Deixando de lado aspectos sobre os que xa se ten incidido nas numerosas colaboracións que se publicaron nos últimos tempos (as escuras intencións, a incapacidade da nova norma para lograr os obxectivos establecidos na lexislación, o seu carácter regresivo, etc.) vou comentar algúns apartados con respecto ós cales vin escasas alusións, ou ningunha:
1- A lingua das programaciónsO
Decreto 247/95 establecía que as programacións didácticas dos distintos departamentos debían redactarse en galego; o
124/2007 dicía que nas de castelán podía usarse esa lingua. As
Bases para a elaboración do decreto de plurilingüismo din que "
As programacións e outros documentos didácticos das materias de lingua redactaranse, con carácter xeral, na lingua respectiva" (Disposición 2.2), ou sexa:
non se establece nada para as programacións que non son das materias de lingua e, con iso do “
con carácter xeral”
incluso se abre a porta a que unha programación de galego se redacte en castelán (tamén ó revés, certamente).
2- Os difíciles equilibrios: materias ofertadas / materias impartidas.Na disposición adicional primeira das
Bases dise que “
o procedemento para determinar a lingua de impartición das materias desenvolverase mediante unha orde posterior á aprobación deste Decreto”.Pois xa poden afinar nos detalles desa
Orde, que pode ser fundamental para lograr ese suposto equilibrio e por iso debería tamén debaterse antes da aprobación do
Decreto. Explícome:
Sen entrar xa na difícil presenza do inglés en equilibrio co galego e castelán, medo me dá o uso perverso que se pode facer dos conceptos “materias ofertadas” e materias que efectivamente se “imparten”. Son conceptos que no decreto non se diferencian. O único caso no que se fala de “horario semanal equilibrado de materias impartidas” é nos centros que queiran impartir matemáticas ou ciencias sociais en lingua estranxeira; no resto dos casos fálase de “materias ofertadas”.
Os que nos movemos algo na organización dos centros, sabemos ben que non son conceptos que necesariamente coincidan. En realidade, case nunca coinciden. O número de materias que se ofertan pode ser bastante amplo e pode manterse varios cursos pero, especialmente nos centros con reducido número de alumnado, o das que na práctica acaban impartíndose é moi reducido e pode variar ano a ano. Os criterios para a escolla normalmente dependen da cantidade de alumnos que as elixan, da compatibilidade horaria e das posibilidades dos departamentos para impartilas.
Xa sei que sería propio de mentes algo retortas pero, como estas Bases están feitas por mentes algo retortas, non me resulta nada difícil imaxinar centros onde os equilibrios lingüísticos das materias ofertadas acaben sendo desequilibrios moi desequilibrados na docencia real que o alumnado recibe. Pode suceder con boa vontade, e pode suceder moito máis aínda se hai vontade de que suceda. A presenza efectiva de un dos dous idiomas pode ser residual. Pode suceder na ESO, pero darase especialmente en bacharelato, onde as posibilidades de desequilibrios na docencia real que o alumnado reciba son proporcionais á cantidade de optativas que se poden ofertar, que é bastante elevado.
Aínda que, no mellor dos casos, un centro queira corrixir situacións de desequilibrio unha vez que se sabe o horario que o alumnado vai recibir, non terá tempo para facelo porque esa situación só se coñece uns días antes de que comecen as clases. Xa non se poderían establecer cambios de idioma nos libros de texto correspondentes, no caso de que houbese posibilidade de escoller en todas as materias, algo que os editores xa dixeron que non ía ser posible.
3- A ensinanza de persoas adultas
O 124/2007 establecía que na ESO e no bacharelato de adultos as ensinanzas se impartirían integramente en galego, agás nas materias doutras linguas. O de integramente non foi unha arroutada do bipartito; igual que sucede con todos e cada un dos puntos do 124/2007, este aspecto figura así no Plan Xeral de Normalización aprobado polo goberno de Fraga.
O que se di nas Bases é que “cada centro garantirá que o desenvolvemento das ensinanzas asegure que o alumnado alcance a competencia lingüística propia do nivel en ambas as linguas oficiais”. Moi ben. A responsabilidade para cada centro. Queda aberto o caneiro para a anarquía e a experimentación.
4- Concurso de traslados
No punto 13, as Bases... din que “Para poder participar no concurso xeral de traslados a prazas en que é preceptivo o ensino en lingua galega, o profesorado terá que acreditar a capacitación nesta”.
Como se sabe en que prazas é preceptivo o ensino en galego? Porque:
a - Deixa de ser preceptivo en materias concretas.
b- As materias poden cambiar dependendo dos centros e dos anos.
c- Aínda sabendo o centro e a situación nun ano concreto, os profesores dun departamento, cando concursan, non saben en que niveis e grupos van impartir clase e dentro dun mesmo departamento pode suceder que un profesor teña que impartir a(s) súa(s) materia(s) en idiomas distintos, dependendo dos niveis, por iso do suposto equilibrio.
5- Exención
Sen entrar a discutir a pertinencia da exención de lingua galega ou non, a duración da mesma -que pasa de dous a tres anos- nin o nivel no que se pode aplicar, que agora é a partir de 4º de ESO e pasa a ser xa desde 1º de ESO, hai outro pequeno matiz que revela o papel secundario que se lle atribúe ó galego.
O 124/2007 establecía que “O alumnado que se incorpore ó sistema educativo en cuarto de educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, poderá obter a exención ...”.
O fragmento “con lingua oficial castelá” desaparece nas Bases, co cal un alumno poderá obter a exención de lingua galega veña de onde veña.
Agora suponse que se un alumno procede dun país con lingua oficial castelá coñece este idioma e está en desvantaxe no caso do galego, e concédeselle un prazo para poñerse ó día. Pero se procede da China, de Ucraína ou de Pakistán, non se concede porque non sabe galego nin castelán e nada explica que poida obter a exención de galego e non de castelán, a non ser que se parta dunha postura de infravaloración do noso idioma. Segundo as Bases, a exención de galego concédese veña de onde veña o alumno, tanto se sabe castelán coma se non. U-lo equilibrio?
Por outra banda, xa vai sendo hora de que se regulen de xeito distinto os casos do alumnado procedente de zonas limítrofes con fala galega, aínda que non a estudasen na escola. Non ten moito xeito poñer un alumno que procede de Taramundi ou Lubián ó mesmo nivel ca un que procede de Transilvania ou Ljubljana.
6- A (suposta) escolla das familias:
Quen?
Na disposición adicional primeira das Bases dise que será preceptiva unha consulta ás familias “en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato”. No articulado non se fala en ningún momento de consulta ás familias para o bacharelato.
Cando?
“Durante o proceso de matriculación ou na reserva de prazas” e “cada catro cursos escolares” salvo para educación infantil, di a mesma disposición adicional.
Se se lle quere dar voz ás familias de todo o alumnado –e non entro a analizar por que non se lle pregunta a nai e pai por separado, xa que non é raro que opinen de xeito distinto-, habería que agardar a que remate o proceso de matriculación, que é despois das probas de setembro. Feita a consulta, computaríanse os resultados e os Consellos Escolares farían as propostas lingüísticas correspondentes, cos famosos equilibrios. Despois informaríase ós departamentos e estes seleccionarían os libros de texto axeitados, se os houber, comunicaríanllo ó alumnado, pediríanos e, cun pouco de sorte todos terían o libro de texto cando vaia xa máis dun mes de clase.
Se se fai antes, as familias dos alumnos matriculados despois das probas de setembro non decidirían. En realidade, pouco máis ten, porque a consulta farase cada catro cursos, ou sexa, quen decidirá en que idioma estudará as troncais o alumnado que agora está en 4º de primaria son as familias dos que agora están en 6º. Non pasa nada, a cousa compénsase porque tamén as familias dos de 4º deciden sobre os que aínda están aprendendo a falar. O caso é que as familias decidan, aínda que sexa sobre os fillos do veciño.
Poderíase amañar a cousa facendo votar non só sobre o curso seguinte, senón sobre os que veñan despois, pero os textos hai que mantelos catro anos e, ademais, non son poucos os alumnos que acaban repetindo algún curso e os que se incorporan de novo, ou sexa, que estariamos nas mesmas.
Merece a pena tanto barullo só para aparentar que se lle dá voz ás familias nunha ridícula parte da docencia dos seus(?) fillos, sobre todo cando xa houbo sentencia firme establecendo que é un dereito que non teñen?