Sei que teño o blog cheo de trapalladas. Debería facer limpeza, pero cústame quitar cousas do medio. Escolle ti o que che pareza e non fagas caso do resto.
Amosando publicacións coa etiqueta Literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Literatura. Amosar todas as publicacións

3.3.08

E de escritor: X. Vázquez Pintor


Contoumo Isidro. Será o 7 de xuño, en Melide, terra natal. Por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua galega, a letra E de escritor será súa e para sempre e a palabra lucirá en pedra viva.

(Esta é esa mensaxe que se resiste ó monitor en branco porque non dá nacido como debe, por saberse insuficiente, por non saber por onde empezar. Se cadra é mellor polo comezo)

Á cabeza vénseme borroso un feixe de libros encima dunha mesa vella, moi vella, nunha escola que os emigrantes fixeran nova e laica cos seus cartiños de labregos expulsados. Laro.

Na capa de Balboa o mestre, coas mans no peto e a mirada cravada en moitos ollos de árbore que axexan todo. Gándaras: o agasallo para todos nós. Despois viñeron moitos outros.

Eran seis anos ou así de neno que falaba coma aqueles versos primeirizos e non era quen de lelos.

Son os nenos da miña escola. Nenos
que ateigan de sorrisos o meu tempo
de facer homes. Son anacos tenros
de bondade. Son nenos con dereitos
a ser imaxe.
(...)

Non me era aínda tempo de palabras en papel. Daquela o paraíso eran os ferreiros na de Cavado, o Calvelo fozando na silveira detrás dunha pelota mala ou o Treso tirando valados a patadas cos zocos gastados. Tamén aprender a sumar con pedriñas do camiño que fuxían entre as táboas do piso, e soñar mundos. Pero era tempo de semente para a seitura que sempre chega. Iso eu non o sabía aínda.

Despois viñeron anos de distancia, de vidas non sabidas, de camiños esgallados ata que se xuntaron de novo en Compostela. Desde aquela, poucas pero fondas conversas na beiramar de Cangas, en Quian ou na luz filtrada cada ano polas follas dos carballos. Laro.

Será en Melide, onde empezou todo. O sete de xuño. A letra E de escritor, de excelencia, de enerxía, de entusiasmo, de entrega...

Tamén de mEstrE. De mestre da democracia, sentenciou Manolo na carballeira aquela noite de tortilla e viño tinto.

Noraboa!, como dixo aquel que gustaba da muller do seu fillo.

19.2.08

Morte e (medo á) resurrección das palabras - I


Xa escribín noutra ocasión sobre as palabras que morren pola boca. Hoxe recunco:

Hai uns anos publicouse un libro que se titulaba Guía da setas ou cogumelos de Galicia. Rara escolla a do autor xa que setas e cogumelos son sinónimos e a ninguén se lle ocorre dicir que está alegre e contento ou que lle escapa pola meixela abaixo unha bágoa e unha lágrima.

Lembro un artigo de Miguel Anxo Murado no que se poñía na pel do autor e reflexionaba: “Se poño cogumelos moita xente non vai saber o que é, e se poño setas moita xente vai pensar que eu non sei que se di cogumelos”. Aquel autor quería resucitar a palabra cogumelo pero dáballe medo.

Hoxe renovei as miñas reservas de leite Feiraco, marca á que lle son fiel dende hai anos. Dende hai algún tempo os responsables desta cooperativa optan pola dobre rotulación dos seus produtos: por un lado en galego e polo outro en castelán. Mentres estea o galego, nada que obxectar.

Eu tomo leite enteiro, envase azul, porque aínda non tropecei con ningún médico que mo prohibise, pero tamén coñezo o rosa, ese que por un lado pon Leche desnatada e polo outro Leite desnatado.

Desnatado? A palabra nata en galego non existe e polo tanto tampouco o seu derivado. Seguro que os responsables do texto en galego de Feiraco saben que a nata en galego chámase tona pero non se atreven cunha palabra tan distinta e tan distante do castelán. Dálles medo resucitala porque lles parece demasiado rara e optan pola mesturandaina: leite en galego; desnatado, en castelán.

Hai xa ben décadas Antolín S. Mediante, poeta en galego de Asturias, escribiu:

Home que a muller o zurra
non é home nin é nada;
leite que foi estonado
non é leite, senón auga.

Lástima que os de Negreira non resuciten a palabra do de Taramundi. Ocórreseme que poderían reproducir no cartón os versos como mostra de “autoridade”, como fan algúns nas bolsas polas letras galegas, pero poida que o contido dos dous primeiros versos non sexa politicamente correcto nin o dos segundos comercialmente oportuno.

Creo que estonar tería máis posibilidades de recuperarse se non se referise a algo que nos entra pola boca. Xa darei máis probas outro día, que agora vou tomar un café con leite enteiro. O leite estonado segue agardando a que lle toque quenda।

NOTA:
É de xustiza que matice a posteriori a miña mensaxe: o dicionario da RAG recolle a palabra "nata", polo tanto haberá que aceptar a súa existencia en galego. Avogo, con todo, pola recuperación do léxico exclusivamente galego, que é o que corre perigo de perderse, fronte ó que coincide co castelán, que está a salvo.

22.1.08

A forza que vén de lonxe- VIII: U. Heinze, Ana Mª Fernández, Mª VIctoria Moreno


ÚRSULA HEINZE é ben coñecida entre os lectores galegos e xa se ve na pinta do apelido que non naceu na cima do Farelo precisamente. É de Colonia pero chegou a Galicia con 27 anos, vía Valladolid -creo-. Non me vou espallar aquí citando as moitas obras que publicou en galego, que para iso xa están Bill Gates e san Google.

Algúns anos menos tiña a mallorquina ANA MARÍA FERNÁNDEZ cando asentou entre nós. Non sei os pormenores da chegada nin llos vou preguntar ó amigo Babarro, pero xuntos elaboraron os primeiros libros de texto para o ensino do galego. Moita xente por menos sae nas enciclopedias. Tamén en coautoría ou en solitario é autora de varias obras para nenos e non tan nenos desas que fan lectores. Gran milagre nos tempos que corren.

MARÍA VICTORIA MORENO , que faleceu hai uns meses, chegou de Cáceres. Veu a Galicia pola vía da prata e díxolle a moitos dos que aquí estaban que existían, porque aínda non se decataran. A súa antoloxía sobre os Novísimos da poesía galega abriulle as portas a nomes que despois serían ben coñecidos no noso panorama literario. E creo que Anagnórise foi semente entre os dedos de moitos dos nosos adolescentes, aínda que non souberan nunca o significado de palabra tan pouco frecuente.

Desde Colonia, Mallorca e Cáceres chegou tamén a forza que vén de lonxe en forma de mulleres-tesouro.

15.1.08

A forza que vén de lonxe - VII: Carles Riba, Pérez Creus, Rodríguez Marín


A SERIE EMPEZA AQUÍ
Carles Riba (1893-1959) foi un deses poetas cataláns de ampla cultura, bastante frecuentes a comezos do pasado século. Cultivou no seu idioma a denominada “poesía pura” nos anos 20 e traduciu para o catalán a moitos dos grandes poetas clásicos. Tamén se sentiu tentado polo galego e, con 17 anos, escribiulle no noso idioma emocionados versos ó seu amor platónico Pepita Villa, catalá de orixe galega, que tardaron en ser coñecidos publicamente.

Eu chorei cando partiche
cando partín ti chorache,
e non puido o noso amor
con tanta bágoa apagarse
.

Seica Carles Riba se interesou polo galego despois de ler a Rosalía, a mesma a quen cantara o sevillano Francisco Rodríguez Marín en 1891, con motivo da morte da padronesa:

Murió a musa galega
e ¡como por Rosalía
salaian os fillos tristes
e chora o sabio Murguía!
coitadiños, coitadiños!
perderon, ¡demo de morte!
o máis grande dos cariños.

Coma Carles Riba, tamén escribiu versos de amor en galego o xienense Juán Pérez Creus, autor de As canciós dise amor que se diz olvido, que merecería a pena aínda que só fose polo título. Son versos dirixidos, segundo Alonso Montero, a unha alumna da academia onde o autor de La Carolina impartía clase.

Ren coma os teus bicos
lenes, tan lenes coma
o corazón segredo dun salario,
eternos como a vida, como a morte.

Carles Riba, Pérez Creus, Rodríguez Marín
: a forza do amor que vén de lonxe.
CONTINÚA

7.1.08

"Ardeiro", e van catro (creo)


Non sei por que me atrae tanto a escrita dos que se saben cos días contados. Xa escribín hai tempo sobre isto en relación con tres autores nosos, novos. Sinto curiosidade por saber de que maneira esa situación, ese estado de ánimo, se espella nos versos.
Se non intrepreto mal a columna coa que Xosé A. Ponte Far despedía o ano como colaborador habitual en La Voz, Xosé M. López “Ardeiro” é outro exemplo. Nada sabía eu e nada lin deste poeta da Barcala, pero devezo xa por ter diante versos seus para trasler.

26.11.07

Évos un amaicer guapo


Sábado, 24

Amaiceu o día gris no Eo-Navia, pero volveuse guapo ó caer a tarde.

En Santiso, cabo do Eo, Ángel Prieto e os seus compañeiros puxeron, unha vez máis, o esforzo e a ilusión por manter viva a cultura que nos une. E como o tempo pon a cada un no seu lugar, chegará tamén para eles o día coa palabra sinalada: exemplares.

Fose pola música dos Folkgazais ou polo café con leite con biscoito -é de supoñer que non do de Navaza-Elucidario-, Babarro e Quique Costas chegaron do norte e do sur para falarnos de gaiteiros e poetas. Ana Rebollada empregouse con paixón e eu diría que tamén con algo de perdón. Non hai demos como din. Aurora, a d’A Antigua, e Belén Prieto puxeron a emoción e a carne de pita co verso ben contado. Teresa López trouxo do pasado as palabras do pai que dan nome ó libro, bo regalo. Alberto Calvín lembrounos a tradición do romanceiro coas súas pillerías -dá gusto oílo-. Babel deixou a humildade de quen non lle dá importancia ó seu labor importante, e o neno César Legaspi puxo a esperanza ó unir cunha ponte de rimas a historia da burra vella que súa avoa lle contou coa súa gracia de neno e viño novo.

Hai futuro.

7.11.07

A forza que vén de lonxe- IV: Heidi Khüm, John Rutherford, Gerald Denley


A SERIE EMPEZA AQUÍ
Lendo cousas sobre María Mariño atopei con Heidi Khüm. Supoño que debería saber da súa existencia, pero non sempre sabemos todo o que se espera de nós. A verdade é que me soaba o nome, pero pensaba que era unha modelo alemá afeccionada á Fórmula I, en tempos. Alemá é, pero non é modelo aínda que si modélica. Leva algún tempo asentada en Ferrol. É poeta en galego, castelán, alemán e inglés, e non ten ningún transtorno psicolóxico por vir de fóra e aprender o noso idioma.

A Craig Paterson dirixiulle a tese en Óxford John Rutherford, inglés de Ribadeo ou ribadense de Inglaterra. Xa nin se sabe. El foi pioneiro en crear centros de estudos galegos en Universidades do estranxeiro. Impulsou a tradución de autores do galego ó inglés e acabou escribindo As frechas de ouro na nosa lingua de ouro. Ben merecido o premio Trasalba e aínda unhas cuncas de Ribeiro, con ben uva treixadura.

Tamén era inglés Gerald Denley, nacido en Londres no ano 26. Entrañable viaxeiro que un día atracou en Vigo de volta dunha das súas moitas andainas. Como o transporte xa daquela era lento, deu unha voltiña por Galicia e acabou quedándose. En Valdoviño era coma da casa.

Traduciu para o galego textos escritos por el mesmo en gaélico e en romanó, a lingua dos xitanos, que non todo vai ser traducir do inglés. Dous anos despois de chegar a Valdoviño, empezou a escribir en galego. Era o ano 59.

No medio do seu cuarto había unha cama;
as sabas eran lenes como as teas de araña.
Lembro o seu arrecendo de frores ventureiras.
Sobor da cama e do garda-roupa varias monecas:
un mono
un león e dous tigres,
cans,
snoopy,
un parrulo-garrulo
unha galeguiña e un gaiteiro,
unha leiteira holandesa
unha negriña baiana,
unha mucama de Pernambuco
(...)

E tamén:

Pouco a pouco
estamos perdendo as horas.
...
El xa o sabía.

CONTINÚA

1.11.07

A forza que vén de lonxe -III: Franck Meyer, Craig Patterson, Iam Emmt


A SEREI EMPEZA AQUÍ

Franck Meier. Francés porque lle cadrou, pero ben podería ser alemán porque á súa terra cambiáronlle o marco cada pouco, como explica neste fermoso artigo.
A comezos dos 90 chegou a Compostela cun Erasmus. Non sei se xa falaba galego ou se o aprendeu daquela, pero no 91 xa publicaba en Ólisbos un poema que empezaba así:

Cando como de xardíns colgantes
Medran flores baixo cálida noite 
En brillo redondo das túas lúas de prata



e que remataba moi a gusto. Un precursor, se cadra, dun estilo que despois estivo de moda entre as nosas poetas máis novas e que Viqui Veiguela cultivou coma ninguén, con máis acerto ca recoñecemento.

Asentouse entre nós. Traduciu de e para o galego. Publicou un poemario e fundou unha editorial: Franka editora. Máis non se lle pode pedir.

Craig Patterson. Esta vez a forza que vén de lonxe chega do norte, mar por medio. Inglés asentado en Escocia. Doutorouse en Oxford cunha tese sobre Otero Pedrayo. Dirixe o centro escocés de estudos galegos, con sé en Stirling, onde eu vin un castelo de conto cunha culebra de prata ós seus pés. Traduce a nosa literatura para o inglés, e iso que os ingleses non son moi dados a traducir para o seu idioma. Colabora na nosa prensa real e virtual. Visita Ribadeo de vez en cando e tanto pode pregoar as festas coma dar unha lección maxistral sobre o pensamento do Grupo Nós ás catro da mañá diante do Millo. Fala galego con fruición –como diría Alonso Montero- e con paixón como diriamos o resto dos mortais.

Un e outro recórdanme a Iam Emmt, inglés de Lancashire, que chegou a Galicia no 79. Non sei que sería del, pero gardo unha entrevista que lle fixo M. Rivas en 1990. Nela conta que fala galego sempre e que unha das primeiras palabras que aprendeu foi “carallo”, pero que pasou un bo apuro cando, traballando como tradutor entre un empresario galego e un inglés, tivo que traducir “temos a hostia de peixe”.

Non sei que sería del, pero de vez en cando releo o texto:
- E hai algo que lle resulte especialmente exasperante do carácter galego?
- Si, que sexa autodespectivo. Autodespréciase

Eles tamén son a forza que vén de lonxe.

21.10.07

A forza que vén de lonxe - II. Os tres emes: Moure, Morris e Murdoc.


A SERIE EMPEZA AQUÍ
Erín Moure, que estes días anda de presentación, naceu no Canadá en 1955. Cando case tiña corenta anos, investigando a procedencia do seu apelido, descubriu as súas orixes galegas e que falabamos como falamos. Agora tamén ela fala galego e traduce textos a un xeito e ó outro.

A Anne Mª Morris, americana de Illinois, pasoulle algo parecido. Sendo adulta descubriu na súa universidade un texto nun idioma raro: o noso. Interesouse por el e fíxoo con tanto xenio que acabou publicando un poemario, Voz fuxitiva, sen estar nunca en Galicia. Conteille esta historia a uns adolescentes de Conéctica, pedín voluntarios para ler un poema dela e quedei abraiado cando case toda a clase ergueu a man. Media hora antes nin tan sequera sabían que existía o galego, e moito menos que unha compatriota súa publicase versos neste idioma.

Andaba eu daquela en terras de Brian Murdock, que escribiu sobre os nosos viños en inglés, pero que fala un bo galego aprendido de tasca en tasca a golpe de Mencías no Deza e na Mariña.

12.10.07

Onde estea un cubata que se quite un soneto (María Lado, Lucía Aldao)


Leo en EL País unha alusión ó espectáculo Onde estea un cubata que se quite un soneto, de María Lado e Lucía Aldao. A noticia tráeme á memoria un episodio poético-etílico que recordo case con emoción e que, de coñecéreno, habíalles gustar ás dúas poetas:

Eran polo menos as catro da mañá cando o amigo e músico Luís Areán e eu falabamos nun pub todo o que o ruído nos permitía. Andabamos a voltas coas novas poetas galegas e el contábame a súa devoción polos versos de María Lado, a quen oía recitar de vez en cando nos pubs da zona vella compostelá. Non debe ser frecuente levar os libros de copas nin que dous tipos se poñan a ler poemas ás catro da mañá nun sitio coma aquel, pero Luís sacou do peto a antoloxía D’efecto 2000 e alí, entre ruído e fume, estivemos os dous lendo versos co libro nunha man e o cubata na outra. Bueno.... poida que o meu fose un gin-tónic. Non sei, porque a luz non era moita.

Creo que foi a última vez que falei con Luís. Pouco despois tivo o fatal accidente e marchou sen despedirse. Pero queda na memoria a poesía, a música e unha flor de vez en cando.

Onde estea un cubata ben cabe un soneto.

10.8.07

Letras na pedra VI: Manuel Lourenzo no Valadouro



Letras na pedra
Coma cada ano, os da AELG homenaxearon a un dos seus membros. Desta vez inmortalizaron na pedra este textiño de Manuel Lourenzo, na súa terra do Valadouro.

O que me preocupa un pouco é o estado do parque. Non haberá unha gotiña de auga para regalo de vez en cando?

Arturo, graciñas polas fotos.

3.7.07

O Gadis e O canto do muecín

Hai uns anos cheguei a unha vila galega xusto no momento no que comezaba unha manifestación, e uninme ó grupo. O nome do lugar é o de menos, porque a escena repetíase daquela por todo o país.

Durante media hora, máis ou menos, percorremos varias rúas da vila. Abrindo o paso, unha pancarta con letras ben grandes: NON Á GUERRA. Eu non coñecía a case ninguén dos que me acompañaban, pero iso era o de menos. Sentía que era xente de ben.

Aínda así, debo recoñecer que me sorprendeu o remate da marcha: a comitiva parou de súpeto no medio dunha rúa, xirouse cara ó GADIS e comezou a berrar cousas que non reproduzo aquí porque non camparían en blog tan distinguido. Eu non sabía qué culpa tiña o GADIS da invasión de Iraq, por iso non comprendía aqueles berros alí, precisamente alí.

Entendín todo cando erguín os ollos ó primeiro andar, encima do GADIS, e vin pendurado da parede un rótulo cunha gaivota fraca.

Hai uns días estiven nun fermoso acto da xira-presentación de O canto do muecín, de Lois Diéguez e viñéronme á memoria aqueles días. É bo non esquecer.

1.6.07

O bosque de Nadgor e outros inéditos


Hai xa ben anos, Xelís de Toro permitiume ler o manuscrito –máis ben mecanoscrito- de Seis cordas e un corazón. Foi o primeiro inédito que lin dunha obra literaria e aínda o conservo, con algunhas anotacións que lle fun facendo. Cando, meses despois, se converteu en libro nunca me molestei en comprobar con detalle os cambios. Eu gardo virxe a sensación da primeira lectura, encanutillada.

Algúns anos despois foi Eva Moreda quen me deixou ler o seu Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota, daquela inédito. Desta volta as sensacións foron aínda máis agradables porque era unha alumna e amiga que, con tan só dezaseis anos, poñía a súa primeira novela nos andeis das librarías. Desde aquela, fun lendo outros textos seus, sempre con ilusión e agrado. Algúns editáronse, outros non.

Recentemente Farruco Graña deume a ler O bosque de Nadgor, novela que está a punto de saír á rúa en edición de autor.
Pola obra desfilan feitos e desfeitas con Llolcrab ó fondo. O lugar é un trasunto de Carballo, pero ben podería ser calquera vila galega, desas que parece que están subvencionadas polos oculistas, porque mancan a vista desde calquera ángulo que se miren.
Pero que ninguén quede coa idea de que se trata dun panfleto fácil e oportunista contra o feísmo urbanístico. Non; ó longo das súas páxinas o lector debe ir ripando mensaxes agachadas detrás dos comportamentos e das conciencias dos personaxes, mensaxes unhas veces máis evidentes e outras menos. O dereito a soñar ninguén pode quitalo.

Farruco Graña é natural de Carballo, pero reside na Mariña e imparte clases de Filosofía no instituto de Tapia de Casariego. Ademais, colabora habitualmente na prensa escrita (La comarca del Eo, A Mariña-El Progreso, La Voz de Galicia, Vieiros) e, de vez en cando, participa en tertulias de radio.

Agardando xa a súa fornada, agradézolle a el e ós anteriores que me permitisen comer as cereixas na árbore, onde mellor saben, antes de poñelas na praza á vista de todos.

24.5.07

Letras na pedra V: Unha Luz no camiño


Á beira da igrexa da Virxe do Camiño, en Ribadeo, está este pedroulo en homenaxe a Luz Pozo Garza, por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Non quero escribir máis para non estorbar os versos, ben bonitos.




As fotos son regalo de Toni Deaño. Graciñas.

17.5.07

A contramán


Se non fose impropio, por non dicir irreverente, no día de hoxe, creo que escribiría algo non bo sobre María Mariño.

Ultimamente lin tantas páxinas cheas de gabanzas sobre ela, que ás veces danme ganas de denunciar ó libreiro que me vendeu a súa Obra Completa, porque se me debeu quedar con algúns poemas.

Alábana uns polo seu léxico. Certo que é moito máis rico do que hoxe acostumamos a ler, pero tamén é magnífico o léxico do dicionario de Carré Alvarellos e ninguén di que se trate dun gran poeta.

Alábano outros dicindo que foi unha “dinamiteira da fala” polo uso que fixo dalgunhas estruturas gramaticais. Eu pregúntome se non dinamitaría a gramática. Non esquezamos que esa etiqueta de “dinamiteira da fala” púxolla Novoneira, pero deitábase con ela, segundo dá por certo o profesor Agrafoxo. É comprensible a súa postura, fose cal fose a postura preferida. E se dinamitar a fala é un mérito poético, que lle dean o Esquío, compartido, ás ducias de políticos que estes días sementan poesía desde o principio ó remate de cada mitin.

Outros valoran dela a súa condición de “rara” ou a súa actitude de muller rebelde para o seu tempo. Vale. Pero eu pensaba que a literatura era outra cousa.

Eu creo que nin tanto nin tan pouco: nin María Mariño merecía ser tan ignorada como foi durante anos, nin vai agora moverlle a cadeira a Rosalía.
Se eu escribise hoxe sobre ela diría que en moitos dos seus poemas –nos que a min me venderon- atopo sempre dous, tres ou catro versos que me parecen ben logrados, pero tamén atopo dous, tres ou catro versos que estaban mellor agachados no Courel dos tesos cumes que ollan ó lonxe.
Palabra no tempo
é unha obra que a autora debería reler máis; non para modificar, senón para quitar, porque moitas veces un poema de 3 versos é mellor ca un de 13. Penso que, consciente ou inconscientemente, María Mariño acabou decatándose. Por iso en Verba que comeza é máis frecuente atopar composicións breves.

Todo isto e algo máis sería o que eu diría de María Mariño se non fose impropio e irreverente nun día coma hoxe, e se non fose ir a contramán de voces de prestixio coma Novoneira, Ferrín, Carmen Blanco, Yolanda Castaño, ou o meu amigo Xavier Cordal.
E se cadra dígoo, porque o día rematou mentres redactaba isto e os amigos sempre acaban perdoando.

28.4.07

Detalles que valen un libro


Hai pequenos detalles que abondan para xustificar un libro:

Lin La sombra del viento, antes de que todo o mundo falase do seu contido, atraído pola foto da portada. Os ollos de Asne Seierstad na solapa da edición de Círculo de Lectores de El librero de Kabul ben merecen o que custa o libro. Se eu fose o autor desas imaxes ou se se me ocorresen títulos coma Sombra do aire na herba, Con pólvora e magnolias, Seivas de amor en tránsito, A vella peneira a noite ou Una medusa en el desierto publicaría un libro cunha portada fermosa e todas as páxinas en branco, porque creo que non se valora debidamente o de dentro cando se saborea un comezo tan bonito.

23.4.07

Letras na pedra IV: Francisco Lourido, na beiramar cantábrica



Máis letras na pedra: os versos de Francisco Lourido, desde a beiramar cantábrica ó outro lado do océano, onde publicou en galego e castelán.

Recoñezo que non sabía moito del. Busquei na Gran Enciclopedia Galega e comprobei que lle dedican seis liñas, sen foto. Á palabra “Galiña” dedícanlle once páxinas e doce fotos.

A min tamén me gustan os ovos fritos, pero, para ir compensando, neste blog poño 14 versos do poeta e dúas fotos, e non penso escribir nada sobre galiñas.

Teresa, graciñas polas imaxes.

16.4.07

Fernand'Esquio e os pendellos de ouro e diamantes

Batendo case co pirindolo da pucha nas trabes do pendello, un home entrado en anos vai e vén releando no prezo dun cento de repolos migueliños. Non moi lonxe uns dedos curtidos polos anos e os traballos esvaran a modiño polo gume dun fouciño traído de terras de Riotorto. Á sombra da parede, unhas mulleres de pano negro na cabeza quéixanse de que o tempo non axuda nada e todo torra. Na taberna máis cercana, tres veciños botan unhas cuncas de Ribeiro mentres chega a hora de meter no papo unhas racións de polbo, que xa ferve na caldeira.

Todo isto é ficción histórica, pero son estampas que ben poderían darse hai uns anos á beira dos pendellos de Agolada.
Despois chegou o tempo da ruína. As trabes dos pendellos enchéronse de couza e, entre as pedras das paredes, medraron as silvas e os lagartos.

Pero despois do esquezo volveu a ilusión. Seguro que algúns soñaron con tirar con todo e erguer alí unha nave nova ou un edificio que competise en altura co Farelo. Pero os ollos mancados pola illa de Toralla chegaron desde o mar de Cangas e, con outros amigos dos pendellos e do país, soñaron usos máis racionais.

Son eles os que, desde hai uns anos, argallan os “Encontros nos pendellos”, eventos no recinto para demostrarlles ós veciños e ó mundo que aquelo pode ser riqueza para un pequeno concello do interior, non sobrado de tesouros.

Xa encheron os pendellos de xente chegada da Extremadura que fala coma nós, e de músicos chegados do país enteiro. Trouxeron xente que soña, pero que tamén come e bebe e goza e cóntallo ós amigos, que tamén veñen un día, caladiños. E todos dan cartos.

O día 21 de abril o recinto vai ter vida de novo coa presentación do libro Poesía viva, pura poesía, conmemorando o 25 aniversario dos premios Esquío. Poesía e música unidos nunha festa que lle dará azos, unha vez máis, os pendellos de Agolada.

Desde o ceo, Fernand’Esquío, repite os seus versos máis picantes:
A vós, dona abadessa
de min, don Fernand’Esquyo
estas doas vos envío,
porque ssei que sodes essa
dona que as merecedes:
quatro carallos franceses,
e dous ...
E sorrí ó decatarse de que abadessa rima con Victoria Beckham

11.4.07

Cando chegue o tempo do vivir tranquilo


Hai poucos días estiven en Haro –o nome fíxoseme familiar- e aloxeime no hotel Los Agustinos. Trátase dun edificio do século XIV que antes foi convento, hospital, escola, cuartel militar e cárcere.
Da súa etapa como convento quédalle o nome. Dos seus tempos como escola e como hospital, nada que se vexa. Dos seus anos de cárcere mantéñense ducias e ducias de inscricións nas paredes e nas columnas do claustro.
O que máis abundan son nomes de persoa e lugares de procedencia gravados con letra irregular, salvo excepcións. Non son raras as faltas de ortografía. Debe ser que o tempo era moito e a arte escasa.

Ando agora mirando a fondo o catálogo da exposición “Memorial da liberdade. Represión e resistencia en Galicia, 1936-1977”. Trátase dun volume tan fermoso coma estremecedor. Hai ducias de imaxes que me chaman a atención, por un ou outro motivo: as miradas, a tenrura dalgunhas cartas de condenados a morte -tamén hai faltas de ortografía, por suposto-, ... Pero sobre todo sorpréndeme a actividade e a creatividade de moitos dos presos.
Entre todos eles, impresióname o optmismo que transmiten as fermosas páxinas de libros ilustrados e escritos por Ángel Johan durante a súa estancia no cárcere de Las Palmas, entre o 37 e o 41. Penso que ben merecen unha edición facsimilar.

“Cuando llegue el tiempo del vivir tranquilo ...” -comeza un dos seus poemas.