centro do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo;  o profesor Pipo Refojo e eu mesmo.

No traballo informamos, basicamente, de tres aspectos que relacionan a Otero Pedrayo con esta zona: as publicacións de Otero Pedrayo no xornal El Aldeano de Castropol, a correspondencia de Otero Pedrayo a Dionisio Gamallo Fierros que se conserva no arquivo familiar, e unha serie de artigos de Gamallo Fierros sobre Otero Pedrayo co gallo sa súa xubilación como profesor da USC, que recollen unha conferencia previa do ribadense no instituto de que era director.

Trátase de contido pouco coñecido, no caso das colaboracións na prensa, e inédito no caso do epistolario de Otero a Gamallo. Entre as cartas de Otero, destacamos unha de 1940 que contén un poema dedicado ó Pico Sagro non recollido na recompilación da poesía de Otero publicada por Galaxia e un acróstico dirixido polo ourensán ó polígrafo ribadense, do que xa falamos noutra ocasión neste blog.

Agradecemos a consideración do xurado, presidido por D. Xesús Alonso Montero, e tamén queremos mostrar o noso agradecemento á familia de Gamallo Fierros, especialmente ó seu sobriño Antonio Deaño, por permitirnos consultar e reproducir o epistolario de Otero Pedrayo a Gamallo e por facilitar as fotos que se inclúen no traballo.

Na comunicación da decisión nas redes sociais, a Fundación Otero Pedrayo comenta o seguinte:

“O premio ao mellor traballo en grupo recaeu no IES Dionisio Gamallo Fierros polo seu traballo sobre Otero Pedrayo e Dionisio Gamallo Fierros. Presentaron un vídeo documental no que aportan e comentan material autógrafo e bibliográfico moi pouco coñecido ata o de agora e que deixou ao xurado totalmente abraiado”.


5.6.22

Letras no Campo

Letras no Campo é o nome co que se coñece a Feira do Libro de Ribadeo, que creo que non pode chamarse de tal xeito porque só pode ser Feira do Libro o que a Xunta di que é Feira do Libro. Cousas da burocaracia.

O nome é o de menos. O certo é que por alí pasou xente amiga que aínda acredita en que un libro é un tesouro:

Belén Rico, poeta da Veiga, pronunciou o pregón con emoción, como ela fai todo, e tivo a ben citarnos a algúns galegos que sempre lle tivemos aprezo a ela e ós seus versos. 

Belén Rico pronunciando o pregón 

Despois, entre outros, asistimos á presentación de Paseando canguros, de Xesús Trashorras; unha escolma ampla pero incompleta, segundo palabras propias, dos moitos textos que o autor de Castroverde foi compoñendo desde que a xubilación lle deu o tempo libre que unha mente inqueda como a súa precisaba.

Presentación de "Paseando canguros", de Xesús Trashorras

Pero de todos os actos que tiveron lugar, agradounos de xeito especial a presentación de  Resaibo amargo de Lucía Ferro, porque Lucía foi alumna e se a unha exalumna de literatura se lle dá por escribir quere dicir que un, cando menos, non a espantou do mundo das letras, e xa non é pouco nos tempos que corren.

Lucía, nos últimos anos afincada nos Países Baixos, tece nesta súa primeira novela unha interesante historia onde teñen protagonismo as relacións persoais máis complexas e as mafias da industria farmacéutica, algo que seguramente coñece de cerca debido á súa condición de sanitaria.

Lucía Fernández Rodríguez, "Lucía Ferro"

A maiores, agradounos ver de novo, aínda que neste caso fose só como vendedor, a Pablo Quintana, un todoterreo da investigación e da difusión cultural con especial atención á comarca do Eo Navia.

Hanme desculpar o resto das persoas que presentaron obras nesta feira que non é feira, pero tampouco pretendía aquí facer unha listaxe do asunto. 

Que veñan máis letras, que o campo non ten portas!

1.12.21

Darío Xohán Cabana e Ribadeo

 

FONTE: "Nós diario"

O 17 de novembro souben pola prensa do falecemento de Darío Xohán Cabana. Aínda que tiven a sorte de poder presentalo dúas veces actos públicos en Ribadeo, unha no instituto e outra na biblioteca municipal, tampouco tiven máis relación persoal con el. Así que non estou en condicións de engadir sobre a súa vida e sobre a súa obra nada que non poida localizar cunha simple busca en Google quen teña un mínimo de interese.

Con todo, non me resisto a deixar constancia da miña admiración pola súa obra e aproveito para reproducir aquí tres textos que teñen relación con Ribadeo, aínda que non son dos que máis sona teñen dos moitos que publicou o autor de Roás.

Se as miñas anotacións non están erradas, cos dous primeiros recibiu o 1º premio nun certame convocado pola Sociedade Filantrópico Dramática en 1980 e publicáronse en Vinte cadernos (poemas 1969-2002) (Ed. Xerais, 2003). Co último obtivo o terceiro premio na mesma convocatoria do ano seguinte e publicouse en en Recolleita, nunha edición non venal a cargo de El Correo Gallego.

O primeiro texto é un soneto homenaxe ó labor reposteiro das monxas co convento de Santa Clara. A voz poética loa as artes das monxas, pero detrás da devoción manifesta cremos ver unha chiscadela pícara que nos leva a cantiga irreverente que Fernand’ Esquío lle dedicou a unha abadesa que tamén era moi destra noutras artes ben distintas.

O segundo soneto canta o espírito emprendedor de Antonio Reimunde Ibáñez, que soubo ver riqueza onde outros só vían terra.

Por último, o terceiro poema, é un chamamento a que se planten viñas autóctonas na Mariña, para que nas celebracións da zona non haxa que brindar con viño de castes alleas, coma o albariño ou o mencia.

 Velaquí sos textos:

A UNHAS MONXAS DE CLAUSURA QUE FAN RIQUÍSIMOS CONFEITES

Señoras miñas do claustral contorno

que semellades flores delicadas

ou pálidas vasillas ciceladas

polo tempo, prezado e raro adorno;


señoras miñas –vento claro e morno-

das transparentes mans azucaradas,

donas da luz nas tardes dilatadas

amas do quente e mol sabor do forno;


señoras miñas da fariña triga,

sabedoras da ilustre ciencia antiga,

que versa sobre o almibre e sobre o mel;


señoras miñas do claustral retiro,

a vós envío, atal coma un suspiro

esta cantiga e mais un caravel.

 

ANTONIO REIMÚNDE IBÁÑEZ DESCRIBE A TERRA

E dixo Ibáñez: Hai na terra veas

de escuro mineral que nos agarda,

espaciosa abundancia doce e parda,

que espera forxas, moldes, panaceas.


E dixo Ibáñez: Hai na terra reas

de ferramentas que Vulcano garda,

e é necesario que a fogueira arda

pra xebrarmos da terra vis areas.


E dixo Ibáñez: Minas hai de terra

que serve ó home para facer xerra

na que gardar o noso viño doce.


É necesario, pois, que o forno quente

porque terá máis gloria toda a xente

polas cousas que o forno forxa e coce.

 

INVITACIÓN A PLANTAR VIÑAS NA MARIÑA

Volve plantar vides de ouro e verde

agudello e xerez do tempo vello

beira do mar de neboento cello

que tantos homes furibundo perde.


Volve encher as encostas de caíño,

ergue vizosas cepas de mencía,

socalcos pon en agra montesía

e dános gozo novo de bon viño.


Adorna a vella pedra en Mondoñedo

con acios mouros e follaxe mesta,

e nas montañas súpetas entesta

fortes pés pra formares bon viñedo.


Ensombreza moitísima follaxe

o finisecular suave engado

de Ribadeo, e estea o sol callado

no antigo froito, e de ouro o pencarraxe.


Que en Morás, cando volvan da balea,

os rudes mariñeiros fagan farra

ó redor dunha grande e bela xarra

do viño mariñao fermoso chea;


que en Sargadelos mollen as palabras

os fillos de Reimundo ó pé do torno

e refresquen o ardor do roxo forno

co viño antigo que de novo labras;


que o pescador que vai de noite ó mar

procurando a sardiña e o bocarte

tamén se beneficie da nobre arte

de facer doce a terra ó paladar;


que en Illa Pancha o túcero fareiro

beba o teu viño amodo e longamente,

e préceo no que val cando se sente

na tempestade cántabra senlleiro;


e que en Viveiro os ledos bebedores

non liben do ribeiro ou alvariño,

pero gocen estoutro alegre viño

dos mariñaos horteiros soñadores.


Non temas o Gran Sole frío e rude

que trae negra corrente de xeada;

varudo agricultor, non temas nada,

só a esperanza e a terquidade acude,


que algún día, do Navia montesío

deica Estaca de Bares e o Vicedo

hase de erguer froital o teu viñedo

contra fría corrente e vento frío;


e hanche ferver na adega negras cubas,

alquimia milagrosa que fai viño

do xerez, do agudello e do caíño

e tódalas doces nobres uvas.

10.6.21

Licor de Ribadeo para Don Celidonio

[Imaxe tirada de https://editorialgalaxia.gal/produto/o-porco-de-pe/]

Cando en O porco de pé o Doutor Alveiros acabou sucumbindo ós encantos do poder máis indecente -e do amor-, e aceptou acudir á festa-paparota coa que os "súbditos" de Don Celidonio o agasallaron, atopou unha mesa onde non faltaba de nada:

E levouno arrastro ó comedor estilo español, onde estaban as persoas de respeto, arredor da gran mesa onde campaban inmensas tartas, colosais brazos de xitano, pasteis enormes, montañas de pastas, pasteis, masas [...] namentres nos apartados había botellas de xeres, tostado, porto, champán, coñac, benedictino, chartreuse, ron, anís, curaçao, xenebra, kumel, e caixas de cigarros.

O kummel (kümmel, kumel) é unha especie de augardente con orixe nos Países Baixos que seica tivo especial aceptación na zona do Báltico. Desde Riga houbo en tempos tráfico marítimo fluído co porto de Ribadeo e entre as mercadorías que de aló se traían estaba o kummel, que chegaba á península a través deste porto da beiramar do norte e distribuíase despois polo resto do país. Disque ese era o motivo polo que lle chamaban "licor de Ribadeo" a tan distinguida bebida nas tascas da capital.

Cóntanolo Cunqueiro en Papeles que fueron vidas e Cunqueiro das cousas de comer e beber seica entendía, aínda que tamén entendía de fabular, así que quen sabe... O conto é que el escribe:

Los marineros compraban en Riga especialmente el aguardiente perfumado de cominos, el kümmel, y lo traían al país. Tanto traían que el primer Kümmel que se bebió en España y en Galicia fue conocido como licor de Ribadeo, que los veleros ribadenses El joven Antoñito y Flora Paquita eran los máximos transportistas del sabroso licor.

Afortunadamente, Don Celidonio, que quería posuílo todo, non acaparou todas as reservas do licor de Ribadeo, porque eu teño oído que nalgunha casa ribadense aínda se conserva algunha botella desde aqueles tempos. Quen dera probalo! 

21.5.21

Francisco Lanza e Mark Twain

 

Portada da edición de As aventuras de Tom Sawyer, adaptada por F. Lanza

Este ano cúmprense o 50 aniversario da creación da Agrupación Cultural Francisco Lanza. Honrábase así, nos últimos anos do franquismo, a un ribadense destacado nas primeiras décadas do século pasado, que un día decidiu coller as maletas, coma moitos outros.

Antes diso, Francisco Lanza levara a cabo un intenso labor cultural na súa vila. Entre as súas iniciativas cómpre salientar a creación do semanario La Comarca del Eo, que aínda se publica cada sábado. Tamén colaborou na prensa galeguista da época (Revista Nós, etc.).

Na emigración continuou dedicándose ó xornalismo, pero tamén traballou como tradutor para a editorial Sopena.


Cando hai algúns anos estiven na casa-museo de Mark Twain descoñecía eu que Lanza era o responsable dunha adaptación de As aventuras de Tom Sawyer, traballo do que agora conseguín copia.

Trátase dunha edición de 139 páxinas, publicada en 1948 en Arxentina, con fermosas ilustracións de R. Andrino, en branco e negro a maioría; a cor, a portada e algunhas interiores.

Un exemplar ben atractivo, que lerei en canto haxa vagar.




15.11.19

Ángel Santos Vila

[Se cadra convén ler o engadido do remate, antes de empezar a ler]

Nada sabía antes –e pouco sei agora- de Ángel Santos Vila, ata que dei con el por casualidade nunha listaxe de adhesións á III Asemblea das Irmandades da Fala en abril de 1921. Fixeime no seu nome porque o sitúan na Veiga (Asturias) e sempre tiven interese pola xente comprometida co galego no occidente de Asturias.
Santos Vila, na lista de adhesións á III Asemblea das Irmandades da Fala

Buscando algo máis na prensa da época, atopeino en A Nosa Terra (xullo de 1930) formando parte dunha incipiente Irmandade Galeguista de Ribadeo, a carón doutra media ducia de nomes, encabezados por Francisco Lanza.
A Nosa Terra, xullo de 1930

Consultando o índice de A Nosa Terra puiden comprobar que colaborou con certa asiduidade neste xornal, remitindo poemas e artigos de inequívoco compromiso nacionalista desde varios lugares do país. Farei un pequeno repaso destas colaboracións:

“Queixumes”
O texto máis antigo é “Queixumes”, un poema de (des)amor, datado en marzo de 1917 e publicado no nº 15 de ANT, o 10 de abril do mesmo ano.

Eu vivo sin amore, y-é moi triste
non tere a quen contare as negras penas
qu’amagoan e esnaquizan
o brando corazón de quen foi nado
pr’amar e mais pr’amar
[...]
“Galego e castelán ou o castelán polo galego”
O segundo texto publicouno no dobre número 67-68 (30 de setembro de 1918). É un longo artigo que asina como "A. Santos Vila, mestre nazonal", no que defende firmemente o uso do galego no ensino.

Dirixe o artigo “ós galegos de boa vountá” e di que é un chamamento “ó baril galego Fraiz Andón” e ós directores do resto das Escolas Normais de Galicia

Non podemos desterrar o galego d’as escolas porque é algo consustancial c’o neno e informa todo os eu mundo espiritual, toda a súa vida de pasiois, sentimentos, impresiois, ideias, pensamentos. Ire contra il é demolere unha persoalidá sagrada feita na infanza por un mestre perfeuto e infallibre: pol’a Natureza.

“Soilo”
“¡Soilo!” é o título dun poema datado na primavera de 1919, publicado no dobre número 85-86 de ANT (15 de abril de 1919) no que se contrasta a alegría da nova primavera coa tristeza da voz poética, que non ten compañeira que lle axude a mellor levar as durezas da vida. O texto está dedicado a Nucha Moreno. Seguramente se trate de Generosa Moreno, con quen acabaría casando:

Como en anos pasados voltou a Pirmadeira
d’arumes toda cheia, silente e bulideira,
con froles n-as ramaxes,
con páxaros trementes,
e tintes os paisaxes
por meigos debuxantes.

Unha vella anduriña voltou ô meu tellado
a faguer o seu niño donde o ano pasado:
cubiza teño d’ela
e d’o seu compañeiro
qu’os aluma unha estrela
qu’eu non hacho tristeiro.

Voltarán pirmadeiras, voltarán anduriñas
 e non terei o niño das probes ansias miñas.

Non terei compañeira
que m’axude a levar
a vida magoadeira
de cantar e chorar.
“Notas ó marxen da discusión”
Neste artigo (ANT, nº 102, 5 de outubro de 1919) fai un chamamento á concordia no medio das discusións que se daban xa na época sobre a liña que debía seguir a normativa do galego escrito.

Refírese a tres tendencias, recoñécelle ós defensores de cada unha delas boas intencións e convida a non enfrontarse por cal debe ser o modelo normativo. O importante, di, é acadar o uso xeneralizado do galego e deixar que o tempo diga cal é o camiño normativo máis acaído para o noso idioma.
Tres ourentaciós se marcan n-a escritura ortográfica d’o galego: a portuguesa, a fonética i-a tradicional. ¿Cal d’elas seguire? Ningunha e todas. A nosa! A qu’o tempo faga nosa. Porque ou temos persoalidá ou no-a temos. Se a temos, cómpre o seu robustecemento, a súa diferenzazón, a súa idiosincrasia persoalísima sin misturanzas. Si no-a temos é valeiro e necio pertendere sere o que non somos, deixando de sere o que con outros imos sendo.

[...]

Veña galego. Muito galego. Fagamos galego de abondo. Imitemos a maioridade i-os millores; percuremos qu’os rótulos d’os estabrecementos de todas crases sexan en galego; qu’os anuncios, os xornás, toda folla imprentada, esteñan en galego. Falemos galego n’a casa, n’a rúa, n’o círuclo; esquirbamos ôs parentes, os amigos, ôs comerzos en galego.
 Remata o artigo retomando a idea inicial, pedido sosego e irmandade:
Acougade, hirmáns, e non rifemos sin causa. Somos hirmáns. C’o tempo, xa virán as uvas a maduro.

“Cuaderns d’estudi”
“Ollando a Cataluña” é o antetítulo deste título en catalán que aparece no nº 103 de ANT  (25 de outubro de 1919).

Santos Vila fala neste artigo da revista Quaderns d’estudi, editada en Barcelona e que se reparte de balde entre todos os mestres de Cataluña. O autor glosa o contido fundamental dos catro números que posúe e informa sobre a súa orientación de renovación pedagóxica, lamentando que en Galicia non suceda algo similar:
Cando nós conqueriremos a forcia económica necesaria pra faguel-o mesmo! Cando desenrolaremos no pobo o sentimento patrio, o nazonalista, o d’a dinidá racial que nos permita unha aución cultural semellante? Ouh, catalás!

“Deus e o noso idioma”
Publícase no nº 118 de ANT, o 25 de abril de 1920. A partir dunha anécdota que sitúa nun pazo do Ribeiro, o autor reflexiona sobre o absurdo que é que a xente galegofalante renuncie ó seu idioma para rezar.

Afirma  que ese abandono do idioma propio é incluso unha ofensa a Deus, un pecado no sentido relixioso do termo, xa que Deus apreza a verdade, a autenticidade da persoa, os sentimentos afectivos máis íntimos.
Eu me pergunto por que se reza en castelán n’as aldeias, donde se fala decote en galego, e non dou con razós ningunhas, e soilo alcontro causas pelengrinas e abafantes. Son as mesmas que van desleigando, desnaturalizando e castelanizando as nosas vilas e cibdades; son o rexime políteca d’a Hespaña, a hexemonía irritante i hestórica d’unha rexión d’a Iberia e o descoñecemento d’os nosos propeos valores ô fitar de cotío pr’os d’o Berzo pra aló.

“Follas secas”
É un poema publicado  no dobre número de ANT correspondente ó 5 de novembro de 1920. Ó longo do texto, describe detalladamente  unha paisaxe de outono para concluír dicindo que a melancolía propia dese ambiente invade tamén o seu corazón.


“Xifras doentes”
Poema publicado no nº137 de ANT (31 de marzo de 1921). Desta vez a voz poética sitúa a acción na primavera, pero mantense no personaxe a mesma melancolía de poemas anteriores. A acción describe os sentimentos dun home namorado que observa no toro dun castiñeiro o nome da muller amada, que tempo atrás gravara coa esperanza de que ela chegase a velo. Pero ela nunca soubo dese feito, así que aquelas letras carecen de sentido para quen repare nelas.



“As primeiras neves”
Neste poema, publicado no nº 143 de ANT (1 de xullo de 1921), a voz poética rebélase contra os primeiros indicios da vellez ó observarse reflectido nun espello.



O traxe galego
É o último artigo de Santos Vila en A Nosa Terra. Publicouse no nº 185, o 15 de maio de 1923. Desta vez o autor critica o espírito folclórico dunha exposición de traxes rexionais que vai ter lugar en Madrid, pero ó mesmo tempo di que é necesario o evento para que se decaten de que a diversidade cultural do Estado non se vai amalgamar nunha nova identidade por moito que o intenten desde o poder central:
Isa proieutada esposición é nacesaria. É nacesaria para que os cegos e xordos de Madrí que non se asomaron á rialidá d’a Hespaña, por iso decadente, se procaten de que eisisten persoalidades carauterísticas, fisionomías propias, nacionalidás, espritos, culturas, civilizazóns, modalidades, idiosincracias raciales n-a mesma, que non é dado pertender uniformar, anular, asoballar, con pretestos imperialistas, con fins egoístas de hexemonías odiosas, con tópicos unionistas trabucados de melloramento social.
Remata o artigo pedindo que os galegos rescaten o uso do traxe rexional con orgullo, fachenda e dignidade, non como se ve de cando en vez nas vilas e cidades, só en corpos de gaiteiros, de actores de teatro bufo ou dalgunha autoridade, porque tamén “séculos de asoballamento centralista acabaron c’a xeometría xenuína d’os nosos xastres”.


OUTROS DATOS
Aí rematan as colaboracións de Ángel Santos Vila en A Nosa Terra. Non sabemos que sería dos seus destinos a partir desta data (1923) e, sobre todo, co asentamento da ditadura franquista despois do golpe de estado do 36.
Relación de colaboracións de A. Santos Vila en A Nosa Terra.


Facendo algunhas pescudas en internet atopámos varias alusións a Ángel Santos Vila. Tendo en conta as datas e os datos, damos  por suposto que se trata da mesma persoa, aínda que non temos a certeza.

Aparece como autor do libro Por la raza. Para ser sanos y fuertes, publicado en Burgos en 1922, que acabou sendo prohibido nas escolas de Asturias en 1937 polas súas propostas euxenéticas.


En 1933, no libro Escalafones del Magisterio, figura un Ángel Santos Vila, nacido en Lugo o 9 de xullo de 1891. Infórmase de que foi Premio extraordinario e figura no primeiro escalafón de mestres de escolas nacionais.


O 28 de marzo de 1954 publícase no BOE a resolución favorable dun recurso promovido por Ángel Santos Vila contra a Orde da Dirección General de Enseñanza, do 16 de maio de 1951, pola cal se lle facían descontos no seu salario a favor da “Institución de Huérfanos del Magisterio”.


Máis recentemente, atopamos en El Progreso un artigo asinado por José de Cora no cal fala con detalle de Generosa Moreno, viúva do mestre Ángel Santos Vila. Polo contido do mesmo sabemos, entre outros datos, que Santos Vila faleceu en Sacramento o 4 de xaneiro de 1966 e que ese mesmo ano constituíuse unha Fundación co seu nome. 


Buscando, buscando... seguramente se pode dar con máis datos deste interesante mestre que formou parte da irmandade galeguista de Ribadeo, pero un xa vai indo canso e é a hora da merenda.


ENGADIDO [7/02/20]:
Despois de redactarmos e publicar esta entrada, soubemos da existencia do poeta Adolfo Santos Vila, nado o 27 de novembro de 1899 en Poboa de Trives e falecido o 15 de setembro de 1928 ó guindarse desde a ponte que une Petín con A Rúa, concello  onde levaba tres meses como Director da Banca Barrie.

Como dicimos, Adolfo Santos Vila era poeta, polo existe a posibilidade de que algúns dos textos que citamos, asinados como "A. Santos Vila", sexa da súa autoría e non de "Ángel Santos Vila". Con todo, non o consideramos probable porque Ángel Santos Vila é inequivocamente o autor dalgún dos textos e no índice de A Nosa Terra atribúenlle a mesma autoría a todas as colaboracións.